domingo, 24 de octubre de 2010

“Vitoria con cara peaxe” Caf.Castelao 4-7 DCM



O DCM suma a terceira vitoria consecutiva nun partido tolo, con intercambio continuo de golpes onde os nósos saíron airosos ó buscar máis veces e con mellor sorte o gol sobre a portería rival. A ledicia pola vitoria queda empañada pola lesión muscular de Emi que supón un duro varapau para o equipo.

A cuarta xornada de liga deparounos un encontro con moitos goles, un encontro que deixa ó DCM con 9 puntos de 12 posibles e ben situado na táboa clasificatoria antes do parón pola ponte festiva do vindeiro fin de semana.
Arango foi o colexiado do partido. O rival, un vello coñecido, o antigo Asesores e posteriormente Café Bar O Parque que agora acuña o nome de Caf. Castelao. Un rival que xa en 3ª división puxéralle as cousas difícil ós nósos en varias ocasións e hoxe tamén o conseguiron.

O DCM comezaría mandando ó entrar máis metido no encontro que o rival. Os branquiazuis chegaban antes ós cruces e recuperaban máis balóns creando as primeiras ocasións. Pero nestes primeiros minutos chegaría a desgraciada xogada do encontro; nunha acción fortuita en ataque, Emi sentía unha rotura muscular e tiña que deixar o partido. O diagnóstico: rotura de fibras nos isquiotibiais. Duro golpe para os nósos que tentarían refacerse con goles.
O primeiro chegaría nunha pefecta contra na que Quique tiraba unha parede con Vare e o 9 Dcmista anotaba o 0-1. Gol de libro.
Seguía mandando o DCM tralo primeiro gol, aínda que Castelao comezaba a ter ocasións con saques de esquina e disparos lonxanos, pero de novo sería o DCM o que golpearía. Nunha xogada embarullada, tras un tiro dos nósos, o gardamallas rival detía con dificultades e deixaba o balón solto, e un atentísimo Yago adiantábase a todos para meter a punteira e facer o 0-2.
Con esta vantaxe o DCM foi cedendo algo de terreo, mais o Caf.Castelao non acababa de dominar pero sí conseguía crear perigo en xogadas illadas. Primeiro nun despexe dende propio campo que colleu a Jorge adiantado pero que reaccionou a tempo para desviar o balón a corner. Pero o gol chegaría cun potentísimo disparo lonxano do seu nº11, un dianteiro que xa lle fixo moitos goles ó DCM e hoxe non quería faltar a súa cita. 1-2.
Tería o DCM outro par de ocasións clarísimas que non atoparían porta, unha nos pés de Pani e outra nun saque de falta na que Xmon rematou sen marca pero sen fortuna.
Así chegabamos ó descanso.

O DCM era mellor e íase ó descanso con vantaxe pero moi curta para o visto sobre o campo.

E ese resultado tan curto animou ós rivais que saíron a por todas na segunda metade aproveitando tamén que os nósos saíron moi desaxustados nestes primeiros minutos da reanudación.
Así conseguirían o 2-2 cun disparo dende a frontal con facilidade ante a pasividade defensiva dos dcmistas.
Era un momento chave do partido, o que marcara tiña moito gañado, e por fortuna o gol chegou para os nósos. A xogada entre Quique e Vare da primeira metade repetíase pero con intercambio de funcións, agora era o noso defensor o que tiraba a parede co dianteiro e remataba a pracer facendo o seu primeiro gol na tempada e conseguindo o 2-3.
O momento parecía idóneo para que o DCM puxese tranquilidade e dominase o encontro, pero todo o contrario. O partido toleou. As ocasións sucedíanse para ambos lados, pero de novo o golpe do dcm sería o certeiro.
Quique tiraba de calidade para en tres minutos facer dous goles e conseguir o seu particular hattrick para levar o 2-4 e 2-5 ó electrónico.
Pero de novo ante a incapacidade de controlar o partido pola nosa parte, o rival recurtaría diferencias tras un erro na saída do balón para marcar o 3-5
Pero escasos minutos despois Yago sumábase de novo á festa para marcar outro par de goliños e atribuírse o segundo hattrick da tarde. 3-6 e 3-7.
Mais o festival goleador non remataría ahí, e de novo nunha falta da habitual seriedade defensiva dos dcmistas o Caf.Castelao anotaba o 4-7 definitivo.

Partido moi entretido para os afeccionados, mais encontro do que aborrecen os adestradores, xa que ningún equipo foi quén de mandar no encontro e xogouse durante moitos minutos á ruleta rusa.
O importante son os 3 novos puntos que ratifican ó DCM como un dos 7 equipos que loitarán na zona noble da táboa clasificatoria.

Dende aquí desexar a Emi unha pronta recuperación e ós nósos pedirlle dobre ración de compromiso se hai que cubrir a súa ausencia.

De momento fin de semana de parón ligueiro na que agardemos que o equipo non perda esta dinámica de vitorias.
Reciban un cordial saúdo.
Forza DCM

No hay comentarios: