domingo, 19 de enero de 2014

“Tres novos puntos para poñer FIN A 1ªVOLTA” BarSecundino 0-5 DCM



O DCM finaliza a primeira volta amosando por qué ocupa a 4ª posición da táboa que ocupa. O equipo venceu con claridade a un BarSecundino falto de enerxías e amosa a súa autoridade ante os equipos que ten por debaixo na táboa clasificatoria; porén diluíuse nos seus enfrontamentos directos ante os 3 primeiros clasificados.

Aínda así, este primeiro tramo de competición pode calificarse cun Notable, xa que era toda unha incógnita o nivel que daría o equipo tralo descenso de categoría e tras ter que superar a marcha dun dos seus xogadores destacados e adaptar unha nova fichaxe.
Mantense con opcións de ascenso, tamén na loita pola deportividade e incluso coquetea por xornadas cos menos goleados. En canto ao nivel de xogo, houbo altibaixos; partidos de moita intensidade na presión e bo xogo, con outros nos que sufríu máis da conta, con desaxustes, erros de colocación… Cando a liga colleu continuidade, foi mellorando partido a partido, chengando a brindar a súa mellor actuación na Etea; pero entón chegaron as lesións e as baixas, xusto cando enfrontábase a dous dos galos da competición e con elas duras derrotas; co regreso a normalidade o equipo voltou á senda das vitorias, pero entón o parón por reis antes de recibir ao líder, curtou de novo a dinámica. Agora comeza outro tramo longo e continuo de competición, no que agrademos que o equipo poida recuperar a súa mellor versión.

Do partido de onte, pouco que destacar. Os nósos saíron ben posicionados en defensa na primeira metade e agardaron que chegaran as súas opcións, e desta vez (ao contrario que a semana pasada ante o líder, sí que as transformaron); anotarían Selu tras gran xogada combinativa, Xmon en boca de gol tras asistencia de Emi, e Pani acompañando perfectamente unha contra e chegando con todo para remachar un balón rexeitado polo pau tras disparo de Emi superando a saída do gardamallas rival; 0-3 antes do descanso. O BarSecundino cun único home de refresco, tentaba medir esforzos e apenas inquedou a Jorge na primeira metade; tan só un destacado disparo que Jorge repelía a corner con grandes reflexos.
Na segunda metade, o DCM baixou moito a súa concentración a nivel defensivo e o BarSecundino dispuxo de máis ocasións e mereceu algún gol; pero entre Jorge (que traballou arreo estes segundos 25minutos) e a falta de enerxías do rival, a portería mantívose a cero. En ataque o equipo seguíu na liña da primeira metade, creou ocasións, estrelou dous balóns á madeira e marcou outros dous goles. O 0-4 chegaría tras saque de Vare dende o curruncho que aproveitaba o despiste defensivo rival para atopar a Pani dentro da área, quen con moita sangue fría e cun gran regate resolvía a xogada. O 0-5 sería obra de Davo, quen completou outro gran encontro.
Aínda así, como diciamos, nesta segunda metade a actuación do equipo non convenceu. Precipitouse e arriscou demasiado cando a vantaxe no marcador e o cansazo do equipo rival invitaba a manter a portería a cero, a controlar o balón e a crear ocasións dende a posesión, en definitiva, a ser claro dominador do partido e non entrar nunha guerra de ida e volta na que o rival estivo moito máis preto do gol que na primeira metade.

2ª VOLTA
Toca pensar xa na segunda volta. Os nósos deben mellorar un chisco os seus números se queren realmente loitar polo ascenso. Para iso deberán manter estes resultados cos equipos de abaixo, mellorando todavía máis en defensa e incrementando a contundencia en ataque, e a partir de ahí, acadar un nivel competitivo moito máis alto que permita arrincar puntos nos choques ante os 3 primeiros clasificados; todo elo sen esquecer o outro gran obxectivo do clube.
Para iso, para que o colectivo funcione, fundamental a aportación individual de cada un; nesta primeira volta, todos amosaron un bo nivel particular, pero deben dar un pasiño máis nesta segunda metade do campionato.
Na portería, Jorge, estivo solvente, no nivel que o equipo agarda del. Segue na súa particular mellora en termos de saída do balón e esta tempada xa creou un bo feixe de ocasións iniciando a xogada; ben con saque rápido en corto para formar o contragolpe ou ben con saque en longo superando ás defensas adiantadas. Un par de erros sonados, que él non esquece e dos que saen nas reportaxes televisivas non empañan unha boa primeira volta.  
Na parcela defensiva o equipo sufríu unha pequena reconversión. Coa chegada de Selu e o gran estado de forma de Xmon, gañouse flexibilidade, ambos chegan con facilidade ao ataque e están aportando moitos goles; iso obrigou en certa medida a Vare e tamén a Chape a xogar un pouco máis co freno de man posto; e tamén ós homes ofensivos do equipo a tirar moitas máis coberturas e a ocupar por momentos postos defensivos; algo que non ocurría en campañas pasadas. Isto é positivo, pero todavía falta traballalo e adaptalo para sacarlle moito máis rendemento e minimizarlle as súas contrapartidas negativas, xa que ao longo deste primeiro tramo de campionato traducíuse en ocasións en descolocación, falla de coordinación e certos desbaraxustes. Os defensas deben medir moito o momento no que saír cara o ataque; debe ser en situacións moi claras, cando o esférico está en franca posesión dcmista, e sen que isto leve a perder automatismos nos saques de banda, a descolocacións do equipo… e tamén deben ser quen de ir pouco a pouco, segundo avance a xogada, de volver intercambiar a súa posición no campo co home que lle faga a cobertura, sen que o intercambio de posicións quede sen realizar unha vez finalizada a xogada.
E os nósos xogadores ofensivos, que realizaron unha magnífica primeira volta (Davo adaptouse perfectamente e aporta moitas cousas ao equipo, xogando co máximo esforzo cando está no campo e deixando ata a última gota de enerxía ata o momento de pedir o cambio; Pani está a conseguir esta tempada integrar os seus encomiables esforzos, pelexando, sendo o primeiro en chegar nos contragolpes… coa tranquilidade suficiente de cara a porta para facer goles moi necesarios para o equipo; Emi, con moita máis continuidade que a tempada pasada, une ao seu papel de asistente e referencia no xogo do equipo un magnífico traballo defensivo; e Yago e Quique perfectos nos seus servizos esporádicos sendo os puntas natos) en definitiva, estiveron formidables a nivel defensivo todos eles e só cun pequeno punto de mellora na pegada en ataque), viron como sumábase unha nova esixencia ao seu xa avultadísimo listado de obrigacións neste sistema de xogo; deben ser quen de realizar esas coberturas defensivas das que falábamos e facer recuperar a cada un o seu posto no momento oportuno falando co defensa adiantado.

Suficiente parrafada polo momento. Máis ao longo da segunda volta do campionato. Vémonos!

No hay comentarios: