Normalmente o DCM sempre chegaba a estes partidos por diante na clasificación, pero este ano, o DCM comezou moi dubitativo a temporada, con tres vitorias e dúas derrotas, e pola súa banda o Acerón, cun partido menos, conta por vitorias tódolos seus partidos xogados. Ó principio os analistas dicían que había que agardar para valorar o verdadeiro nivel do Acerón esta temporada, xa que se tiña enfrontado ante equipos que agora mesmo ocupan a zona baixa da táboa clasificatoria. Pero a pasada fin de semana gañáronse o título de aspirantes e favoritos ó ascenso, xa que foron os primeiros en gañar o Cafetería Zeus que polo de aquela ocupaba o liderado da táboa clasificatoria con 3 vitorias en un empate, o que colleitaran ante outro dos equipos fortes neste inicio de campionato e que goleou ós nosos a pasada semana, é dicir, o Wapichi United. O Acerón é terceiro cos mesmos puntos que o segundo e un menos que o líder, pero cun partido menos, polo que se lle pode considerar como o líder virtual desta categoría. Ademais se entramos a analizar os seus números goleadores tamén son moi positivos, leva 20 goles a favor en 4 partidos (é dicir 5 goles anotados por partido) e tan só 10 na contra (é dicir, a metade, 2,5 goles encaixados por partido).
O éxito deste equipo baséase nos pequenos axustes que se fixeron esta temporada con respecto a anterior, e que Lino nos comentará na súa crónica, pero tamén na base do equipo que leva xogando xuntos nas últimas temporadas, sempre cunha traxectoria ascendente. Normalmente comezaban non moi ben o campionato pero despois ían mellorando os seus números cando ía avanzando o campionato ligueiro. Fai dúas temporadas lograron o ascenso como terceiros despois dunha segunda volta impresionante, e o ano pasado despois de estar en postos de descenso na primeira volta, fixeron unha magnífica segunda volta o que lle permitiu salvar a categoría sen demasiados apuros.
Como diciamos, o Deportes Carlos Miguel acostumaba a chegar a estes partidos co cartel de favorito, xa que normalmente atopábase por diante na clasificación, pero este ano o favorito claro é o Acerón, xa que o DCM leva dúas derrotas por ningunha do Acerón, equipo que supera ós nosos a pesar de ter un partido menos. Se non temos mal a nosa base de datos (é dicir, a nosa memoria) o historial de enfrontamentos entre ambos equipos se salda con dúas vitorias do DCM (a obtida na primeira volta de fai dous anos, e na primeira volta do ano pasado), un empate (o obtido na segunda volta de fai dúas temporadas nun partido moi igualado, e no que o Acerón despois de errar unha clara oportunidade veu como lle empataban o partido), e unha derrota, moi contundente a que conseguiron na segunda volta da pasada temporada (6-3) nun partido onde desarboraron totalmente o equipo DCM'ista co seu estilo habitual.
E é que unha das virtudes do Acerón, e que sabe moi ben ó que xoga, é un equipo con moita seriedade defensiva e que sabe aproveitar moi ben a velocidade dos seus atacantes para coller fora de posición ó equipo rival. O DCM debe ter moi en conta isto, xa que non pode deixar que lle gañen unha e outra vez as costas como aconteceu no último precedente de enfrontamento entre ambos. Para iso será clave atacar dunha forma ordenada e sobretodo intentar adiantarse no marcador para poder xogar cunha maior calma. Ademais o equipo dirixido por Ratkovic Varela deberá recuperar parte da autoestima perdida por este titubeante inicio de temporada, e que nesta liga unha boa dinámica e a conseguinte confianza que isto reporta é clave para facer un bo campionato.
Para o partido desta fin de semana, o adestrador do DCM, contará con varias baixas, como son a de Emi, que sigue recuperándose da súa rotura fibrilar, a de Xmon que estará apoiando ó equipo máis representativo da cidade en terras castelás, e a dúbida de Yago que non saberemos se poderá acudir até o derradeiro intre. Pola súa contra o adestrador do DCM recupera a Chap, quen xa esta fin de semana volveu ós adestramentos e que podería disputar o seu primeiro partido de liga con certa normalidade, cubrindo así a baixa de Xmon. Polo tanto o adestrador do DCM contará cunha convocatoria de 6 ou 7 xogadores dependendo de si Yago finalmente poderá acudir ó partido. A convocatoria será a composta por Jorge na porta, Vare, Pali, Chap para a defensa, e Pani (aínda que está atravesando un proceso gripal, agardamos que se recupere), Quique e pode que Yago para a zona de ataque.
Dende aquí facemos un chamamento ós seareiros DCM'istas para que acudan ó pavillón de Bembrive esta fin de semana, xa que nos dous partidos onde non houbo nin un só seareiro, o equipo perdeu os seus encontros, poren cando a afección DCM'ista está nos gradarías o equipo móstrase moito máis forte e aínda non perdeu esta temporada. Polo tanto xa o saben a cita será o domingo no pavillón de Bembrive, un bonito derby onde non se sabe o que acontecerá, xa que, xa se sabe que nestes partidos todo pode acontecer. O importante e que sexa coma sempre o partido homenaxe ó xogo limpo, xa que entre os dous equipos suman 3 trofeos globais á deportividade nestes últimos 4 anos, sen dúbida un dos valores clave desta competición, e que fai que os partidos se disputen dunha maneira moito máis agradábel e entretida. Dende este foro un saúdo tamén a parroquia do Acerón. O domingo teremos a resolución do partido.
Aliñación Probábel:
-----Jorge-------
--Vare-----Pali--
-----Pani-------
----Quique-----
No hay comentarios:
Publicar un comentario