lunes, 13 de octubre de 2014

“Superando as expectativas” MatizVigoFS 3-1 Catacroker


Na segunda xornada ligueira, o Matiz consolidou as boas sensacións do primeiro encontro e firma un bo inicio de tempada, seguramente mellor do agardado por moitos, tralas pésimas sensacións da pretempada e cun plantel xusto de efectivos pola marcha de Selu.

O equipo tirou dos coñecementos adquiridos durante todas estas tempadas e recuperou a ilusión por gañar grazas ao novo patrocinio, e eses dous ingredientes servíronlle para dominar e vencer estes dous primeiros compromisos ligueiros.
Non obstante, os nósos non deben levantar os pés do chan, e deben ser conscientes de que haberá rivales de máis entidade ao longo da competición e que polo tanto (e observando o axustado destes dous resultados) obrigarán ao equipo a mellorar bastante para poder facer fronte aos equipos punteiros da categoría.

O encontro ante Catacroker comezou con media hora de retraso no pavillón de Bembrive, baixo a batuta dun desafortunado Pesca, que permitíu moitos contactos á defensa visitante e, no entanto, non pasou nin unha falta aos locais e perseguíu as súas protestas chegando a amonestar con cartón amarelo a Chape.

O dominio foi do Matiz en todo momento, pero non foi quen de traducir dito dominio en goles nos primeiros 25 minutos de encontro. Os visitantes, buscaban unha acción illada para adiantarse no marcador, pero salvo un par de xogadas embarulladas, apenas inquedaron a Jorge.

O marcador abriríase na segunda metade, nunha das ocasións menos claras. Sería obra de Emi cun disparo dende a frontal da área que bicaba as maias. 1-0.
Repetiría fortuna o xogador maticista cun novo disparo lonxano, nesta ocasión tras un saque dende a banda esquerda do ataque, que o cancerbeiro non era quén de atrapar ante a resignación dos seus compañeiros. 2-0.
Semellaba visto para sentenza o encontro, pero nunha desas xogadas illadas, o Catacroker conseguía o 2-1, tras un disparo desviado que convertíase nunha asistencia con moita fortuna e introducíase na porta local tras tocar no defensa e no cancerbeiro do Matiz.
Quedaban poucos minutos para o final, pero non houbo tempo para o sufrimento, xa que os nósos respostaban cun novo gol, na mellor xogada do encontro, na que o balón pasou por tódolos xogadores, moveuse de banda a banda e rematou cunha asistencia de Emi, que Pani convertía no 3-1.

Tres novos puntos e a pensar xa na vindeira semana, onde o equipo deberá extremar as súas virtudes destas dúas semanas (encaixar moi poucos goles a través dun gran traballo defensivo e do dominio do esférico), para contrarrestar a escasez de efectivos (Xmon causará baixa, polo que o equipo contará só con dous homes específicos para a defensa, dous para o ataque e o preciado comodín de Davo).

Grazas a afición presente e noraboa Jorge, Vare, Chape, Xmon, Davo, Emi e Pani polo bo encontro!
Ata a vindeira semana!

No hay comentarios: