Moi bos días/tardes/noites
benqueridos lectores, unha semana máis nos atopamos aquí, para analizar o que
vai ser a vindeira xornada do DCM quen visitará ó Camping Cangas no Monte da
Mina.
En primeiro lugar, e antes de
analizar como vai chegar o noso equipo a este partido analicemos un pouco ó
rival. O Camping Cangas chega a este encontro oitavo na clasificación con 3
puntos. O equipo do Morrazo perdeu na primeira xornada de liga fronte ó Cafetería
Zaida (rival da pasada semana do DCM onde o equipo rosiña tivo que conformarse
finalmente con un empate a 2 goles) por 5-3. Poren na seguinte xornada
resarciuse e gañoulle 5-0 ó Vet. Ars Canis que é penúltimo con cero puntos.
Polo tanto un rival que ven de obter diferentes réditos nas dúas primeiras
xornadas, e que como é habitual nun comezo de liga nun grupo descoñecido, será
unha incógnita para os nosos. Polo de pronto cómpre sinalar que é un equipo con
unha moi boa faceta goleadora, leva 8 goles en dous partidos (3 máis que o
DCM), pero pola súa contra leva 5 encaixados (1 máis que o DCM).
Un DCM que a pesar de ter unha
golaveraxe menos xenerosa foi quen de rendabilizar mellor os seus tantos e
manterse na cuarta posición da táboa clasificatoria, a dous puntos do líder e
sendo un dos cinco equipos da liga que aínda non coñece a derrota no que vai de
competición. Estes números indican que este ano o grupo ten trazas de ser
bastante igualado. O Equipo rosiña chega a este partido cunha bagaxe importante
de puntos e con superiores sensacións nos terreos de xogo. A pasada xornada
ante unha ampla representación de seareiros o DCM tivo nas súas mans os 3
puntos, despois de dominar a maior parte do partido ó igual que na primeira xornada.
Porén nuns minutos fatídicos da segunda parte o Cafetería Zaida foi quen de
empatar no marcador. Polo tanto o DCM debe tratar neste partido de pechar canto
antes o encontro e sobre todo de aproveitar mellor as súas ocasións xa que en ámbolos
dous partidos tivo a ocasión de pechar o encontro moito antes, e nos dous
rematou sufrindo. E é que se nos axustamos ós parciais os datos son ben
certeiros. Nas primeiras partes o DCM ten un claro 5-0 ó seu favor, tras ir
gañando os seus encontros por 3-0 ante o Danais e 2-0 ante o Zaida, e pola contra nas segundas metades o equipo
encaixou 2 goles en cada encontro, é dicir ten un parcial de 0-4. Polo tanto o DCM
debe tratar de manter nas segundas partes o nivel mostrado nos primeiros tempos
e intentar que o rival non sexa quen de pechalos preto da súa portería, se ben
é certo que nos dous partidos xogados o equipo non se viu especialmente afogado
por ningún dos seus contrincantes. A pesar destes problemas amosados nos
segundos tempos o DCM presenta unha idea de xogo e un rendemento que fai soñar
ós seareiros con estar loitando nos postos sobranceiros da categoría ó longo de
todo o campionato, xa que en todos os partidos xogados ata o de agora, con
rivais que gañaron todos os seus partidos agás os disputados contra o DCM, o
equipo deu un rendemento notábel e amosou unha cara moi diferente a da pasada
temporada.
O escenario deste partido será un
vello coñecido para os nosos, non é outro que o Pavillón do Monte da Mina, que
deu moitos quebradeiros de cabeza a pasada temporada onde o DCM non foi quen de
lograr ningunha vitoria e foi o campo no que se fraguou o descenso do club a
segunda división de Vigo En Xogo. Poren é necesario salientar que tamén neste
campo o DCM foi quen de celebrar o ascenso a segunda división fai uns anos. De
aquela nas previas do DCM adoitábase nomear ó pavillón como o
"máxico" Monte da Mina, por ser un terreo de xogo onde o DCM colectaba
grandes resultados. Polo tanto agardemos que tras un ano de seca a Mina volva a
ser o talismán que guíe ós nosos nunha ilusiónante temporada.
Para este partido o DCM contará
con unha extensa convocatoria, se nada se torce, xa que poderá contar con 9
xogadores, con todos menos Quique que non está previsto que se reincorpore até
o Nadal. Por tanto o equipo contará con Jorge na portería, e con dous recambios
por posición. Vare, Chap, Selu e Xmon ocuparán os postos defensivos, namentres
que para as posicións máis avanzadas estarán Yago, Pani, Emi e Davo. Polo tanto
unha moi boa convocatoria na que agardemos que os defensas sigan aportando os
goles das pasadas xornadas (Selu e Xmon foron os goleadores do pasado encontro)
e na que os dianteiros sigan amosando o bo nivel que está facendo que o equipo
sexa quen de xerar moitísimas ocasións de gol, con xogadas tan bonitas como a
fabricada por Yago a semana pasada. Todo isto sen esquecer que para gañar os
partidos hai que ser fortes en defensa, e que para selo os 5 xogadores que
están no terreo de xogo deberán dar o seu máximo nivel.
O partido xa o saben, se
disputará en “Prime Time” ás 21:00 h do sábado 19 de outubro, e o escenario o
xa mencionado Monte da Mina. Oxalá a resposta dos seareiros sexa similar a da
pasada xornada e que desta vez o DCM sexa quen de adicarlle unha vitoria ós
seus seguidores.
Xa o saben, todo o resumo do
partido o traerá Lino na súa crónica. Un saúdo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario