
Grazas de novo polo voso apoio, e polo voso interese neste club de amigos. E ós xogadores grazas por seguir ahí outro ano máis, e xa van cinco.
Esta semana o DCM vai enfrontarse a un equipo xa coñecido polos nosos, e que todos recordarán polo famoso incidente do penalti. Fai dúas temporadas, cando o DCM militaba en 3ªC e o Cafetería Zeus (antigo Vanesma) tamén, na primeira volta unha acción provocaría que o partido se tivera que repetir a partir dun determinado instante da segunda parte. Foi unha cousa curiosa, o DCM gañaba o partido por 2-1, cando o colexiado do partido sinalou unha pena máxima a favor do Vanesma. O Vanesma marcaría o penalti, pero un xogador do equipo franxivermello adiantouse antes de tempo, e o colexiado anulou o gol e cedeulle o balón ó gardamallas do DCM. Porén a aplicación do regramento non foi de todo axeitada, xa que a decisión correcta tería sido anular o gol pero volver a proceder ó lanzamento de penal. O Vanesma presentou unha queixa e o comité decidiu repetir parte da segunda parte do partido (que o DCM tivo que xogar inmediatamente despois dun partido) con 2-1 no marcador e iniciándose o partido cun penalti a favor do Vanesma. O Vanesma marcaría o penalti e o resultado foi o mesmo que se non te tivese repetido o partido 2-2 no marcador. Na volta o partido xa non tivo este tipo de incidencias, e o DCM foi quen de gañar por 2-0, nun partido onde amosou unha forte seriedade defensiva e aproveitou e moi ben as súas oportunidades á contra.
O Cafetería Zeus chega a este partido nunha xeira moi negativa, xa que dos últimos 4 partidos perdeu 3 e tan só foi quen de derrotar ó colista da competición ó Bar Kubi. E é que o Zeus comezou moi ben a liga con 3 victorias consecutivas, pero a partir de aí foi desinflándose xa que nas seguintes 5 xornadas tan só obtería 4 puntos, iso si, un deles ante o actual líder da competición o Wapichi United. Con todo isto o equipo, que actuará como local esta semana, atópase na oitava posición con 5 puntos menos que os nosos, pero cun partido menos.
Pola súa banda o DCM chega a este partido coa intención de afianzarse nas primeiras posicións da táboa, e demostrar que a boa segunda parte feita a semana pasada non foi froito da casualidade. Ademais a necesidade de gañar acentúase tendo en conta que se o Zeus gaña ó DCM, na seguinte xornada, na que os nosos descansan, terían a oportunidade de pórse por riba dos nosos. Polo tanto 3 puntos moi importantes en xogo, tendo en conta que agora ven para o DCM un longo parón, que fará que estea case un mes sen competir (xa que non volverá a xogar até o 15/16 de xaneiro xa que ó equipo lle toca descansar a xornada posterior a reis- 7/8 de xaneiro). Unha vitoria ademais permitiríalle ós nosos acercarse ós postos de ascenso, xa que os dous primeiros clasificados xogan entre eles. O Wapichi e o Parquets Eloy mediranse nun bonito partido no pavillón do estadio municipal de Balaídos, onde sobre o céspede unha hora despois xogará o equipo referente da cidade, o Real Club Celta de Vigo.
Para este partido Ratkovic Varela poderá contar con case que tódolos seus efectivos. Xa inicialmente non hai ningunha baixa garantida. Seguro estarán (salvo incidencia de última hora), Jorge na portería, Vare, Pali e Xmon en defensa, Pani, Yago e Quique en ataque. Ademais e posíbel a presenza de Emi, quen xa se adestrou co grupo esta semana, e a de Chapela. Polo tanto podería darse o caso de contar cos 9 xogadores do plantel para este importante partido. Iso si, moitos destes xogadores chegan con certas molestias ó partido. Jorge non adestrou con normalidade por mor dunhas molestias nas cosas, que non deberían causarlle ningún tipo de problema durante o partido, Vare segue a recuperarse do seu problema nas costelas, Quique segue coas súas doenzas no pe que lle fan xogar cunha aparatosa protección interior e non lle permiten golpear con total comodidade e Emi aínda retornou os adestramentos esta semana, como xa sinalamos con anterioridade.
Polo tanto importante partido para o DCM, que terá unha boa oportunidade para pechar o ano cun sabor moi doce e pegadiño ós postos de ascenso á primeira división, uns postos que este ano parecen estar máis disputados que nunca xa que a igualdade na categoría é máxima. O partido xa o saben, o sábado ás 21:00 h no pavillón de Bembrive, unha magnífica hora para gozar do que vai ser, case de seguro, un gran espectáculo do fútbol sala de Vigo en Xogo. Non o perdan, o equipo lles necesita.
O equipo dirixido ata este momento por Ratkovic Varela enfrontarase ante un vello coñecido dos nosos o Bar Kubi, equipo, que con diversas denominacións, veñen acompañando ós nosos dende a súa primeira temporada en Vigo En Xogo, ou o que é o mesmo este será o 9º enfrontamento entre ambos. Ben é certo que o Bar Kubi (Antigo Cafetería Bohemia, Cafetería Europa, Grupo Donno...) non chega no seu mellor momento xa que é o colista da segunda división grupo "B", con tan só un punto, o que conseguiu ante o último verdugo dos DCM'istas o temible e irregular Bar Cocedero La Piedra (3-3). Nos restantes 6 partidos apañou sendas derrotas, 1-3 contra o Cafetería Castelao, 6-3 contra o Wapichi United, 1-6 contra o Acerón, 0-2 fronte ó Bar Lobis Home e na última xornada 4-1 fronte ó Cafetería Zeus. Polo tanto parece que poucas semellanzas garda este Bar Kubi con de anos anteriores, onde os seus resultados pasaban por ser moito máis positivos. A composición do seu plantel é unha incógnita xa que incluso chegou a falarse dun posíbel traspaso do seu xogador número 13 ó Galecoi, que finalmente non sabemos si se produciu.
Pero se ben é certo que o Bar Kubi chega nun mal momento ó partido, o Deportes Carlos Miguel non chega nun momento moito mellor. O equipo dirixido por Ratkovic Varela chega a este encontro con menos aperturas clasificatorias que o seu rival, pero lonxe do seu obxectivo que este ano pasaba por loitar polo ascenso. Asemade as sensacións das últimas semanas son realmente negativas, xa que o equipo DCM'ista ven de encaixar unha dura derrota ante o Bar Cocedero La Piedra, un equipo que de momento non ocupa os postos altos da clasificación. Neste partido o DCM fixo mal case todo o que puido, e foi milagreiro non recibir unha goleada maior. Sistema defensivo pouco agresivo (e con agresivo non nos referimos a facer faltas, senón en termos de concentración, de anticiparse ós rivais), horrorosa circulación de balón, poucas ideas na saída da pelota dende atrás... é dicir todo o que se puido facer mal se fixo. Xa nos minutos iniciais o equipo rival mandou un balón ó pau e outro moi preto dos dominios de Jorge, e só a providencia e unha pasmosa efectividade permitíronlle ó DCM non descolgarse xa dende o minuto 1 do resultado do marcador, e recibir se é posíbel, un marcador aínda máis vergoñento.
Por se non fora suficiente co esperpento demostrado en Moledo, os xogadores do DCM non conformes, decidiron volver facer o ridículo este xoves no adestramento. É certo que a temperatura axudou a pouca intensidade do adestramento, pero tamén é certo que a temperatura era a mesma para o rival. Un horrible posicionamento en facetas defensivas, un gardamallas ó que se lle anquilosaron os seus movementos e un horroroso costume de intentar sacar balóns longos dende atrás sen éxito ningún protagonizaron o adestramento do equipo que agora representa as cores de Vigo. Polo tanto moito vai ter que cambiar a actitude do DCM este domingo se quere sacar algo positivo. Non caben escusas é unha boa hora para a práctica do fútbol sala e ademais e posíbel que o horario favoreza a presenza dos seareiros na grada da Mina, se aínda teñen algún folgo para ver a este equipo. O DCM deberá saír, como diría o sabio do fútbol o señor Azkalgorta, con agresividade positiva, cunha actitude proactiva, de anticiparse ós balóns, ós rivais e ós problemas.
Para esta non sinxela misión de troco de actitude e de tino, o adestrador DCM'ista volverá contar cunha convocatoria bastante xusta, xa que á baixa de Emi por lesión (a súa lesión nos isquios segue a cicatrizar) únese a de Xmon que acumula xa a súa terceira xornada de baixa consecutiva, desta vez por mor do o horario que lle impide volver en tren a Santiago de Compostela no mesmo día. Polo tanto os xogadores que participarán neste intento de redención serán Jorge para a portería, Vare, Pali e Chap para a defensa, Quique, Yago e Pani para as posicións defensivas. 7 xogadores para intentar trocar o signo da tendencia negativa. Veremos se todos melloran o seu rendemento respecto ó derradeiro partido e conseguen facer que o rival, como diría David Rodríguez, pague os pratos rotos da última derrota DCM'ista, e desta maneira conseguen darse unha cura de autoestima.
A cita xa o saben, o Domingo ás 20:00 h no pavillón do Máxico Monte da Mina, unha boa hora, para que tódolos seareiros DCM'istas se acerquen ata o pavillón lindante con Beade, e axuden coa súa presenza a o cambio de actitude que ten que mostrar o equipo nesta importante xornada, na que ten que demostrarse que aínda é aspirante ó ascenso ou polo menos a estar nos postos altos da táboa clasificatoria. O desenlace coma sempre o coñecerán da man de Lino. Un saúdo.
Aliñación Probábel:
-----Jorge------
-Vare-----Pali--
-----Pani------
---Quique-----
NOTA da Organización: Todos os participantes da competición "Vigo en Xogo" presentando a súa licenza terán un 10% de dto. e prezos especiais en todo tipo de celebracións na Cafetería A.V.C.D. Monte da Mina de Castrelos (Tel. 603 788 765).
Moi boas queridos lectores, unha semana máis atopámonos neste blog do Deportes Carlos Miguel para tratar de mantervos informados do que vai a ser o partido do DCM desta fin de semana. Pois ben esta vez o calendario nos depara un enfrontamento entre o DCM e o Bar Cocedero La Piedra. O escenario será o pavillón de Moledo, un pavillón que nos nosos non visitan dende a temporada 2008/2009. O pavillón situado preto do campo do Sárdoma caracterízase pola súa superficie abrasiva e pola posibilidade de quentar no exterior sempre que o tempo acompañe, o que non parece ser o caso para esta fin de semana.
O DCM buscará esta semana, confirmarse como un dos candidatos a estar na zona alta da táboa clasificatoria, xa que a pesar das súas dúas derrotas ocupa a terceira posición, empatado a puntos co segundo clasificado, segunda praza que da dereito ó ascenso directo. Precisamente dúas derrotas son tamén as que leva o Bar Cocedero La Piedra, que ocupa unha posición na táboa que pode resultar enganosa, xa que dende a xornada 2 non sabe o que é a derrota. O Bar Cocedero La Piedra comezou perdendo fronte ó Wapichi United (1-3) e fronte ó Acerón (6-5). Posteriormente nos seus partidos contra dous equipos que actualmente ocupan a zona baixa da clasificación, conseguiu dous empates (3-3 contra o Bar Kubi e 4-4 contra o Bar Lobis Home). Pero a gran sorpresa saltou a semana pasada cando o rival do DCM gañou con autoridade a un dos galos da categoría, o Cafetería Zeus, ó que lle gañou por 7-3. Polo tanto o DCM non sabe moi ben que tipo de rival se vai a atopar este fin de semana no terreo de Moledo, se o rival que non conseguiu vencer nas 4 primeiras xornadas, o se o rival que gañou con certa autoridade ó que era un dos primeiros clasificados do campionato.
O que está claro e que o DCM debe engadirlle aínda máis valor á vitoria fronte ó Acerón, outro dos galos neste comezo de temporada, cunha victoria fronte ó Bar Cocedero La Piedra, o que lle permitiría asentarse neses primeiros postos da clasificación. E é que aínda que o DCM ocupe agora o terceiro posto, a clasificación está moi apertada e unha derrota esta fin de semana, provocaría de seguro unha caída forte na táboa clasificatoria. Ademais o DCM conta co Hándicap de ter xogado un partido máis que os rivais cos que empata na clasificación (Parquets Eloy e Acerón) polo que ten menos marxe de erro que os seus rivais. Para gañar este partido o equipo branquivermello deberá saír moi concentrado ó terreo de xogo de Moledo, xa que este escenario foi lugar de moitos partidos nos que o DCM, en temporadas pasadas, saía mentalmente 10 minutos tarde ó terreo de xogo, e cando se quería dar de conta xa ía perdendo.
Para este partido Ratkovic Varela poderá contar con 7 xogadores do plantel. Jorge estará na portería, mentres que Xmon volve trala súa ausencia a semana pasada e xunto con Vare e Pali formaran nos postos defensivos. Na zona ofensiva do equipo volve Pani tralo seu proceso gripal que lle mantivo afastado dos terreos de xogo unha semana e tamén estarán Yago e Quique (este último con molestias no pe, o que non lle permitiu exercitarse con normalidade no adestramento do pasado xoves en Valadares). Son baixa polo tanto para este partido Emi que segue a recuperación da súa rotura fibrilar e Chap que tras xogar os seus primeiros minutos a pasada xornada volve a descansar para desta maneira non forzar unhas costas, que comezan a dar boas sinais de recuperación.
Xa para rematar e coma sempre, queremos facer un chamamento ós seareiros DCM'istas para que acudan ó partido desta fin se semana. Ata o momento o DCM conta por victorias tódolos partidos onde tivo afección, e por derrotas os partidos onde as gradas estaban valeiras. A cita xa o saben, a unha boa hora, o Sábado ás 17h e como diciamos no comezo da previa no pavillón de Moledo.
Aliñación Probábel
-----Jorge---------
--Vare------Pali---
------Pani--------
-----Yago-------
Banco: Quique e Xmon.
Normalmente o DCM sempre chegaba a estes partidos por diante na clasificación, pero este ano, o DCM comezou moi dubitativo a temporada, con tres vitorias e dúas derrotas, e pola súa banda o Acerón, cun partido menos, conta por vitorias tódolos seus partidos xogados. Ó principio os analistas dicían que había que agardar para valorar o verdadeiro nivel do Acerón esta temporada, xa que se tiña enfrontado ante equipos que agora mesmo ocupan a zona baixa da táboa clasificatoria. Pero a pasada fin de semana gañáronse o título de aspirantes e favoritos ó ascenso, xa que foron os primeiros en gañar o Cafetería Zeus que polo de aquela ocupaba o liderado da táboa clasificatoria con 3 vitorias en un empate, o que colleitaran ante outro dos equipos fortes neste inicio de campionato e que goleou ós nosos a pasada semana, é dicir, o Wapichi United. O Acerón é terceiro cos mesmos puntos que o segundo e un menos que o líder, pero cun partido menos, polo que se lle pode considerar como o líder virtual desta categoría. Ademais se entramos a analizar os seus números goleadores tamén son moi positivos, leva 20 goles a favor en 4 partidos (é dicir 5 goles anotados por partido) e tan só 10 na contra (é dicir, a metade, 2,5 goles encaixados por partido).
O éxito deste equipo baséase nos pequenos axustes que se fixeron esta temporada con respecto a anterior, e que Lino nos comentará na súa crónica, pero tamén na base do equipo que leva xogando xuntos nas últimas temporadas, sempre cunha traxectoria ascendente. Normalmente comezaban non moi ben o campionato pero despois ían mellorando os seus números cando ía avanzando o campionato ligueiro. Fai dúas temporadas lograron o ascenso como terceiros despois dunha segunda volta impresionante, e o ano pasado despois de estar en postos de descenso na primeira volta, fixeron unha magnífica segunda volta o que lle permitiu salvar a categoría sen demasiados apuros.
Como diciamos, o Deportes Carlos Miguel acostumaba a chegar a estes partidos co cartel de favorito, xa que normalmente atopábase por diante na clasificación, pero este ano o favorito claro é o Acerón, xa que o DCM leva dúas derrotas por ningunha do Acerón, equipo que supera ós nosos a pesar de ter un partido menos. Se non temos mal a nosa base de datos (é dicir, a nosa memoria) o historial de enfrontamentos entre ambos equipos se salda con dúas vitorias do DCM (a obtida na primeira volta de fai dous anos, e na primeira volta do ano pasado), un empate (o obtido na segunda volta de fai dúas temporadas nun partido moi igualado, e no que o Acerón despois de errar unha clara oportunidade veu como lle empataban o partido), e unha derrota, moi contundente a que conseguiron na segunda volta da pasada temporada (6-3) nun partido onde desarboraron totalmente o equipo DCM'ista co seu estilo habitual.
E é que unha das virtudes do Acerón, e que sabe moi ben ó que xoga, é un equipo con moita seriedade defensiva e que sabe aproveitar moi ben a velocidade dos seus atacantes para coller fora de posición ó equipo rival. O DCM debe ter moi en conta isto, xa que non pode deixar que lle gañen unha e outra vez as costas como aconteceu no último precedente de enfrontamento entre ambos. Para iso será clave atacar dunha forma ordenada e sobretodo intentar adiantarse no marcador para poder xogar cunha maior calma. Ademais o equipo dirixido por Ratkovic Varela deberá recuperar parte da autoestima perdida por este titubeante inicio de temporada, e que nesta liga unha boa dinámica e a conseguinte confianza que isto reporta é clave para facer un bo campionato.
Para o partido desta fin de semana, o adestrador do DCM, contará con varias baixas, como son a de Emi, que sigue recuperándose da súa rotura fibrilar, a de Xmon que estará apoiando ó equipo máis representativo da cidade en terras castelás, e a dúbida de Yago que non saberemos se poderá acudir até o derradeiro intre. Pola súa contra o adestrador do DCM recupera a Chap, quen xa esta fin de semana volveu ós adestramentos e que podería disputar o seu primeiro partido de liga con certa normalidade, cubrindo así a baixa de Xmon. Polo tanto o adestrador do DCM contará cunha convocatoria de 6 ou 7 xogadores dependendo de si Yago finalmente poderá acudir ó partido. A convocatoria será a composta por Jorge na porta, Vare, Pali, Chap para a defensa, e Pani (aínda que está atravesando un proceso gripal, agardamos que se recupere), Quique e pode que Yago para a zona de ataque.
Dende aquí facemos un chamamento ós seareiros DCM'istas para que acudan ó pavillón de Bembrive esta fin de semana, xa que nos dous partidos onde non houbo nin un só seareiro, o equipo perdeu os seus encontros, poren cando a afección DCM'ista está nos gradarías o equipo móstrase moito máis forte e aínda non perdeu esta temporada. Polo tanto xa o saben a cita será o domingo no pavillón de Bembrive, un bonito derby onde non se sabe o que acontecerá, xa que, xa se sabe que nestes partidos todo pode acontecer. O importante e que sexa coma sempre o partido homenaxe ó xogo limpo, xa que entre os dous equipos suman 3 trofeos globais á deportividade nestes últimos 4 anos, sen dúbida un dos valores clave desta competición, e que fai que os partidos se disputen dunha maneira moito máis agradábel e entretida. Dende este foro un saúdo tamén a parroquia do Acerón. O domingo teremos a resolución do partido.