viernes, 16 de abril de 2010

Debut do DCM na Catedral do Fútbol Vigués

Ola, unha vez máis estamos aquí para informar do que vai a ser a 24ª xornada desta Segunda División grupo "B" de Vigo En Xogo. Unha xornada onde o Deportes Carlos Miguel chega sen ningún obxectivo clasificatorio claro, pero no que debe acadar os 3 puntos se non quere que os equipos que marcan o límite da zona de descenso síganse acercando.

O partido desta fin de semana ten un escenario cargado de moita historia, e é que o DCM xogará por primeira vez nun partido oficial no Estadio Municipal de Balaídos, a verdadeira catedral do fútbol vigués, que dende 1929 goberna a historia do equipo de fútbol máis representativo da cidade. Pero é que ademais de albergar un gran estadio de fútbol con capacidade para máis de 31.000 persoas, dende 1982 o Estadio Municipal de Balaídos tamén conta con un complexo polideportivo situado nos baixos da grada de Río, grada construída con motivo do mundial de fútbol de 1982 e que configurou o aspecto que actualmente presenta o estadio vigués (xa que as restantes gradas son da década dos 70). Pois ben nun momento onde outra vez o estadio vigués soa con forza para ser sede do mundial de 2018 ou 2022, o DCM vaise estrear nestas pistas polideportivas, máis concretamente na pista un, que para os que non o saiban é a que sitúase a dereita da porta 18, porta pola cal deberán acceder os seareiros que queiran gozar do partido.

O Rival do DCM este sábado ás 19:00 horas no xa mencionado escenario, non é outro que o Birraleal, un equipo que chega ó partido metido de cheo na zona baixa da táboa clasificatoria e sabendo que ten que comezar a gañar xa, se quere ter algunha opción de permanecer de cara a vindeira temporada na segunda división, xa que está a ver como outros equipos como o Acerón estanse afastando rapidamente dos postos baixos grazas a súa grande segunda volta. Os seus números non son nada bos xa que acumulan tan so dúas vitorias e dous empates por 15 derrotas, son 12º con 8 puntos empatados co Vinoteca a Laxe. O equipo azul comezou moi ben a temporada xa que nas dúas primeiras xornadas sumou 4 puntos, é dicir a metade dos que ten actualmente, tras gañar con solvencia por 3-0 ó Pizarro e empatar cun dos equipos fortes da categoría, o Ponte a Pintar (4-4). Despois deste partido perdeu dous partidos consecutivos, onde destaca a forte goleada encaixada ante o ACP (1-7) pero da que se reporía rapidamente, xa que na seguinte xornada acadaría a segunda e última (até o momento) vitoria da temporada, sería fronte ó Aceron cun contundente 7-2. Despois acumularía 11 derrotas consecutivas pero na décimonovena xornada sería quen de sacar un valioso punto fronte ó ACP Sport. Poren este punto non sería un punto de inflexión na traxectoria do Birraleal xa que nos dous seguintes partidos cae derrotado fronte ós dous últimos rivais do DCM, Acerón e Bar Kubi (fronte ós cales o DCM tan so foi quen de obter un punto). Polo tanto o Birraleal é un equipo da zona baixa pero que xa deu mostras de sobra de que lle pode complicar a vida a calquera rival, xa que moitas das súas derrotas foron pola mínima (5 partidos).

O Precedente máis actual de encontro fronte ó DCM, é o partido que ambos xogaron na primeira volta e que rematou con vitoria dos DCM'istas por 5-2. Naquel partido o DCM adiantaríase 5-0 antes do descanso e deixaríase ir na segunda parte. Foi aquel un partido falto de ritmo e bastante aburrido para o público presente, tanto que Lino titularía a súa crónica da seguinte forma "O DCM golea nun paupérrimo encontro” DCM 5-2 Birraleal. Como anécdota sinalar que o equipo xoga como visitante nesta xornada polo que tendo en conta que o partido se xoga en Balaídos e vendo o rendemento do equipo local (o Celta) no seu estadio nas últimas temporadas, parece que ten máis posibilidades de obter a vitoria.

O DCM chega a este partido nun estado de forma preocupante, tras facer un bo partido fronte ó ACP que rematou con derrota, os partidos contra o Acerón e o Bar Kubi deixaron ós nosos un moi mal sabor de boca. No primeiro porque o Acerón foi quen de desarborar completamente ó equipo dirixido por Ractkovic Varela e o segundo porque o Bar Kubi conseguiu empatar nos derradeiros minutos un partido no que se ben é certo que o DCM fixo un traballo defensivo moi positivo, faltoulle un chisco de intensidade nalgúns momentos do partido para sentenciar un encontro que en moitos momentos tivo un ritmo moi pesado. Para este partido Rackovic conta coa probábel baixa de Yago, o que fai que o adestrador teña que preparar o partido cunha convocatoria formada por 8 homes. Jorge que será o encargado de ser o derradeiro obstáculo para que o balón non entre nas maias da portería, Pali, Xmon, Chap e Vare que formarán en defensa con total seguridade, aínda que Chap segue coas súas molestias e polo tanto tan so está para xogar algúns minutos, Emi e Pani para organizar o xogo visitante e Quique como referente en punta. Polo tanto partido importante para o DCM, xa que debe gañar para afrontar as dúas próximas xornadas de descanso cunha certa tranquilidade, xa que unha derrota unido ós 3 partidos que leva sen gañar (tan so un empate) e as dúas xornadas de descanso que lle seguen, faría que o equipo DCM'ista comezase a botar pola borda a súa boa temporada de debut na segunda división, e poderíase situar preto dos postos de descenso, vendo como equipos como o Bar Kubi ou o Acerón sitúanse se gañan os seus compromisos a tan so 2 e 4 puntos respectivamente.

A Cita xa o saben o Sábado ás 19:00 horas, unha hora inmellorable para poder gozar dun partido desta segunda división grupo "B" de Vigo en Xogo, no Estadio Municipal de Balaídos.

Aliñación Probábel:

-----Jorge-----

Vare------Pali

-----Emi------

----Quique----

No hay comentarios: