lunes, 28 de octubre de 2013

“A experiencia Dcmista consolida o liderado” Vet.ArsCanis 1-2 DCM


Nova vitoria do equipo rosiña nesta 4ª xornada de liga que consolida a candidatura do equipo a estar na pelexa cos mellores. O equipo superou un chanzo máis no longo camiño da 2ª división, nesta ocasión coa dificultade engadida que supón sempre xogar en un campo pouco habitual e de dimensións moi reducidas; o fixo sen grandes alardes, co xusto e necesario, sacando novamente a máxima rendabilidade posible ós seus goles. Ao igual que a pasada xornada o equipo puido e debeu sentenciar moito antes o encontro e acadar un resultado máis amplo, pero errou en ataque e novamente permitíu manterse no choque ao equipo rival, que nos últimos minutos meteu o medo no corpo á bancada Dcmista con porteiro xogador sobre o campo. Pero a experiencia que teñen xa os nósos nesta competición estalles permitindo sacar estes bos resultados incluso cando o xogo non é todo o fluído que debera e cando os goles non chegan e algún que outro erro defensivo sae a relucir. Chega co posicionamento táctico (incluso con desaxustes que non se pagan tan caros na 2ª división como na 1ª) e co peso que teñen no campo os xogadores máis veteranos do plantel na competición.

Unha vez máis o equipo comezou mandando no xogo. Dominaba e tiña ocasións, pero as dimensións do campo facilitaban moito a defensa do equipo rival. Así transcorreu case toda a 1ª metade, con algún que outro altibaixo no que Jorge tivo que intervir, pero con moito maior peso ofensivo do DCM que non foi quen de traducilo en goles. 0-0 ó descanso.

A segunda metade comezou con máis do mesmo, boas ocasións nos instantes iniciais que novamente marchaban ao limbo. Pero nunha delas chegaría o ansiado gol. Sería tras un saque de banda en campo rival, tralo que Pani cun gran movemento conseguía chegar a liña de fondo e poñer un pase da morte que Emi remachaba no segundo pau. Gran gol e o máis difícil semellaba feito. 0-1.
Non baixou a intensidade o equipo e seguíu dominando. Noutra chegada, Yago estrelaba un potente disparo no longueiro no que parecía unha nova ocasión desperdiciada, pero en segunda xogada aparecería Xmon para anotar o 2º do equipo e o seu 2º gol na tempada tras un disparo que tamén petaría no poste da porta rival. 0-2.
O encontro semellaba encarrilado, pero nunha acción individual sen aparente perigo, un atacante do Clínica Veterinaria Ars Canis. sacaba un potente disparo cruzado que sorprendía a todos e reducía distancias no marcador 1-2.
Quedaban minutos por diante e o rival incorporou ó seu porteiro ó ataque en varias xogadas. O DCM non titubeou e mantivo a compostura o que impedíu claras ocasións rivais. Co pitido final os afeccionados respiraron tranquilos.

Agora toca parón por ponte festiva; agardemos que non afecte á dinámica positiva de resultados.

Despedímenos ata o regreso da competición na fin de semana do 9-10 de Novembro. Un cordial saúdo.




sábado, 26 de octubre de 2013

Último Pulo antes do Parón. Vet. Ars Canis Vs DCM


Moi Bos días/tardes/noites benqueridos lectores

Atopámonos unha semana máis neste blog para analizar o que vai a ser unha nova xornada da competición de Vigo en Xogo, a última semana antes do parón pola ponte de Tódolos Santos. Esta xornada, a cuarta de competición, tráenos o partido que se vai disputar entre a Clínica Veterinaria Ars Canis e o Deportes Carlos Miguel. 

En primeiro lugar e como é habitual nas nosas análises comezamos polo rival. O Clínica Veterinaria Ars Canis, equipo fundado na temporada 2004/2005, dous anos antes de que o DCM comezara a competir na terceira división "C". Tratase dun equipo cun plantel amplo que lle permite seguir un sistema de rotacións tal e como puidemos ver no seu facebook, e é que o Ars Canis é un equipo activo nas redes sociais ó igual que o DCM e ademais da súa presenza nesta rede tamén ten un blog que a partir deste intre incorporamos ás nosas ligazóns. Este comezo de liga non está sendo demasiado positivo para o equipo veterinario, xa que conta os seus partidos por derrotas. Porén non debemos deixar de analizar que o equipo tan só perdeu un partido por máis de un gol (a segunda xornada por 5-0 fronte ó Camping Cangas). Nos seus dous outros compromisos apañou sendas derrotas pola mínima (1-0 ante o Posada do Couto na primeira xornada e por 3-2 ante o Avispas). Polo tanto demostra ser un equipo que compite en tódolos partidos, a pesar de ter ata o momento un certo problema de gol, xa que tan só leva dous goles a favor no que vai de campionato. Isto unido ás cifras que manexa o DCM, quen basea a súa boa posición no rigor defensivo de todo o equipo, fai pensar que o partido do domingo en Balaídos deparará poucos goles, aínda que xa sabemos que normalmente nesta liga as estatísticas ráchanse. Por último salientar que o ano pasado o Ars Canis rematou na 11ª posición con 26 puntos, 58 goles a favor e 79 na contra nunha 2ªDiv A de 13 equipos.

Polo tanto alerta terá que estar o DCM ante un rival que salvo nunha xornada lle está a pór as cousas difíciles ós seus rivais. O equipo Rosiña chega a este partido pletórico de moral tras conseguir coa súa vitoria da pasada fin de semana recuperar o coliderado da táboa clasificatoria, na que se atopa terceiro con 7 puntos os mesmos que os dous primeiros clasificados. Na pasada semana a pesar de algún intre de dúbida durante o partido, o equipo demostrou que aínda así é un equipo moi sólido que fundamenta na seriedade posicional o seu bo rendemento nesta liga, e que ten uns números un pouco enganosos en ataque, xa que tivo ocasións para marcar algún gol máis. Á boa nova da vitoria se lle suma a que a semana pasada o equipo non encaixou gol, o que lle permite ser o equipo menos goleado da liga con 4 goles encaixados en 3 xornadas, honra que comparte co Cafetería Danais, curiosamente rival do DCM na primeira xornada e que tan só volveu a encaixar un gol despois de enfrontarse ós nosos (o DCM encaixou so 2 máis). Polo tanto será importante saír coa máxima concentración posíbel para tratar construír una vitoria que lle permita gozar do descanso ligueiro nas posicións máis sobranceiras da categoría.

Para esta partido o DCM, e salvo novidade de última hora, contará co seu 9 de gala. Jorge estará baixo os paus, Vare, Xmon, Selu e Chap estarán para repartirse as posicións defensivas, namentres que Yago, Emi, Pani e Davo completarán a convocatoria na parte máis adiantada do equipo Rosiña. 

O partido disputarase no Estadio Municipal de Balaídos, na pista 1, polo que agardemos que non chova demasiado, xa que sabemos que a uralita da grada de Río tivo días mellores, si aló polo 1982 cando foi posta, aínda que algunhas persoas lle custe admitir tan lamentable estado dunha instalación deportiva que non é quen de protexerse da chuvia, o que non é digno da cidade máis grande e fermosa de Galicia, onde adoita a chover abundantemente en inverno.

O partido xogarase ás 11:00 horas da mañá do domingo, pero recorden!, na madrugada do sábado para o domingo deben modificar a hora dos seus reloxos, xa que ás 03:00 da madrugada volverán a ser ás 02:00. Agardámosvos a todos nas gradas do municipal vigués, para que nos axudedes a dar ese pulo que nos permita acadar os 3 puntos e chegar ó parón nos postos sobranceiros da táboa clasificatoria.

Lino contaravos todo o acontecido no partido, pola miña parte nada máis, nos vemos en novembro para comentar o que será a quinta xornada de Vigo en Xogo.

lunes, 21 de octubre de 2013

O DCM Sitúase Terceiro e Colíder, trala Terceira Xornada de Liga

O DCM escala unha posición trala desputa da terceira xornada, despois de que o Cafetería Zaida non fora quen de pasar do empate ante o Endulco SL, que desta maneira consegue o seu primeiro punto no que vai de campionato. Ademais o equipo rosiña sitúase colíder despois do empate entre o Tapería Ouxo e o Bar Luada II que xogaban entre eles e que conseguiron firmar un empate. O Vindeiro rival do DCM, o Veterinari Ars Canis, quedouse as portas de obter o seu primeiro punto tras perder por 3-2 contra o Avispas de la Arena, e xa é o segundo partido que se lle escapa por un gol.

O DCM consegue situarse tamén como o equipo menos goleado, empatado co Cafetería Danais que despois de encaixar 3 goles no primieiro partido contra o DCM, tan só recibiu un gol máis nas seguintes dúas xornadas, o que lle permitiu nesta xornada rendabilizar moito o gol que marcou  xa que gañou 1-0.

Polo tanto o DCM ten nas súas mans chegar como colíder ó parón ligueiro, para isto terá que superar o Ars Canis, que a pesar de ir penúltimo recordemos que perdeu dous dos tres partidos por tan só un gol de diferenza.

Para ver a clasificación pormenorizadamente preme Aquí 

domingo, 20 de octubre de 2013

"Un frouxo DCM acada unha nova vitoria" CampingCangas 0-2 DCM



Importante triunfo dcmista na 3ª xornada de liga nun encontro no que os nósos non renderon a un gran nivel, pero aproveitaron a falta de ambición local para levarse os tres puntos con relativa facilidade.

Repetía o equipo a convocatoria da semana pasada e unha vez máis comezaba mandando no choque. A posesión e as ocasións tiñan cor rosiña. Así pasaron os minutos ata que chegou o 0-1 nunha xogada iniciada por Jorge, quen con un saque raso e preciso daba vantaxe a Emi para que en carreira servira para que Pani, que acompañaba perfectamente o contragolpe, empurrara ás redes. Inauguraba así a súa conta particular Pani na tempada.
Mais de novo o mesmo guión de xornadas anteriores. Os últimos minutos da primeira metade o equipo comeza a acumular pequenos erros que permiten ó rival gañar en posesión de balón e comezar a crear perigo. Así en 3 erros consecutivos na saída do balón Dcmista, o CampingCangas tería as súas mellores opcións do partido, pero non foron quén de perforar a meta dcmista. Eses erros foron acompañados dun desvaraxuste posicional do equipo que non se atopaba nada cómodo e púxose nervioso en demasía. Un tempo morto e a chegada do descanso evitaron males maiores, pero o equipo xa estaba alporizado.

Tentou regresar á calma no segundo tempo, e conseguíuno en parte. O rival, sen gardamallas titular, semellaba ter poucas esperanzas de sacar algo positivo do encontro e case conformábase co 0-1 que lucía o electrónico. Así con pouco que o DCM retomou posicións, alonxou moito o perigo da porta de Jorge, aínda que os Dcmistas seguían algo revolucionados e non lograban desfrutar dun partido que poderían ter gañado con moito máis fútbol, goles e facilidade.
O CampingCangas seguíu baixando o seu rendemento co paso dos minutos e o DCM continuaba asentándose algo máis. Así e tras conseguir trenzar de novo dous pases seguidos lograba o 0-2. Foi obra de Yago que tamén inaugura a súa conta particular e xa son 6 os xogadores dcmistas que se reparten os 7 goles desta tempada, mostra da versatilidade ofensiva que procura o equipo esta tempada co “todos atacan e todos defenden” para contrarrestar a marcha do seu pichichi Pablo.   
Non houbo tempo para máis e o DCM logrou 3 novos puntos que o rival de hoxe serviulle en bandexa.

O encontro foi o ideal para que saísen a relucir erros que amosan que todavía hai moito traballo por facer, xa que a pesares diso conseguíuse a vitoria e manter a porta a 0.
De tódolos xeitos, os nósos deben manter moito máis a calma nestas situacións e non revolucionarse por desvaraxustes posicionais propios das primeiras xornadas de liga.
Hoxe, ese exceso de preocupación perxudicou moito o rendemento individual dalgúns xogadores e impedíu unha vitoria holgada e máis desfrutada.  
Lección aprendida e vista posta no vindeiro encontro; o Vet.ArsCanis, antes dun parón por ponte festiva.
Despedímonos ata a previa de Xaime. Un cordial saúdo.

sábado, 19 de octubre de 2013

Confirmar Sensacións. Camping Cangas Vs DCM


Moi bos días/tardes/noites benqueridos lectores, unha semana máis nos atopamos aquí, para analizar o que vai ser a vindeira xornada do DCM quen visitará ó Camping Cangas no Monte da Mina.

En primeiro lugar, e antes de analizar como vai chegar o noso equipo a este partido analicemos un pouco ó rival. O Camping Cangas chega a este encontro oitavo na clasificación con 3 puntos. O equipo do Morrazo perdeu na primeira xornada de liga fronte ó Cafetería Zaida (rival da pasada semana do DCM onde o equipo rosiña tivo que conformarse finalmente con un empate a 2 goles) por 5-3. Poren na seguinte xornada resarciuse e gañoulle 5-0 ó Vet. Ars Canis que é penúltimo con cero puntos. Polo tanto un rival que ven de obter diferentes réditos nas dúas primeiras xornadas, e que como é habitual nun comezo de liga nun grupo descoñecido, será unha incógnita para os nosos. Polo de pronto cómpre sinalar que é un equipo con unha moi boa faceta goleadora, leva 8 goles en dous partidos (3 máis que o DCM), pero pola súa contra leva 5 encaixados (1 máis que o DCM).

Un DCM que a pesar de ter unha golaveraxe menos xenerosa foi quen de rendabilizar mellor os seus tantos e manterse na cuarta posición da táboa clasificatoria, a dous puntos do líder e sendo un dos cinco equipos da liga que aínda non coñece a derrota no que vai de competición. Estes números indican que este ano o grupo ten trazas de ser bastante igualado. O Equipo rosiña chega a este partido cunha bagaxe importante de puntos e con superiores sensacións nos terreos de xogo. A pasada xornada ante unha ampla representación de seareiros o DCM tivo nas súas mans os 3 puntos, despois de dominar a maior parte do partido ó igual que na primeira xornada. Porén nuns minutos fatídicos da segunda parte o Cafetería Zaida foi quen de empatar no marcador. Polo tanto o DCM debe tratar neste partido de pechar canto antes o encontro e sobre todo de aproveitar mellor as súas ocasións xa que en ámbolos dous partidos tivo a ocasión de pechar o encontro moito antes, e nos dous rematou sufrindo. E é que se nos axustamos ós parciais os datos son ben certeiros. Nas primeiras partes o DCM ten un claro 5-0 ó seu favor, tras ir gañando os seus encontros por 3-0 ante o Danais e 2-0 ante o Zaida,  e pola contra nas segundas metades o equipo encaixou 2 goles en cada encontro, é dicir ten un parcial de 0-4. Polo tanto o DCM debe tratar de manter nas segundas partes o nivel mostrado nos primeiros tempos e intentar que o rival non sexa quen de pechalos preto da súa portería, se ben é certo que nos dous partidos xogados o equipo non se viu especialmente afogado por ningún dos seus contrincantes. A pesar destes problemas amosados nos segundos tempos o DCM presenta unha idea de xogo e un rendemento que fai soñar ós seareiros con estar loitando nos postos sobranceiros da categoría ó longo de todo o campionato, xa que en todos os partidos xogados ata o de agora, con rivais que gañaron todos os seus partidos agás os disputados contra o DCM, o equipo deu un rendemento notábel e amosou unha cara moi diferente a da pasada temporada.

O escenario deste partido será un vello coñecido para os nosos, non é outro que o Pavillón do Monte da Mina, que deu moitos quebradeiros de cabeza a pasada temporada onde o DCM non foi quen de lograr ningunha vitoria e foi o campo no que se fraguou o descenso do club a segunda división de Vigo En Xogo. Poren é necesario salientar que tamén neste campo o DCM foi quen de celebrar o ascenso a segunda división fai uns anos. De aquela nas previas do DCM adoitábase nomear ó pavillón como o "máxico" Monte da Mina, por ser un terreo de xogo onde o DCM colectaba grandes resultados. Polo tanto agardemos que tras un ano de seca a Mina volva a ser o talismán que guíe ós nosos nunha ilusiónante temporada.

Para este partido o DCM contará con unha extensa convocatoria, se nada se torce, xa que poderá contar con 9 xogadores, con todos menos Quique que non está previsto que se reincorpore até o Nadal. Por tanto o equipo contará con Jorge na portería, e con dous recambios por posición. Vare, Chap, Selu e Xmon ocuparán os postos defensivos, namentres que para as posicións máis avanzadas estarán Yago, Pani, Emi e Davo. Polo tanto unha moi boa convocatoria na que agardemos que os defensas sigan aportando os goles das pasadas xornadas (Selu e Xmon foron os goleadores do pasado encontro) e na que os dianteiros sigan amosando o bo nivel que está facendo que o equipo sexa quen de xerar moitísimas ocasións de gol, con xogadas tan bonitas como a fabricada por Yago a semana pasada. Todo isto sen esquecer que para gañar os partidos hai que ser fortes en defensa, e que para selo os 5 xogadores que están no terreo de xogo deberán dar o seu máximo nivel.

O partido xa o saben, se disputará en “Prime Time” ás 21:00 h do sábado 19 de outubro, e o escenario o xa mencionado Monte da Mina. Oxalá a resposta dos seareiros sexa similar a da pasada xornada e que desta vez o DCM sexa quen de adicarlle unha vitoria ós seus seguidores. 

Xa o saben, todo o resumo do partido o traerá Lino na súa crónica. Un saúdo.

martes, 15 de octubre de 2013

O DCM mantense na cuarta praza, a tan só 2 puntos do líder.

Grazas ó empate obtido ante o Cafetería Zaida o DCM consigue manterse nos postos sobranceiros da táboa clasificatoria. Con 4 puntos atópase a tan só dous do liderado e dos postos de ascenso e empatado con terceiro clasificado, que non é outro que o rival do DCM a pasada fin de semana.

Nos resultados rechamantes, podemos destacar o Endulco 1- 6 Cafetería Danais, recordemos que o Cafetería Danáis foi o rival do DCM na primeira xornada, onde o noso equipo foi quen de superalos por un axustado 3-2 facendo un moi bo xogo e estragando moitas oportunidades. Outro resultado destacado e a vitoria tamén por 6-1 do Tapería Ouxo ó Bar Lobis Home que lle permite liderar a clasificación. Por último o Camping Cangas, rival que a semana pasada viña de perder co Cafetería Zaida conseguiu facerse coa vitoria por 5-0

Como podemos observar a liga está moi igualada, e tan só 2 equipos foron quen de gañar ios seus dous partidos, e tan só 5 equipos mantéñense invictos tras duas xornadas de competición.

Para máis información sobre a clasificación preman Aquí

lunes, 14 de octubre de 2013

“Punto amargo na festa do Dcmismo” DCM 2-2 Caf.Zaida


Día importante na historia dcmista este domingo 13 de outubro de 2013; non polo resultado acadado nin por ningún outro aspecto meramente deportivo, senón porque o clube conseguíu reenganchar de novo a unha afección aparentemente recuperada do mazazo do descenso. Favoreceu o horario, o tempo climatolóxico e o pavillón, pero o importante foi que os seareiros igualaron ou incluso bateron o rexistro histórico de asistencia.

O encontro principiou con puntualidade baixo a batuta dun novo colexiado. Enfronte un Caf.Zaida que chegaba tras vencer tamén na primeira xornada de liga.
O duelo tivo moitísima intensidade durante os 50 minutos. A diferenza do ocorrido no primeiro partido, o ritmo foi moi superior, e aínda que non é o que máis lle gusta ós nósos, souberon adaptarse a él, e conseguiron levar o peso do choque nos primeiros compases. O DCM tiña máis posesión e máis preto da zona de perigo que o rival, mais o 0-0 perduraba no electrónico. Tardou moito en chegar o primeiro tanto. Sería obra de Xmon tras aproveitar un rexeite procedente dun balón ó pau de Yago nunha fermosa acción individual. Primeiro gol dun Xmon que confirma así a súa transformación a un xogador máis dinámico e ofensivo prognosticada polos entendidos. 1-0.
A vantaxe merecía ser máis ampla para un DCM que gozara das únicas ocasións do partido, pero o axustado do resultado mantiña a preocupación no equipo, que non acabou de xogar con toda a comodidade que lle gustaría. Ante ese “medo” nos últimos minutos da primeira metade, os nósos sufriron algo máis, cederon o balón e Jorge comezou a ter algo de traballo. Porén chegaríase con ese 1-0 ó descanso.

No inicio da segunda metade o rival aumentou a presión e impedía que o DCM tivese a posesión do esférico. Pero os rosiñas defendían con solvencia, só permitindo disparos lonxanos sen demasiado perigo. Ademáis, o equipo sabía que gozaría dalgún contragolpe. Nun deles, Selu inauguraba a súa conta particular tras rematar a pracer unha xogada con Emi. 0-2.
O Caf.Zaida notou o golpe e baixou a intensidade no seu xogo, vendo máis lonxe a remontada. Era xa a fase definitiva do encontro, e cando menos apretaba o rival e cando máis preto estaba a vitoria, chegaron dúas xogadas illadas, sen aparente perigo e que significarían o empate. O 2-1 por unha falta de contundencia defensiva e o 2-2 tras un saque en longo do gardamallas rival. En escasos minutos o rival lograba o empate cando menos o buscaba.
Aínda así o DCM espertou e tivo de novo a vitoria nunha das últimas xogadas, na que Emi sufría dúas violentas entradas cando xa encaraba a portería rival. O 3-2 non chegou e o DCM e a súa numerosa afección tiveron que conformarse co empate.

A sensación foi que o equipo mereceu máis e que deixou escapar dous puntos. Pero a análise non debe ser de todo negativa, xa que o equipo volveu mostrar unha boa imaxe (ó igual que na primeira xornada) e hai que destacar que enfronte tiña un rival que semella ter nivel suficiente para estar cos mellores equipos da división.

Toca pensar xa no vindeiro encontro que Xaime analizará na previa. Un partido no que os nósos deben tentar materializar en máis goles o seu dominio inicial dos partidos para non sufrir nos minutos finais.
De momento quedan coas imaxes do enconro cortesía de LúaGil!

Reciban un cordial saúdo. 

sábado, 12 de octubre de 2013

Un Reforzado DCM Busca a súa Segunda Vitoria. DCM Vs Cafetería Zaida.

Moi bos/boas días/tardes/noites benqueridos lectores. 

Xa está aquí a segunda xornada de liga, a que o DCM chega cun moi bo sabor nos seus beizos despois de comezar gañando o campionato a semana pasada ante outra cafetería, neste caso a Cafetería Danais. Como ben explicou Lino na súa crónica o equipo Rosiña (nese partido Rosi-Branco) deixou moi boas sensacións a pesar do curto do resultado (3-2), xa que deu un gran nivel defensivo e tamén ofensivo onde xerou numerosísimas ocasións claras de gol a pesares de que tan só se concretaron 3. 

Esta semana o rival será outro descoñecido para os nosos, o Cafetería Zaida que atópase un posto por riba do DCM xa que foi quen de gañar o seu partido da primeira xornada por 5-3 ante o Cámping Cangas. Polo tanto ó igual que o DCM chega a este partido tras acadar unha vitoria na primeira xornada do campionato. O que si sabemos do Cafetería Zaida e que é un equipo recen ascendido a categoría. A temporada pasada rematou terceiro do seu grupo na terceira división (3ªB), cunha bagaxe de 19 partidos gañados, 2 empatados e 7 perdidos, 121 goles a favor e 70 na contra, o que lle converteu no segundo máximo anotador do seu grupo. Polo tanto que tras analizar o seu pasado e ver o resultado da primeira xornada, parece que nos vamos a atopar cun rival moi ofensivo quen porá a proba a solidez defensiva mostrada polo equipo na primeira xornada de liga. 

Polo bando local o DCM chega a este partido coa moral alta tras a última xornada de liga, onde puidéronse corroborar as sensacións da pretemporada, sendo un equipo moito máis maduro á hora de administrar a súa vantaxe e que non regala o balón a pesar da presión do rival. Ademais este partido chega con moi boas novas para os nosos, xa que o equipo contará con dous reforzos respecto a pasada xornada ligueira. Xmon e Yago aportarán fortaleza defensiva e ofensiva respectivamente. Xmon aportará esa frescura e rapidez que xa abraiou ós seareios a pasada temporada coa súa grande progresión física, e Yago aportará solucións diferentes ó equipo, moi necesarias, ó ser un dianteiro diferente ó resto dos xogadores da parte avanzada do equipo. Con estes dous reforzos agardamos que o equipo aumente o potencial xa moi positivo da primeira xornada e que ademais lle permita ós xogadores ter un punto máis de frescura no discorrer do encontro.

Polo tanto a convocatoria definitiva será Jorge baixo os paus, Vare, Selu e Xmon en defensa, que agardemos manteña o seu bo nivel da pasada xornada, Davo como home comodín e Emi, Pani e Yago en posicións máis adiantadas que buscarán manter o nivel da pasada xornada e ademais ser quen de incrementar a porcentaxe de goles marcados en relación coas ocasións xeradas. Polo tanto baixo este esquema pero recordando que todos atacan e que todos defenden, como ben di un adestrador asturiano residente na nosa cidade, o DCM intentará seguir mostrando as boas sensacións e empuxe da primeira xornada.

O partido diputarase o Domingo 13 de Outubro ás 17:00 horas no Pavillón do Calvario, unha hora perfecta  para asistir a un encontro de fútbol e onde o equipo DCM'ista precisará o apoio da bancada para conseguir outros tres puntos que lle manteñan na zona de privilexio da táboa clasificatoria. 

Non o dubiden, o Domingo acudan o pavillón do Calvario, onde se agarda unha moita mellor entrada que a semana pasada!. E despois do partido xa o saben Lino traeralles toda a información sobre o mesmo.

martes, 8 de octubre de 2013

"O DCM regresa con vitoria" Caf.Danais 2-3 DCM


Principiou a tempada 2013-2014. O equipo venceu por 2-3 a Caf.Danais e inicia a súa nova andaina na 2ª división con bo pé, aínda que non exento de sufrimento.

E é que a primeira dificultade da tempada chegou incluso antes do asubío inicial do colexiado, cando os nósos comprobaron que o rival vestía exactamente a mesma equipación rosiña. Tras sopesar varias opcións, o clube decidíu saír do apuro cunha solución efectiva, aínda que pouco vistosa, entregando as camisetas ós seus xogadores do revés, convertíndoas así nunha cor branca rosácea que o colexiado deu por aceptable para principiar co encontro.

Tralo asubío inicial todo mellorou para o equipo, e é que tras uns primeiros minutos de tanteo, pouco a pouco fíxose co peso do partido e comezou a levar perigo cara a meta rival, namentres o sistema defensivo funcionaba á perfección e o rival apenas chegaba preto da meta de Jorge.
Con esta situación chegaron os goles. Emi en dúas ocasións e Davo levaban en pouco tempo o 0-3 ó electrónico. Puideron ser máis, pero entón o depósito de gasoliña do equipo entrou en reserva, e o rival comezou a achegarse algo máis a área, obrigando a Jorge a facer dúas grandes intervencións nos intres finais deste primeiro periodo.

O DCM agardaba unha segunda metade tranquila, pero ós poucos minutos o rival meteuse no encontro tras un inevitable penalti por mans de Pani na liña de gol que significaba o primeiro cartón da tempada. Así chegaba o 1-3 que daba folgos a Caf.Danais.
O rival subíu a presión, pero os nósos tiñan a lección aprendida tralo último amistoso en Valladares e tentaron manter a calma. Sempre que era posible buscaban saír da presión tocando o esférico e así gozaron de moi bos contragolpes pero estiveron moi desatinados de cara a porta.
Nos instantes finais tras un corner en curto que petaba en Emi e con moita fortuna, o Danais facía o 2-3.
Saíu entón o instinto de supervivencia Dcmista e a pesares de que o cansazo era moi elevado (Davo retirárase mancado), o equipo respostou ós últimos ataques rivais defendendo con todo, mantendo así o resultado e sumando os primeiros 3 puntos da tempada.

Foi en definitiva un partido moi completo dos nósos, onde na primeira metade amosaron a súa capacidade para levar o peso do partido cando o encontro o require e nos segundos 25 minutos demostraron que tamén saben render a bo nivel cando toca defenderse con unllas e dentes e saír á contra. 

O encontro significou tamén o debut oficial de Selu co equipo. Realizou un fantástico partido en defensa, mantendo ben a posición e sen asumir excesivos riscos, unido a un gran traballo físico nos minutos finais cando o cansazo pesaba nos seus compañeiros. Ademáis rozou o gol cun potente disparo ó pau longueiro.
A un gran nivel rendeu tamén o resto do equipo. Jorge tivo uns 20 primeiros minutos de aparente tranquilidade pero nos 30 restantes tivo moito traballo, que solventou de forma sobresaínte, e axudou a que os seus compañeiros mantivesen a concentración en cada xogada e en cada saque de esquina. Vare, aportou seguridade defensiva e tratou de non perder a calma na saída de balón; tivo grandes opcións en contragolpes na segunda metade pero non estivo atinado no derradeiro pase ou disparo a porta. Pani aportou un enorme traballo, con fantásticos repliegues defensivos e ofrecéndose sempre para facilitar a saída de balón dende atrás; só faltoulle atopar porta. Emi non só aportou 2 goles e unha asistencia senón que tamén estivo extraordinario en tarefas defensivas, levando o peso do choque. E Davo, moi xeneroso na súa nova función no equipo, deixou todo no campo, anotou un tanto e estivo moi preto de facer algún máis; será este ano unha peza fundamental para o DCM.

Agora a pensar xa no seguinte encontro no que se agarda unha convocatoria moito máis ampla, polo que cada xogador deberá mostrar que sabe tamén xogar ó máximo rendemento en periodos máis curtos de tempo. Despedímonos ata a previa de Xaime! Un saúdo!

LINO. 

O DCM Se sitúa na cuarta posición empatado a puntos co Líder. Calendario Xa Publicado

Trala disputa da primeira xornada de Liga, o DCM sitúase cuarto na táboa clasificatoria empatado a puntos cos postos de ascenso, de seguido os resultados e a clasificación, onde destaca a vitoria por 0-6 do Panadería Travesía ante o Bar Lobis Home, que tamén poden consultar (con mellor resolución) na sección "Clasificación e Resultados" ou ben na seguinte ligazón --> Premer Aquí


Pola súa banda xa se publicaron o calendario da competición que podedes consultar na nosa sección "Calendario", en http://www.vide.es/calendario-de-competicion  ou ben premendo Aquí