domingo, 24 de octubre de 2010

“Vitoria con cara peaxe” Caf.Castelao 4-7 DCM



O DCM suma a terceira vitoria consecutiva nun partido tolo, con intercambio continuo de golpes onde os nósos saíron airosos ó buscar máis veces e con mellor sorte o gol sobre a portería rival. A ledicia pola vitoria queda empañada pola lesión muscular de Emi que supón un duro varapau para o equipo.

A cuarta xornada de liga deparounos un encontro con moitos goles, un encontro que deixa ó DCM con 9 puntos de 12 posibles e ben situado na táboa clasificatoria antes do parón pola ponte festiva do vindeiro fin de semana.
Arango foi o colexiado do partido. O rival, un vello coñecido, o antigo Asesores e posteriormente Café Bar O Parque que agora acuña o nome de Caf. Castelao. Un rival que xa en 3ª división puxéralle as cousas difícil ós nósos en varias ocasións e hoxe tamén o conseguiron.

O DCM comezaría mandando ó entrar máis metido no encontro que o rival. Os branquiazuis chegaban antes ós cruces e recuperaban máis balóns creando as primeiras ocasións. Pero nestes primeiros minutos chegaría a desgraciada xogada do encontro; nunha acción fortuita en ataque, Emi sentía unha rotura muscular e tiña que deixar o partido. O diagnóstico: rotura de fibras nos isquiotibiais. Duro golpe para os nósos que tentarían refacerse con goles.
O primeiro chegaría nunha pefecta contra na que Quique tiraba unha parede con Vare e o 9 Dcmista anotaba o 0-1. Gol de libro.
Seguía mandando o DCM tralo primeiro gol, aínda que Castelao comezaba a ter ocasións con saques de esquina e disparos lonxanos, pero de novo sería o DCM o que golpearía. Nunha xogada embarullada, tras un tiro dos nósos, o gardamallas rival detía con dificultades e deixaba o balón solto, e un atentísimo Yago adiantábase a todos para meter a punteira e facer o 0-2.
Con esta vantaxe o DCM foi cedendo algo de terreo, mais o Caf.Castelao non acababa de dominar pero sí conseguía crear perigo en xogadas illadas. Primeiro nun despexe dende propio campo que colleu a Jorge adiantado pero que reaccionou a tempo para desviar o balón a corner. Pero o gol chegaría cun potentísimo disparo lonxano do seu nº11, un dianteiro que xa lle fixo moitos goles ó DCM e hoxe non quería faltar a súa cita. 1-2.
Tería o DCM outro par de ocasións clarísimas que non atoparían porta, unha nos pés de Pani e outra nun saque de falta na que Xmon rematou sen marca pero sen fortuna.
Así chegabamos ó descanso.

O DCM era mellor e íase ó descanso con vantaxe pero moi curta para o visto sobre o campo.

E ese resultado tan curto animou ós rivais que saíron a por todas na segunda metade aproveitando tamén que os nósos saíron moi desaxustados nestes primeiros minutos da reanudación.
Así conseguirían o 2-2 cun disparo dende a frontal con facilidade ante a pasividade defensiva dos dcmistas.
Era un momento chave do partido, o que marcara tiña moito gañado, e por fortuna o gol chegou para os nósos. A xogada entre Quique e Vare da primeira metade repetíase pero con intercambio de funcións, agora era o noso defensor o que tiraba a parede co dianteiro e remataba a pracer facendo o seu primeiro gol na tempada e conseguindo o 2-3.
O momento parecía idóneo para que o DCM puxese tranquilidade e dominase o encontro, pero todo o contrario. O partido toleou. As ocasións sucedíanse para ambos lados, pero de novo o golpe do dcm sería o certeiro.
Quique tiraba de calidade para en tres minutos facer dous goles e conseguir o seu particular hattrick para levar o 2-4 e 2-5 ó electrónico.
Pero de novo ante a incapacidade de controlar o partido pola nosa parte, o rival recurtaría diferencias tras un erro na saída do balón para marcar o 3-5
Pero escasos minutos despois Yago sumábase de novo á festa para marcar outro par de goliños e atribuírse o segundo hattrick da tarde. 3-6 e 3-7.
Mais o festival goleador non remataría ahí, e de novo nunha falta da habitual seriedade defensiva dos dcmistas o Caf.Castelao anotaba o 4-7 definitivo.

Partido moi entretido para os afeccionados, mais encontro do que aborrecen os adestradores, xa que ningún equipo foi quén de mandar no encontro e xogouse durante moitos minutos á ruleta rusa.
O importante son os 3 novos puntos que ratifican ó DCM como un dos 7 equipos que loitarán na zona noble da táboa clasificatoria.

Dende aquí desexar a Emi unha pronta recuperación e ós nósos pedirlle dobre ración de compromiso se hai que cubrir a súa ausencia.

De momento fin de semana de parón ligueiro na que agardemos que o equipo non perda esta dinámica de vitorias.
Reciban un cordial saúdo.
Forza DCM

viernes, 22 de octubre de 2010

Canditatos?. Xornada 4. Cafetería Castelao Vs DCM

Moi boas queridos lectores. Outra semana máis estamos aquí para comentarlles o que vai a ser a cuarta xornada de liga na competición recreativa non federada máis importante de España, Vigo en Xogo.

Esta semana o equipo DCM'ista recibiu a noticia de que finalmente a fichaxe de Toño non chegou a bo porto, e que polo tanto, o equipo deberá intentar acadar os seus obxectivos co mesmo plantel dos 4 últimos anos, e polo tanto co plantel que conseguiu o ascenso a segunda división fai dous anos. Iso si, cun pequeno troco de cromos en canto ós minutos xogados. Chapela nesta primeira etapa da competición ligueira vai xogar menos minutos que en temporadas pasadas por mor das súas molestias lumbares, e por outra banda Xmon vai xogar (xa o está a facer) moitos máis minutos que en temporadas anteriores. Con estes membros a semana pasada Lino deixaba caer a posibilidade de que este equipo loite por estar nos postos de arriba na clasificación ligueira tras as boas sensacións deixadas nos dous últimos partidos. Poren o equipo deberá confirmar estas aspiracións cunha xeira de resultados positivos que se alongue máis no tempo, xa que de momento o equipo tan só gañou dous partidos e perdeu un, números de zona media. O que ben é certo e que o equipo deixou moi boas sensacións nos dous últimos partidos, destacando a gran cantidade de goles marcados 12 nos dous últimos partidos (6 por partido), e a solidez defensiva que lle permitiu encaixar un tanto nas dúas xornadas precedentes (0,5 goles encaixados por partido). Dende logo estes números si que fan mirar ó futuro con máis optimismo pero sempre coa prudencia necesaria e sabendo que eses números se deben referendar no campo, mantendo a solidez defensiva que caracterizou sempre a este equipo (ascendeu a segunda división como o equipo menos goleado de terceira "C" empatado co Acerón) e mantendo o acerto cara gol dos últimos partidos, nos que ademais o equipo xerou multitude de ocasións. Dende logo parece que os nosos tomaron boa nota dos erros cometidos na primeira xornada de liga.

Esta semana o equipo DCM'ista cambia por primeira vez de escenario dende que comezou a temporada, abandona o pavillón do Monte da Mina, onde sigue atrapado un balón propiedade do DCM, e trasládase a parroquia viguesa que leva no seu nome a frase de "lugar onde se vive ben", (Bene Vivere) que derivou en Bembrive. Este pavillón é un dos mellores que nos brinda a competición local, cunha gradaría con boa visión do campo ó estar elevado e un bo terreo de xogo de parquet. Un pavillón que ós nosos lle gusta bastante aínda que todo se debe a boa xeira de resultados que acadara no mesmo na súa primeira temporada nesta competición fai xa 5 anos, xa que dende aquela os resultados do pavillón non son mellores que os acadados noutros. Aínda así as instalación de Bembrive están en moi boas condicións (salvo os fondos cando chove con forza, xa que ten unhas pequenas goteiras) e é un lugar idóneo para a práctica do fútbol sala.

Do rival de esta semana pouco podemos dicir, xa que os nosos non o puideron ver nestas primeiras xornadas de campionato. O que si que podemos salientar e que chegaran ó partido contra o Deportes Carlos Miguel algo cansos, xa que tan só 24 horas antes e no mesmo escenario, o Cafetería Castelao terá un enfrontamento contra o Bar Lobishome, un partido correspondente á segunda xornada de liga que tivo que se aprazado por motivos que descoñecemos. Ademais de este dato o Cafetería Castelao acumula até este intre unha bagaxe de un partido gañado e un partido perdido. Gañou o partido correspondente a primeira xornada contra o Bar Kubi ó que se impuxo por 1-3, e perdeu o partido da terceira xornada contra un dos equipos fortes neste comezo de temporada, contra o Cafetería Zeus por 8-2.

Con estes datos Ratckovic Varela intentará preparar ós seus para afrontar unha nova xornada de liga, na que poderá contar con todo o seu plantel, agás a probábel baixa de Chap polas súas molestias lumbares. Desta forma a convocatoria estará formada por Jorge para a portería, Vare, Xmon e Pali para a zona defensiva, e Emi, Yago, Pani e Quique para os postos de arriba. 8 xogadores por tanto para afrontar con garantías un partido no que pode ser clave chegar con opcións até os últimos minutos e neses intres intentar apertar a un rival que pode que chegue cansado ó noso partido se non teñen un bo fondo de armario para estes dous partidos que lle agardan esta fin de semana. O equipo DCM'ista ademais deberá amosar esa forza e solidez da que fixo gala nos dous últimos partidos e intentar ser fiel as súas ideas e comezar con moita concentración o partido, xa que está sendo clave nestes partidos comezar marcando e pórse por diante no marcador, para así xogar con máis calma.

O encontro xa o saben, será este domingo ás 16:00 h, un moi bo horario para que os seareiros DCM'istas poidan gozar dun bo encontro, e apoien ós seus para intentar entre todos que o equipo teña máis posibilidades de optar a estar na zona nobre da clasificación. A resolución o Domingo en Bembrive.

Aliñación Probábel:

-----Jorge-----

-Xmon----Pali-

-----Emi------

-----Yago-----

Banco: Vare, Pani e Quique.

jueves, 21 de octubre de 2010

Xornada 4 de Vai-Á Porra

Estes son os partidos seleccionados para a cuarta xornada de VAI-Á Porra 2010/2011

Cafetería Castelao Vs Deportes Carlos Miguel
Wapichi United Vs Cafetería Zeus
Bar Cocedero La Piedra Vs Bar Kubi

Recordamos que:
- Para participar en Vai-á Porra débese por un comentario nesta nova.
- A puntuación é a seguinte
+1 punto por acertar o gañador do partido
+2 puntos por acertar o gañador do partido e os goles que marca un dos dous equipos
+5 puntos por acertar o resultado completo

Na entrada de Abaixo tedes a clasificación actualizada.

miércoles, 20 de octubre de 2010

Clasificación Xornada 3 de Vai-Á Porra

Gran Xornada en Vai-A Porra con dous novos participantes: Antía#1 e Lafuente ós que lles agradecemos que anímense a participar outro ano máis nesta porra, xa que son vellos coñecidos.

Ademais hai que destacar esta xornada o gran número de puntos que conseguiron moitos dos participantes. Moitos acertaron o número de goles de moitos equipos, e Quique foi quen de acertar o resultado exacto do Frutas Nieves Vs Parquets Eloy. O que lle permite auparse ó segundo posto da clasificación xunto con Jorge. Pola súa banda Orly sigue outra semana máis na parte máis alta da clasificación.

martes, 19 de octubre de 2010

Comunicado Oficial

O Club comunica que a contratación, anunciada no seu día neste blog, de Toño, finalmente non se vai producir por mor das obrigas estudantís do xogador. O Club non desbota a súa fichaxe nun futuro, e lle desexa a mellor das sortes na súa carreira universitaria.

Polo tanto o plantel do Deportes Carlos Miguel para esta temporada, queda composto polos 9 integrantes que compuxeron o equipo nos últimos 4 anos. Esto é, Jorge, Pali, Chap, Xmon, Vare, Pani, Emi, Quique e Yago. Nos vindeiros días agardamos activar a sección plantel do blog, a única sección que aínda non está en funcionamento.

domingo, 17 de octubre de 2010

“Candidatos” DCM 7-1 Silvafresh



O DCM suma a segunda goleada consecutiva ante un vixente campión de 3ªdivisión e amosa así que pode ser un dos candidatos a manterse na zona alta da táboa.
O partido foi dominado dende o principio polos dcmistas que traballaron na primeira metade e sentenciaron na segunda parte.


Se a primeira xornada de liga foi a do toque de atención, a segunda a da tranquilidade, esta terceira, podería dicirse que é a que leva ilusión á parroquia dcmista e convirte ó equipo nun candidato para estar entre os mellores da liga.
É moi cedo para dicilo, e de seguro que chegarán moitas máis derrotas se os nósos van de favoritos ós partidos, mais, sendo realistas, e observando o nivel do campionato, o equipo ten que esixirse estar entre os 6 mellores.
E isto non significa botar as campás ó voo, nin moito menos. Chegarán derrotas, chegarán dificultades, pero a maior parte delas serán responsabilidade única e exclusiva do equipo; se o DCM está ó 100% gañará moitos partidos, pero en canto afrouxe un poco o nível, créase mellor que o rival, deixe de esforzarse cada un individualmente para ó equipo, chegarán derrotas, e moitas. A decisión está nas nosas mans. Somos candidatos, pero iso o que esixe é máis traballo e máis entrega, non significa nada máis.

A 3ª xornada enfrentaba ós nósos ante un recén ascendido da 3ª, o Silvafresh, equipo que chegaba con bos números e foi calificado como rival difícil para os dcmistas.
Por iso, o equipo saíu serio e concentrado ó campo (a pesares da cómica situación pre-partido tentando con inventos propios do EquipoA, rescatar o balón do teito da Mina xd), e esa seriedade convertiuse no dominio inicial.
O DCM mandaba e atacaba, o rival deixábase levar. O dominio conlevaba ocasións e Emi faría os dous primeiros goles facendo xustiza e levando tranquilidade ó marcador 1-0 cun certeiro remate tras un saque de esquina e en escasos minutos o 2-0 que deixaba ó Silvafresh moi tocado anímicamente. Aínda así, o DCM non rachou de todo co partido, e un chisco de relaxación dcmista provocou o único gol dos rivais, que facían o 2-1 e durante un par de minutos máis deron a sensación de poder conseguir o empate.
Por fortuna, Quique nunha xogada illada en banda esquerda cruzaba o esférico e facía o 3-1 que de novo afundía ó equipo rival.
Nos intres finais deste primeiro periodo o DCM cometeu a 6ª falta e o Silvafresh dispuxo do correspondente dobre penalti, pero un acertado Jorge durante todo o encontro, desviou o lanzamento por riba do longueiro.
Así remataba a primeira parte do encontro. Ben pintaban as cousas para os nósos, pero habería que refrendalo na 2ª metade.

E así sucedeu. O Silvafresh non atopou a maneira de crear perigo ós nósos e comezaron a precipitarse na búsqueda das ocasións. O porteiro comezou a xogar algo adiantado e o seu equipo moi descolocado. O DCM sacou partida desa situación e conseguiría esta abultada victoria.
Emi faría o 4-1 firmando un hat-trick. Quique o 5-1 e Yago encargaríase do 6-1 e 7-1, un deles dende o medio do campo.
Os homes ofensivos cumpriron con goles, e xunto con Pani aportaron desmarques, movementos e traballo defensivo. Pali, Vare e Xmon ó igual que na semana pasada fixeron ben o seu traballo, sen esquecer nunca que o seu cometido é o de gardar as costas ós nosos homes de ataque e polo tanto sen perder o seu sitio durante todo o encontro. E Jorge completou de novo unha gran actuación con especial mención do detido dobre penalti.

Finalizaba así o encontro que enchía de ledicia ós nósos que agardan seguir a este nivel nas vindeiras semanas. Pero de novo recordamos, un ápice de relaxación, e chegarán as derrotas. Agardemos que os nósos téñano presente en todo momento.

Reciban un cordial saúdo e ata a vindeira semana!

viernes, 15 de octubre de 2010

"Proba de Nivel" - Xornada 3 - DCM Vs Silvafresh

Moi boas queridos lectores, unha semana máis estamos aquí para informarvos do que vai a ser unha nova xornada na competición Vigo En Xogo. Nesta xornada xa por fin estreamos cartel da previa tras dúas semanas sen o deseño do mesmo, agardamos que sexa do seu gusto.

Esta semana o DCM terá unha importante proba de Nivel tras dous partidos que deixan a tódolos seareiros DCM'istas coas mesmas sensacións que cando empezou o campionato, e é que non saben ó que pode aspirar este equipo. Con qué cara do DCM nos temos que quedar? pregúntanse os afeccionados DCM'istas coa cara perdedora e pouco organizada da primeira xornada de liga, ou se cadra co plantel competitivo e moi serio en defensa que se puido observar na segunda xornada. Estes dous enfrontamentos deixan os números do DCM empatados a todo, a vitorias, derrotas, goles a favor e goles na contra. Neste partido quizais podamos comezar a ver cal vai ser a verdade cara deste DCM, e se como algúns din pode ser que comece a ter aspiracións da zona nobre da táboa.

Xa estamos na terceira xornada de competición e o DCM aínda non ten pechado o seu plantel, o "transfer" de Toño está facerse agardar, e xa van 3 xornadas nas que non pode participar por problemas burocráticos ós que o club non está a ser capaz de darlle solución. Polo demais para este partido Ratckovic Varela conta coa dúbida de Yago que non saberá se poderá asistir ó partido polos seus compromisos tenísticos. A baixa de Yago temos que sumarlle a de Chap que seguramente non volverá a participar no partido por mor das súas molestias nas costas, que aínda que lle permiten xogar teñen consecuencias moi graves para o xogador quen pasa duras semanas despois de xogar un partido. Polo demais parece que o resto do plantel estará a diposición do míster, isto é, Jorge baixo os paus, que agardemos non dea o susto da semana pasada cando esqueceu parte da súa equipaxe na casa, Vare, Xmon e Pali na defensa, e Emi, Pani e Quique na dianteira (máis a dúbida de Yago)

Enfronte terá ó Silvafresh, un rival do que coñecemos ben pouco. De momento está empatado cos nosos con 3 puntos, tras gañar o primeiro partido por un contundente 1-5 fronte ó Bar Lobis Home, e perder na segunda xornada fronte ó Cafetería Zeus no partido que se xogaba xusto despois do encontro do DCM. O ano pasado foi o campión da terceira división grupo "D" e ó igual que o DCM viste de azul. Polo tanto un rival cun bo historial e que de momento está mellor clasificado que o DCM grazas a súa golaveraxe (+1, por +0 do DCM).

Para afrontar este partido o DCM debe mostrar una actitude semellante a da derradeira xornada, cun compromiso defensivo moi forte e intentando buscar o gol nas ocasións que seguro que irán chegando. Falta por ver que tipo de partido proporá o Silvafresh, se lle deixará o balón ós nosos, cousa que non soen desprezar os xogadores do DCM, ou se ben prefiren levar o control do partido e o DCM terá que conformarse con xogar a contra, unha táctica que case sempre lle da bos resultados, salvo cando se encaixona demasiado atrás.

O partido volverá a ser a unha hora semellante a da primeira xornada, é dicir o Domingo pola mañá (11:00h), agardemos que non sexa un mal sinal, e no mesmo pavillón que nas dúas primeiras xornadas, o máxico pavillón do Monte da Mina.


Aliñación Probábel:

-------Jorge------

--Pali------Vare--

------Pani--------

-----Quique-------

jueves, 14 de octubre de 2010

Xornada 3 de Vai-Á Porra

Estes son os partidos seleccionados para a terceira xornada de VAI-Á Porra 2010/2011

Deportes Carlos Miguel Vs Silvafresh
Bar Kubi Vs Acerón
Frutas Nieves Vs Parquets Eloy

Recordamos que:
- Para participar en Vai-á Porra débese por un comentario nesta nova.
- A puntuación é a seguinte
+1 punto por acertar o gañador do partido
+2 puntos por acertar o gañador do partido e os goles que marca un dos dous equipos
+5 puntos por acertar o resultado completo
Na entrada de Abaixo tedes a clasificación actualizada.

Clasificación Xornada 2 de Vai-á Porra

Trala segunda xornada todo queda moi igualado en Vai-á Porra, habendo un triple empate no segundo e quinto posto. Nesta xornada destaca o acerto de Orly no partido Silvafresh Vs Cafetería Zeus.

domingo, 10 de octubre de 2010

“Reiniciando a competición” Ponte a Pintar 0-5 DCM



O DCM reinicia a súa andadura na tempada, para esta vez si, na segunda xornada, coller o rumbo apropiado, deixar unha boa imaxe, conseguir os 3 primeiros puntos, un fantástico resultado que contrarresta o 0-5 da primeira xornada e permite ó equipo non caer na preocupación e afrontar as vindeiras xornadas coa tranquilidade de que seguen sendo un equipo poderoso cando todos renden ó seu nivel e trabállase ó 100%.

A segunda xornada da competición deixou tranquilidade na parroquia Dcmista. Trala abultada derrota ante Parquets Eloy no debut, por 0 goles a 5, facía que un novo pinchazo puidese acender as alarmas. Aínda así, o equipo sabía que a derrota ante Parquets non era tan preocupante como o marcador semellaba, xa que o equipo traballara, pero ninguén individualmente estivo a súa altura e de ahí a vitoria rival.
No encontro de hoxe ante Ponte a Pintar, si que cabe destacar un por un a actuación dos 8 convocados. Todos cumpriron no seu posto á perfección e ahí conxugouse esta vitoria.

O partido iniciaría con sobresalto, xa que Jorge, o cancerbeiro, esquecera a súa equipaxe e tivese que voltar na súa procura, o que fixo que o equipo tivese que xogar durante 5 minutos sen él. Yago foi o substituto e ó igual que nos minutos que o substitúe nos adestramentos, hoxe tamén acabou imbatido.
Foron uns primeiros minutos de tanteo, onde os nosos preocupáronse máis de que o balón non chegase cerca da área propia que do ataque. Pero coa chegada de Jorge o pavillón e a súa entrada na portería o equipo foise asentando e comezaron a chegar as primeiras ocasións. Os minutos ían pasando, e semellaba que o DCM ó igual que na primeira xornada ía a estar negado de cara ó gol.
Pero mediada xa esta primeira metade, Quique, ausente no debut do equipo, ía a tirar un gran desmarque cara banda dereita, onde recibía un pase en profundidade de Vare, e o noso 9 resolvía para facer o primeiro gol do equipo esta tempada. 0-1. Unha xogada que é a que se pide continuamente ós nosos homes ofensivos, desmarque cara unha banda, onde os nósos defensas poden servir balóns con moita máis facilidade, e un gol que tranquilizaba un pouco ós dcmistas, que a partires de ahí levarían todavía un maior dominio do encontro.
De feito o equipo gozaría de moitas máis ocasións nesta primeira metade e apenas houbo achegamentos dun Ponte a Pintar bastante desdibuxado.
As máis claras nas botas de Yago, que erraría nun gran pase da morte de Pali dende a liña de fondo ó que o noso dianteiro non chegaba por centímetros, e Emi que disporía de varios mans a mans co porteiro, pero despois, tras un rexeite, o balón caíalle a Vare quen amagaba lanzamento pero entregaba o balón a Emi, quen servía en bandexa a Quique para que este fixera o 0-2.
Houbo máis chegadas dcmistas pero chegábase ó descanso con este marcador.

O equipo vencía e convencía. O rival apenas chegaba, Jorge cumplía sobradamente nas ocasións que tiña que intervir, Xmon, Pali e Vare mantiñan a orde en defensa, e arriba moita movilidade de Pani, Emi, Quique e Yago que facilitaba moitísimo o xogo do equipo e creaba moito perigo cara a meta rival.

A segunda parte máis do mesmo, pero desta vez o DCM ía buscar os seus ataques ó contragolpe, e así sería quen de matar o partido e levar ó marcador ata ese abultado 0-5, e que puideron ser moitos máis xa que tiráronse ata 3 balóns á madeira.
Ó igual que na primeira metade os goles tardaron algo en chegar pero logo entrarían un tras outro. Primeiro sería Yago quen recibía tras unha contra perfectamente levada por Emi, un balón para empuxar facendo o 0-3.
Intres despois nova contra con Emi e Yago saíndo dende atrás e agora sí, Emi atopaba o gol facendo o 0-4. E xa nos intres finais, un balón recuperado en campo propio era aberto por Pani en longo cara a carreira de Vare, quen servía no segundo pau para que Pani que acompañara a contra á perfección e coa convicción necesaria, empurrara ás redes para facer o 0-5 definitivo.

Partido de ensoño para os nosos que atopan así a primeira vitoria da tempada e agardemos que sexa a primeira de moitas máis.
É necesario hoxe nomear ó actual líder da 2ª división, o Real Club Celta de Vigo, para recordar que eles tamén perderon no debut ligueiro e levan xa 6 victorias consecutivas a partires de ahí (jeje).

A pensar xa no vindeiro encontro, ante un descoñecido, o Silvafresh, campión da 3ªD a tempada pasada e que venceu 1-5 no seu primeiro partido, o que sen máis datos, fai pensar nun rival moi compricado para os nósos.
Este partido podería levar consigo os primeiros minutos da nova fichaxe dcmista, que terá que ir adaptándose pouco a pouco ó xogo do equipo.

Despedímonos ata a vindeira semana cun cordial saúdo. Hala Celta e Forza DCM!

sábado, 9 de octubre de 2010

Xornada 2: Recuperar Sensacións

O DCM xoga este sábado, contraprogramando ó Real Club Celta de Vigo, ás 20:00 h. Co cal pon en serias dificultades para poder ver ó equipo celeste ós 3 abonados do mesmo que hai no plantel DCM'ista. O DCM vai chegar a este partido segundo pola cola trala súa mala actuación no partido inaugural de liga contra a súa besta negra, o Parquets Eloy.

Nesta segunda xornada, o DCM tamén disputará un partido contra un equipo coñecido, xa que o Ponte a Pintar tamén estaba na segunda división, grupo "B", o ano pasado. O equipo dos pintores comezou moi ben a temporada manténdose en varias xornadas nos postos de ascenso, eso sí, cunha curiosa golaveraxe, xa que tanto os seus números de goles a favor, como os de goles en contra eran realmente avultados.

No último enfrontamento entre ambos equipos, o DCM conseguíu obter a vitoria, no que sería o comezco da decadencia do Ponte a Pintar na clasificación. Naquel partido o equipo DCM'ista utilizou a súa mellor arma, que non é outra que o contra-ataque. Aquel partido é un partido para analizar, sobre como defender. Ratckovic Varela plantexou unha defensa chea de axudas, o equipo moi metido atrás sempre tiña a dous xogadores presionando sobre o contrario que tiña o balón, o que facía moi complicado que chegasen os balóns a porta. Os poucos que chegaron foron repelidos ás veces por Jorge e incluso as veces por un defensa que se atopaba por detrás de gardamallas. Se a isto lle sumamos unha incrible eficacia e pegada de cara o gol, fan que o marcador definitivo fora o que foi, 5-1 a prol dos nosos.

Para este partido o equipo debe mellorar, e moito, a actitude presentada o pasado domingo contra o Parquets Eloy, debe saír con moitísima intensidade dende o minuto un, se non quere que aconteza o do fin de semana pasado, onde o equipo cando se quiso dar de conta, xa ía perdendo por 2 goles a 0. Ademais debe mellorar a preocupante pegada mostrada no partido, onde a puntería DCM'ista distou moito da mostrada nos adestramentos.


Para mellorar de cara a porta Ratkovic Varela vai poder contar con Quique, que estivo ausente a pasada xornada, pero ten a dúbida de Yago que non saberemos se poderá acudir até última hora. Con todo isto a convocatoria será a formada por Jorge, Pali, Vare, Xmon, Pani, Emi e Quique, e como diciamos a dúbida de Yago. Serán baixa Chap e Toño, este último pendente de Correos e Telégrafos de España para que finalmente chegue toda a documentación a cidade olívica e se lle poida tramitar a ficha.

Sen outro particular despedímonos xa, pedindo desculpas pola tardanza, e por non ter aínda deseñado o cartel das previas para esta temporada. O partido xa o saben ó sábado ás 20:00 h no máxico Monte da Mina.

Aliñación probábel:

------Jorge------

--Vare---Pali----

------Emi------

----Quique----

Banco: Xmon, Pani e Yago

jueves, 7 de octubre de 2010

Xornada 2 de Vai-Á Porra

Estes son os partidos seleccionados para a segunda xornada de VAI-Á Porra 2010/2011

Ponte a Pintar Vs Deportes Carlos Miguel
Doble de Cordero Sin Cebolla Vs Parquets Eloy
Silvafresh Vs Cafetería Zeus

Recordamos que:
- Para participar en Vai-á Porra débese por un comentario nesta nova.
- A puntuación é a seguinte
+1 punto por acertar o gañador do partido
+2 puntos por acertar o gañador do partido e os goles que marca un dos dous equipos
+5 puntos por acertar o resultado completo

Na entrada de Abaixo tedes a clasificación das dúas últimas xornadas

Clasificación VAI-Á PORRA Xornada 1. Tito primeiro líder.

Nesta primeira xornada notouse o descoñecemento que hai dos equipos, debido a que estamos a comezos de temporada. Neste contexto Tito proclamouse líder ó conseguir 3 puntos ó acertar 2 signos dos partidos e os goles que ía marcar un dos equipos.

lunes, 4 de octubre de 2010

Clasificación Xornada 1 - O DCM a un paso do faroliño vermello

Tras a primeira xornada de liga o Doble de Cordero Sin Cebolla lidera a clasificación da liga trala súa abultada victoria por 11-0 fronte ó NK. Por outro lado cabe salientar que non houbo nin un empate nesta primeira xornada. O DCM ocupa postos de descenso ó atoparse na 14ª praza (á clasificación coloca ó Acerón último por non ter disputado ningún partido pero en realidade, é 8º).

Para máis información de como foi a derrota do DCM non deixen de ler a crónica do partido que poden atopar un pouco máis abaixo no blog.

Para máis información preman no menú superior en Clasificación e Resultados

domingo, 3 de octubre de 2010

"O DCM comeza desorientado": DCM 0-5 P.Eloy


Durísimo correctivo inicial que pode levar ó DCM a ser o primeiro colista da división. Un resultado que só debe servir para amosar ós nósos (e sobretodo ás altas esferas do clube) que cada partido será moi difícil e non hai favoritos en ningunha xornada.


E tralo parón estival, regresou a competición. Nova tempada para o DCM, e xa van unha cantas, o que o comeza a convertir nun dos equipos veteráns da Vigo en Xogo. Como xa diciamos nunha noticia publicada anteriormente, o equipo volve apostar un ano máis pola tradición, e todos agardan que o sementado anos atrás siga dando froitos nas vindeiras tempadas. O tempo determinará ata onde pode seguir alargando o DCM este ciclo de bonanza que dura xa máis de catro anos e agardemos que dure moitos máis, pero ó final todo ciclo termina e xa a sabiduría popular dinos iso de “todo debe cambiar, para que todo permanezca igual” (Guisado Tato, M. (2010)).

Pero polo momento, e tralo visto hoxe, o ciclo de expansión sufríu unha dura desaceleración para o DCM, que non parece ter claro o seu rumbo, un rumbo polo que cuestionábase Xaime na previa, e que parece que non é o establecido hoxe; o equipo comeza a tempada desorientado e cun gran correctivo a mans da súa besta negra, un Parquets Eloy que atragántaselles ós nósos por cuarta vez consecutiva.
O equipo sabe que o seu rumbo é o de sempre, gran traballo defensivo do colectivo e moita seriedade en tódalas fases do encontro, un rumbo que leva ó equipo a vencer partidos e a situarse no vagón dianteiro da clasificación.
Ese é o camiño, ése é o rumbo, pero hoxe o buque non foi quen de manter firme o timón nesa dirección. O equipo puxo a súa mellor intención sobre o campo pero iso non foi suficiente para vencer a vento e marea.

E tras este inicio melancólico e de seguro aburrido para moitos, imos xa co partido. Tentaremos evitar estas parrafadas nas vindeiras crónicas pero era moito tempo sen expresarse tralo parón da competición.

A liga comezou para os nosos por segundo ano consecutivo contra o Parquets Eloy. Foi ás 9 da mañá deste outonal domingo no campo da Mina. O colexiado que dirixíu a contenda permitíu ó Parquets Eloy presentar ós seus 5 xogadores ás 9:15, cando a normativa só otorga 5 minutos de cortesía.
Nos enfrontamentos ligueiros da tempada pasada contra o Parquets, o DCM tiña optado por unha táctica ultradefensiva, cedendo a batuta do encontro ó Parquets e agardando pechados no seu campo. O resultado foran dous derrotas dos nósos.
Por iso, hoxe buscouse darlle máis ritmo ó encontro, saír sen o freo de man posto.
Pero a idea viuse abaixo cando nos tres primeiros e únicos ataques do Eloy no primeiro tempo, 3 ataques nos que facía 3 goles, en todos participou Vasco, pesadelo xa para os homes dcmistas. 0-3. Ver para crer. Xa non había marcha atrás, quedaba seguir igual ou cicáis más ofensivos todavía, e o DCM conseguíu así superar en moitas ocasións a tupida defensa amarela, pero sen a puntería necesaria para lograr gol.
Pouco máis que dicir da primeira metade. 5 chegadas dcmistas, 0 goles; 3 chegadas do Parquets, 3 goles. Durísimo correctivo para os nósos.

Aínda así o equipo tentou non perderlle a cara ó partido, e mellorou un chisco máis na segunda metade, volvendo a gozar de varias ocasións, pero ningunha delas conseguíu traspasar a liña de gol.
Pola contra, o Vasco volvía coller un balón para tumbar á súa marca e facer o 4º.
E o 0-5 chegaría tamén das botas do mellor home do Parquets de dobre penalti.

Por si fose pouco, o DCM perdeu o seu balón ó quedar atrapado no teito do pavillón. Inicio para esquecer dun equipo que aínda así deu a cara en todo momento.

Toca esquecer este encontro e traballar a partir de agora como se a liga voltase a comezar.

Reciban un cordial saúdo e ata a vindeira semana.

sábado, 2 de octubre de 2010

Liga 2010/2011: Rumbo a...

Moi boas queridos lectores, outro ano máis nos atopamos aquí para informarvos do que vai a ser unha apaixonante temporada, nunha 2ª división grupo "B", no que a priori non hai ningún favorito para facerse co trofeo de campión de liga, ni ningún equipo que teña tódalas papeletas para optar ó descenso. E é que neste ano e segundo se nos informa na páxina do Wapichi United non hai ningún equipo que o ano pasado estivera na primeira división, e a maioría de equipos que forman esta categoría son recen ascendidos da terceira división.

Neste contexto o DCM aínda non ten claro del todo cal será o seu obxectivo, xa que gran parte dos rivais son uns absolutos descoñecidos para o club DCM'ista. Tan só os 7 equipos que repiten da temporada pasada na segunda división grupo "B" e o Cafetería Zeus (antigo Vanesma) e o Doble de Cordero sin Cebolla se enfrontaron ó noso equipo nun pasado. O que parece bastante claro e que a afección DCM'ista non vai a admitir que o equipo manteña o discurso da temporada pasada no que se apostaba pola permanencia, e polo menos esixirán mellorar a clasificación da temporada pasada onde finalmente o equipo quedou sétimo, tras unha segunda volta un pouco irregular onde o equipo terminou moi forte ó lograr pór en apuros ós equipos galos da categoría, e ó gañar na derradeira xornada ó Parquets Corcoba.

Para comezar esta temporada o Deportes Carlos Miguel, volverá repetir debut, xa que por segundo ano consecutivo xogará contra o Parquets Eloy na primeira xornada. O Parquets Eloy é un equipo que se lle está a dar moi mal ó equipo dirixido por Ratkovic Varela, xa que nos 3 enfrontamentos que houbo até o momento o equipo DCM'ista caeu en todos eles. O primeiro deles foi no torneo de campión de campións da temporada 2007/2008, onde os nosos coincidiron con Parquets na primeira eliminatoria e caeron ante eles nun polémico partido onde o árbitro e o seu mesa deixaron que o partido se interrompera continuamente e moitas veces eles mesmos eran os que provocaban as interrupcións. Porén non nos debe enganar isto, xa que os partidos entre ambos equipos son un exemplo de deportividade, e senón so hai que ver o partido de volta da pasada temporada onde o Parquets Eloy tirou até en dous ocasións o balón fora xa que un dos nosos estaba tirado no chan, a pesar de que en ambas ocasións o Eloy tiña a oportunidade de facer dúas perigosas contras.

De tódolos xeitos o Parquets Eloy destes dous últimos anos pouco terá que ver co deste ano, xa que dous dos seus membros marcháronse para o Galecoi polo que o equipo marelo tivo que facer algúns reforzos para pechar un plantel con tódalas garantías para poder loitar polo ascenso. Porén supoñemos que o estilo do Eloy non terá variado moito xa que se as nosas informacións non son incorrectas, o equipo contará co mesmo adestrador das últimas temporadas co que se conseguiu o ascenso a segunda división.

Para este partido o DCM non poderá contar con todo o seu plantel que por outra parte segue indefinido. Caese Chap que este ano tan só estará naqueles partidos onde sexa imprescindible xa que as súas costas non lle deixan practicar o deporte rei con comodidade, polo tanto até que mellore a súa situación o propio xogador comunicoulle ó club que prefire ser un cambio de urxencia. Tamén causará baixa Quique por atoparse de viaxe nesta fin de semana, e Toño ó que aínda non se lle tramitou a súa ficha e polo momento non se pode garantizar ó 100% a súa inclusión nesta temporada. Polo tanto o adestrador do DCM poderá contar para este partido con Jorge para a portería, con Xmon, Pali e Vare para a defensa, e con Yago, Emi e Pani para a zona ofensiva. A priori unha convocatoria bastante compensada con 1 cambio por zona.

O equipo chega a este partido tras facer unha boa pretemporada máis cargadas de partidos e de adestramentos que o habitual, e deixando bo sabor de boca en case todos, salvo no xogado contra o Galecoi en Balaídos e o disputado en Manuel Antonio ante o Inaute Electricidade, un equipo de superior categoría. Por tanto cargados de moral chegarán os nosos a este compromiso, onde o adestrador do equipo deixou caer que non van a agardar atrás ó rival e saír a contra, xa que nos enfrontamentos precedentes contra este equipo a fórmula non deu o resultado agardado.

O partido xa o saben, o Domingo ás 09:00h da mañá, un horario que complica a asistencia de seareiros a este primeiro partido de liga, pero que agardemos que supoña unha vitoria tempraneira para comezar a definir o rumbo que o DCM quere tomar nesta liga.

Aliñación Probábel.

------Jorge-------

-Vare------Pali---

------Pani--------

------Yago-------

Banco: Emi e Xmon.