lunes, 22 de diciembre de 2014

“O Matiz despide o ano cunha vitoria demasiado axustada” MatizVigoFs 2-1 AvispasArena

Obxectivo conseguido. O Matiz regresou á senda da vitoria catro xornadas despois e suma tres importantes puntos no derradeiro partido ligueiro do ano. Coa chegada dos homes máis ofensivos e desequilibrantes do equipo agardábase un partido alegre e vistoso, unha festa de fútbol, mais os nósos suaron tinta para anotar os dous goles que remontasen o tanto inicial dos visitantes e que servirían para levar o choque.

Foi unha undécima xornada desputada no pavillón do Berbés e na que a diferenza de semanas pasadas trocaron as tornas. O rival chegaba con tan só 5 efectivos (aínda que mediada a primeira metade sumaron un troco), mentres os nósos chegaban con reforzos, xente fresca e con ansias de minutos.
O equipo saíu ben e gozou de boas ocasións nos instantes iniciais da primeira metade, pero o gol non chegou. Pola contra, nun erro de cobertura defensiva, e nun dos escasos lanzamentos a porta do rival, chegaría o 0-1. E a piques estivo de chegar o 0-2 nun córner botado ao segundo pau, que collía algo despistado a Jorge e á defensa e que acababa impactando na escuadra da portería tras un bo remate de cabeza.
O Matiz non deasesperaba. Semellaba un deses encontros nos que o paso dos minutos benefician ao equipo con máis xogadores e perxudica ao outro. Pero esta liga xa nos amosou moitas veces que pensar iso é xogar con lume, e o Matiz estivo a piques de quemarse.
Os nósos non foron quen de mover á defensa rival en toda a primeira metade (salvo nunha boa xogada na que Pablo abría para a incorporación de Davo por banda contraria e este servía un pase da morte que a piques estivo de converter Pani), e só con accións individuais ou por erros defensivos dos avispeiros logrou crear ocasións.
De feito o empate non chegaría de xogada colectiva, senón grazas a un latigazo de Yago cando o equipo máis o necesitaba. Gran lanzamento de Yago e 1-1.
A outra gran nova desta primeira metade foi o debut de Quique co equipo (que vestíu con camiseta branquivermella e pantalón negro, nunha mixtura das súas equipacións), e realizou un bo traballo defensivo nestes primeiros 25 minutos, quedando como home máis retrasado do equipo, gañando o corpo a corpo e anticipándose ben ao corte, faltándolle só prodigarse nalgunha que outra ocasión en ataque.

Na segunda metade o equipo mellorou no seu xogo. Moveu máis o balón e con máis velocidade, aínda que o fixo de xeito intermitente. Nesas xogadas combinativas creou moito perigo, mais o gol non chegaba.
Tivo que ser nun roubo de balón en medio campo de Quique, que montaba unha boa contra con Pablo, e o propio Quique remataba o 2-1.
Chegaron entón os mellores momentos de Pablo no campo que marchou en varias ocasións do seu marcador por banda esquerda pero non puido concretar.
Cometeu algún erro defensivo o Matiz propio do reposicionamento obrigado de xogadores ofensivos, mais daquela o Avispas de la Arena xa non tiña enerxía para atacar e apenas creou perigo.

Chegaba así esta importante vitoria que permite ao Matiz marchar de vacacións Navideñas con tranquilidade. O equipo suma nestas 11 xornadas, 6 vitorias, 3 empates e só dúas derrotas contra os dous primeiros clasificados.
O balance é moi positivo, tendo en conta que o equipo apenas dispuxo de Yago, Pablo e Quique, e que sufríu as lesións de Emi (4 xornadas) e a de longa duración de Xmon. Así pois o bloque dos cinco homes restantes debe estar satisfeito do traballo realizado.
A mágoa foi unicamente a avultada derrota da pasada semana que alonxa ao equipo dun dos seus obxectivos, e actualmente só se atopa metido de cheo na pelexa dun título, o da deportividade.
Na segunda volta o equipo traballará para pechar canto antes a permanencia, reincoporarse a loita polo título de menos goleado e por rematar no podio da categoría.

Ata entón os nósos céntranse nun torneo de Nadal que desputarán a vindeira fin de semana (cos mesmos xogadores que no partido de onte) e en recuperar das súas molestias a Chape, da súa escordadura de nocello a Vare e dará máis tempo a Xmon á espera de que co paso das semanas o seu maltreito nocello vaia dando síntomas progresivos de recuperación.


Despedímonos desexando unhas boas festas. Un pracer ter disfrutado de novo de Quique coa nósa zamarra, e acompañado dun completísimo plantel, con Jorge, cancerbeiro de garantías, cun xogador único como Emi que vai recuperando o seu tono trala lesión, con Pani, o home incansable e do traballo encomiable, coa pegada da poderosa zurda de Yago e cos irrepetibles irmáns Santos, co desborde de Pablo e o saber facer de Davo, e contaxiados da concentración e mentalidade táctica dos nósos defensas habituais, Xmon, Vare e Chap.

domingo, 21 de diciembre de 2014

X11: Matiz Vigo F.S. Vs Avispas de la Arena. Chegan as Rotacións

 Boas tardes queridos seareiros

Hoxe con moi pouco tempo de antelación imos realizar unha breve previa que explique como chegan o Avispas de la Arena e o Matiz Vigo ó partido desta fin de semana.

Coma sempre e por deferencia cara o rival comezamos explicando como chega o Avispas de la Arena. O rival do Matiz chega ó partido tras gañar a pasada xornada por 6-2 ó Librería Hollandia, o que lle permite situarse quinto na táboa clasificatoria xusto por debaixo do Matiz Vigo con tan só un punto menos. 


O Avispas de la Arena conta con 34 goles a favor (3,4 por partido) e 30 en contra (3 por partido) o que lle fai estar entre os equipos da zona media. O Matiz Vigo pola súa banda conta cunha golaveraxe moi apretada trala derrota por 10-0 da xornada pasada, xa que conta con 27 goles a favor e 26 na contra, é dicir, ten un +1 no golaveraxe xeral. 

O Matiz Vigo polo tanto afronta un partido moi importante tralas catro pasadas xornadas onde foi quen de sumar 3 empates e 1 derrota, unha bagaxe non demasiado negativa tendo en conta as numerosas baixas ás que se tivo que enfrontar nestes partidos. Estes empates lle permitiron ata a xornada pasada ocupar a terceira posición, que perdeu a favor do Explovi na pasada xornada debido á derrota e a goleada encaixada. Ademais o MatizVigo ve como a pesar de ocupar a cuarta praza empatados a puntos co terceiro clasificado ten a tan só tres puntos os postos de descenso, xa que o oitavo clasificado é o Cafetería Danais con 15 puntos.

Polo tanto partido de vital importancia para os nosos, nos que deben sumar os tres puntos para rachar a mala xeira de resultados e poder pasar unhas festas de nadal tranquilas. Para este cometido o plantel Maticista fará un lavado de cara obrigado polas lesións e grazas á chegada de reforzos provintes de diversos puntos da xeografía mundial por mor das festas de nadal. Se collemos como referencia o partido de fai quince días, no Matiz Vigo FS tan só repiten Davo, Pani e Jorge. Desta forma a convocatoria desta tarde estará formada por: Jorge na portería, Davo como único compoñente da defensa (aínda que en realidade é o comodín do equipo) e un potencial ofensivo inédito no que vai de campionato, xa que xuntaranse no terreo de xogo, Emi, Pablo, Quique, Panie e Yago. Polo tanto algún destes homes deberán ocupar postos defensivos, os candidatos máis probábles son Emi, Quique e quizáis Pablo. Todos eles xogadores con un potente caracter e potencial ofensivo, deberán centrarse en seguir mantendo o espírito defensivo que tan bos resultados lle está dando ó equipo vermellinegribranco esta temporada. Se o equipo é quen de mostrar a seriedade defensiva de pasadas xornadas terá moitísimo gañado, xa que coa cantidade de gol que haberá hoxe no campo agardamos que o equipo poida aproveitar a maior parte das ocasións que xere. Son baixa para este partido polo tanto, Sergio quen aproveitará a presenza destes reforzos para recuperar o seu pe, Vare quen evoluciona favoráblemente da escordadura de nocello producida a pasada semana en Coia, pero que non chegará a tempo para este partido e Xmon quen esta semana por desgraza volveu recaer da súa torcedura tamén de xeonllo cando xa a súa recuperación parecía moi cercana. Moito ánimo a tódolos nosos xogadores mancados, que agardemos que estean connosco o antes posíble.

Non se perdan este apaixoante partido entre cuarto e quinto clasificado, xusto o último patido antes do parón de nadal. A cita será ás 20:00 h no pavillón do Berbés, un perfecto escenario e unha inmellorable hora para disfrutar do deporte rei na súa versión interior. 

Nada máis, moitas grazas pola súa atención e que teñan un moi bo Nadal.

Lles recordamos que poden acceder a nosa clasificación actualizada premendo na seguinte LIGAZÓN

martes, 16 de diciembre de 2014

“Bandeira branca” VANESMA PELUQUERAS 10-0 MATIZVIGOFS

 
O Matiz só puido presentar batalla ao líder da categoría durante a primeira media hora de encontro. A lesión de Vare aos 10 minutos de partido, unida a unha reaparición de Emi que debía ser progresiva e paulatina e sen asumir demasiados riscos tras 4 semanas no dique seco, e o cansazo acumulado polo resto de xogadores pola falta de trocos, desarmou a un Matiz que só puido resistir ata o minuto 5 da segunda metade, a onde chegou con tan só un gol de desvantaxe (1-0 no electrónico), pero entón, víuse obrigado a erguer a bandeirola branca e renderse sen opoñer apenas resistencia ata o duro 10-0 final.
Foi unha verdadera mágoa, pois se ben o rival demostrou o seu poderío ofensivo e a súa superioridade no xogo, os nósos de seguro que lle terían posto en moitos máis apuros de non terse quedado sen munición tan cedo. Agardemos que no encontro de volta, o equipo poida competir en “igualdade de condicións”.

Non paga a pena entrar en detalle no análise do partido, xa que a actuación do equipo estivo tremendamente marcada polas circunstancias xa comentadas. Cicáis o único aspecto a criticar dos nósos, foi que o seu principal baixón foi máis mental que físico; ao verse desarmados e observando o armamento pesado do rival, o equipo entregouse sen opoñer resistencia, cando nos ten acostumbrados noutras ocasións similares a esta, a ir as trincheiras e pelexar algo máis.

A derrota entraba dentro do previsible, mais o que realmente penaliza deste choque é o gran número de goles encaixados, que alonxa moito o bonito reto de ser un dos equipos menos goleados, ademáis da escordadura de nocello de Vare, que case con seguridade impediralle voltar aos terreos de xogo ata o vindeiro ano, perdendo como mínimo a vindeira xornada ligueira e moi probablemente o torneo de nadal que desputará o equipo en terras da Carabela de Colón.

Toca pasar xa páxina e concentrarse na derradeira xornada ligueira do ano, onde a vitoria faise imprescindible tras 4 xornadas sen gañar que fixeron ceder ao Matiz a 3ª praza da clasificación (sitúase 4º aínda que empatado a puntos co 3º)
O equipo contrarrestará as baixas de Vare, Chape e Xmon co regreso de Yago e Pablo e fará debutar a Quique coa elástica maticista. Cun equipo con tanto potencial ofensivo, manter a concentración táctica e defensiva será a clave para levar os tres puntos.

Reciban un cordial saúdo e Bo Nadal.

domingo, 14 de diciembre de 2014

X10: Vanesma Peluqueras Vs MATIZ VIGO F.S. - Moi Difícil pero non Imposible.

  Bos días queridos lectores

Tralo parón da semana pasada por mor da ponte da constitución, volve a competición de Vigo en Xogo, xa na súa décima xornada. Un décimo encontro que lle depara ós nosos a cita máis compricada do campionato o partido contra o todopoderoso Vanesma Peluqueras, que levan dous anos arrasando en tódalas competicións que disputan en Vigo en Xogo.

E é que tan só analizando os números desta temporada a súa superioridade sobre o resto de rivais queda de manifesto. Obtivo a vitoria nas 9 xornadas que levamos de competición, con 73 goles a favor, o que fai unha impresionante media de 8,11 goles a favor por partido, e tan só 15 na contra, 1,6 goles en contra por partido. De feito son o equipo máis goleador con moita diferenza co segundo clasificado que ten 26 goles a favor menos, e o menos goleado cifra na que avantaxa ó Matiz Vigo en 1 gol. O partido máis axustado foi  oque gañou por 4-6 ó Endulco, e o máis desigualado o que lle gañou 16-1 ó Catracroker United.

Pola súa banda o Matiz Vigo segue arrastrando moitas baixas neste tramo de campionato, se ben nesta xornada contará coa boa nova de Emi que regresa ós terreos de xogo tras dúas xornadas de ausencia. Nestas últimas tres xornada nas que o equipo xogou cun plantel moi axustado, o equipo foi quen de obter 3 empates o que lle serviu para distanciarse en 3 puntos respecto ó cuarto clasificado, o Cafetería Danais, que está a atravesar unha pequena crise de resultados. Polo tanto o Matiz Vigo chega terceiro clasificado na táboa cuns números impresionantes tendo en conta as condicións adversas que sufriu ata o momento. O Matiz Vigo é terceiro con 5 vitorias, 3 empates e tan só 1 derrota, cuns números que reflicten o tipo de equipo que é, no que as tarefas defensivas teñen unha importancia clave, 27 goles a favor (3 goles por partido) e 16 en contra (1,77 por partido). Nos últimos partidos a clave do éxito do equipo estivo en saber que a súa concentración defensiva tiña que ser máxima, e esta semana deberá acontecer o mesmo, o equipo de negro sabe o que é puntuar contra equipos punteiros na clasificación grazas a súa intensidade defensiva, nun partido rachado ten as de perder, pero nun partido intelixente no que o rival non teña o seu mellor día pode ser quen de puntuar. O equipo da Oliveira de Vigo debe apelar ó espírito do seu concidadán de Balaídos quen foi quen de gañar nun campo históricamente adverso como era o Camp Nou, o que nos deixou ver que hai partidos moi difíciles pero nunca se pode dicir que sexan imposibles. 

A convocatoria para este partido será tamén moi axustada como comentamos con anterioridade. Jorge estará na porta, nun partido no que seguro que terá traballo a arreo, Vare e Chap deberán seguir demostrando o nivel da pasada xornada, Pani e Emi deberán facer unha aportación defensiva notable e intentar aproveitar as ocasións que de seguro xerará o Matiz Vigo. Por úlitmo pecha a convocatoria Davo quen volverá a ser un valioso comodín que sempre rende ó máximo nivel. Son baixa para o partido Xmon que segue a súa recuperaición do nocello danano, Yago, Pablo e Quique que por motivos estudiantís ou laborais se atopan fora da cidade. Precisamente é probable que para a vindeira fin de semana o equipo poida contar con todo o seu plantel para o partido fronte ó Avispas de la Arena (6º clasificado), polo que os xogadores hoxe presentes no encontro deben facer un último esforzo antes da chegada de reforzos dende diversos puntos da xeografía mundial.

O  partido será esta tarde nun magnífico escenario  o pavillón municipal de Coia, pavillón de ampla calidade e con asentos de palco para que os seareiros poidan sentarse cómodamente a ver un partido que promete espectáculo. Non o perdán hoxe ás 16:00 h todos a Coia!. IMOS que nos IMOS, IMOS MATIZ VIGO F.S.

lunes, 1 de diciembre de 2014

"Sen trocos no banco, sen cambios no resultado" MatizVigoFS 2-2 Transp.Transdami

O Matiz encadea o seu terceiro empate consecutivo, tras tres xornadas nas que só dispuxo de 5 xogadores. En principio, o equipo supera así con boa nota esta difícil situación de dúas baixas por lesión, e é que se ben as sensacións non foron nada boas no primeiro enfrontamento contra Explovi, melloraron un chisco a semana pasada ante P.Corcoba e consolidáronse neste encontro no que os nósos remataron por disfrutar do seu extenuante traballo no campo. O premio puido ser maior, pero o empate debe darse por bo.

No pavillón do Berbés e baixo a batuta dun novo colexiado, Jorge, disputouse esta 9ª xornada de liga. Os nósos chegaban con Jorge R. baixo paus, Chap e Vare en defensa e Pani e Davo para o ataque.
Con só estes cinco xogadores, o partido semellaba complicado para os branquivermellos. E peor pintou a cousa, cando o equipo víuse obrigado a gastar o seu tempo morto, escasos intres despois de principiado o encontro por un máis que inoportuno despiste cunhas canilleiras.
Mais a diferenza dos dous encontros pasados, os nósos conxuráronse para, dentro do posible, ter algo máis de posesión de balón. O conseguiron en parte grazas a que o rival non presionaba tanto a saída de balón como o da xornada anterior, e en parte grazas a mellora de rendemento individual dos nósos respecto da semana pasada. Se ben é certo que a esta posesión faltoulle movilidade derivada da falta de frescura, e iso fixo que as ocasións cara a porta rival foran escasas e baseadas fundamentalmente en disparos lonxanos.
Tampouco os visitantes gozaron de ocasións, ante, unha vez máis, o gran traballo defensivo do equipo. Mais, nun dos escasos erros dos Maticistas, unha contra ben levada polos Transportistas remataría no 1-0, a pesares de que o disparo final a porta baleira foi defectuoso, e só atopou portería tras petar con moi mala fortuna en Jorge.
Púñase costa arriba o encontro para os nósos, mais o empate chegaría cedo, nun libre indirecto na frontal da área, que Davo tocaba para que o lanzamento de Vare, tras tocar o longueiro, rematase no fondo das redes rivais. 1-1.

Tralo descanso, os visitantes adiantaron a súa liña de presión, porén o Matiz, aínda que non tan cómodo, seguiu atopando interesantes posesións de balón e algunha que outra boa triangulación que lles permitía respirar e non correr detrás do esférico.
E o gran esforzo que o equipo estaba a realizar, atoparía premio nunha gran xogada individual de Davo, quen con gran forza, arrancaba en medio campo, superaba a dous rivais e con algo de fortuna tamén a saída do cancerbeiro quedando o esférico morto para que o propio Davo remachase a súa xogada facendo o 2-1. Reafirmaba así a súa vital importancia para este equipo, adaptándose as necesidades do plantel, anotando 3 goles nas últimas dúas xornadas, cando o equipo máis necesitou aportación ofensiva.
Ese esforzo extra, obrigou de novo ao equipo a adiantar o seu segundo tempo morto, con tan só 9 minutos da segunda metade desputados.
Quedaban 16 para o final, un mundo cando as forzas xa estaban moi xustas. Pero se algo saben facer os nósos é defender. De novo Pani cun encomiable traballo, contaxiaba o esforzo defensivo do equipo, a quen sumouse novamente Chape cun gran encontro sen erro algún. O rival comezou a desesperarse e a descentrarse con protestas ao colexiado.
Os nósos todavía tiveron forzas para saír nun par de boas contras que non atoparon gol por pouco.
Pero cando a vitoria xa parecía factible, chegaría o empate dos visitantes. Foi intres despois da outra gran ocasión da que dispuxeron nesta segunda metade e que Jorge desbarataba cunha crucial intervención. Pero non puido facer o mesmo, nesta segunda opción, na que o balón, morto en área pequena era rematado polo atacante rival e coábase con fortuna por debaixo do noso gardamallas que chegou a tocar ata en dúas ocasións. 2-2.

Finalizaba así un traballadísimo partido dos olívicos, que superaban unha vez máis as baixas esquivando a derrota. 

Agora chega o parón polo día da Constitución. O equipo espera recuperar efectivos nestes 15 días, antes de enfrontarse ao todo poderoso Vanesma e posteriormente encarar a última xornada do ano 2014.

Aproveitando a xornada de descanso, recibirán máis información deste primeiro tramo ligueiro; promesa de Xaime.

Ata a vindeira xornada. Reciban un cordial saúdo.

domingo, 23 de noviembre de 2014

"Na liña do empate" ParquetsCorcoba 2-2 MatizVigoFS

 
O Matiz suma o seu segundo empate en dúas xornadas que ralentiza a consecución do obxectivo da tempada, pero lle permite manter a boa xeira de encontros sen perder. 
De novo, bo esforzo colectivo e traballo defensivo, pero importantes lagunas de xogo e baixón de inspiración individual dalgúns xogadores. Aínda así, moito máis ritmo e ocasións para os olívicos que na xornada anterior.

Nesta octava xornada de campionato, enfrontábase o Matiz a un dos equipos da parte baixa da táboa, que sorprendeu aos nósos cunha boa presión na saída de balón e cun nivel competitivo superior ao que reflicte a súa posición na clasificación.
De feito, foi un rival (15º clasificado) que buscou máis a vitoria que o Explovi (7º) na xornada pasada.
O Matiz sabía que tiña que mellorar o feito na xornada anterior, asumir máis responsabilidades e chegar máis e mellor a portería contraria. 
Non comezou mal o equipo, pero o gol de Corcoba que os puña por diante no electrónico sentou moi mal aos homes de negro. Pouco a pouco víase que non era un bo día dos nósos. Erros clamorosos en pases sinxelos, malos controis de balón, desaxustes defensivos, erros pouco habituais en portería...
Por fortuna, unha vez máis, os nósos contrarrestaban todo iso con traballo e máis traballo. De novo, temos que destacar nesta faceta o esforzo dos homes ofensivos do equipo, nesta ocasión Yago e Pani. 
Avanzada a primeira metade e co balón de osíxeno que supuso a chegada de Davo, o equipo deu un paso ao fronte, suplíu a falta de xogo cunha mellor presión en campo rival, empatou o encontro e marchou ao descanso con mellores sensacións. O gol, obra do cumpleañero Davo tras rematar un bo centro de Yago dende banda esquerda. 

Pero o inicio da segunda metade borrou de novo esas sinais de melloría. De novo, o equipo víuse sen ideas para saír dende atrás e non conseguía superar a presión rival. Pasou uns minutos moi malos, e cando comezaba a desperezarse chegou o 2-1 para os madereiros. 
Seguíu remando o Matiz, tivo de novo ocasións, pero unha vez máis mostrouse moi negado de cara a gol. Encarando xa o tramo final do encontro, sería de novo Davo nunha xogada similar a do primeiro tempo o que empataría de novo o choque, facendo o 2-2.
E aínda tería o propio Davo a oportunidade do 2-3, pero desta vez non puido convertir. 
O Matiz cometía a quinta falta neste tramo final do encontro, e o rival atoparía a sexta, mais o colexiado do encontro Méndez, non a víu e privounos dun dobre penalti. 
Tentouno na derradeira xogada o Matiz pero o electrónico non se movía do 2-2.

O equipo, céntrase xa no último encontro antes do parón pola ponte festiva de Decembro, que agardemos que sirva para recuperar definitivamente aos mancados Emi e Xmon.
Pero antes diso, dificilísimo encontro a vindeira semana, en principio con tan só 5 efectivos. 

Reciban un cordial saúdo! 

sábado, 22 de noviembre de 2014

X8: Parquets Corcoba Vs Matiz Vigo FS. Seguir Sumando

Moi bos días queridos lectores

Hoxe cun pouco menos de tempo do habitual, xa estamos aquí, nestas liñas para analizar o que vai ser un novo encontro do Matiz Vigo FS tralo seu empate da pasada xornada ante o Explovi.

Esta semana o noso equivo vai recibir a un vello coñecido, o Parquets Corcoba, co que o antigo DCM enfrontouse na temporada 2009/10 na 2ªB (naquela temporada na ida o DCM perdeu por 6-4 e na volta, na última xornada, gañou por 8-3) e que este ano non está pasando polos seus millores momentos, pero que non por iso deixa de ser un rival perigoso, analicemos os seus números. Ata o momento o equipo madeirense leva 1 vitoria, 2 empates e 4 derrotas, e dicir, perdeu 4 partidos e non perdeu en 3. Polo tanto vemos que é un equipo que está acostumado a sacar puntos dos seus partidos. Porén a semana pasada tiveron un duro varapau ante un rival directo como o Librería Hollandia ante o que perderon por 5-0. Este duro resultado fixo que o Hollandia lle adiantase na táboa clasificatoria e que o Parquets Corcoba ocupe agora mesmo a penultima posición da táboa clasificatoria, pero a tan só 4 puntos do sétimo clasificado que é o que marca os postos de salvación. Se entramos a analizar os restantes partidos do Corcoba estes foron os seus resultados.


Cafetería Danais F.S.
5
1 Parquests Corcoba



Parquets Corcoba
4
1
Cafetería Zaida


Camping Cangas
2
2
Parquets Corcoba


Parquets Corcoba
3
4
Catacrocker United


Endulco S.L.
5
1
Parquets Corcoba


Parquets Corcoba
4
4
Explanada F.S.


Librería Hollandia
5
0
Parquets Corcoba














Observamos que a única vitoria obtida no campionato foi una vitoria clara e contundente ante un Cafetería Zaida a 11ª posición a tan só dous puntos da salvación. Ademais o equipo da madeira conseguiu obter 2 empates ante rivais complicados como o Camping Cangas e o Explanada FS que lle puxeron as cousas moi difíciles ós nosos durante os partidos disputados esta temporada.

Pola súa banda o Matiz Vigo FS chega a este partido tras conseguir un valioso punto a pasada xornada, nun partido ó que chegou pragado de baixas, con tan só 5 xogadores máis Emi que tan só puido disputar un par de minutos no partido. A pesar de que o equipo puido levarse os 3 puntos ben é certo que na segunda parte o cansanzo físico e psicolóxico de verse con tan só 5 xogadores lle pesou moito ó equipo olívico e o Explovi mostrouse máis dominador, aínda sen facer excesivas ocasións claras. Pola súa banda o Matiz puido sentenciar o partido nalgunha contra ou erro defensivo rival pero finalmente o partido rematou 1-1. Un partido que mostrariase finalmente moi positivo, xa que tan só o líder foi quen de gañar dos 7 primeiros clasificados. Dos restantes 6 equipos tan só o Matiz, o Explovi e o Avispas de la Arena conseguiron sumar un punto nos seus partidos. Isto fai que o Matiz Vigo teña a tiro de dous puntos os postos de ascenso mentres que de momento ten 7 de vantaxe fronte ás posicións de descenso.

Para este partido o equipo negribrancovermelllo volverá a contar con numerosas baixas, se ben se agarda que polo menos o equipo poida contar cun recambio no banco para dar refrixeiro físico e mental ós xogadores. Desta forma a convocatoria será Jorge na porta, Chap e Vare para posicións defensivas, Pani e Yago para os postos de ataque e Davo como ese valioso comodín que sempre rinde a un gran nivel xogue na posición que xogue. Serán baixas Emi e Xmon por lesión e Pablo e Quique por atoparse fora dos dominios da Cidade de Vigo.

Será clave para este partido que o Matiz Vigo siga fiel ó seu estilo, que lle está a levar a ser o equipo menos goleado conxuntamente co todopoderoso Vanesma Peluqueras, o que da mostra do gran nivel defensivo que todo o equipo está a amosar, e a volta a ese espírito sólido que tantas alegrías lle deu na súa historia ó DCM-Matiz Vigo FS. 

O partido será a unha magnífica hora, sábado 22/11/2014, nun pavillón non tan bo como é a pista Vermella do Complexo Polideportivo das Travesas, agardemos que o día chuvioso non perxudique ó estado no que se atope a mencionada pista. Agardemos ter unha boa presenza de seareiros nos graderíos, xa que precisamos do voso apoio!IMOS que nos IMOS! IMOS MATIZ VIGO!

lunes, 17 de noviembre de 2014

"O Matiz non pasa do empate nun frouxo encontro" MATIZ 1-1 EXPLOVI

 
O Matiz suma a cuarta xornada sen perder pero curta a súa xeira de 3 victorias consecutivas, nun encontro no que os nósos non souberon dar a lectura adecuada ao partido, ao asumir un papel de inferioridade e renunciando a dominar o choque. Aínda así, encomiable o esforzo dos xogadores. 

Estreaba segunda equipación nesta sétima xornada o Matiz, trocando o negro polo branquivermello da bandeira viguesa e cores corporativos do nóso patrocinador, MatizVigo -Serigrafía e Estampación- (Calle de Elduayen, 55, - Bajo ( Esquina Paseo Alfonso XII))
E chegaba o equipo con 6 xogadores, Jorge, Davo, Vare, Pani, Yago e un Emi que tan só puido comprobar sobre o campo que a súa lesión da última xornada non lle permitiría desputar este encontro.

Ese feito de quedarse sen o seu referente no xogo e con tan só 5 xogadores, afectou excesivamente ao Matiz, que inconscientemente pasou a pensar só no difícil que sería sobrelevar o cansazo sen trocos. Iso levoulle a renunciar ao dominio do esférico (aínda que na primeira parte, comprobou que cando combinaba, creaba perigo sobre a meta rival), e a xogar con moita precipitación, feito que foi contraproducente para a súa idea de dosificar esforzos. Aínda así, como diciamos, nesta primeira metade, o equipo dispuso de moi boas ocasións para adiantarse no marcador, pero non foi quen de materializalas, en gran parte por falta de confianza, e apenas pasou problemas en defensa. 

Pero tralo descanso, o rival decidíuse a ir polo partido, tras observar que o Matiz era vulnerable. Subíu a súa liña de presión, e os nósos, con ese pensamento inconsciente de incapacidade de dominar o duelo, renunciaron definitivamente ao xogo combinativo. Por fortuna, nun saque de esquina botado por Vare, e con bo movemento de Pani, Yago conectaba un colocado disparo que se convertía en gol tras tocar a madeira.
1-0. Xa por diante no marcador, os nósos centráronse só en conservar esa renda. 
Yago e Pani traballaban arreo para axudar en defensa, e o rival só inquedaba a Jorge con disparos lonxanos. 
Pero xa preto do final, e nun deses lanzamentos dende fóra da área, o balón tras petar na defensa, quedaba morto na área, e o rival con algo de fortuna o convertía no empate 1-1.
Quixo respostar o Matiz, e demostrou que tiña capacidade para ter xogado este partido de forma diferente. Tirando de gran calidade individual, Yago creou tres boas ocasións de gol, recibindo os aplausos do respetable, e finalmente dispuxo dunha clara opción nun grave erro do cancerbeiro rival que deixou a súa porta baleira, pero o disparo lonxano marchou fóra.

Ao final reparto de puntos, nun encontro no que ninguén fixo méritos suficientes para sumar a victoria.
De novo resaltar o gran esforzo dos xogadores, representado na figura dun Pani que traballou cada acción como se fose a última, e dun Davo que rematou o encontro agotado.

Na vindeira semana, o equipo agarda recuperar a Chape, o que dará algo máis de osíxeno aos nósos. E agardemos que, tralo visto neste encontro, saiba encauzar mellor tanto esforzo e poida sobrepoñerse á importante e case segura baixa de Emi. Xaime traerá tódolos datos na previa. Ata entón, reciban un cordial saúdo!

E grazas de novo á patrocinadora por esta segunda equipación e pola súa presenza na bancada!

sábado, 15 de noviembre de 2014

X7: MATIZ VIGO F.S. vs Explovi - Asentarse en Zona Tranquila

Benqueridos lectores nos atopamos unha semana máis neste espazo para analizar o que vai ser unha nova xornada da competición recreativa non federada máis importante da cidade de Vigo.

O Matiz Vigo vai recibir esta semana a un duro rival, que non é outro que o Explovi, e que presenta números de equipo da zona media, isto é, 2 vitorias 2 empates e 2 derrotas, o que lle permiten estar na sétima posición con 8 puntos, xusto un posto por riba do descenso, que como se confirmou a semana pasada, este ano afectará ós 9 últimos clasificados da segunda división. O Matiz Vigo se atopa 7 puntos por enriba do Explovi e 8 por riba do descenso, unha vitoria esta xornada permitiría ó equipo da Oliveira de Vigo asentarse nos escasos postos tranquilos da táboa clasificatoria, e afastar en 10 puntos a un rival da parte alta da zona de descenso. Porén o partido se presenta cunha dificultade elevada para os intereses dos homes de negro, xa que o Explovi chega ó partido en plena xeira de vitorias, xa que conseguiu gañar os seu dous últimos partidos pola mínima, o que lle permite ter algo de respiro na clasificación e poder saír dos postos de descenso. Máis concretamente os resultados do Explovi durante esta temporada foron os seguintes
  1. Caf. Zaida 4-4 Explovi
  2. Explovi 1-3 Camping Cangas
  3. Catacrocker Utd 2-2 Explovi
  4. Explovi 4-6 Endulco SL
  5. Explanada FS 1-2 Explovi
  6.  Explovi 1-0 Librería Hollandia
Pódese observar polo tanto que nos últimos 4 partidos o Explovi tan só perdeu un partido, obtendo 2 vitorias e 1 empate. Non se debe fiar por tanto o Matiz Vigo dun equipo cuns números goleadores medios, xa que marcou 14 goles (2,33 por partido) e encaixou 16 (2,66 por partido). 

O Matiz Vigo pola súa banda chega ó partido cun cambio de pezas respecto á pasada xornada onde goleou ó Veterinaria Ars Canis, tras unha primeira parte igualada no marcador, non así nas ocasións onde a vantaxe dos homes de negro foi manifesta. Respecto a pasada xornada o equipo perde a Pablo que volve a Madrid trala visitada da pasada xornada e a Emi que por mor de compromisos laborais terá que estar no país de Ánxela Merckel. Estas dúas malas novas se compensan coa presenza de Yago que chega a terras viguesas para disputar as dúas vindeiras xornadas de liga, un reforzo de luxo para a dianteira Maticista. Coa súa presenza o equipo negrovermellobranco intentará aumentar a súa eficacia en ataque, e poder desta forma seguir coa boa xeira de resultados. En definitiva a convocatoria será a seguinte: Jorge na porta, Vare e Chap para as posicións defensivas, Pani e Yago para as ofensivas e Davo como ese valioso comodín que está a ser indispensable ante o continuo baile de actores nas convoctatorias do Matiz. Son baixa, por tanto, os xa comentados Emi e Pablo, Quique quen segue ó outro lado do charco e Xmon que se segue recuperando da súa torcedura de nocello.

Ante esta convocatoria tan axustada onde o equipo tan só conta cun cambio para afrontar todo o partido será indispensable que o equipo manteña o gran nivel dos últimos partidos e que saiba xogar coa paciencia que lle está caracterizando este ano. Se noutros anos os derradeiros minutos de cada partido eran un auténtico suplicio para os nosos que non paraban de perder puntos neses intres, agora os finais dos partidos se están transformando nos mellores minutos do noso equipo, onde consegue con paciencia e traballo matar os partidos e incluso facerse con vantaxes cómodas no marcador. O equipo segue a ser dos equipos menos goleados (o segundo menos goleados detrás dun Vanesma que parece estar noutro nivel ó do resto dos equipos da categoría) e está a mellorar os seu números ofensivos onde xa leva 22 goles (sendo o cuarto máis anotador neste apartado). Polo tanto será chave saber manter esa solvencia defensiva e tratar de aproveitar as ocasións de gol que de seguro rematarán por aparecer.

O escenario non podía ser mellor, o moderno pavillón de Navia, un pavillón propicio para facer un bo quecemento e para que os nosos estean dende o primeiro momento conectados ó partido, e que non regalen nin un so minuto ó rival, para que desta forma se poida sumar a sexta vitoria da temporada e a cuarta consecutiva. Tras dous partidos consecutivos como visitante o equipo volve a recuperar o rango de equipo local.

Xa o saben o domingo ás 16:00 horas todos ó pavillón de Navia! un magnífico plan para unha fin de semana sen liga!. Imos que nos Imos! Imos MATIZ VIGO!


martes, 11 de noviembre de 2014

"O Matiz consolida o seu bo momento" MatizVigoFS 4-1 Vet.ArsCanis

Nova victoria dun Matiz que refrenda o seu gran inicio de campionato nunha liga de máxima dificultade, onde se confirma que a final de tempada descenderán 9 equipos, 2 ascenderán e só 5 acadarán a permanencia.

O encontro desta xornada, caracterizouse polo regreso de Pablo S., que vestíu por vez primeira a nova elástica maticista (agardemos que poidan ser moitas máis).
Os nósos atopáronse cun rival moi rocoso, que como xa adiantaba Xaime na previa presenta uns bos números defensivos a pesares de estar colista na división. A intensidade do Vet.ArsCanis (por momentos excesiva e superando os límites do regulamento), víuse acrecentada pola permisividade arbitral, e complicou as cousas a un Matiz que tivo que adaptarse a ese xogo, e acabou sabendo competir.

O partido foi moi desputado. O Matiz non tivo o seu mellor día en canto a posicionamento táctico se refire, pero co bo momento individual dalgúns dos seus xogadores e co plus de potencialidade ofensiva que lle aportou a presenza de Pablo, bastoulle para levarse o choque.

Adiantaríase na primeira metade o Matiz por mediación de Pani tras acompañar fantásticamente unha xogada por banda contraria do propio Pablo.
Un Pablo que anotaría un golazo dende campo propio, ao tentar despexar un balón que remataba envenenándose e petando no longueiro da porta rival antes de botar dentro e saír de novo da portería. Por desgraza, o colexiado unía un erro máis ao seu desafortunado arbitraxe e non daba o gol.
Nas chegadas dos visitantes, Jorge respostaba magníficamente e así chegábase co 1-0 ao tempo de refrixerio.

Tralo descanso empatarían os visitantes nun deses erros que neste encontro cometeu o Matiz. Erro na saída do balón e equipo mal posicionado.
Pero a partires de ahí, o Matiz mellorou, fíxose máis intenso en defensa, contaxiado por un Chap nun gran momento de xogo, e solventou o encontro con goles de bella factura, obra de Emi, Pablo e Pani.

O equipo pensa xa na vindeira xornada, onde terá que superar as baixas de Pablo e Emi, contrarrestadas en parte co regreso de Yago.

Moitas grazas a afición que acudíu en bo número a este choque.

FOTOS NO SEGUINTE ENLACE:
 

sábado, 8 de noviembre de 2014

X6. Matiz Vigo F.S. Vs Vet. Ars Canis. Reforzo de Luxo para un Partido Trampa.


 Benvidos queridos lectores 

Nos atopamos este sábado día 08/11/2014 nestas liñas para analizar o que vai ser a sexta xornada de liga competición recreativa máis importante da cidade Vigo en Xogo. 

O Matiz Vigo FS recibirá nesta xornada a un vello coñecido dos nosos, o Veterinaria Ars Canis F.S., que esta temporada non está comezando con bo pe a competición ligueira, xa que nas 5 primeiras xornadas non foi quen de estrear o seu casilleiro de puntos. Porén esta estatística pode resultar moi enganosa, xa que se analizamos os resultados deste equipo no que vai de campionato, veremos que en moitos partidos estivo cerca de obter a lo menos un punto. Vexamos a súa traxectoria no que vai de campionato.
  • 1ª Xornada: Avispas de la Arena 4-1 Vet. Ars Canis. foi a súa derrota máis contundente no que vai de campionato, ante un dos equipos punteiros do grupo, que ocupa a quinta posición, xusto por debaixo do Matiz Vigo F.S. con 3 vitorias e dúas derrotas.
  • 2ª Xornada: Vet. Ars Canis 1-2 Explanada F.S. aquí vemos que o equipo veterinario estivo moi cerca de sumar os seus primeiros puntos ante un rival que mantivo en alerta ó Matiz Vigo ata os derradeiros minutos de partido onde conseguiu despegar no marcador. Actualmente o Explanada F.S. ocupa a novena posición con 2 vitorias e 3 derrotas. 
  • 3ª Xornada: Bar Lobishome 3-1 Vet. Ars Canis.  Este foi o segundo partido, e último, onde o equipo canino perdeu por máis de 1 gol ante un Bar Lobishome que se atopa a tan só 3 puntos do equipo dos homes da oliveira, ocupando a sexta posición na táboa clasificatoria.
  • 4ª Xornada: Vet. Ars Canis 1-2 Librería Hollandia. Nesta xornada perdeu por tan só un gol ante un dos rivais que nestes intres ocupa a zona baixa da clasificación e que se enfrontou a semana pasada ó equipo do Matiz Vigo F.S.
  • 5ª Xornada: Bar Secundino 3-2 Ver. Ars Canis. Outra vez o equipo que nos visita esta xornada quedouse co mel nos beizos, e caeu por tan só 1 gol ante un Bar Secundino que ocupa a oitava posición con 2 vitorias e 3 derrotas.
Imaxe obtida do Facebook do Ver.Ars Canis
 Polo tanto obsérvase que se trata dun equipo que sempre logra competir en tódolos partidos e, que agás no primeiro, púxolle as cousas moi difíciles ó seus rivais, polo que se o Matiz Vigo F.S. cae no exceso de confianza seguro que sae mal parado deste encontro, máis aínda se temos en conta os enfrontamentos do ano pasado entre ambos equipos, onde se ben na volta o Matiz Vigo F.S conseguiu impoñerse por 6-2 ó equipo veterinario, na ida tan só foi quen de obter unha vitoria por 2-1 nun axustado partido. 

Unha vez analizado ó noso rival, chegou a hora de analizar ó noso equipo. O Matiz Vigo F.S. chega ó partido enchido de moral tras lograr unha importante vitoria por 7-1 ante o Librería Hollandia, nun partido onde tan só contaba con 5 xogadores, por mor das diferentes circunstancias que fixeron que o equipo non puidera contar coa metade do seu cadro de xogadores. Para este partido as previsións son máis positivas, xa que o equipo olívico poderá contar con dous reforzos respecto ó pasado partido, estes serán Pani que volverá ós terreos de xogo tralos seus compromisos empresariais e Pablo quen debutará esta xornada tras poder escaparse da capital española para disputar un partido na cidade máis bela do noroeste español. Pablo volverá a enfundarse a elástica do equipo tras unha temporada e 5 xornadas. A pasada campaña Pablo tiña que abandonar a disciplina do conxunto maticista para emigrar cara Polonia para a finalización dos seus estudos. Este ano a pesar da súa residencia na capital española, a directiva conseguiu pechar un contrato, para que cando o xogador estea por terras galega poida disputar partidos co equipo maticista. Non vamos agora a descubrir o alto nivel competitivo de Pablo, tan só nos espera agardar que tal se adaptará ó xogo do Matiz Vigo FS, un xogo que é moi similar ó que se propoñía fai dous anos cando o equipo militaba na primeira división da competición.

Polo tanto a convocatoria estará formada por Jorge na porta, Davo, Chap e Vare para posicións defensivas e Emi, Pani e Pablo para as posicións en ataque. Serán baixa Quique quen segue ó outro lado do Atlántico, Xmon que aínda estará preto de dúas semanas máis de baixa por mor da súa torcedura de nocello e Yago quen se atopa en Manresa, pero quen se nada se torce estará a disposición do adestrador nas dúas vindeiras xornadas de liga, o que compensará as previsibles baixas de Pablo e de Emi que non poderá estar a vindeira xornada onde o equipo visitará ó Explovi.

O partido xa o saben o vindeiro domingo día 9 de novembro deste 2014 que xa está rematando, no pavillón do Berbés ás 17:00 horas. Unha hora moi futboleira nun céntrico e ben dotado pavillón de deportes onde o Matiz Vigo xa ten feito xestas asombrosas como gañar e empatar a equipos punteiros da primeira división de Vigo en Xogo.

Non se o perdan, o equipo necesita o seu apoio! xa saben! imos que nos imos! Imos Matiz Vigo!.