sábado, 26 de octubre de 2013

Último Pulo antes do Parón. Vet. Ars Canis Vs DCM


Moi Bos días/tardes/noites benqueridos lectores

Atopámonos unha semana máis neste blog para analizar o que vai a ser unha nova xornada da competición de Vigo en Xogo, a última semana antes do parón pola ponte de Tódolos Santos. Esta xornada, a cuarta de competición, tráenos o partido que se vai disputar entre a Clínica Veterinaria Ars Canis e o Deportes Carlos Miguel. 

En primeiro lugar e como é habitual nas nosas análises comezamos polo rival. O Clínica Veterinaria Ars Canis, equipo fundado na temporada 2004/2005, dous anos antes de que o DCM comezara a competir na terceira división "C". Tratase dun equipo cun plantel amplo que lle permite seguir un sistema de rotacións tal e como puidemos ver no seu facebook, e é que o Ars Canis é un equipo activo nas redes sociais ó igual que o DCM e ademais da súa presenza nesta rede tamén ten un blog que a partir deste intre incorporamos ás nosas ligazóns. Este comezo de liga non está sendo demasiado positivo para o equipo veterinario, xa que conta os seus partidos por derrotas. Porén non debemos deixar de analizar que o equipo tan só perdeu un partido por máis de un gol (a segunda xornada por 5-0 fronte ó Camping Cangas). Nos seus dous outros compromisos apañou sendas derrotas pola mínima (1-0 ante o Posada do Couto na primeira xornada e por 3-2 ante o Avispas). Polo tanto demostra ser un equipo que compite en tódolos partidos, a pesar de ter ata o momento un certo problema de gol, xa que tan só leva dous goles a favor no que vai de campionato. Isto unido ás cifras que manexa o DCM, quen basea a súa boa posición no rigor defensivo de todo o equipo, fai pensar que o partido do domingo en Balaídos deparará poucos goles, aínda que xa sabemos que normalmente nesta liga as estatísticas ráchanse. Por último salientar que o ano pasado o Ars Canis rematou na 11ª posición con 26 puntos, 58 goles a favor e 79 na contra nunha 2ªDiv A de 13 equipos.

Polo tanto alerta terá que estar o DCM ante un rival que salvo nunha xornada lle está a pór as cousas difíciles ós seus rivais. O equipo Rosiña chega a este partido pletórico de moral tras conseguir coa súa vitoria da pasada fin de semana recuperar o coliderado da táboa clasificatoria, na que se atopa terceiro con 7 puntos os mesmos que os dous primeiros clasificados. Na pasada semana a pesar de algún intre de dúbida durante o partido, o equipo demostrou que aínda así é un equipo moi sólido que fundamenta na seriedade posicional o seu bo rendemento nesta liga, e que ten uns números un pouco enganosos en ataque, xa que tivo ocasións para marcar algún gol máis. Á boa nova da vitoria se lle suma a que a semana pasada o equipo non encaixou gol, o que lle permite ser o equipo menos goleado da liga con 4 goles encaixados en 3 xornadas, honra que comparte co Cafetería Danais, curiosamente rival do DCM na primeira xornada e que tan só volveu a encaixar un gol despois de enfrontarse ós nosos (o DCM encaixou so 2 máis). Polo tanto será importante saír coa máxima concentración posíbel para tratar construír una vitoria que lle permita gozar do descanso ligueiro nas posicións máis sobranceiras da categoría.

Para esta partido o DCM, e salvo novidade de última hora, contará co seu 9 de gala. Jorge estará baixo os paus, Vare, Xmon, Selu e Chap estarán para repartirse as posicións defensivas, namentres que Yago, Emi, Pani e Davo completarán a convocatoria na parte máis adiantada do equipo Rosiña. 

O partido disputarase no Estadio Municipal de Balaídos, na pista 1, polo que agardemos que non chova demasiado, xa que sabemos que a uralita da grada de Río tivo días mellores, si aló polo 1982 cando foi posta, aínda que algunhas persoas lle custe admitir tan lamentable estado dunha instalación deportiva que non é quen de protexerse da chuvia, o que non é digno da cidade máis grande e fermosa de Galicia, onde adoita a chover abundantemente en inverno.

O partido xogarase ás 11:00 horas da mañá do domingo, pero recorden!, na madrugada do sábado para o domingo deben modificar a hora dos seus reloxos, xa que ás 03:00 da madrugada volverán a ser ás 02:00. Agardámosvos a todos nas gradas do municipal vigués, para que nos axudedes a dar ese pulo que nos permita acadar os 3 puntos e chegar ó parón nos postos sobranceiros da táboa clasificatoria.

Lino contaravos todo o acontecido no partido, pola miña parte nada máis, nos vemos en novembro para comentar o que será a quinta xornada de Vigo en Xogo.

No hay comentarios: