O equipo dirixido ata este momento por Ratkovic Varela enfrontarase ante un vello coñecido dos nosos o Bar Kubi, equipo, que con diversas denominacións, veñen acompañando ós nosos dende a súa primeira temporada en Vigo En Xogo, ou o que é o mesmo este será o 9º enfrontamento entre ambos. Ben é certo que o Bar Kubi (Antigo Cafetería Bohemia, Cafetería Europa, Grupo Donno...) non chega no seu mellor momento xa que é o colista da segunda división grupo "B", con tan só un punto, o que conseguiu ante o último verdugo dos DCM'istas o temible e irregular Bar Cocedero La Piedra (3-3). Nos restantes 6 partidos apañou sendas derrotas, 1-3 contra o Cafetería Castelao, 6-3 contra o Wapichi United, 1-6 contra o Acerón, 0-2 fronte ó Bar Lobis Home e na última xornada 4-1 fronte ó Cafetería Zeus. Polo tanto parece que poucas semellanzas garda este Bar Kubi con de anos anteriores, onde os seus resultados pasaban por ser moito máis positivos. A composición do seu plantel é unha incógnita xa que incluso chegou a falarse dun posíbel traspaso do seu xogador número 13 ó Galecoi, que finalmente non sabemos si se produciu.
Pero se ben é certo que o Bar Kubi chega nun mal momento ó partido, o Deportes Carlos Miguel non chega nun momento moito mellor. O equipo dirixido por Ratkovic Varela chega a este encontro con menos aperturas clasificatorias que o seu rival, pero lonxe do seu obxectivo que este ano pasaba por loitar polo ascenso. Asemade as sensacións das últimas semanas son realmente negativas, xa que o equipo DCM'ista ven de encaixar unha dura derrota ante o Bar Cocedero La Piedra, un equipo que de momento non ocupa os postos altos da clasificación. Neste partido o DCM fixo mal case todo o que puido, e foi milagreiro non recibir unha goleada maior. Sistema defensivo pouco agresivo (e con agresivo non nos referimos a facer faltas, senón en termos de concentración, de anticiparse ós rivais), horrorosa circulación de balón, poucas ideas na saída da pelota dende atrás... é dicir todo o que se puido facer mal se fixo. Xa nos minutos iniciais o equipo rival mandou un balón ó pau e outro moi preto dos dominios de Jorge, e só a providencia e unha pasmosa efectividade permitíronlle ó DCM non descolgarse xa dende o minuto 1 do resultado do marcador, e recibir se é posíbel, un marcador aínda máis vergoñento.
Por se non fora suficiente co esperpento demostrado en Moledo, os xogadores do DCM non conformes, decidiron volver facer o ridículo este xoves no adestramento. É certo que a temperatura axudou a pouca intensidade do adestramento, pero tamén é certo que a temperatura era a mesma para o rival. Un horrible posicionamento en facetas defensivas, un gardamallas ó que se lle anquilosaron os seus movementos e un horroroso costume de intentar sacar balóns longos dende atrás sen éxito ningún protagonizaron o adestramento do equipo que agora representa as cores de Vigo. Polo tanto moito vai ter que cambiar a actitude do DCM este domingo se quere sacar algo positivo. Non caben escusas é unha boa hora para a práctica do fútbol sala e ademais e posíbel que o horario favoreza a presenza dos seareiros na grada da Mina, se aínda teñen algún folgo para ver a este equipo. O DCM deberá saír, como diría o sabio do fútbol o señor Azkalgorta, con agresividade positiva, cunha actitude proactiva, de anticiparse ós balóns, ós rivais e ós problemas.
Para esta non sinxela misión de troco de actitude e de tino, o adestrador DCM'ista volverá contar cunha convocatoria bastante xusta, xa que á baixa de Emi por lesión (a súa lesión nos isquios segue a cicatrizar) únese a de Xmon que acumula xa a súa terceira xornada de baixa consecutiva, desta vez por mor do o horario que lle impide volver en tren a Santiago de Compostela no mesmo día. Polo tanto os xogadores que participarán neste intento de redención serán Jorge para a portería, Vare, Pali e Chap para a defensa, Quique, Yago e Pani para as posicións defensivas. 7 xogadores para intentar trocar o signo da tendencia negativa. Veremos se todos melloran o seu rendemento respecto ó derradeiro partido e conseguen facer que o rival, como diría David Rodríguez, pague os pratos rotos da última derrota DCM'ista, e desta maneira conseguen darse unha cura de autoestima.
A cita xa o saben, o Domingo ás 20:00 h no pavillón do Máxico Monte da Mina, unha boa hora, para que tódolos seareiros DCM'istas se acerquen ata o pavillón lindante con Beade, e axuden coa súa presenza a o cambio de actitude que ten que mostrar o equipo nesta importante xornada, na que ten que demostrarse que aínda é aspirante ó ascenso ou polo menos a estar nos postos altos da táboa clasificatoria. O desenlace coma sempre o coñecerán da man de Lino. Un saúdo.
Aliñación Probábel:
-----Jorge------
-Vare-----Pali--
-----Pani------
---Quique-----
NOTA da Organización: Todos os participantes da competición "Vigo en Xogo" presentando a súa licenza terán un 10% de dto. e prezos especiais en todo tipo de celebracións na Cafetería A.V.C.D. Monte da Mina de Castrelos (Tel. 603 788 765).
No hay comentarios:
Publicar un comentario