viernes, 22 de octubre de 2010

Canditatos?. Xornada 4. Cafetería Castelao Vs DCM

Moi boas queridos lectores. Outra semana máis estamos aquí para comentarlles o que vai a ser a cuarta xornada de liga na competición recreativa non federada máis importante de España, Vigo en Xogo.

Esta semana o equipo DCM'ista recibiu a noticia de que finalmente a fichaxe de Toño non chegou a bo porto, e que polo tanto, o equipo deberá intentar acadar os seus obxectivos co mesmo plantel dos 4 últimos anos, e polo tanto co plantel que conseguiu o ascenso a segunda división fai dous anos. Iso si, cun pequeno troco de cromos en canto ós minutos xogados. Chapela nesta primeira etapa da competición ligueira vai xogar menos minutos que en temporadas pasadas por mor das súas molestias lumbares, e por outra banda Xmon vai xogar (xa o está a facer) moitos máis minutos que en temporadas anteriores. Con estes membros a semana pasada Lino deixaba caer a posibilidade de que este equipo loite por estar nos postos de arriba na clasificación ligueira tras as boas sensacións deixadas nos dous últimos partidos. Poren o equipo deberá confirmar estas aspiracións cunha xeira de resultados positivos que se alongue máis no tempo, xa que de momento o equipo tan só gañou dous partidos e perdeu un, números de zona media. O que ben é certo e que o equipo deixou moi boas sensacións nos dous últimos partidos, destacando a gran cantidade de goles marcados 12 nos dous últimos partidos (6 por partido), e a solidez defensiva que lle permitiu encaixar un tanto nas dúas xornadas precedentes (0,5 goles encaixados por partido). Dende logo estes números si que fan mirar ó futuro con máis optimismo pero sempre coa prudencia necesaria e sabendo que eses números se deben referendar no campo, mantendo a solidez defensiva que caracterizou sempre a este equipo (ascendeu a segunda división como o equipo menos goleado de terceira "C" empatado co Acerón) e mantendo o acerto cara gol dos últimos partidos, nos que ademais o equipo xerou multitude de ocasións. Dende logo parece que os nosos tomaron boa nota dos erros cometidos na primeira xornada de liga.

Esta semana o equipo DCM'ista cambia por primeira vez de escenario dende que comezou a temporada, abandona o pavillón do Monte da Mina, onde sigue atrapado un balón propiedade do DCM, e trasládase a parroquia viguesa que leva no seu nome a frase de "lugar onde se vive ben", (Bene Vivere) que derivou en Bembrive. Este pavillón é un dos mellores que nos brinda a competición local, cunha gradaría con boa visión do campo ó estar elevado e un bo terreo de xogo de parquet. Un pavillón que ós nosos lle gusta bastante aínda que todo se debe a boa xeira de resultados que acadara no mesmo na súa primeira temporada nesta competición fai xa 5 anos, xa que dende aquela os resultados do pavillón non son mellores que os acadados noutros. Aínda así as instalación de Bembrive están en moi boas condicións (salvo os fondos cando chove con forza, xa que ten unhas pequenas goteiras) e é un lugar idóneo para a práctica do fútbol sala.

Do rival de esta semana pouco podemos dicir, xa que os nosos non o puideron ver nestas primeiras xornadas de campionato. O que si que podemos salientar e que chegaran ó partido contra o Deportes Carlos Miguel algo cansos, xa que tan só 24 horas antes e no mesmo escenario, o Cafetería Castelao terá un enfrontamento contra o Bar Lobishome, un partido correspondente á segunda xornada de liga que tivo que se aprazado por motivos que descoñecemos. Ademais de este dato o Cafetería Castelao acumula até este intre unha bagaxe de un partido gañado e un partido perdido. Gañou o partido correspondente a primeira xornada contra o Bar Kubi ó que se impuxo por 1-3, e perdeu o partido da terceira xornada contra un dos equipos fortes neste comezo de temporada, contra o Cafetería Zeus por 8-2.

Con estes datos Ratckovic Varela intentará preparar ós seus para afrontar unha nova xornada de liga, na que poderá contar con todo o seu plantel, agás a probábel baixa de Chap polas súas molestias lumbares. Desta forma a convocatoria estará formada por Jorge para a portería, Vare, Xmon e Pali para a zona defensiva, e Emi, Yago, Pani e Quique para os postos de arriba. 8 xogadores por tanto para afrontar con garantías un partido no que pode ser clave chegar con opcións até os últimos minutos e neses intres intentar apertar a un rival que pode que chegue cansado ó noso partido se non teñen un bo fondo de armario para estes dous partidos que lle agardan esta fin de semana. O equipo DCM'ista ademais deberá amosar esa forza e solidez da que fixo gala nos dous últimos partidos e intentar ser fiel as súas ideas e comezar con moita concentración o partido, xa que está sendo clave nestes partidos comezar marcando e pórse por diante no marcador, para así xogar con máis calma.

O encontro xa o saben, será este domingo ás 16:00 h, un moi bo horario para que os seareiros DCM'istas poidan gozar dun bo encontro, e apoien ós seus para intentar entre todos que o equipo teña máis posibilidades de optar a estar na zona nobre da clasificación. A resolución o Domingo en Bembrive.

Aliñación Probábel:

-----Jorge-----

-Xmon----Pali-

-----Emi------

-----Yago-----

Banco: Vare, Pani e Quique.

No hay comentarios: