lunes, 17 de octubre de 2016

Panadería Travesía de Vigo 2-4 MatizVigo F.S. "Primeira vitoria do Matiz, nun partido cheo de boas sensacións"


Xa na primeira xornada o Matiz deixou sobre o campo moi boas sensacións sobre o cemento da pista vermella, pero os seareiros e os propios xogadores tiñan a dúbida de si esas boas sensacións poderían converterse en puntos debido ó esixente da primeira división de Vigo en Xogo, categoría á que os nosos volven por segunda vez, tras 3 anos en segunda.

Pois ben nesta segunda xornada chegaron os puntos ante o Panadería Travesía de Vigo, rival xa coñecido polos nosos onde coincidiron na segunda división "A" temporada 2013/14. Daquelas o equipo maticista (daquela Deportes Carlos Miguel) perdeu tanto na ida coma na volta por un rechamante 6-1. Todo facía presaxiar que o partido ía ser moi complicado e así o foi.

A convocatoria estaba formada por Jorge, Fer, Vare, Pani, Yago e Emi, sendo baixa Davo pola lesión da primeira xornada da que evoluciona favorablemente. Na primeira parte o Matiz dominou por completo o partido, cun nivel defensivo excelso e levando perigo de gol á portería contraria, nunha desas ocasións chegaría o gol de Yago cun disparo raso e duro que sería imposible de atallar para o gardamallas panadeiro. Con este resultado chegaríase ó descanso.

Na segunda volta os nosos saíron con total concentración para evitar que o previsible empuxe do Travesía levara ós nosos a encerrarse na súa área. Froito desta concentración chegaron dous novos goles un de Emi e outro de Yago que marcou unha maxistra falta, da factoría da Oliveira de Vigo. 3-0 no marcador e 13 minutos de partido, cando quedaban ó redor de 6 minutos para o final chegarían case seguidos os dous goles do Travesía en dúas xogadas rápidas que desarbolaron a estratexia maticista. O panorama escurecíase e todo facía presaxiar que a dinámica provocaría o empate do equipo da Travesía, porén Fer foi quen de poñer o 4-2 a falta de 3 minutos para o final do partido, o que deu a tranquilidade definitiva ó equipo branquinegrovermello.

Con estes 3 puntos o Matiz colócase na sétima praza da categoría, xusto na metade da táboa, e pon 3 puntos de distancia ante os postos de descenso, colocando deste xeito as bases para o obxectivo desta temporada que non é outro que o de acadar a permanencia na primeira división (sempre por suposto supeditado á consecución do galardón da deportividade).

martes, 6 de septiembre de 2016

OFICIAL | Mercado de Fichaxes

Este verán ven cargado de novidades no que ó mercado de fichaxes maticista se refire. Ata o momento o equipo conta cunha baixa e cun alta, moitos máis movementos dos habituais na parroquia maticista.

Comezando pola baixa, este ano nos deixa Xmon, que tras 10 anos de servicio ó MatizVigo en Vigo en Xogo, e máis anos nos equipos previos existentes na Liga Loiola, decide colgar as botas debido ó estado dos seus nocellos. Dende o MatizVigo tan só podemos agradecer o seu compromiso durante todos estes anos onde aportou todo o seu esforzo, xogando en numerosas ocasións con molestias polo ben do equipo, e a súa personalidade alegre e vital. 

Para suplir esta baixa o MatizVigo moveuse con sixilo polo mercado de fichaxes, e conseguiu pechar o pase do 50% dos dereitos federativos de Don Fernando Alves. Tras unha dura negociación coa súa representante Dona Sara Costa, a directiva branquinegrivermella conseguiu pechar un acordo, polo que Fer compaxinará a súa laboura de xogador do MatizVigo FS en Vigo en Xogo, coa de xogador na Liga Metropolitana. Dende estas liñas queremos dárlle a benvida e desexarlle os maiores éxitos, nesta volta do MatizVigo FS á Primeira División.

Seguiremos informando das novidades que acontezan en torno á inscrición do equipo na liga, e é que tan só queda un mes para o comezo da competición. Imos que nos Imos! Imos MatizVigo!

martes, 22 de marzo de 2016

X12 e X20: "Fin de Semana Épico que Catapulta ó Matiz á Segunda Posición"


X20 - Melocotón Fs 3-4 MatizVigo FS
X12- Carpe Diem 3-4 MatizVigo FS (Xornada adiada).
 
Aínda que non temos o resto de resultados para poder actualizar a clasificación, podemos avanzar que o Matiz Vigo sitúase na segunda posición da táboa clasificatoria tras superar por un dobre 3-4 ós seus rivais esta fin de semana.

SÁBADO: CARPE DIEM VS MATIZVIGO FS
Finalmente esta semana era a escollida pola organización para recuperar o partido que levaba adiado dende a xornada 12 por mor da condensación da pista municipal de Bembrive, naquel fin de semana tropical de principios de ano. 

O Matiz chegaba coa intención de facerse cos tres puntos para poder loitar o domingo polo segundo posto. Porén o partido resultaría moi complicado para os nosos. Dende o primeiro minuto o equipo rival decidiu xogar con porteiro xogador, o que fixo que os nosos non tiveran moita posesión do esférico. Con todo sería o Matiz que se adiantaría no marcador, cun gol obra de Yago. Realmente este era o segundo gol do partido de Yago pero o primeiro que subía ó marcador, xa que o colexiado non foi quen de ver a gol pantasma. Antes do descanso o Carpe Diem era quen de empatar, nun primeiro disparo Jorge conseguiría despexar o balón, pero o rexeite caería en mans dun rival que conseguía poñer a igualada no marcador.

Na segunda parte o Matiz sufriu aínda máis a presión adiantada do rival, porén nunha xogada que parecía non ter excesiva importancia, o Carpe Diem filtraba un balón entre os defensas maticistas, Jorge decidiu despexar o balón en lugar de atrapalo, o esférico envelenouse na súa traxectoria e o gardamallas que estaba un pouco adiantado, aínda que tocou o balón non foi quen de detelo. 1-2 no marcador e o primeiro gol en 10 anos do gardamallas maticista. Con este 1-2 o matiz non foi quen de coller osíxeno a pesares das múltiples ocasións que tivo para marcar sen gardamallas. Yago faría o 1-3, pero na seguinte xogada o Carpe Diem acurtaría distancias e incluso chegaría a empatar 3-3. Porén a falta de 20 segundos Emi foi quen de colar un balón na escadra rival facendo que o equipo obtivese 3 puntos moi importantes.

DOMINGO: MELOCOTÓN FS 3-4 MATIZVIGO FS
Segundo contra terceiro clasificado (se contamos a vitoria do sábado), partido emocionante o que se tiña que xogar na pista vermella. Porén o Matiz chegaba a este partido sen forzas debido ó grande esforzo do día anterior. Ademais os seareiros maticistas espertábanse coa mala nova da lesión de Yago, o máxiimo goleador do equipo, quen por mor dunha lumbalxia causaría baixa. 

Con 6 xogadores, algún deles tocado, presentábase o equipo na pista vermella. Para dificultar máis as cousas o Melocotón adiantaríase no marcador 1-0. Porén o Matiz daba a sensación de ter controlado o partido e xogar ó ritmo que el quería. Froito deste dominio conseguiría darlle a volta ó marcador cos goles de Emi e de Pani.

Na segunda parte o Melocotón saíu apertando un pouco máis e conseguiría darlle a volta ó marcador poñendo o 2-3 no electrónico. O último gol cun exceso de vista por parte do gardamallas, a quen a estraña distribución da pista vermella levouno a engano. Porén cando todo parecía perdido apareceu Emi para empatar o partido, e faltando dous minutos para rematar o partido Davo marcaría un gol valiosísimo que foi celebrado polo xogador negribrancovermello como se merecía.
Pousa asubiaría o final e o matiz lograba 6 puntos nunha fin de semana de moitas dificultades, e onde conseguiu 4 dos 6 puntos nos últimos minutos do partido.

En canto teñamos os resultados, actualizaremos a clasificación. Gocen da semana santa!.

