domingo, 12 de diciembre de 2010

“Un cambio de actitude que ben vale unha victoria” DCM 2-1 BarLobisHome



Polo momento a balanza da que se falaba na previa decantouse polo obxectivo máis ambicioso, loitar polos 3 primeiros postos da clasificación, e é que con esta victoria o DCM sitúase 3º na táboa, por detrás dos imparables Wapichi e Parquets Eloy.
O encontro ante Lobis Home deixounos de todo, un DCM lento e apático na primeira metade, un cambio radical de actitude tralo descanso que fixo saír ó campo a un equipo enrabietado e ansioso polos tres puntos e sobretodo moita, moitísima emoción ata o asubío final.

A novena xornada de liga desprazábanos ata Moledo, un pavillón onde os nosos sempre sufren e non acaban de encontrar victorias sinxelas. O rival un BarLobisHome mal situado na clasificación pero que viña de sacar sete puntos dos últimos nove posibles. E en xogo, unha victoria con moito significado para os nósos, necesitados de amosarse a sí mesmos xornada tras xornada se poden loitar cos de arriba ou non.

O DCM entraría o partido co freno de man posto, como no 90% dos encontros deste ano. O equipo mantiña as posicións pero non tiña movilidade, nin velocidade, nin ideas ofensivas. Por sorte para os nósos, o rival semellaba igual de durmido, ou incluso máis, xa que as primeiras ocasións ían caer do noso lado. Non eran por xogadas, nin por desmarques… senón pola inercia de ir gañando metros e chegar cerca da zona de disparo. O único positivo a destacar nestes minutos e que a diferencia doutros días, hoxe os nósos tentaba tocar dende atrás, con paciencia, aínda que ante a falta de movementos, de pouco servía dominar a posesión.
Pero o partido era tan lento, que o primeiro xogador que decidise rachar a compostura cun desmarque a través dunha carreira ía a dispor dunha ocasión clara de gol.
Esa lectura debeu facer o LobisHome, que cun sinxelo movemento de desmarque sen balón ían crear superioridade en ataque e plantarse ante Jorge para facer o 0-1 con disparo cruzado. Foi un grave erro defensivo dos dcmistas, personificado na figura de Yago que deixaba marchar moi só a súa marca pola banda oposta a onde atopábase o balón e recibir un balón a pracer para cargar o disparo e enviar o balón ó fondo das maias. Por fortuna Yago resarciríase con creces dese error na segunda metade, sendo o goleador do equipo nun día no que ó outro dianteiro, a Quique, pasoulle factura as súas dores no pé.
Ese gol trocou algo o encontro, máis na mentalidade dos equipos que no tipo de xogo que se observaba sobre o campo, xa que agora xa había un que tiña que atacar e outro que atopábase cómodo defendendo.
O DCM seguíu acumulando ocasións por inercia, pero sen chegar con demasiada claridade sobre a portería rival.

Por fortuna chegou o descanso e os nósos souberon ler o que estaba a pasar. O equipo non tiña intensidade, non tiña a actitude necesaria para ir a polo partido. Os rivais recibían cada balón con tres metros de espacio antes de atoparse cun defensor e en ataque faltaba loitar con máis garra cada acción.
Hoxe por sorte o equipo soubo reaccionar e o tempo foi suficiente para acabar por dala volta ó resultado, pero isto non debería volver a ocorrer, o equipo ten que saír así dende o inicio dos partidos, e desgraciadamente só mostrou estas ansias de victoria contra o Acerón e na segunda metade de onte.
Estes segundos 25 minutos foron un acoso e derribo dos dcmistas. O rival non tiña a posesión máis de 5 segundos, e é que agora sí os xogadores branquivermellos estaban enriba das súas marcas, que non podían recibir o esférico, e se o facían enseguida víanse presionados e obrigados a errar.
E coa posesión do balón, o equipo mostraba máis intención que na primeira metade. Lobis Home defendía con todo no seu campo, polo que o correcto sería anchear o máximo o terreo de xogo, e o DCM soubo facelo. Sen presa pero sen pausa organizaba cada ataque buscando os balóns ás bandas e tentaba (dentro das nosas limitacións) ir dando máis ritmo a cada ataque.
Agora si que había clarísimas ocasións de gol, pero agora a gran actuación do porteiro rival e a falta de fortuna non permitían conseguir o empate. Pani, Yago, Vare e Chape disporían de pelotas de gol, pero a máis clara estivo nos pés de Pali, quen remataría ata en dúas ocasións consecutivas contra a madeira da portería rival a tres metros da liña de gol. Pero isto encendeu todavía máis as ansias dos dcmistas que non baixaban o listón.
E sería en dúas xogadas a balón parado, dende a mesma posición e con idénticos protagonistas onde chegarían os dous goles.
O empate, mediada esta segunda metade foi tras un saque dende a banda esquerda do ataque dcmista, o balón remataba nos pés de Yago quen dende a frontal conectaba un potente chut que golpeaba no longueiro do marco rival, botaba enriba da liña e tocaba nas costas do gardamallas do Lobis Home para rematar de entrar nas redes.
Co empate o LobisHome ía tentar algunha que outra contra, pero o partido seguía sendo dominado polos nósos. Aínda así os rivais tiveron unha ocasión estupenda na que Jorge sacou unha man salvadora para despexar a corner cando xa todos vían o balón na escadra da súa portería.
O rival pedía un tempo morto a falta de catro minutos para o final. O DCM conxurábase para conseguir o gol da victoria, e este chegaría no derradeiro minuto de encontro.
Sería nun saque de esquina. O banco dcmista erguíase para marcar a berros a xogada de estratexia a realizar, e a execución saíu á perfección. Vare botaba dende o curruncho e Yago conectaba dende a frontal para facer o 2-1 e levar a ledicia a toda a parroquia dcmista.
Quedaban apenas 30 segundos de encontro, polo que non deu tempo para máis.

O DCM sacaba os 3 puntos in extremis, tras un cambio de mentalidade e de actitude no descanso que servíu para mostrar un equipo totalmente diferente.
Agardemos que ese sexa o equipo que vexamos de aquí a final de liga, xa que só desta maneira poderase loitar polo obxectivo.

A euforia que sempre provoca gañar no último minuto debe pasar xa, gañouse pero nada máis, debemos mostrar a serenidade do Sireno, que chova ou faga sol sempre está na Porta do Sol (verso cedido polos Beathos e a SGAE).
Queda un encontro para rematar o ano 2010, ano da confirmación do DCM na segunda división e que merece rematar cunha nova victoria. Pero non será sinxelo, enfronte un Caf.Zeus, antigo Vanesma, que sabemos que é un potente conxunto. Actitude rapaces!!

Tras esa xornada, tan só quedará despedir o ano coa Copa Loiola que este ano adianta a súa edición a finais deste mes de Nadal en lugar de comezos de Xaneiro, e que segundo as informacións desputarase o domingo 26. Agárdase que sexa a volta de Emi ós terreos de xogo. Pero iso queda todavía moi lonxe, agora a pensar na vindeira xornada: actitude, actitude, actitude, actitude, actitude, actitude. Unha victoria sería sensacional para os nósos intereses.

Despedímonos ata entón. Reciban un cordial saúdo e boa semana!

No hay comentarios: