sábado, 13 de febrero de 2010

Obxectivo: Mellorar a Primeira Volta

Boas tardes, benqueridos lectores, nesta xornada de sábado da comezo unha nova andaina nesta segunda división grupo "B" de Vigo en Xogo. Comeza a segunda volta con tódolos frontes abertos, non hai ningún equipo totalmente descolgado da loita pola salvación e aínda ningún equipo ten garantida unha praza que permita o ascenso a primeira división. O DCM comezará esta segunda volta fronte a un rival, o Parquets Eloy, ó que non foi quen de derrotar nos seus dous enfrontamentos anteriores, que se produciron no torneo de campión de campións, onde o DCM caeu nun partido con polémica arbitral, e no primeiro encontro desta liga onde o Parquets gañoulle 2-1 ó DCM, onde os DCM'istas pagaron o seu conservadorismo na segunda parte onde claramente renunciaron ó ataque para defender o empate.

A este partido o DCM chega tocado de moral tras 3 derrotas consecutivas, onde o equipo encaixou até 17 goles, unha cifra que da mostra do desorde táctico no que está a vivir inmerso o equipo branquiazul. Froito destes pobres resultados pola cabeza do adestrador DCM'ista, quen volve ó banco tras a súa semana sabática particular, pasa un xiro táctico. Xiro do cal descoñecemos as súas características, xa que no adestramento do xoves a prensa non puido dilucidar o senso deste xiro.

Ante o DCM chega un rival cuns números moi parellos ós do DCM, os dous actuais campións de terceira división, chegan ó encontro distanciados por 5 puntos, que son os que avantaxa o Parquets (26 puntos) ó DCM (21 puntos). Polo tanto é un partido de especial transcendencia, xa que se os DCM'istas perden este partido verán como o equipo amarelo afástase até 8 puntos na táboa clasificatoria, e tería que comezar a ver con preocupación a parte baixa da táboa onde o Parquets Corcoba (equipo que marca o inicio dos postos de descenso) ven dunha xeira moi boa de resultados, e recortoulle nas últimas 3 xornadas 9 puntos ó DCM.

O Parquets Eloy chega a este partido cheo de moral tras golear ó Decoraciones Costas por 7-2 e despois de gañar 4 dos últimos 6 partidos disputados, o que lle fixeron recuperarse dunha pequena crise de resultados que tiñan vivido con anterioridade. Nestas seis últimas xornadas os únicos tropezos que tiveron os homes de amarelo foron a derrota fronte ó Bar Kuvi por 1-3 e unha axustada derrota fronte ó ACP Sport por 1-2.

Para este partido o adestrador do equipo que actuará neste caso coma visitante (o DCM), contará con 6 homes na convocatoria. Ás baixas xa habituais de Chapela e Xmon, ós que agardamos poder ver nas vindeiras xornadas nos terreos de xogo (xa que é posíbel que Chapela consiga resolver os seus problemas burocráticos nas vindeiras semanas, e Xmon que volva a pisar a cidade olívica tralos exames de febreiro que na universidade compostelá sempre se dilatan máis que na viguesa) súmase a de Yago por unha mancadura no nocello. Polo tanto contará con Jorge na portería, Pali e Vare para as posicións defensivas, e Emi, Pani e Quique para os postos máis adiantados.

O partido xa o saben o sábado ás 20:00 h no pavillón de Manuel Antonio, unha moi boa hora onde agardemos que o DCM aprace á celebración do Entroido até que remate o partido, e na que se agarda unha boa presenza de seareiros de ámbolos dous equipos.

Reciban un cordial saúdo, e pasen un bo Entroido.


Posíbel Aliñación:

------Jorge------


-Vare----Pali----


------Pani-------


------Quique----

No hay comentarios: