martes, 28 de octubre de 2014

Un bo traballo reporta 3 novos puntos MATIZVIGOFS 5-2 EXPLANADA

Como xa diciamos na crónica pasada, a derrota ante o Endulco foi un mero tropezo sen consecuencias, e é que os nósos sabían que tiñan realizado o traballo que debían, á marxe de posibles erros puntuais.
Iso quedou demostrado nesta cuarta xornada. O Matiz repetíu o mesmo que en todas as xornadas que leva desputadas. Sabe ao que xoga, sabe cales son a súas virtudes (que busca maximizalas) e sabe tamén cales son os seus puntos febles (e consigue minimizalos ou alomenos agochalos).

O encontro, asubiado por Eladio, tivo emoción e gustou ao respetable.
O Matiz comezaría mandando no xogo e no marcador, liderado por un inspirado Emi que creou e tivo nas súas botas dúas boas ocasións para adiantar o equipo, e que servíu outro gran balón para Chape quen non puido superar ao gardamallas rival. Tras errar esas tres boas oportunidades, o gol chegaría nun grave erro defensivo rival ao tentar mover o balón de lado a lado na área pequena, que aproveitaba Emi para presionar con intelixencia e empurrar o esférico as maias. 1-0.
Os nósos non estiveron perfectos, cometeron erros tanto na defensa como en ataque, pero ningún de bulto, o que lles permitíu chegar ao descanso por diante no marcador e con boas sensacións.

Porén, o inicio da segunda metade foi pésimo para os intereses maticistas.
Primeiro co gol do empate que chegaba tras un forte disparo que petaba en Vare, e o rexeite, caído do ceo, era perfectamente empalado por outro atacante do Explanada para convertir o 1-1.
E intres despois, nunha desafortunada xogada, H.R.R. escordábase o nocello, tendo que abandonar o encontro, e implicando baixa para unhas cantas xornadas. Dende aquí todo o ánimo para él!
A pesares do varapau, o equipo mantívose firme. O Explanada apretaba moito máis, cunha presión avanzada que dificultaba a saída de balón. Pero o Matiz mantivo a calma e foi buscando solucións a esa presión.
Unha delas foi os balóns en longo (tanto dos defensas como de Jorge dende portería conseguíu superar en varias ocasións á defensa rival). E así chegou o 2-1, tras un bo pase de Vare dende campo propio que superaba a defensa rival, e que Emi controlaba magníficamente co peito e convertía no 2-1. No inicio da xogada, Pani tirou un bo desmarque, que deu o espazo necesario a Vare para o pase e deixou a Emi cun único defensor.
Conseguiría empatar de novo Explanada tras unha mala defensa Maticista (seguramente provocada polo cansazo) que permitía centrar primeiro e rematar despois con excesiva facilidade aos rivais. 2-2.
Pero cando máis complicado semellaba o partido, e cando máis debía acusar o Matiz o cansazo, mellor reaccionou o equipo.
Vare anotaría o 3-2 de forte disparo dende a frontal tras saque de esquina (xogada que o equipo repetíu varias veces durante o encontro ante as facilidades defensivas que daba o rival nestas accións e que finalmente deu os seus froitos).
O 4-2 sería obra de Davo tras un contragolpe que finalizaba cun fermoso disparo.
E o 5-2 significaría o hattrick de Emi tras pase da morte de Davo.

Así se pechaba un encontro ben traballado por parte dos homes de negro e que por terceira vez esta tempada reporta 3 importantes puntos.

Na vindeira semana o equipo enfrontarase a un Librería Hollandia que leva unha soa victoria nestas 4 xornadas e varias goleadas encaixadas. Porén, esa victoria chegou nesta última semana, xusto antes de enfrentarse ao Matiz, polo que teremos un equipo motivado e un Matiz moi mermado polas baixas, disporá dun único troco, pero o equipo xa sabe o que ten que facer.

Un saúdo!

miércoles, 22 de octubre de 2014

Tropezo sen consecuencias Endulco 5-1 MatizVigoFS


Un desafortunado Matiz acadou na 3ª xornada ligueira a súa primeira derrota da tempada, e o fixo por un resultado avultado que a priori podería semellar preocupante; pero nada máis lonxe da realidade. O equipo tivo un mal día, que comezou coa coincidencia de cores nas equipacións que obrigou a buscar unha solución desesperada que descentraría a atención dos nósos. Seguíu coa mala fortuna de cara a porta (se diciamos en xornadas pasadas que custaba convertir as ocasións, neste encontro, a falta de acerto foi por momentos incrible, marchándose fóra balóns que eran máis sinxelos de marcar que de errar), e finalizou co gran acerto anotador do equipo rival.
Todo iso, observouse xa na primeira xogada do choque. Tralo saque de centro, Emi marchaba nunha fermosa xogada individual de tódolos adversarios que saían ao seu paso e facía méritos para anotar un gol que non chegou por pouco. E acto seguido, primeiro lanzamento do rival que superaba a Jorge e traducíase no 1-0.
Pouco despois, erro defensivo e 2-0.
En escasos minutos o encontro púñase costa arriba e obrigaba ao Matiz a ter que levar o peso do partido, o que implicaba correr riscos defensivo e un maior desgaste físico.
Aínda así o equipo tivo a ocasión do 2-1, pero o que chegou foi o 3-0.

Na segunda parte, o número de ocasións dos “homes de peto” foi escandalosa. Pero o gol só chegou de penalti transformado por Emi.
Con todo iso, o encontro só podía rematar en derrota. Os outros dous goles do Explanada ata o 5-1, mera anécdota.

Así pois, os nósos pasan páxina, sen esquecer a importancia que teñen os minutos iniciais de cada encontro e a importancia de defender ao 100% cada xogada. Se recuperan iso, as ocasións que neste encontro marcharon fóra, pronto comezarán a entrar.
A pensar xa no vindeiro duelo!
Un saúdo!

sábado, 18 de octubre de 2014

Só pode quedar un. Endulco S.L. Vs MATIZ VIGO F.S.


Moi boas tardes queridos lectores

Nos atopamos unha semana máis neste espazo que nos facilita o Matiz Vigo F.S. para analizar o que vai ser a terceira xornada da segunda división "A" de Vigo en Xogo. 

O Matiz Vigo chegará o encontro tras conseguir dúas vitorias nas dúas primeiras xornadas de liga, o que fixo disipar as dúbidas existentes na pretemporada onde non había certeza sobre que tal se adaptaría o equipo a baixa de Selu e a este plantel curto. O Matiz converteuse nun dos 4 equipos que lograron vencer nas súas dúas primeiras xornadas de liga, o que fai ver o igualado da competición, xa que tan só 4 equipos lograron acadar 6 puntos de 6. 

Outro dos equipos que lograron gañar os seus dous primeiros partidos foi o Endulco S.L. que atópase no máis alto da táboa clasificatoria, tras gañar os seus dous partidos e golear na última xornada ó Librería Hollandia ó que foi quen de superar por 2-8. Esta vitoria sumada á da primeira xornada de liga onde superou ó Explanada F.S. por un axustado 4-3 é o que lle permite liderar a clasificación con 2 vitorias, 12 goles a favor e 5 en contra. Números que contrastan cos do Matiz Vigo FS, que aínda que tamén conta con 2 vitorias amosa uns números máis parcos tanto en número de goles marcados (5), coma de encaixados (2), o que amosa o estilo que están propoñendo estes dous equipos no comezo do campionato. O ano pasado o Endulco non tivo un comezo de temporada tan pracenteiro coma o desta temporada, xa que comezou o campionato con malos resultados que se agudizaron trala súa derrota contra o Matiz Vigo (daquela DCM) na quinta xornada no pavillón da Etea, onde caeron por 7-2 ante os daquela rosiñas. No partido de volta o resultado foi máis axustado e os nosos conseguiron superar ó Endulco por 3-5. Porén os resultados do ano pasado non queren dicir nada, e xa puidemos observar que neste campionato o Endulco comezou mellor que o ano pasado, onde finalmente rematou en metade da táboa tras facer unha segunda volta moi meritoria onde gañou 6 partidos, empatou 3 e perdeu 4 encontros (un deles contra o DCM), o que lle permitiu sumar nesta segunda volta 21 puntos dos 35 cos que finalizou o campionato. 

Pola súa banda o Matiz Vigo F.S. chega ó partido enchido de moral tras conseguir vencer a pasada xornada ó Catacrocker United, tras facer un moi bo xogo, ó igual que na primeira xornada. Os homes de negro están conseguindo implantar un estilo de xogo sólido concedendo moi poucas ocasións de gol durante o partido. Non obstante o equipo non descoida a faceta ofensiva do xogo onde está dispoñendo de multitude de ocasións por partido que non se concretan por pequenos detalles ou centímetros. Polo tanto os números ofensivos do equipo que conta con 5 goles a favor, non son unha mostra fiel da cantidade de ocasións xeradas en cada unha das xornadas. Ademais o equipo pode presumir, ó igual que o comezo da temporada pasada, de ser a escuadra menos goleada da categoría, honra que comparte con outros 3 equipos da categoría. Será clave que o equipo sexa quen de manter esta concentración e números defensivos ó longo da competición para poder acadar unha boa clasificación ó finalizar a temporada.

E maior importancia terá aínda nesta xornada, onde os nosos chegan ó partido xustos de efectivos, ó xuntarse as baixas habituais de Quique e Pablo a de Yago, ó igual que a semana pasada e a de H.R.R. que esta semana non estará dispoñible para o partido contra o Endulco ó atoparse en terras vascas. Esas 4 baixas fan que tan só sexan 6 os homes de negro que poderán disputar o partido desta fin de semana e que non serán outros que: Jorge baixo os paus, Sergio e Vare para posicións defensivas, Pani e Emi para os postos de ataque e Davo como comodín para ambas partes do campo. Será clave saber como chega Sergio a este partido do campionato, xa que nos dous últimos partidos tivo molestias durante o transcurso do encontro que lle impedían realizar certos movementos na saída do balón. Agardemos que esta fin de semana se atope recuperado e poida render ó máximo nivel converténdose nun dos baluartes defensivos do equipo. 

Ante as baixas xa anunciadas será de vital importancia o apoio do público nas bancadas do Estadio Municipal de Balaídos. O encontro se disputará a unha cómoda hora matutina ás 12.00 h, nun terreo de xogo que agardemos que xa non teña rastro das inundacións provocadas pola cicloxénese explosiva Margarit que asolagou a cidade o pasado xoves. 

Non se perdan esta cita, onde o Matiz Vigo F.S. pode seguir asentándose nos postos sobranceiros da clasificación e onde como reza o título tan só pode quedar un, xa que so un poderá seguir contando por vitorias tódalas xornadas disputadas, e incluso pode non quedar ningún se ambos empatan o partido. Imos que nos Imos!! Imos Matiz Vigo!!

lunes, 13 de octubre de 2014

“Superando as expectativas” MatizVigoFS 3-1 Catacroker


Na segunda xornada ligueira, o Matiz consolidou as boas sensacións do primeiro encontro e firma un bo inicio de tempada, seguramente mellor do agardado por moitos, tralas pésimas sensacións da pretempada e cun plantel xusto de efectivos pola marcha de Selu.

O equipo tirou dos coñecementos adquiridos durante todas estas tempadas e recuperou a ilusión por gañar grazas ao novo patrocinio, e eses dous ingredientes servíronlle para dominar e vencer estes dous primeiros compromisos ligueiros.
Non obstante, os nósos non deben levantar os pés do chan, e deben ser conscientes de que haberá rivales de máis entidade ao longo da competición e que polo tanto (e observando o axustado destes dous resultados) obrigarán ao equipo a mellorar bastante para poder facer fronte aos equipos punteiros da categoría.

O encontro ante Catacroker comezou con media hora de retraso no pavillón de Bembrive, baixo a batuta dun desafortunado Pesca, que permitíu moitos contactos á defensa visitante e, no entanto, non pasou nin unha falta aos locais e perseguíu as súas protestas chegando a amonestar con cartón amarelo a Chape.

O dominio foi do Matiz en todo momento, pero non foi quen de traducir dito dominio en goles nos primeiros 25 minutos de encontro. Os visitantes, buscaban unha acción illada para adiantarse no marcador, pero salvo un par de xogadas embarulladas, apenas inquedaron a Jorge.

O marcador abriríase na segunda metade, nunha das ocasións menos claras. Sería obra de Emi cun disparo dende a frontal da área que bicaba as maias. 1-0.
Repetiría fortuna o xogador maticista cun novo disparo lonxano, nesta ocasión tras un saque dende a banda esquerda do ataque, que o cancerbeiro non era quén de atrapar ante a resignación dos seus compañeiros. 2-0.
Semellaba visto para sentenza o encontro, pero nunha desas xogadas illadas, o Catacroker conseguía o 2-1, tras un disparo desviado que convertíase nunha asistencia con moita fortuna e introducíase na porta local tras tocar no defensa e no cancerbeiro do Matiz.
Quedaban poucos minutos para o final, pero non houbo tempo para o sufrimento, xa que os nósos respostaban cun novo gol, na mellor xogada do encontro, na que o balón pasou por tódolos xogadores, moveuse de banda a banda e rematou cunha asistencia de Emi, que Pani convertía no 3-1.

Tres novos puntos e a pensar xa na vindeira semana, onde o equipo deberá extremar as súas virtudes destas dúas semanas (encaixar moi poucos goles a través dun gran traballo defensivo e do dominio do esférico), para contrarrestar a escasez de efectivos (Xmon causará baixa, polo que o equipo contará só con dous homes específicos para a defensa, dous para o ataque e o preciado comodín de Davo).

Grazas a afición presente e noraboa Jorge, Vare, Chape, Xmon, Davo, Emi e Pani polo bo encontro!
Ata a vindeira semana!

viernes, 10 de octubre de 2014

Seguir Sumando. MATIZ VIGO F.S. VS CATACROCKER UNITED

 
Moi boas tardes queridos lectores

Nos atopamos aquí outra semana máis para analizar o que vai ser a segunda xornada de liga da temporada 2014/15 da segunda división A de Vigo en Xogo.

Trala sufrida pero merecida vitoria do MATIZ-VIGO F.S.fronte ó Camping Cangas, chega o momento de enfrontarse a un dos galos da terceira división da temporada pasada o que lle valeu para lograr o ascenso a segunda división "A" na que milita o Matiz Vigo FS por segundo ano, tralo seu descenso dende a máxima categoría do fútbol recreativo municipal.

O Catacrocker United, equipo de difícil escritura e pronunciación, rematou o ano pasado como segundo de grupo con 55 puntos tras conseguir 18 vitorias, 1 empate  e 7 derrotas, impoñéndose por tan só un punto ó terceiro clasificado. Por outra banda quedou moi lonxe do líder do grupo que rematou a liga con  71 puntos, 16 puntos por riba do rival do equipo do Paseo de Alfonso XII.  Polo tanto obtivo 10 puntos máis que o Matiz Vigo FS (daquela denominado DCM) pero nunha división inferior, polo que se agarda un partido moi igualado. En canto a primeira xornada desta liga o equipo Unitediano conseguiu impoñerse por 3-1 ó Librería Hollandia, outro descoñecido para os nosos. Polo tanto agárdase como dicimos un partido onde non haxa grandes diferenzas e no que os "Matices" marcarán o resultado final do encontro. O que obteña a vitoria conseguirá deixar ó seu rival 3 puntos por debaixo na clasificación. 

Para este partido o Matiz Vigo FS non poderá contar con Yago, que deberá abandonar ó equipo ó redor de 3 xornadas por mor dos seus compromisos estudantís no leste da península. Baixa sensible para o equipo xa que Yago demostrou ser no primeiro partido o home gol do equipo. Nembargantes o equipo ten na súa nómina xogadores que poden marcar moitos goles como xa demostraron outros anos, será o momento en que Pani e Emi teñan que dar un paso cara adiante e aportar goles ó equipo. Tamén será importante a achega de Davo que nesta semana deberá ocupar postos de ataque para suplir a baixa de Yago e equilibrar ó equipo tendo 1 cambio para cada zona do campo. Non menos relevante será a achega goleadora que poidan facer os homes da defensa como Vare, goleador habitual no equipo de funcionarios, Sergio e H.R.R.. Non obstante a clave para compensar esta baixa de Yago non so será que os xogadores dean un paso adiante na súa faceta anotadora, senón que tamén vai ser importante que todo o equipo manteña un nivel defensivo excelente, como así o fixo no primeiro partido de liga onde os rivais tan só foron quen de provocar dúas ocasións claras en todo o partido. Como é evidente se o equipo é quen de manter a súa portería a cero ou de encaixar poucos goles, será moito máis doado aproveitarse desta achega adicional goleadora que se lle solicita ós membros do equipo.

En definitiva, a convocatoria do equipo será a formada por Jorge na porta, Vare, H.R.R. e Sergio na zona defensiva e Pani, Emi R. e Davo para os postos ofensivos. Son baixa por tanto, o xa mencionado Yago, Quique e Pablo, que como diciamos na primeira previa do campionato debutarán preto do mes de decembro se todo vai sobre o previsto.

O partido se xogará o sábado 11/10/2014 no pavillón de Bembrive ás 18:00, unha fantástica hora para que os seareiros acudan a un fantástico pavillón e que gocen coa proposta do Matiz Vigo FS, nunha fin de semana na que os nosos son a alternativa futbolística ó parón ligueiro da primeira división da liga española.

E coma non rematamos entoando... Imos que nos Imos! Imos Matiz Vigo FS!!

lunes, 6 de octubre de 2014

Debut con vitoria:CAMPINGCANGAS 1-2 MATIZ VIGO FS



O primeiro encontro oficial do MatizVigoFS quixo estar á altura do valor histórico que terá ao longo dos anos e estivo cargado de emocións, dificultades, tensión, intensidade e finalmente ledicia para a parroquia do novo equipo do Paso de Afonso XII.

Os nósos que estrearon indumentaria (vestiron nesta ocasión camisola e pantalón negros e medias vermellas, aínda que poderán combinar as mesmas en función das necesidades de cada encontro con camisola e/ou pantalón vermellos; e tamén estrearon bolsa deportiva a xogo cortesía da nova patrocinadora que seguíu o debut do equipo dende a bancada), saíron moi metidos no encontro, realizando uns fantásticos minutos iniciais e gozando de moitas ocasións para adiantarse no marcador.
Pero o gol non chegaría do lado do Matiz, senón do Camping Cangas nun contragolpe mal defendido polos nósos.
A partires de entón, o protagonismo do encontro xa non foi para o xogo e o dominio do Matiz, senón para as interrupcións e protestas continuadas (parte da estratexia xa agardada do CampingCangas). Os nósos sabían que non debían caer nese xogo, pero nesta primeira metade acabaron caendo na trampa rival.

O descanso servíu para que o equipo concienciárase da necesidade de centrarse de novo no xogo, única e exclusivamente no xogo, e iso fixo que recuperasen o dominio do esférico e comezasen de novo a levar perigo cara a meta rival sen conseguir transformalo en goles.
Mais desta vez, a arriscada estratexia dos locais volveuse na súa propia contra, e é que a súa decisión de quedarse protestando ao colexiado todas e cada unha das accións do partido, levounos a cometer dúas infraccións por non permitir sacar con axilidade dous saques de banda a favor dos nósos ao non respetar a distancia regulamentaria; infraccións correctamente sancionadas polo colexiado en aplicación do regulamento, con dous cartóns amarelos para un dos seus xogadores e a correspondente expulsión.
Esta situación rematou de descolocar e de agotar físicamente aos locais e reafirmou a idea do Matiz de que debían seguir centrados só en conseguir facer gol na porta rival.
E así, en dúas xogadas onde equipo moveu con bo criterio o esférico chegarían os dous goles que daban a volta ao electrónico e supoñían a primeira vitoria do Matiz no seu debut.
Anotou Yago en dúas ocasións tras sendas asistencias de Emi e Xmon.

