viernes, 28 de mayo de 2010

Na Procura da Segunda Badalada

Boas tardes, benqueridos lectores, hoxe vos informaremos do que vai a ser a penúltima xornada desta segunda división grupo "B" de Vigo en Xogo, unha división onde aínda non hai nada decidido especialmente na zona alta da táboa clasificatoria. Tras os resultados da pasada fin de semana, onde o DCM deu a badalada ó conseguir un empate fronte ó Hannover, nun partido no que soubo aproveitar ó máximo as súas fortalezas, todo queda aberto a falta de dúas xornadas para o final, tanto o campionato de liga como os postos de ascenso. Esta semana o rival que lle agarda ó DCM non é máis sinxelo que o Hannover, e é que La Casita está a callar unha segunda volta perfecta, sumando tódolos seus partidos por victoria. O DCM quererá truncar esta xeira, como foi quen de truncar a do Frutas Nieves, que non tiña gañado ningún partido na segunda volta, ata que se enfrontou co DCM ó que superou por 4-3 no marcador. Precisamente será o Frutas Nieves o rival do Hannover, un Hannover que ten que gañar o seu partido do sábado e agardar que La Casita perda un dos dous partidos que lle restan por disputar.

Na ida o DCM caeu contra La Casita por 3-5, nun partido no que Lino titulaba o seguinte: "O intento de xogo alegre converte ó DCM nun equipo fráxil" DCM 3-5 La Casita " e onde o autor da crónica buscaba similitudes entre o xogo proposto por Eusebio Sacristán no Real Club Celta e o proposto polo adestrador DCM'ista neste partido. Porén o DCM chega a este partido nunha situación diferente á da ida, e ante un rival que está nun intre de forma superior ó da primeira volta, e por iso pode que o prantexamento sobre o campo troque algo con referencia a primeira volta. De todos modos sempre é moi complicado adiviñar as intencións do DCM antes de un partido de liga. Cabe destacar que se o DCM consegue puntuar fronte a La Casita, sería quen de ter puntuado cos 3 primeiros clasificados nesta segunda volta, 3 equipos que case que con toda seguridade ascenderán a vindeira temporada a primeira división (cabe destacar que contra o Pers United puntuouse por temas administrativos, pero na primeira volta conseguiuse un empate sobre o terreo de xogo). E é que o DCM se consegue puntuar nos dous vindeiros partidos haberá sido quen de puntuar con tódolos seus rivais agás contra o Parquets Eloy, equipo que foi quen de superar a escuadra DCM'ista na primeira e na segunda volta.

O partido desta fin de semana, disputarase nun pavillón peculiar, que non é outro que o pavillón do Estadio Municipal de Balaídos (neste caso na pista 2 en lugar da 1, na que xogouse o partido contra o Birraleal), pavillón que caracterízase polas súas reducidas dimensións, o que soe obstaculizar o xogo creativo e provoca partidos pouco vistosos e con continuos choques. Tras o fracaso do partido anterior, é posíbel que o Ratckovic Varela busque algunha alternativa ó xogo do DCM co fin de adaptarse ben ó terreo de xogo, e é que se o DCM quere obter algún punto do partido deberá explotar ó 100% as súas fortalezas. Como obxectivo no horizonte do DCM conseguir a sexta praza, mellor posición a que opta o DCM, que conseguirá no caso de gañar os dous partidos e que o ACP teña sendos tropezos nos seus. A sétima praza xa está garantida.

Para este partido a convocatoria é toda unha incógnita, se ben todo fai pensar que o adestrador do DCM poderá contar para pór en práctica o seu esquema de xogo, con 8 xogadores, que serán Jorge para a portería, Pali, Vare e Chap para a zona defensiva e Pani, Emi, Quique e Yago para os postos con vocación máis ofensiva. A baixa habitual a protagonizará con case toda seguridade Xmon que terá que quedarse en Santiago de Compostela por motivos persoais. Dentro de esta convocatoria de 8 xogadores cabe destacar que Chap segue coas súas molestias nas costas e tan so poderá xogar algúns minutos, minutos moi importantes para dar refrixerio ós compañeiros que estean sobre o terreo de xogo.

A cita xa o saben no Estadio Municipal de Balaídos, na porta 18, na pista 2 e ás 13:00 horas, un perfecto aperitivo para gozar dun soleado domingo, como nos prognostican as previsións meteorolóxicas. Isto é todo, nos vemos na previa do DCM Vs Parquets Corcoba, no que será a derradeira previa desta temporada.

Aliñación Probábel


-----Jorge------

-Vare-----Pali--

------Emi------

-----Yago------

Banco: Chap, Pani e Quique

No hay comentarios: