sábado, 28 de diciembre de 2013

Cabo de Ano. DCM Vs Bar Lobishome

Moi bos días/tardes/noites benqueridos lectores

Tras unha semana de descanso de previas, xa nos atopamos aquí para analizar o que vai ser a derradeira xornada de liga do ano 2013 da liga de Vigo En Xogo. Un ano no que os nosos tiveron que afrontar un doloroso descenso, tras unha temporada na que erraron nos partidos claves, pero na que se refixeron magnificamente na segunda división, onde ocupan a cuarta praza da táboa clasificatoria, e onde teñen a opción de rematar terceiros (ou polo menos empatado a puntos co terceiro) e con tódalas opcións abertas para loitar polo ascenso no ano 2014. A pesares das dúas xornadas fatídicas froito das lesións o DCM depende de si mesmo para superar a tódolos rivais na táboa clasificatoria, o que se converte nunha boa nova.

Para asaltar este terceiro posto, o equipo rosiña terá que enfrontarse ó pechacancelas da clasificación, o Bar LobisHome. Un equipo que o ano pasado rematou 7º na táboa clasificatoria, con 35 puntos tras gañar 11 partidos, empatar 2 e perder 12. Porén este ano están atopar moitas dificultades para competir nesa segunda división A, e contan con 3 puntos no seu taboleiro, froito de 3 empates acadados. Máis o DCM non se debe confiar xa que dos últimos 4 partidos o Bar LobisHome so perdeu 1, contra o Cafeteria Zaida, obtendo 3 empates ante o Bar Secundino (4-4), o Cafetería Danais (3-3) e ante o Camping Cangas a pasada semana tamén por 3-3. Polo tanto parece claro que o Bar LobisHome lle está collendo ó pulso á competición e aínda ten ás opcións abertas da salvación, da que so lle separan 5 puntos. Ademais o DCM xa sabe o que é perder ante un equipo que non gañara ningún partido antes, isto aconteceu o ano pasado na primeira división, cando perdeu contra o pechacancelas, e comezou a súa caída sen remedio á segunda división. En canto ós enfrontamentos ante rivais da zona alta da táboa, o Bar Lobishome perdeu por avultados resultados ante o Panadería Travesía (0-6) e o Tapería Ouxo (6-1) nas dúas primeiras xornadas de liga, o que de seguro, influíu na moral do equipo, pero xa contra o líder da clasificación caeu na xornada 6 por un axustado 2-4. Polo tanto o noso equipo terá que estar alerta durante todo o partido, xa que un exceso de confianza pode levar ós nosos a perder os 3 puntos e deixar escapar unha estupenda oportunidade para achegarse ós postos de ascenso. 

O equipo rosiña chega enchido de moral ó partido, tras rachar a súa xeira de 3 xornadas sen gañar a pasada semana, nun partido contra un rival directo, o Avispas de la Arena, ó que goleou no marcador, tras unha boa segunda parte, despois de chegar ó descanso cun 1-1. Neste partido o equipo recuperou a solidez defensiva que lle caracteriza e que lle levou a ocupar o posto de equipo menos goleado esta temporada, antes de enfrontarse ós equipos sobranceiros da clasificación con moitas baixas. Para este partido ademais o equipo conta cun reforzo de importancia para a súa dianteira. Se a semana pasada Yago xa deixaba a súa pegada e reforzaba o ataque do equipo DCM'ista, esta semana se lle une Quique quen volve do seu exilio con moitas gañas de aportar esta semana e de levarse unha vitoria no peto.

Para este partido o DCM contará por tanto, con Jorge na portería, que agardemos faga esquecer as súas dúas desafortunadas accións no pavillón de Coruxo nas dúas últimas xornadas, Vare, Xmon e Selu para a parcela defensiva, Davo probabelmente tamén retrasado a posicións defensivas e Quique, Yago, Emi e Pani para os lugares máis ofensivos do equipo. Polo tanto a única baixa para este partido será Chap quen xa anunciou que pode estar ausente para os seguintes compromisos, dependendo dos horarios. 

O partido se disputará o vindeiro domingo día 29 de decembro, na Pista Vermella do Pavillón Central de As Travesas, todo isto se as condicións meteorolóxicas o permiten, xa que o firme desta pista está moi condicionado pola humidade, converténdoa nunha auténtica pista de patinaxe nos días de choiva intensa. Ás 13:00 horas comezará o partido, agardemos que con un pouco máis de seareiros que nas dúas xornadas pasadas, onde o equipo tan só tivo un fiel afeccionado que atreveuse co madrugón e ocupou ás 09:00 o seu sitio no gradaría de As Roteas en Coruxo. 

Por último, desexarlle a tódolos lectores desta previa e a toda a parroquia DCM'ista que gocen do que queda de 2013, e que teñan un feliz aninovo. Lino coma sempre lles informará de todo o acontecido no partido.

martes, 24 de diciembre de 2013

“Regresan as vitorias pero non a tranquilidade” AvispasDeLaArena 1-5 DCM

O DCM acadou, tras tres xornadas sen facelo, unha nova vitoria que lle permite abrir oco co quinto clasificado (o propio AvispasDeLaArena), pero non conseguíu recuperar a súa mellor versión de xogo; estivo precipitado, errou moitas ocasións de gol e só venceu porque desta vez o mal endémico das últimas xornadas o sufríu o equipo local, que tan só dispuxo de 5 xogadores que remataron pagando moi caro a falta de recambios dende o banco.

Por todo iso, estes tres puntos serven para tomar o turrón cos obxectivos intactos (ao non desengancharse da loita polos dos dous primeiros postos e mantendo a candidatura á deportividade), pero non permiten facelo con demasiada tranquilidade, xa que, hai moito traballo por facer para recuperar a versión de xogo acorde coas aspiracións do equipo (aquela que por exemplo pasou como un rodillo pola Etea na vitoria por 7-2 contra Endulco).

O partido desputouse por segunda semana consecutiva ás 9:00h da mañá no pavillón de Coruxo; arbitrou Eladio. O DCM contou con todo o seu plantel agás Quique, que como comentaremos despois sí estará na vindeira xornada.
Os nósos confundiron nos primeiros intres intensidade e presión rápida en campo contrario con precipitación, e iso levou a cometer erros durante gran parte do encontro.
O rival, sabedor das súas limitacións físicas consecuencia da súa escasa convocatoria e do temprano da hora limitábase a defender, sen ter demasiada intención de chegar á meta defendida por Jorge; aínda así deu un tempraneiro coletazo cun disparo potente e cruzado ao que Jorge respostou fantásticamente; pero a partires de ahí, desapareceu das inmediacións da porta dcmista durante bastantes minutos, pero incriblemente, non lle faría falta achegarse para acadar o 1-0. Sería nunha xogada desafortunadísima, que poucas veces teñen lugar; Davo, cedeu dende medio campo un balón cara o seu gardamallas para iniciar xogada, pero cando Jorge dispúñase a controlar o esférico, éste coábase por debaixo do seu pé, e aínda que o porteiro tentou reaccionar, o balón acabou entrando na súa porta; 1-0.
Esta situación provocou máis erros e precipitación no xogo Dcmista, que achegábase á porta rival pero sen acabar as xogadas.
Por fortuna, pouco antes do descanso, aparecería Davo -quen completou un gran encontro- para levar as táboas ao electrónico tras un rexeite en área contraria.

Na segunda metade cambiou o guión. O Avispas foi espertando e xa non se conformaba con defender. Xa tentaba ter o balón e crear ocasións de gol. O DCM ante iso, optou polos contragolpes. De feito, gozou dun feixe de ocasión de saques en longo de Jorge, que unha e outra vez superaba ao defensa rival e deixaba ós atacantes Dcmistas sós ante o gardamallas local; pero ningún foi quen de controlar correctamente un esférico e anotar algunha destas situacións.
Mais desta vez o paso dos minutos beneficiou ó DCM; o rival acusou o cansazo e os nósos comezaron a atopar cada vez máis ocos en campo contrario e a xogar con maior criterio. Así chegarían os goles da avultada* (con “v” só en galego, grazas) vitoria, todos eles no tramo final de encontro. Serían obra de Emi, Selu en dúas ocasións e de Yago. 1-5 final.


A liga non para polo Nadal, e na vindeira fin de semana os nósos enfróntanse ao pechacancelas da división, nun partido no que deben vencer, recuperar unha versión máis autoritaria e solvente, non recibir cartóns e desfrutar do regreso de Quique coa elástica rosiña. Previsiblemente a única baixa será Chape, quen tras encadear un bo feixe de xornadas cumprindo a bo nivel, anunciou que será dúbida uns cantos encontros por mor de ocupacións profesionais.
Despedímonos xa (agardemos que ata a previa se Xaime esperta :))
BO NADAL a todos!!!

miércoles, 18 de diciembre de 2013

O DCM Recupera un posto na clasificación

A pesar de non conseguir a vitoria nesta fin de semana, o DCM recuperou un posto na táboa clasificatoria, grazas á sorprendente vitoria do Camping Cangas ante o Avispas de la Arena, vindeiro rival do DCM.

A mala nova, é que os nosos tenen agora a 5 puntos os postos de ascenso e a 8 o liderado, pero aínda queda moito peixe que curtar nesta liga, o DCM segue moi vivo na loita polo ascenso.

A Clasificación máis pormenorizada premendo AQUÍ

lunes, 16 de diciembre de 2013

“O baleirado da enfermería curta a xeira de derrotas” DCM 4-4 APousadaDoCouto

Tras dúas contundentes derrotas consecutivas, a 9ª xornada de liga servíu para curtar dita xeira e sumar un punto nun encontro no que o DCM puxo as ocasións e ApousadaDoCouto o dominio do balón. Foi un encontro cheo de alternativas no electrónico e cargado de emoción ata o derradeiro segundo. Os nósos buscaron a vitoria e a tiveron moi preto, pero ao final deben conformarse cun empate que non é de todo inxusto valorando o cómputo xeral do partido.

A convocatoria por fin tivo máis dun home de refresco. Estivo formada por Jorge, Selu, Xmon, Vare (que regresou tras un proceso gripal que lle obrigou a perderse o último encontro tras máis de dúas tempadas sen perderse un partido), Pani e Emi (a outra novidade da convocatoria tras ter que ausentarse os últimos dous encontros por mor dun doloroso cólico); dos dispoñibles tan só ausentouse Chape, e por fortuna non por problemas físicos, senón con permiso do clube por compromisos persoais.

O encontro significaba outro debut esta tempada, nesta ocasión o DCM pisou por vez primeira o parquet do Pavillón de Coruxo, un complexo idéntico ao de Valladares, onde os nósos adestraron dúas tempadas.

O partido iniciou con boas sensacións para os Dcmistas que pronto crearon as primeiras ocasións de perigo sobre a meta rival. Pero enfronte estaría un gardamallas acertadísimo durante todo o encontro, que desbaratou numerosas e clarísimas ocasións de gol dos rosiñas. Pouco a pouco a PousadaDoCouto foise asentando no partido e comezaba a acumular longas posesións de balón aínda que sen excesivo perigo sobre a meta de Jorge.
O DCM non foi quen de arrebatarlle o dominio do esférico e tivo que conformarse con buscar a porta rival ó contragolpe. Así chegaría o 1-0, xa avanzada a primeira metade, tras un rápido saque de Jorge cara Vare que provocaba unha situación de contragolpe de 3 para 1. Vare abría para Pani en banda esquerda, e éste servía para Emi quen dende banda contraria enviaba o esférico as redes. 1-0.
O encontro apenas cambiou co resultado, as ocasións claras viñan do lado dcmista con balóns á madeira e continuas intervencións do porteiro rival e a posesión seguía a ser dos visitantes.

Tralo descanso, chegaría a primeira xogada desafortunada para Jorge; un centro-chut sen aparente perigo era introducido polo cancerbeiro local na súa propia porta, 1-1.
Con ese gol, o DCM tivo uns minutos de grave descolocación que provocaría o segundo gol rival 1-2.
Por fortuna, o equipo repúxose e voltou a calmarse; asentouse e pronto conseguíu un novo contragolpe no que Vare atopaba a Selu en campo contrario, éste cun gran regate marchaba do seu marcador e devolvía as táboas ao electrónico 2-2.
O 3-2 sería obra de Davo tras recibir en banda e fusilar por debaixo das pernas do gardamallas rival.
E pouco despois chegaría unha das xogadas claves do choque. Emi collía o esférico en medio campo e deixaba sentandos a 3 rivais tras sendos regates para plantarse diante do cancerbeiro e servir para Davo, pero o gardamallas lía perfectamente o pase e cunha intervención de grandísimo nivel desbarataba ese pase da morte que puído significar o 4-2, e acto seguido, tras sacar o cancerbeiro o que chegaría sería o 3-3, de novo con mala fortuna para o DCM tras entrar o balón chorando despois de petar nun xogador rosiña.
Pero unha vez máis, reporíase o equipo e conseguiría (tras outro balón á madeira nunha falta botada por Emi) o 4-3, obra de Pani a pase de Emi con tan só un minuto por desputarse.
O traballo parecía feito, pero entón APousada con porteiro xogador conectaba un último disparo que colábase pegadiño ó segundo pau da meta de Jorge, 4-4.
Aínda quedaban uns segundos para que o DCM gozase dun saque de banda no que Selu buscou o disparo directo para que Emi o tentase tocar. A xogada saíu como se pretendía, pero incomprensiblemente o colexiado asubiara o final no mesmo instante en que Selu contactaba co esférico. Por fortuna o toque de Emi marchou por riba do longueiro, porque de entrar, a decisión do colexiado houbese sido máis que discutida.

Finalizaba así este fermoso encontro que curtou a mala xeira Dcmista pero non servíu para regresar á senda das vitorias.
Agora chegan as dúas últimas xornadas antes de finalizar o ano, xornadas nas que con probabilidade o DCM poderá contar ademáis dos habituais con Yago e Quique. Agardemos que o seu regreso signifique tamén o regreso dos triunfos.
Un cordial saúdo (e desculpas pola falta de crónica a semana pasada, cando os nósos xornalistas habituais non puideron asistir ao encontro de Bembrive).

sábado, 14 de diciembre de 2013

A Levantar o Voo. Deportes Carlos Miguel Vs A Pousada do Couto

Moi boas tardes queridos lectores

Volve a actividade ós campos de Vigo en Xogo tralo parón por mor da ponte da constitución. O DCM vaise enfrontar esta semana ó A Pousada do Couto, un equipo máis da zon morna  da clasificación,  e onde ó DCM chegará tras enfrontarse a equipos punteiros cos cales obtivo  pésimos resultados, froito sobre todo dun plantén que chega a cada partido cargado de baixas e con poucos efectivos para poder afrontar con garantías físicas ós 50 minutos que dura o partido. 

Coma sempre faremos un breve comentario de o que nos agarda por parte do rival. A Pousada do Couto atópase sexto clasificado un posto por debaixo dos nosos pero con 4 puntos menos que os nosos xa que foi quen de obter 4 vitorias por 4 derrotas nestas 8 xornadas. Chega con 22 goles a favor e 25 na contra.

Pola súa banda o DCM chega ó partido tras dous partidos onde perdeu con claridade ante os seus rivais directos polo ascenso da categoría. Porén o equipo sigue a 3 puntos do segundo clasificado polo que depende de si mesmo para acadar o obxectivo da temporada. Asemade para este partido o equipo recupera dous efectivos que son Emi e Vare que lle darán máis variantes ó equipo, pero perde a Chap. Será o útimo partido antes de que cheguen Quique e Yago para afrontar con garantías o esixente partido da semana que ven contra o Avispas de la Arena equipo que vai empatados cos nosos na clasificación, aínda que están por diante xa que a golaveraxe dos nosos que dou moi afectada por estes dous últimos partidos, tendo 21 goles a favor e 20 na contra.

Polo tanto a convocatoria para este partido será: Jorge para ocupar a súa habitual posición baixo os paus, Vare, Xmon e Selu para as posicións defensivas e Emi, Pani e Davo.

O partido se disputará o Domingo día 15/12/2013 no pavillón de As Roteas en Coruxo ás 09:00 horas do domingo. 

Para chegar non hai perda algunha, pola Estrada de Camposancos, tamén coñecida como a estrada vella ou de arriba cara a Baiona, pouco despois da igrexa de Coruxo, a dereita e como poden ver na fotografía atópase lixeiramente afundido o pavillón de As Roteas, estando o aparcamento baixando pola rampa de acceso.
Importante partido dos nosos, para volverse a enganchar ós postos sobranceiros da táboa clasificatoria. Imos DCM!!! Toda a información do que aconteceu no partido da man de Lino.

domingo, 1 de diciembre de 2013

DCM - Tapería Ouxo

Moi bos días queridos lectores

En primeiro lugar pedirvos desculpas polo retraso na publicación da previa, pero esta semana o traballo na redacción foi elevado.

Pasamos xa a describir unha mini previa do que vai a ser un partido moi difícil para os nosos, xa que o equipo xoga con un dos equipos punteiros da liga ó igual que a semana pasada. A boa nova para os nosos é que Pani volve estar dispoñíble, co que o equipo gañará moita potencialidade no eido ofensivo, e terá máis opcións de gañar un choque importante de cara a manter as opcións de ascenso intactas. A mala nova chega da man de Emi que non superou todavía os seus problemas no ril e terá que guardar repouso unha semana máis. Á baixa de Emi se lle suman a de Quique e Yago xa coñecidas con anterioridade.

Pola súa banda o Tapería Ouxo chega cuarto clasificado, despois de deixar pasar a oportundiade de empatar a puntos co DCM a semana pasada, xa que non foi quen de superar ó Camping Cangas co que empatou 3-3 no Estadio Municipal de Balaídos.

O partido será este serán ás 18:00 h, agardamos que os seareiros sumen as súas forzar para poder superar este difícil partido pero que pode facer que o DCM deixe a un rival directo a 5 puntos na táboa clasificatoria.

O desenlace será no Pavillón de Bembrive, que os nosos aínda non tiñan visitado este ano,

lunes, 25 de noviembre de 2013

“Primeira derrota da tempada” DCM 1-6 Pan.Trav.deVigo

O choque contra o rival máis forte dos que se mediron no que vai de tempada co DCM, chegou no peor momento, nunha xornada onde o equipo só contaba con 6 convocados, todos de corte defensivo e entrando un deles na convocatoria a última hora, forzando o seu regreso tras unha lesión polas necesidades do plantel. Significaba o estreo do equipo no Pavillón de Candeán, un moderno e vistoso complexo, con pista de tarima flotante e grandes dimensións (o que tampouco beneficiou hoxe ós nósos)

O rival, descendido da 1ª división na tempada pasada co DCM, é un claro favorito ó ascenso se mantén o nivel competitivo de onte, onde buscaron a vitoria de principio a fin, amosando moita ambición, non só en conseguir os 3 puntos, senón tamén en desplegar un atractivo xogo e anotar o maior número de goles posibles.