Gran esforzo de todo o equipo, que convenceu ao respetable pola súa entrega e pola idea de xogo dos primeiros cinco minutos e da segunda metade.
Pola contra o equipo deixou entrever a que pode ser a súa principal carencia esta tempada, a falta de gol. Por fortuna tamén amosouse a sí mesmo unha das mellores formas de contrarrestala, encaixar moi poucos goles.
Nos vindeiros encontros o equipo buscará solucións para ser máis efectivos de cara a porta, sen esquecer as súas principais virtudes; traballo e colocación. Todo iso o fará sen Yago, que ausentarase unhas cantas xornadas por mor dos seus estudos.
Quedará por tanto o equipo cun troco por posto, o que incrementará o cansazo, pero tamén facilitará aos convocados estar metidos e concentrados no encontro durante os 50 minutos. 
Imos Matiz!!

viernes, 3 de octubre de 2014

Comeza unha nova etapa.Camping Cangas Vs Matiz Vigo F.S.


Moi boas tardes queridos lectores! Benvidos un ano máis (e xa é o noveno) a competición recreativa non federada máis importante de Galicia, a Vigo en Xogo. Unha temporada máis estaremos aquí para comentarvos o que nos agarda cada fin de semana nesta apaixonante competición.

Pero non é unha temporada máis é unha temporada de cambios, se ben non se produciron no cadro de xogadores, si que se produciu no patrocinio do equipo. Tras fracasar a temporada pasada a renovación do patrocinio con Deportes Carlos Miguel (un dos patrocinios máis lonxevos da competición) a directiva conseguiu acordar un novo patrocinio e máis vantaxoso con outra empresa histórica da cidade e que ademais leva no seu nome o fermoso topónimo da cidade olívica "VIGO". Esta histórica empresa non é outra que Matiz Vigo, compañía de personalización (camisetas, chaveiros, cuncas... calquera superficie susceptible de personalización) situada na esquina da Rúa Elduayen co Paseo de Alfonso XII. 

Nembargante como xa dixemos este cambio de patrocinio non se traduciu nun troco no cadro de xogadores, e é que a directiva prefire seguir apostando polos xogadores que lograron militar na primeira división fai un par de temporadas. Este ano con respecto ó pasado o equipo perde a figura de Selu, única fichaxe do ano pasado e que rendeu a un bo nivel. Aínda que o club tiña a intención de seguir contando cos seus servizos, Selu decidiu deixar o fútbol por unha temporada. A cambio o Matiz Vigo recupera a Pablo, que deixou o equipo a pasada temporada debido a súa estadía en Polonia. Non obstante, tan só poderá acudir a contados partidos durante esta temporada, xa que terá fixada a súa residencia en Madrid. Polo tanto cabe a dúbida de se o plantel do equipo será o suficientemente longo para afrontar toda a temporada. O club aínda ten 4 semanas para analizar a opción de realizar algunha fichaxe e ó remate da primeira volta abrirase o mercado de inverno no que o club tamén tería marxe de manobra.

Con todo isto o cadro de xogadores queda composto por: Jorge na portería, Xmon, Chap, Vare para posicións defensivas, Emi, Yago e Pani para posicións ofensivas e Davo como xogador comodín. Por último quedarían Quique e Pablo que previsiblemente xogarán un par de partidos nas datas próximas ó Nadal. Isto é o que se agarda de cada un dos xogadores esta temporada:
- Jorge: Agárdase que atope a súa mellor versión, coa que poida garantir que a portería do Matiz Vigo sexa un das menos goleadas da categoría.
- Xmon: Deberá manter o bo ton físico da pasada campaña, que lle permitiu converterse nun dos baluartes defensivos do equipo. Sigue progresando a un gran nivel co paso das temporadas.
- Vare: Seguirá sendo un dos líderes da retagarda do equipo branquinegrovermello grazas a súa suculenta colocación, agárdase que poida ademais aportar a súa faceta goleadora como ten acostumados ó equipo de funcionarios do Concello.
- Chap: Este ano debido ó curto do cadro de xogadores de seguro que o equipo precisará máis del, e estamos seguros de que cumprirá a un bo nivel como é habitual, sexan cales sexan as condicións ás que chega ó partido.
- Pani: Un exemplo de sacrificio defensivo e ofensivo, o ano pasado foi clave na presión do equipo ó rival recuperando multitude de balóns debido a esa xenerosidade que lle caracteriza. Na pretemporada deu mostras de que este ano vai ser un xogador importante.
- Emi: Debe ser un dos epicentros de creación do equipo, dándolle o toque imaxinativo e organizativo ó equipo e coa habitual contribución goleadora.  Coma todos tamén será importante a súa axuda á defensa do equipo coa súa habilidade para detectar o caneo do rival.
- Yago: Tras uns anos nos que puido participar pouco co equipo, o ano pasado tivo presenza en máis partidos e o equipo o notou positivamente. Este ano se agarda que aínda poida xogar máis partidos e que sexa o home gol do equipo. Yago lle da unha variante ó ataque Maticista ademais de sacrificio defensivo.
- Davo: O ano pasado cumpriu a perfección nas tarefas que lle requiriu o equipo. Xa sexa en defensa ou en ataque non deixa de sorprender a súa regularidade e o seu bo nivel. Este ano o equipo volverá a aproveitarse del, e aínda que a baixa de Selu lle dea máis oportunidades para xogar en defensa, tamén requirirase dos seus servizos en ataque. 
- Quique: Sempre determinante cando xoga no equipo xa sexa en ataque ou en defensa, seareiros, algún que outro árbitro e compañeiros estarán agardando a súa volta de Perú para volver gozar do seu fútbol.
- Pablo: Tras un ano sabático esta temporada xogará algún partido no que deberá ser tan determinante como nos dous anos completos que estivo no equipo. Aínda que sexa para poucos partidos, unha boa nova que a directiva puidera retelo. 

Xa temos analizado o cadro de xogadores, noutra ocasión entraremos a analizar máis o grupo que lle tocou este ano ó Matiz Vigo, como novidade sinalar que este ano a 2ªA será de 16 equipos polo que a liga estará composta de máis xornadas. Como sempre o nivel do grupo é unha incógnita. 

O primeiro rival do Matiz Vigo esta temporada será o Camping Cangas, ó que o ano pasado logrou vencer na ida e co que caeu derrotado na volta nun pésimo partido no pavillón municipal do Frontón. O Equipo do Morrazo realizou unha gran segunda volta que lle permitiu saír dos postos de descenso e rematar sexto con 37 puntos, 8 por debaixo do DCM (actual Matiz Vigo). 

O Matiz Vigo chega a este partido tras realizar 1 adestramento e 3 partidos de pretemporada onde a progresión do equipo foi máis que evidente. Cun nivel moi baixo no primeiro partido no pavillón de Balaídos o equipo mellorou no amigábel no pavillón de Bembrive no que a pesar da mellora acabou por ser goleado. No último partido o equipo conseguiu pechar o mellor partido da pretemporada conseguindo facerlle fronte ó equipo que a semana anterior pasaralle por enriba. Polo tanto se agarda que o nivel do equipo neste primeiro partido sexa realmente alto, e para isto será importantísimo que os xogadores saían centrados ó 100%, motivados e coa confianza de que poder ser un dos mellores equipos de esta temporada.

O partido non podería ser nun mellor marco, o pavillón de Candeán unha das mellores pistas para a práctica do fútbol sala en Vigo, unhas instalacións cómodas e ben realizadas onde os espectadores poderán gozar desta nova etapa do club a partir das 16:00 horas. Animádevos a vir, o Matiz Vigo necesita o Voso Apoio! Imos que nos Imos, Imos que Comezamos, Imos Matiz Vigo!!!