Moi Bos Días/Tardes/Noites
benqueridos lectores.
Tralo parón por mor do Samaín,
atopámonos unha semana máis neste medio de difusión para falar do que vai ser o
partido desta fin de semana, que enfrontará ó Deportes Carlos Miguel co Endulco
S.L.
O Endulco SL é o equipo
patrocinado pola empresa sita na cidade de Pontevedra e que se dedica a
mantementos e pinturas industriais e a servizos "Offshore" da
industria petrolífera. O ano pasado situose na zona morna da táboa
clasificatoria rematando a liga oitavo, con 11 partidos gañados, 2 empatados e
12 perdidos, 74 goles a favor e 76 na contra. Polo tanto polo que se pode
observar polas estatísticas da temporada pasada trátase dun equipo equilibrado
e que este ano sigue uns parámetros similares, xa que se atopa na novena
posición con 1 partido gañado, 1 empatado, 2 perdidos, 11 goles a favor e 14 na
contra, é dicir, a pesar de ter 6 puntos menos que o cadro rosiña leva dous
goles máis marcados, polo que a defensa do noso equipo deberá estar alerta. Se
analizamos os 4 partidos de liga que leva disputado o equipo da Cidade do
Lérez, poderemos observar que tan só perdeu un partido por goleada. Na primeira
xornada caeu derrotado por un axustado 2-1 ante o Bar Secundino 10º clasificado
actualmente, na xornada dous chegaría a maior goleada recibida e é que o
Endulco caería por 1-6 fronte ó Cafetería Danais (rival que caeu por 3-2 ante o
DCM no primeiro partido). Na seguinte xornada lograría un empate contra o
equipo que máis igualadas leva na competición (3 en 4 partidos) o Cafetería
Zaida (3-3) e na última xornada, no partido que se disputou en Balaídos-1
despois do encontro do DCM, lograron vencer por 6-3 ó Camping Cangas (rival ó
que o DCM venceu por 2-0). Nese partido uns enviados do equipo rosiña estiveron
analizando o devir da primeira metade na que puideron analizar que o Endulco
ocupaba unha posición na táboa clasificatoria inferior á que realmente
merecería polo xogo despregado neste partido.
Pola súa banda o DCM chega ó partido
invicto no que vai de liga tras sumar nas 4 xornadas disputadas 10 puntos,
grazas ás súas 3 vitorias e 1 empate. O equipo nestes partidos ven de amosar
uns moi bos números defensivos xa que leva 5 goles encaixados, ou o que é o
mesmo, 1,25 goles recibidos por partido, unha cifra moi positiva para un equipo
de fútbol sala. Porén isto non debe facer esquecer que houbo fases nalgúns
partidos onde o equipo perdeu a orde e os rivais puideron ter aproveitado para
marcar algún gol máis. Na faceta ofensiva é onde os números do equipo son mais
exiguos pero suficientes, o equipo rosiña leva 9 goles a favor o que se traduce
en 2,25 por partido, e é que tan só un gol dos que marcou o DCM non tivo un
resultado directo en forma de puntos. No primeiro partido foron necesarios os 3
goles para sumar os tres puntos fronte ó Cafetería Danais, no segundo os 2
goles anotados conseguiron contrarestar ós dous tantos do Cafetería Zaida e a
partir de esta xornada o DCM reduciu a cantidade de goles recibidos que de
aquela era de 2 por partido. Na terceira xornada gañou por 2-0 co que houbo
un gol que lle sobrou e na última xornada gañou por 2-1 polo que tódolos
goles foron necesarios. Porén se na faceta defensiva diciamos que os poucos
goles encaixados non debían facernos esquecer certos momentos de inseguridade
nalgún partido, na faceta ofensiva os escasos números ofensivos que presenta o
equipo non deben levar a engano, xa que o equipo está a xerar multitude de
ocasións en tódolos partidos, suficientes para ter marcadores máis avultados,
pero as veces a mala fortuna e outras a mala puntería fan que o DCM pareza nos
números un equipo máis cotroso do que realmente é.
Para este partido o DCM debe
manter o seu rigor defensivo e a súa seriedade no terreo de xogo. Clave está
sendo a intensidade coa que o equipo está entrando nos partidos, xa que en
todos e cada un dos deles o DCM comezou gañando, e non houbo ningún momento no
que o equipo rosiña fora por detrás do marcador. Traballar dende esta tranquilidade
de fai que sexa mais doado manexar os tempos do partido, pero estamos seguros
que no intre no que ó DCM lle toque loitar contra un marcador adverso será quen
de afrontar con garantías o partido.
A convocatoria para este encontro,
salvo novidade de última hora, estará formada por: Jorge na portería,
Xmon, Chap, Selu e Vare en posicións defensivas e Emi, Pani, Yago e Davo na
parte máis adiantada do equipo. Este será o último partido de Yago ata o mes de
decembro, xa que por mor dos estudos terá que desprazarse a Manresa durante un período
aproximado de 6 semanas, agardemos que poida deixar ó equipo nas primeiras
posicións e márchese cun bo sabor de boca en forma de asistencias, goles e
resolucións defensivas.
O partido vaise a disputar nun
campo ata o de agora descoñecido para os nosos, no Pavillón Municipal da Etea,
anteriormente recinto dunha academia Militar, que foi reformado polo Concello e
que ter unha superficie de parqué. Agardemos que como soe ser habitual nos nosos,
debuten nun escenario de tal importancia cun bo resultado (como o fixeron no
seu día no Pavillón Central de As Travesas ou no Pavillón Municipal de Navia).
Para os máis despistados aquí van unhas lixeiras indicacións de como chegar ó
pavillón
- Ou ben por Sanjurjo Badía ou
ben pola Avenida de Bos Aires chegar ó Cruce da Guía, alí seguir en dirección
Chapela (se se vai por Sanjurjo Badía isto supón seguir recto ó chegar o cruce
da Guía se se vai por Bos Aires supón xirar a dereita), avanzar uns poucos metros
ata ver o primeiro semáforo despois do cruce, tralo cal estará o primeiro carril de incorporación á esquerda, unha vez xirado seguir recto pola Avenida da Mariña Española ata ver as antigas instalacións
militares (máis abaixo pódese atopar un gráfico)
O partido xa o saben o Sábado ás
17:00 h, un perfecto aperitivo para o partido do Real Club Celta no Estadio
Municipal de Balaídos fronte ó Raio Vallecano.
Imaxes Cortesía de Google Maps e Faro de Vigo
No hay comentarios:
Publicar un comentario