viernes, 29 de enero de 2010

Oportunidade para non Afastarse dos Postos Sobranceiros

Ola, estamos aquí de novo tras un par de semanas de ausencia debido ós exames propios destas datas que nos deixaron sen tempo para a análise previa que soemos facer de case tódolos partidos. Volvemos esta semana para intentar analizar o que vai dar de si, o partido que nos agarda o domingo 31 de xaneiro, ás 11:00 no Monte da Mina, que non é outro que o Deportes Carlos Miguel Vs La Casita FS, un partido entre dous equipos que están a firmar unha gran primeira volta, e que non queren que estes dous últimos partidos que lle restan a mesma poidan escurecer tan bo rendemento.

O DCM debe gañar se non quere afastarse moito dos postos de arriba, e se quere deixar case pechada a permanencia antes de comezar a segunda volta, equipos como o Bar Kuvi que fai unhas semanas atopábanse moi afastados dos nosos xa están a tan só 6 puntos na táboa clasificatoria, e é que nos 3 últimos partidos disputados o DCM tan so conseguiu acadar 4 puntos de 9, puntos que son en principio suficientes para acadala salvación, pero que complican manterse nos postos sobranceiros da táboa clasificatoria. Porén nesta semana os nosos teñen unha gran oportunidade de recortar puntos coa terceira praza xa que xogan fronte ó terceiro clasificado, un equipo que está a render a un gran nivel e que pode afastarse até 7 puntos se son quen de superar ós nosos.

La Casita ó igual que o DCM foi quen de sobreporse a un inicio de liga moi irregular, xa que nas 4 primeiras xornadas firmou un discreto comezo con 1 vitoria, 1 empate e dúas derrotas, xa que comezou a liga perdendo contra o todopoderoso Hannover, gañándolle ó Parquets Corcoba, perdendo contra o Parquets Eloy e empatando fronte ó Pers United. Nembargantes dende ese intre La Casita está a firmar unha xeira espectacular de resultados, xa que das seguintes 8 xornadas gañou 7 partidos e tan so tropezou cun Bar Kuvi que está a remontar a pasos axigantados na táboa clasificatoria. Nos dous últimos partidos La Casita foi quen de gañar os seus compromisos marcando 4 goles en ámbolos dous partidos, xa que lle gañou ó Birraleal por 0-4, e ó Decoraciones Costas pro 4 a 1. Por tanto chegan a este partido coa moral polas nubes e coa intención de sumar os tres puntos para desta maneira intentar aproveitar o enfrontamento directo entre ACP Sport e Ponte a Pintar, o que lle permitiría distanciarse do ACP en caso de que gañase o Ponte a Pintar, ou acadala segunda praza se é o ACP quen se fai coa vitoria. Se a semana pasada o DCM enfrontábase ó equipo máis goleador da categoría, esta semana enfrontarase ó segundo, La Casita conta con 56 goles a favor (11 goles máis que o DCM, que é o terceiro equipo máis anotador do campionato). Todo fai indicar por tanto que este será un partido de goles, aínda que La Casita é o cuarto equipo menos goleado (o DCM é o máis goleado dos equipos da zona alta da clasificación, se ben é certo que moi influenciado este dato pola última derrota ante o Hannover, xa que até ese partido o DCM encaixara de media 2,7 goles por partido, o que é unha cifra aceptábel, pero agora a media elevouse ós 3,00 goles por partido)

O DCM pola súa banda chega a este partido con ganas de non deixar escapar o sono dos postos altos da táboa clasificatoria, sabedor de que unha vitoria permitiralle recortar puntos a lo menos con La Casita, e tamén co o ACP ou o Ponte a Pintar, dependendo do resultado dese partido (ou incluso recortarlle puntos ós dous se firman táboas no seu partido). Ademais o Pers United ten un complicado compromiso co Bar Kuvi, polo que unha vitoria podería permitirlle ó DCM meterse de novo na zona alta da táboa a tan so unha xornada do final da primeira volta. Pero se o DCM quere gañar este partido terá que estar ó 100%, e tratar de evitar que aconteza o do pasado fin de semana, onde nos primeiros minutos de xogo o DCM encaixou 3 goles, e cando quixo espertarse xa tiña moi complicado remontar o partido, se ben é certo que a base de paciencia conseguiu pórse 3-2 no marcador, aínda que na segunda parte o Hannover mataría o partido. A pesar da derrota parece que o equipo non chega baixo de moral a este partido, quizais porque a derrota entraba dentro do previsíbel, e porque a pesar do avultado do resultado, en moitos compases do partido (en todo o partido agás ó principio e ó final cando o partido xa estaba decidido) o equipo mostrou unha boa imaxe, a dun equipo que no seu primeiro ano en segunda división ten moito que gañar e pouco que perder, unha vez que (de momento) ten os postos de descenso bastante lonxe (13 puntos por debaixo).

Para este partido o Míster do DCM poderá contar cos habituais das últimas semanas, para a portería contará con Jorge, para a zona defensiva con Pali e Vare (Chap segue cos seus problemas co seguro de Vide, e Xmon está en Santiago por mor dos exames) e na zona ofensiva do equipo atoparanse tódolos efectivos, isto é: Pani, Emi, Quique e Yago. O equipo intentará dala sorpresa na Mina e acadar os 3 puntos, aínda que o papel de favorito recae neste partido para La Casita, que como xa dixemos ten unha gran oportunidade de deixar moi lonxe ó DCM e tratar de non deixar escapar o Hannover, tendo en conta que o líder terá que descansar a vindeira xornada. Agardemos que o equipo azul non bote en falta os adestramentos das dúas últimas xornadas, que se anularon por mor dos partidos do Real Club Celta de Vigo, quen onte non puido pasar de rolda a pesares da imaxe mostrada, e a quen lle desexamos a mellor das sortes nesta segunda volta que comeza na liga "Adelante" que é a competición que vai determinar o futuro do club buque insignia da cidade.

Polo tanto xa o saben, interesante partido no Monte da Mina, o Domingo ás 11:00 un horario que agardemos que permita a asistencia de máis espectadores que a pasada fin de semana no Calvario, onde tan só dúas fieis puideron seguir o partido do DCM alentando ós nosos.


Aliñación probábel:

---------Jorge----------

----Vare--------Pali----

-----------Emi----------

----------Quique--------

Banco: Pani e Yago

No hay comentarios: