martes, 8 de octubre de 2013

"O DCM regresa con vitoria" Caf.Danais 2-3 DCM


Principiou a tempada 2013-2014. O equipo venceu por 2-3 a Caf.Danais e inicia a súa nova andaina na 2ª división con bo pé, aínda que non exento de sufrimento.

E é que a primeira dificultade da tempada chegou incluso antes do asubío inicial do colexiado, cando os nósos comprobaron que o rival vestía exactamente a mesma equipación rosiña. Tras sopesar varias opcións, o clube decidíu saír do apuro cunha solución efectiva, aínda que pouco vistosa, entregando as camisetas ós seus xogadores do revés, convertíndoas así nunha cor branca rosácea que o colexiado deu por aceptable para principiar co encontro.

Tralo asubío inicial todo mellorou para o equipo, e é que tras uns primeiros minutos de tanteo, pouco a pouco fíxose co peso do partido e comezou a levar perigo cara a meta rival, namentres o sistema defensivo funcionaba á perfección e o rival apenas chegaba preto da meta de Jorge.
Con esta situación chegaron os goles. Emi en dúas ocasións e Davo levaban en pouco tempo o 0-3 ó electrónico. Puideron ser máis, pero entón o depósito de gasoliña do equipo entrou en reserva, e o rival comezou a achegarse algo máis a área, obrigando a Jorge a facer dúas grandes intervencións nos intres finais deste primeiro periodo.

O DCM agardaba unha segunda metade tranquila, pero ós poucos minutos o rival meteuse no encontro tras un inevitable penalti por mans de Pani na liña de gol que significaba o primeiro cartón da tempada. Así chegaba o 1-3 que daba folgos a Caf.Danais.
O rival subíu a presión, pero os nósos tiñan a lección aprendida tralo último amistoso en Valladares e tentaron manter a calma. Sempre que era posible buscaban saír da presión tocando o esférico e así gozaron de moi bos contragolpes pero estiveron moi desatinados de cara a porta.
Nos instantes finais tras un corner en curto que petaba en Emi e con moita fortuna, o Danais facía o 2-3.
Saíu entón o instinto de supervivencia Dcmista e a pesares de que o cansazo era moi elevado (Davo retirárase mancado), o equipo respostou ós últimos ataques rivais defendendo con todo, mantendo así o resultado e sumando os primeiros 3 puntos da tempada.

Foi en definitiva un partido moi completo dos nósos, onde na primeira metade amosaron a súa capacidade para levar o peso do partido cando o encontro o require e nos segundos 25 minutos demostraron que tamén saben render a bo nivel cando toca defenderse con unllas e dentes e saír á contra. 

O encontro significou tamén o debut oficial de Selu co equipo. Realizou un fantástico partido en defensa, mantendo ben a posición e sen asumir excesivos riscos, unido a un gran traballo físico nos minutos finais cando o cansazo pesaba nos seus compañeiros. Ademáis rozou o gol cun potente disparo ó pau longueiro.
A un gran nivel rendeu tamén o resto do equipo. Jorge tivo uns 20 primeiros minutos de aparente tranquilidade pero nos 30 restantes tivo moito traballo, que solventou de forma sobresaínte, e axudou a que os seus compañeiros mantivesen a concentración en cada xogada e en cada saque de esquina. Vare, aportou seguridade defensiva e tratou de non perder a calma na saída de balón; tivo grandes opcións en contragolpes na segunda metade pero non estivo atinado no derradeiro pase ou disparo a porta. Pani aportou un enorme traballo, con fantásticos repliegues defensivos e ofrecéndose sempre para facilitar a saída de balón dende atrás; só faltoulle atopar porta. Emi non só aportou 2 goles e unha asistencia senón que tamén estivo extraordinario en tarefas defensivas, levando o peso do choque. E Davo, moi xeneroso na súa nova función no equipo, deixou todo no campo, anotou un tanto e estivo moi preto de facer algún máis; será este ano unha peza fundamental para o DCM.

Agora a pensar xa no seguinte encontro no que se agarda unha convocatoria moito máis ampla, polo que cada xogador deberá mostrar que sabe tamén xogar ó máximo rendemento en periodos máis curtos de tempo. Despedímonos ata a previa de Xaime! Un saúdo!

LINO. 

No hay comentarios: