sábado, 18 de octubre de 2014

Só pode quedar un. Endulco S.L. Vs MATIZ VIGO F.S.


Moi boas tardes queridos lectores

Nos atopamos unha semana máis neste espazo que nos facilita o Matiz Vigo F.S. para analizar o que vai ser a terceira xornada da segunda división "A" de Vigo en Xogo. 

O Matiz Vigo chegará o encontro tras conseguir dúas vitorias nas dúas primeiras xornadas de liga, o que fixo disipar as dúbidas existentes na pretemporada onde non había certeza sobre que tal se adaptaría o equipo a baixa de Selu e a este plantel curto. O Matiz converteuse nun dos 4 equipos que lograron vencer nas súas dúas primeiras xornadas de liga, o que fai ver o igualado da competición, xa que tan só 4 equipos lograron acadar 6 puntos de 6. 

Outro dos equipos que lograron gañar os seus dous primeiros partidos foi o Endulco S.L. que atópase no máis alto da táboa clasificatoria, tras gañar os seus dous partidos e golear na última xornada ó Librería Hollandia ó que foi quen de superar por 2-8. Esta vitoria sumada á da primeira xornada de liga onde superou ó Explanada F.S. por un axustado 4-3 é o que lle permite liderar a clasificación con 2 vitorias, 12 goles a favor e 5 en contra. Números que contrastan cos do Matiz Vigo FS, que aínda que tamén conta con 2 vitorias amosa uns números máis parcos tanto en número de goles marcados (5), coma de encaixados (2), o que amosa o estilo que están propoñendo estes dous equipos no comezo do campionato. O ano pasado o Endulco non tivo un comezo de temporada tan pracenteiro coma o desta temporada, xa que comezou o campionato con malos resultados que se agudizaron trala súa derrota contra o Matiz Vigo (daquela DCM) na quinta xornada no pavillón da Etea, onde caeron por 7-2 ante os daquela rosiñas. No partido de volta o resultado foi máis axustado e os nosos conseguiron superar ó Endulco por 3-5. Porén os resultados do ano pasado non queren dicir nada, e xa puidemos observar que neste campionato o Endulco comezou mellor que o ano pasado, onde finalmente rematou en metade da táboa tras facer unha segunda volta moi meritoria onde gañou 6 partidos, empatou 3 e perdeu 4 encontros (un deles contra o DCM), o que lle permitiu sumar nesta segunda volta 21 puntos dos 35 cos que finalizou o campionato. 

Pola súa banda o Matiz Vigo F.S. chega ó partido enchido de moral tras conseguir vencer a pasada xornada ó Catacrocker United, tras facer un moi bo xogo, ó igual que na primeira xornada. Os homes de negro están conseguindo implantar un estilo de xogo sólido concedendo moi poucas ocasións de gol durante o partido. Non obstante o equipo non descoida a faceta ofensiva do xogo onde está dispoñendo de multitude de ocasións por partido que non se concretan por pequenos detalles ou centímetros. Polo tanto os números ofensivos do equipo que conta con 5 goles a favor, non son unha mostra fiel da cantidade de ocasións xeradas en cada unha das xornadas. Ademais o equipo pode presumir, ó igual que o comezo da temporada pasada, de ser a escuadra menos goleada da categoría, honra que comparte con outros 3 equipos da categoría. Será clave que o equipo sexa quen de manter esta concentración e números defensivos ó longo da competición para poder acadar unha boa clasificación ó finalizar a temporada.

E maior importancia terá aínda nesta xornada, onde os nosos chegan ó partido xustos de efectivos, ó xuntarse as baixas habituais de Quique e Pablo a de Yago, ó igual que a semana pasada e a de H.R.R. que esta semana non estará dispoñible para o partido contra o Endulco ó atoparse en terras vascas. Esas 4 baixas fan que tan só sexan 6 os homes de negro que poderán disputar o partido desta fin de semana e que non serán outros que: Jorge baixo os paus, Sergio e Vare para posicións defensivas, Pani e Emi para os postos de ataque e Davo como comodín para ambas partes do campo. Será clave saber como chega Sergio a este partido do campionato, xa que nos dous últimos partidos tivo molestias durante o transcurso do encontro que lle impedían realizar certos movementos na saída do balón. Agardemos que esta fin de semana se atope recuperado e poida render ó máximo nivel converténdose nun dos baluartes defensivos do equipo. 

Ante as baixas xa anunciadas será de vital importancia o apoio do público nas bancadas do Estadio Municipal de Balaídos. O encontro se disputará a unha cómoda hora matutina ás 12.00 h, nun terreo de xogo que agardemos que xa non teña rastro das inundacións provocadas pola cicloxénese explosiva Margarit que asolagou a cidade o pasado xoves. 

Non se perdan esta cita, onde o Matiz Vigo F.S. pode seguir asentándose nos postos sobranceiros da clasificación e onde como reza o título tan só pode quedar un, xa que so un poderá seguir contando por vitorias tódalas xornadas disputadas, e incluso pode non quedar ningún se ambos empatan o partido. Imos que nos Imos!! Imos Matiz Vigo!!

No hay comentarios: