O choque contra o rival máis forte dos
que se mediron no que vai de tempada co DCM, chegou no peor momento, nunha
xornada onde o equipo só contaba con 6 convocados, todos de corte
defensivo e entrando un deles na convocatoria a última hora,
forzando o seu regreso tras unha lesión polas necesidades do
plantel. Significaba o estreo do equipo no Pavillón de Candeán, un
moderno e vistoso complexo, con pista de tarima flotante e grandes
dimensións (o que tampouco beneficiou hoxe ós nósos)
O rival, descendido da 1ª división na
tempada pasada co DCM, é un claro favorito ó ascenso se mantén o
nivel competitivo de onte, onde buscaron a vitoria de principio a
fin, amosando moita ambición, non só en conseguir os 3 puntos,
senón tamén en desplegar un atractivo xogo e anotar o maior número
de goles posibles.
A pesares do avultado do resultado
final, os nósos amosaron nos primeiros compases de partido, que en
situacións normais, poderían ter plantado cara a este poderoso
equipo e ter opcións no encontro; e é que os primeiros minutos
foron dominados polo equipo rosiña que tentou achegarse con perigo á
portería rival. Selu fixo bos movementos nestes compases iniciais na
posición de pivot, pero unha concienciada defensa rival o derrubaba
cada vez que conseguía encarar a porta rival; de feito, o DCM gozou
de varios lanzamentos de falta nestes primeiros minutos de partido,
pero non tivo fortuna. Ó igual que tampouco a tivo no primeiro
lanzamento a porta do Trav. De Vigo, quen conseguiría o 0-1 dende
fóra da área tras un lanzamento que non ía entre os tres paus,
pero qeu petaba o xusto nun defensa dcmista para acabar en gol. 0-1.
O cansazo que comezaban a acumular os
xogadores Dcmistas, obrigou ao equipo a retrasar a súa liña de
presión habitual ata o medio do campo, agardando que o rival
cometese algún erro que permitise contragolpear. Pero hoxe enfronte
estaba un rival moi mentalizado, que soubo medir perfectamente os
tempos e non caer no que pretendía o DCM.
Así, con vantaxe no marcador, amosou
non ter ningunha présa en atacar, e non ter o máis mínimo problema
en tocar e tocar o esférico tanto coma fixese falla no seu propio
campo, e ademáis amosou que tiña calidade suficiente para facelo
sen cometer ningún erro.
Esta situación botou por terra as
opcións dcmistas. E é que estando por debaixo no marcador, e
observando que o rival non ía a arriscar o máis mínimo, os nósos
estaban obrigados a abandonar esa idea defensiva e ir a buscar o
balón a campo contrario. Isto multiplicou o cansazo e levou a
cometer moitos erros defensivos que o Travesía de Vigo ía a
aproveitar.
Aínda así, o DCM todavía gozaría de
boas ocasións na primeira metade para anotar, pero non tivo fortuna
de cara a porta, e pola contra, o rival, nos escasos achegamentos
desta primeira metade, tivo moitísima efectividade ata conseguir o
0-3 co que se chegaría ó descanso.
A segunda metade xa foi outra historia.
Agora sí que os visitantes gozaron de numerosísimas ocasións de
gol, moitas delas clarísimas, pero ao contrario que nos primeiros
25minutos, agora era a fortuna a que lles negaba a eles o gol e
concedeuno ao DCM nunha boa xogada entre Davo e Selu. 1-3. E todavía
tería outra opción clara de gol o DCM para anotar o 2-3, pero
errou, e na xogada seguinte chegou o 1-4 que finiquitou o partido.
Quedaban moitos minutos para o final e
o DCM foi consciente de que non tiña forzas para remontar tal
marcador. Deixouse levar; debería ter esquecido o electrónico e
centrarse en non encaixar máis goles; pero iso é sinxelo de dicir e
difícil de facer e máis cando as forzas xa non respondían a moitos
xogadores. Jorge (que tivo máis traballo que en todo o que vai de
tempada), e os erros do Travesía evitaron que a goleada fose maior.
Por se iso fose pouco, o colexiado
Eladio castigaba todavía máis ós Dcmistas cunha tarxeta que puido
evitar; tirou demasiado de reglamento para amosar cartón amarelo a
Selu por obstaculizar un saque de esquina do rival (é certo que non
estaba á distancia regulamentaria, pero máis por inercia e cansazo
de quedarse no sitio tras enviar o balón a córner, que por impedir
o saque, xa que nin o rival obtiña vantaxe por sacar rápidamente
nin o DCM gañaba nada cunha nova perda de tempo).
Esta derrota saca ós dcmistas dos
postos de ascenso directo, mais non afectou moito á moral do equipo,
e é que onte pouco máis podían facer para evitar a derrota.
A boa noticia foi o regreso de Xmon, e
con boas sensacións no seu xeonllo.
A pensar xa na vindeira xornada. Un
saúdo!
No hay comentarios:
Publicar un comentario