A pesares do avultado do resultado final, os nósos amosaron nos primeiros compases de partido, que en situacións normais, poderían ter plantado cara a este poderoso equipo e ter opcións no encontro; e é que os primeiros minutos foron dominados polo equipo rosiña que tentou achegarse con perigo á portería rival. Selu fixo bos movementos nestes compases iniciais na posición de pivot, pero unha concienciada defensa rival o derrubaba cada vez que conseguía encarar a porta rival; de feito, o DCM gozou de varios lanzamentos de falta nestes primeiros minutos de partido, pero non tivo fortuna. Ó igual que tampouco a tivo no primeiro lanzamento a porta do Trav. De Vigo, quen conseguiría o 0-1 dende fóra da área tras un lanzamento que non ía entre os tres paus, pero qeu petaba o xusto nun defensa dcmista para acabar en gol. 0-1.
O cansazo que comezaban a acumular os xogadores Dcmistas, obrigou ao equipo a retrasar a súa liña de presión habitual ata o medio do campo, agardando que o rival cometese algún erro que permitise contragolpear. Pero hoxe enfronte estaba un rival moi mentalizado, que soubo medir perfectamente os tempos e non caer no que pretendía o DCM.
Así, con vantaxe no marcador, amosou non ter ningunha présa en atacar, e non ter o máis mínimo problema en tocar e tocar o esférico tanto coma fixese falla no seu propio campo, e ademáis amosou que tiña calidade suficiente para facelo sen cometer ningún erro.
Esta situación botou por terra as opcións dcmistas. E é que estando por debaixo no marcador, e observando que o rival non ía a arriscar o máis mínimo, os nósos estaban obrigados a abandonar esa idea defensiva e ir a buscar o balón a campo contrario. Isto multiplicou o cansazo e levou a cometer moitos erros defensivos que o Travesía de Vigo ía a aproveitar.
Aínda así, o DCM todavía gozaría de boas ocasións na primeira metade para anotar, pero non tivo fortuna de cara a porta, e pola contra, o rival, nos escasos achegamentos desta primeira metade, tivo moitísima efectividade ata conseguir o 0-3 co que se chegaría ó descanso.

A segunda metade xa foi outra historia. Agora sí que os visitantes gozaron de numerosísimas ocasións de gol, moitas delas clarísimas, pero ao contrario que nos primeiros 25minutos, agora era a fortuna a que lles negaba a eles o gol e concedeuno ao DCM nunha boa xogada entre Davo e Selu. 1-3. E todavía tería outra opción clara de gol o DCM para anotar o 2-3, pero errou, e na xogada seguinte chegou o 1-4 que finiquitou o partido.
Quedaban moitos minutos para o final e o DCM foi consciente de que non tiña forzas para remontar tal marcador. Deixouse levar; debería ter esquecido o electrónico e centrarse en non encaixar máis goles; pero iso é sinxelo de dicir e difícil de facer e máis cando as forzas xa non respondían a moitos xogadores. Jorge (que tivo máis traballo que en todo o que vai de tempada), e os erros do Travesía evitaron que a goleada fose maior.
Por se iso fose pouco, o colexiado Eladio castigaba todavía máis ós Dcmistas cunha tarxeta que puido evitar; tirou demasiado de reglamento para amosar cartón amarelo a Selu por obstaculizar un saque de esquina do rival (é certo que non estaba á distancia regulamentaria, pero máis por inercia e cansazo de quedarse no sitio tras enviar o balón a córner, que por impedir o saque, xa que nin o rival obtiña vantaxe por sacar rápidamente nin o DCM gañaba nada cunha nova perda de tempo).

Esta derrota saca ós dcmistas dos postos de ascenso directo, mais non afectou moito á moral do equipo, e é que onte pouco máis podían facer para evitar a derrota.
A boa noticia foi o regreso de Xmon, e con boas sensacións no seu xeonllo.

A pensar xa na vindeira xornada. Un saúdo!

sábado, 23 de noviembre de 2013

Duelo No Cume da Liga e da Madroa. DCM Vs Panadería Travesía de Vigo



Moi bos días/tardes/noites benqueridos lectores

Unha semana máis nos atopamos neste blog para analizar o que vai a ser unha interesantísima xornada de liga para o DCM, xa que vaise a enfrontar co Travesía de Vigo.

Nada máis e nada menos que estamos a falar do terceiro clasificado na liga, con tan só un punto menos que o equipo rosiña por mor da súa derrota ante o colider da categoría o Bar Luada II (6-9). Polo tanto como podemos observar se trata dun equipo temíbel que so deu o seu brazo a torcer na segunda xornada de liga cando lle tocou loitar co líder da categoría. Analizando máis polo miúdo os seus números vemos que leva 5 vitorias, destacando o 0-6 que lle endosou ó faroliño vermello da categoría, o Bar Lobishomi. Tamén podemos fixarnos que nas dúas últimas xornadas so foi quen de gañar os seus partidos pola mínima, xa impúxose 1-2 ó Cafetería Zaida (único equipo ata o momento que conseguiu roubarlle punto ó DCM) e a pasada xornada 4-3 ó Camping Cangas (equipo ó que o DCM gañou por 2-0). Se falamos de goles anotados leva 4 goles máis que o DCM (24) e 5 máis na contra (14). 

Pero neste partido máis que ó rival debemos analizar a difícil situación na que chega o DCM a este partido, xa que non contará con ningún atacante puro para o mesmo. Ás baixas habituais, nestas datas, de Yago e Quique, súmaselle a de Pani pola súa viaxe a Donostia, e a de Emi que salvo novidade de última hora non será da convocatoria por mor dun cólico no ril, que salvo mellora milagreira nas vindeiras horas provocará que sexa baixa para o partido. Ademais a todo este listado de baixas hai que sumarlle a dúbida de Xmon quen mancouse fai dous partidos no pavillón da Etea ante o Endulco e que aínda non se atopa 100% recuperado. Polo tanto a convocatoria do DCM preséntase moi escasa e chea de homes defensivos. Jorge estará na portería, Chap, Selu e Vare como homes para a parcela defensiva e tan só Davo para os postos atacantes, un Davo que o ano pasado ocupaba posicións máis retrasadas. Polo tanto difícil papeleta, e nun dos peores partidos posíbeis, a que terán que afrontar os 5 ou 6 gladiadores que saian ó terreo de Xogo.

Pero non todo é negativo neste partido. O DCM ven de demostrar a pasada xornada que é un equipo con moito oficio e moi traballado, nun agreste e difícil partido ante o Explanada FS, conseguiu levarse os tres puntos, nun tipo de encontro que o ano pasado tería perdido. Polo tanto este ano o equipo sabe xogar este tipo de partidos e ten máis experiencia e confianza para superar momentos complicados. A isto hai que sumarlle que o DCM é un equipo experto en xogar estes encontros, con equipos da zona alta da táboa, con poucos xogadores na convocatoria e soe sacar un bo rendemento. Na retina dos nosos seguidores están aqueles partidos na terceira división cando se xogaba o liderado contra o primeiro clasificado naqueles intres e onde o equipo sacaba o mellor de si mesmo para sacar adiante os 3 puntos. A clave será polo tanto que o equipo sexa fiel ós seus instintos máis básicos e planee un partido moi serio dende a defensa, tratando de aproveitar unha das súas rápidas transicións. Para isto o equipo conta cos mimbres máis axeitados xa que, como comentamos con anterioridade, todos os membros da convocatoria teñen un perfil marcadamente defensivo. Agora so falta que os xogadores sexan conscientes da importancia que teñen cada un deles, e que saiban que dando o 120% e cunha concentración digna dun xogador de xadrez o equipo poderá afrontar con garantías o partido desta fin de semana.

Este reto tan bonito que se lle presenta ó equipo rosiña, disputarase no novo pavillón de Candean. Se fai dúas semanas o equipo debutaba na ETEA, esta semana o fará no novo espazo deportivo cercano ós campos de adestramento do Real Club Celta na Madroa. Para chegar alí recomendamos a seguinte ruta

- Coller a Avenida do Aeroporto
- Avanzar nela ata chegar ó cruce de subida ó Vigozoo.
- Seguir as indicacións do zoo ata que chegue o cruce dos campos deportivos (Veranse os campos despois do cruce a esquerda) nese cruce seguir recto, ata que uns metros máis adiante verase a asociación de veciños detrás da cal se atopa o pavillón de Candeán.
(máis abaixo indicacións gráficas)

A hora do partido ás 14:00 horas do domingo, unha hora un tanto complicada pero é un partido que ben merece un esforzo, ademais máis que nunca o DCM necesita o teu alento. 

Lino contaranos todo o acontecido neste partido. 

 - XaimeRuta dende a Avda do Aeroporto

- Cruce na Avda do Aeroporto (coller a subida á esquerda)

 - Cruce cos campos deportivos do Celta (seguir recto)

  - Chegada a Asociacións de Veciños de Candeán (O Pavillón está detrás)

- Fachada e Interiores do Pavillón

Fotos Cortería de Faro de Vigo, Google e Estudios Naos Arquitectura


jueves, 21 de noviembre de 2013

Clasificación Xornada 6: Forte competencia na parte alta

O DCM mantense segundo clasificado grazas a súa vitoria ante o Explanada FS. Grazas a ese resultado consigue seguir o forte ritmo importe polo Bar Luada II, quen obtivo idéntico resultado que os nosos no seu partido contra o Bar Lobishomi. Por outra banda os perseguidores máis directos tamén siguen pisando forte. O Panadería Travesía, vindeiro rival do DCM, logrou unha axustada vitoria por 4-3 ante o Camping Cangas. O Tapería Ouxo logrou imporse ó Cafetería Zaida por 4-2. Por último o Avistas de la Arena acadou unha solvente vitoria por 4-1 ante o Bar Secundino.

O DCM grazas a estes resultados sitúase xa en solitario como o equipo menos goleado, con 2 goles menos encaixados que os seus perseguidores, o Tapería Ouxo e o Explanada ambos con 11 goles encaixados.

domingo, 17 de noviembre de 2013

“O mellor arranque da historia” Explanada 4-2 DCM



O DCM continúa superando dificultades e obstáculos e supera con creces as expectativas máis optimistas que puideran existir sobre este inicio de tempada.

Onte, con moitas baixas e ante un rival cun potencial moi superior ó que reflicte a táboa clasificatoria, os nósos souberon sufrir por momentos para acabar, contando co chisco de fortuna necesario, vencendo un encontro de enorme dificultade. Nesta ocasión a nota negativa chegou en forma de cartón amarelo.

O choque comezou con Jorge baixo paus, Vare e Selu en posicións defensivas, Emi e Pani máis adiantados e Chape como único recambio dos rosiñas. O rival, cunha numerosísima convocatoria, comezou amosando o seu poderío dende o quecemento; con exercicios marcados e preparados pola figura dun adestrador que lideraba ó Explanada Fs.
Tamén comezarían intimidando tralo pitido inicial. O explanada sacou de centro e comezou a mover o esférico con moitísimo criterio; os seus xogadores tocaban e desmarcábanse, tal e como marcan os cánones deste deporte e que tan poucos equipos son capaces de aplicar.
Pero iso, se ben transmite ós dcmistas unha sensación de respeto polo rival e de saber que o encontro non vai ser sinxelo, só ven a reafirmar o sistema posicional dos nósos. Nestas situacións o único que podes e debes facer é o que sabes, nin máis nin menos. E así, pouco a pouco o rival deuse conta que non era suficiente con esa rápida circulación de balón para lograr desaxustes defensivos nos Dcmistas, que non só foron diluíndo esa sensación de poderío dos rivais, senón que foron os encargados de crear as primeiras ocasións de perigo do partido.
Así chegaría un tiro libre directo favorable ós rosiñas na frontal da área do Explanada, que Emi encargaríase de transformar conectando un preciso lanzamento que introducía o esférico polo único oco posible. 0-1.
Tras ese gol, semellaba o momento perfecto para que o DCM durmise o partido, deixase pasar minutos e observase como se adaptaba o rival a ir por detrás no marcador. Pero dous erros, propiciaron a remontada local sen demasiado esforzo.
O 1-1 chegou no primeiro disparo a porta do Explanada, nunha xogada aparentemente controlada, pero que sorprendía polo primeiro pau ó cancerbeiro Dcmista (que chegaba con algunhas molestias físicas ó encontro).
E pouco despois, tras un saque dende o curruncho, erraba o posicionamento defensivo e o Explanada facía o 2-1.
Partido moi costa arriba para o DCM.
Pero entón, os trocos con Chape comezaron a dar osíxeno ó equipo, e un deses cambios, levou a Selu a situarse na posición de pivot; feito que sorprendeu á defensa rival, e no primeiro esférico que recibíu, o xa pichichi dcmista, anotaba a igualada. 2-2.
E intres despois, Vare volvía a buscalo na mesma posición e tería unha nova oportunidade noutro fantástico movemento de costas á porta rival, que deixáballe nun man a man, pero o cancerbeiro rival estivo rápido e desvaratou a xogada.
Liaríase despois o encontro, tras unha entrada innecesaria do propio Selu en campo contrario que o colexiado resolvía con cartón amarelo. Pero a xogada non rematou ahí, o Explanada esqueceuse entón do partido e estivo máis pendente nos minutos seguintes de tentar provocar ó propio Selu con entradas innecesarias e de protestar continuas accións ó colexiado.
O DCM soubo ver entón que era importante aguantar este marcador ata o descanso. O propio Selu retirouse uns minutos para evitar males maiores, e o quinteto sobre o campo da vella escola dcmista soubo enfriar de novo o encontro.
E con este sorprendente 2-2 (prevíasen moitos menos goles) chegábase ó tempo de refrixerio. 

O partido non semellaba sinxelo para os Dcmistas, e de feito, tocaría sufrir máis durante esta segunda metade, no que o Explanada inquedou moito máis a portería de Jorge, quen respostou a tódolos lanzamentos, contando tamén cos paus da súa meta.
Pero de novo, o DCM sairía desta difícil situación centrados únicamente no que mellor saben facer, defender moi ben colocados.
A situación cambiaría nunha cesión totalmente innecesaria dun defensor dos locais ó seu porteiro que recibía coas mans. O colexiado a asubiaba e o DCM non desaproveitaría a ocasión. De novo sería Selu o goleador cun lanzamento raso tralo saque indirecto da xogada. 2-3.
Aguantaría defendo uns minutos máis o DCM e a falta de 6 para o final, solicitaba un tempo morto. Tras regresar de dita interrupción, os nósos aproveitaron que o rival regresaba ó partido algo despistado e trenzaron unha fermosa xogada que en 4 toques transformábase en gol. Vare sacaba de banda para Emi; éste buscaba a Pani pegadiño á liña de cal, e polo carril contrario incorporábase Selu para recibir unha grandísima asistencia de Pani e facer tras regatear ó porteiro o 2-4 que sería definitivo. Significaba tamén o segundo hattrick consecutivo do xogador Dcmista.

Así finalizaba un encontro que vén a amosar o bo momento dcmista, que non só sabe ó que xoga, senón que sabe sufrir por momentos sen perder a compostura, agardando que ese chisco de fortuna que de momento os acompaña aparezca (hoxe en forma de cesión), e que fai que vaian xa 6 xornadas sen coñecer a derrota.

En partidos como este, onde a convocatoria é moi xustiña e os esforzos deben multiplicarse, gústanos destacar individualmente a cada xogador. Fantásticos todos onte, Jorge, Chape, Selu, Vare, Pani e Emi, noraboa!

Xaime informaralles de cómo chega o equipo a buscar prolongar a xeira unha semana máis.

viernes, 15 de noviembre de 2013

Escasos Efectivos Escasos Goles. Explanada F.S. Vs Deportes Carlos Miguel


Moi bos días/tardes/noites benqueridos lectores

Esta semana vamos analizar o que se prevé un axustado partido entre o Explanada F.S. e o Deportes Carlos Miguel.

Como é xa habitual comezamos a nosa análise polo que vai a ser o rival do DCM, un equipo que comparte co equipo rosiña a honra de ser o equipo menos goleado do que vai de campionato (7 goles en 5 partidos). O Explanada F.S. ó igual que o DCM e o Ars Canis, tamén conta cunha páxina nas redes sociais, máis en concreto en Facebook (https://www.facebook.com/pages/Explanada-FS/122874924437908). Nela podemos atopar que son un equipo que analiza profundamente as estatísticas de xogo. Nas fotos do Facebook podemos atopar infinidade de información sobre os partidos xogados por cada xogador, os goles marcados por cada quen, as estatísticas por terreo de xogo etc. Precisamente se nos vamos ó apartado de partidos xogados en Balaídos polo Explanada atopamos que dende a temporada 2007/08 e ata a pasada campaña, xogaron tan só 5 partidos nas pistas do municipal vigués, onde obtiveron tan só 6 puntos, con 2 victorias e 3 derrotas. Se nos vamos as estatísticas do ano pasado, poderemos observar que se trata dun equipo máis perigoso do que indica a clasificación desta temporada, xa que na 2012/13, o equipo quedou terceiro clasificado, moi por encima do cuarto, con  14 partidos gañados, 4 empatados, 3 perdidos, 68 goles a favor e 49 en contra. Como podemos observar o ano pasado o equipo tamén tivo unha cifra notábel en canto ós goles encaixados xa que en 25 partidos encaixou 49, converténdose no terceiro equipo menos goleado da categoría. Nesa fortaleza defensiva e onde baseou os seus bos números, xa que ata 5 equipos quedaron por riba do Explanada FS en canto a goles anotados. Este ano o equipo non comezou de todo ben, xa que ata a xornada pasada non gañara ningún partido. Ata o momento, o equipo leva 1 vitoria (a conseguida a semana pasada ante o Camping Cangas por 0-3), 2 empates (os acadados ante Bar Secundino e Cafetería Zaida ambos por 2-2) e dúas derrotas que son dignas de mención, xa que tan só perderon por un gol ante rivais moi complicados, como son o Bar Luada II (actual líder) ante o que perderon por 2-1 e o Cafetería Danais (1-0 como resultado final). O noso rival leva ata o de agora 8 goles a favor e 7 en contra. 

Polo tanto rival moi complicado sobre todo polos seus moi bos números defensivos, ó que se vai enfrontar o colider da categoría o Deportes Carlos Miguel. O DCM chega a este partido, por se non fose pouco coa dificultade do rival, con moi poucos efectivos. Se a semana pasada o equipo contaba co seu 9 de gala (tendo en conta que Quique tan só acudirá a partidos en Nadal), esta semana o equipo contará con 6 xogadores, un dos cales, Chap, chegará minguado fisicamente por mor dun proceso gripal. As baixas son as producidas pola volta de Yago a Manresa por mor dos seus estudos, a baixa de Davo por unha viaxe a Madrid e a de Xmon pola lesión sufrida nos derradeiros instantes do último partido do DCM.

A pesar destas dificultades o equipo chega coa moral moi alta tras asolagar ó seu rival a pasada xornada. O equipo por fin foi quen de acadar unha goleada e de mellorar os seus números ofensivos. Aínda que o equipo errou algunha ocasión clara de gol, o certo que e mellorou, e moito, a súa efectividade de cara a portería, o que lle permitiu por primeira vez vivir con certa tranquilidade a segunda parte dun partido que rematou gañando por 7-2. Precisamente froito desa tranquilidade e certa relaxación chegaron os dous goles do rival, que acurtou distancias do 5-0 ó 5-2. Isto ten que por en alerta ó equipo rosiña para que non volva a acontecer no partido desta fin de semana, xa que o equipo xogará contra un rival que sabe aproveitar moi ben os seus goles, polo que será moi importante saír coa máxima concentración posíbel, para evitar que o Explanada póñase por diante no marcador, e é que como ven din os números de ámbolos dous equipos, o equipo que golpee primeiro terá moitas posibilidades de obter a vitoria. Neste senso os xogadores DCM'istas deben de estar confiados, xa que en tódolos partidos foi quen de pórse por diante no marcador, pero esta confianza non se debe traducir en relaxación, senón nunha maior intensidade e seguridade para seguir mantendo esta estatística, nun partido especialmente crucial. 

A convocatoria para esta xornada é por tanto a de Jorge na portería, Vare, Selu e o agripallado Chap para as posicións defensivas e Emi e Pani para as posicións ofensivas. Agardemos que a pesar desta curta convocatoria o equipo saque a súa casta que lle permite en ocasións coma esta facer moi bos partidos compensando a falta de descanso con elementos como a concentración, a garra e a intensidade.

O partido será no Estadio Municipal de Balaídos, desta ocasión na pista número 2 (entrando pola porta 18 do estadio a esquerda). A hora a mesma que a semana pasada no Pavillón da Etea, o sábado ás 17:00 horas da tarde. Un prometedor partido que se presenta moi interesante e que convertese no centro neurálxico da nosa atención unha vez que esta semana non hai liga na primeira división.

Toda a información do partido neste blog da man de Lino.