Xa na primeira xornada o Matiz deixou sobre o campo moi boas
sensacións sobre o cemento da pista vermella, pero os seareiros e os
propios xogadores tiñan a dúbida de si esas boas sensacións poderían
converterse en puntos debido ó esixente da primeira división de Vigo en
Xogo, categoría á que os nosos volven por segunda vez, tras 3 anos en
segunda.
Pois ben nesta segunda
xornada chegaron os puntos ante o Panadería Travesía de Vigo, rival xa
coñecido polos nosos onde coincidiron na segunda división "A" temporada
2013/14. Daquelas o equipo maticista (daquela Deportes Carlos Miguel)
perdeu tanto na ida coma na volta por un rechamante 6-1. Todo facía
presaxiar que o partido ía ser moi complicado e así o foi.
A
convocatoria estaba formada por Jorge, Fer, Vare, Pani, Yago e Emi,
sendo baixa Davo pola lesión da primeira xornada da que evoluciona
favorablemente. Na primeira parte o Matiz dominou por completo o
partido, cun nivel defensivo excelso e levando perigo de gol á portería
contraria, nunha desas ocasións chegaría o gol de Yago cun disparo raso e
duro que sería imposible de atallar para o gardamallas panadeiro. Con
este resultado chegaríase ó descanso.
Na segunda volta os nosos
saíron con total concentración para evitar que o previsible empuxe do
Travesía levara ós nosos a encerrarse na súa área. Froito desta
concentración chegaron dous novos goles un de Emi e outro de Yago que
marcou unha maxistra falta, da factoría da Oliveira de Vigo. 3-0 no
marcador e 13 minutos de partido, cando quedaban ó redor de 6 minutos
para o final chegarían case seguidos os dous goles do Travesía en dúas
xogadas rápidas que desarbolaron a estratexia maticista. O panorama
escurecíase e todo facía presaxiar que a dinámica provocaría o empate do
equipo da Travesía, porén Fer foi quen de poñer o 4-2 a falta de 3
minutos para o final do partido, o que deu a tranquilidade definitiva ó
equipo branquinegrovermello.
Con estes 3 puntos o Matiz colócase
na sétima praza da categoría, xusto na metade da táboa, e pon 3 puntos
de distancia ante os postos de descenso, colocando deste xeito as bases
para o obxectivo desta temporada que non é outro que o de acadar a
permanencia na primeira división (sempre por suposto supeditado á
consecución do galardón da deportividade).