Coma sempre agradecer a presenza de seareiros maticistas na grada, como Lúa (por partida dobre), Sote, Su, Sheila, Ale, familiares e amigos de Emi e Yago que o domingo apoiou ós nosos a pesares da súa lumbalxia.

lunes, 14 de marzo de 2016

X19: MatizVigo Fs 5-4 VASF - "Terceira Vitoria Consecutiva e Pegados ó Ascenso"




Vitoria sufrida pero moi valiosa a acadada este fin de semana polo MatizVigo ante un correúdo Vasf que lle puxo as cousas moi complicadas ós nosos, sobre todo no desenvolvemento da segunda parte.
O partido comezaba con dominio absoluto do cadro maticista, quen era o dono do partido ante un Vasf que parecía que aínda non estaba dentro do campo, froito deste control o equipo maticista púxose con relativa solvencia 3-0 no marcador. Con este resultado nada facía presaxiar o sufrimento que viría nos seguintes minutos. Emulando ó acontecido na primeira volta, o Vasf foi collendo o ritmo do partido e a posesión do mesmo, froito disto nos últimos minutos da primeira parte chegaría o 3-1 nun potente remate dende fora do área que se colaría pola escadra maticista. O Vasf acurtaba distancias nun momento clave da primeira parte.

Na segunda o equipo visitante, sería o total e completo dominador do esférico, sendo o Matiz incapaz de calmar o partido e tecer longas xogadas. Como consecuencia deste dominio pronto chegaría o 3-2 nun disparo raso que Jorge rozou pero non foi quen de despexar e o 3-3 nun disparo desviado pola defensa maticista.. Porén este terceiro gol non lle sentou de todo ben ó VASF que despois de ter una contra, na que Jorge acabaría con parte do ollo morado, para facer o 3-4 viuse abaixo grazas a dúas accións rápidas e moi próximas no tempo, que propiciou que o Matiz se puxera 5-3 por diante. Nos últimos minutos o matiz non sufriría demasiado a pesar de que o VASF foi quen de recortar distancias. Os goleadores desta fin de semana foron Davo e Emi por partida dobre e Yago cun gol máis para a súa conta particular e xa van 30.

Con este resultado o equipo da Oliveira de Vigo faise con cuarto posto da táboa clasificatoria e prosegue coa súa remontada, despois de que fai varias xornadas tocase fondo na sétima posición. Agora atópase a tres puntos do terceiro clasificado a 4 do Melocotón FS, segundo, pero cun partido menos que eles. Precisamente o vindeiro rival maticista antes do parón será o Melocotón, partido moi importante para intentar asaltar os tres primeiros postos que dan dereito a xogar a vindeira temporada na máxima categoría.

Coma sempre queremos agradecer a impagable e valiosa presenza dos seareiros maticistas na gradaría. Sempre co seu alento motivan ós nosos e nos axudan acercarnos a vitoria. Neste caso dámoslle as grazas pola súa asistencia ás bancadas de Balaídos, a Lu, Sheila, Fani, Lúa, Ale, Pedro e Sote.

lunes, 7 de marzo de 2016

X18:MatizVigo Fs 4-0 Markyweb. "O Martiz Permítese seguir Soñando"

Importantísima vitoria a acadada polo MatizVigo FS ante un rival directo, a segunda consecutiva tras gañar a semana pasada nos últimos minutos ó La Cruz Azul (que esta semana venceu ó líder Melocotón)

Estos 6 puntos aupan ós nosos á quinta praza a 3 puntos do ascenso, e cun partido menos que o primeiro e cuarto clasificado. Polo tanto as opcións de ascenso siguen vivas, e as vindeiras semanas serán trascendentais para saber se o equipo Branquinegrovermello pode loitar ata o final por este obxectivo.

Centrándonos no partido desta fin de semana o Matiz logrou superar ó Markyweb por un contundente 4-0. A primeira parte foi de dominio maticista, tendo o Markyweb poucas ocasións claras. O Matiz adiantouse no marcador grazas a un gol de Davo mediada a primeira parte e candpo parecía que este sería o resultado co que se chegaría ó descanso, unha contra do Markyweb era desartellada por unha presión espectacular do Matiz, o equipo volvería a perder o balón pero grazas á presión de todo o equipo, e en particular de Yago, o 15 maticista lograría roubar un pase entre defensas e marcar o gol ante o que nada podería facer o gardamallas rival. Sen tempo para sobrepoñerse a este gol, unha contra levada por Xmon e facilitada por Yago acabaría nun gol cheo de fortuna, Xmon intentaría pasarlle o balón a Yago, e o defensa ó intentar cortarlo enviaría o esférico ó fondo da portería. O gol se lle adxudicou á Xmon de xeito oficial no acta do partido.

Con este marcador se chegaría ó decanso. Ó igual que no partido de ida, o Markyweb saíu máis agresivo nesta segunda parte intentando recurtar distancias. Porén o bo rendemento colectivo defensivo do Matiz fixo que o equipo visitante non puidera anotar ningún gol. Algúns dos integrantes do Markyweb confundiron a agresividade positiva coa negativa, e un deles faría unha forte entrada sen balón a Davo. Moratón para o do Matiz Vigo, e cartón vermello pola sucia entrada para o integrante do equipo branco. Avanzando o partido tamén houbo outra lea que finalmente rematou sen consencuencias. O Markyweb algo desorientado por estes feitos decidiu apostalo todo co gardamallas-xogador, e nun mal pase curtado por Emi, o partido remataría cun gol do 8 maticista.

Dende este Facebook/blog coma sempre queremos agradecer a presenza de seareiros nas gradas, neste caso foron, Lúa, Lu, Sheila, Fani e Pedro quenes animaron ós nosos dende as bancadas. Tamén agradecer o comportamento deportivo dalgúns dos integrantes do Markyweb, e en especial de Sote, quen axudou a que as leas non foran a máis.

lunes, 29 de febrero de 2016

X17 - La Cruz Azul 3-4 MatizVigo FS - Unha vitoria para seguir soñando



Intenso partido o vivido onte nas instalacións deportivas do pavillón municipal de Teis. La Cruz Azul e MatizVigo FS víanse as caras, cun punto de separación na liga, nun partido onde os da Oliveira de Vigo non podían errar se querían seguir mantendo vivas as opcións de ascenso. 

Ante todo destacar que a pesar do igualado do resultado o partido discorreu por uns canles de deportividade destacables, demostrando ambos equipos que a intensidade no terreo de xogo non está rifado coa limpeza no mesmo. 

O partido comezaría cunha gran posesión do Matiz, que pronto comezaría a dar os seus froitos en forma de ocasións, porén o gol non daría chegado, nalgunhas ocasións pola gran actuación do gardamallas rival e noutras polos, as veces, anchos postes da portería. Mentres la Cruz azul gozaría dalgunha oportunidade de gol illada como un disparo que tras rozar na man de Jorge deu no longueiro e case entra na portería e unha contra na que tamén puido ser cortada dende a portería. Neste ir e vir, con dominio do Matiz chegaría o primeiro gol dos nosos obra do pichichi do equipo Yago que por fin conseguía bater ó gardamallas rival. Porén e a pesares de que o Matiz seguía dominando, un tiro dende o borde do área de La Cruz azul acabaría en gol tras unha intervención pouco afortunada de Jorge quen non conseguiu atallar o disparo raso que parecía carecer de excesivo perigo. 

Con este resultado de 1-1 se chegaría ó descanso no marcador. O Comezo da segunda parte xa albiscaba un panorama moi diferente ó da primeira. O Matiz xa non era quen de manter o control do partido e as ocasións ían chegando da man do equipo azulón, tan malo foi o rendemento no comezo da segunda parte que pronto pediuse un tempo morto para tratar de recompoñer ó equipo. Porén o tempo non deu os seus froitos e nunha contra La Cruz Azul faría o 1-2 tras superar por alto a saída de Jorge. Case sen tempo para repoñerse chegaría o 1-3 a falta de 11 minutos para o final, nunha xogada combinada que acabaría cun meritorio gol nun disparo case sen ángulo. Con este resultado e ante un rival de tanta entidade o partido se poñía moi costa arriba. 

Porén a sorte que outros días lle faltou ó Matiz, hoxe estivo do seu lado, xa que da xogada que podía supoñer o 1-4, unha contra moi similar ó do 1-2 pero na que neste caso o balón petou no gardamallas, pasouse na seguinte xogada ó 2-3 grazas  un disparo defectuoso de Pani que petou nun defensa. Este gol deulle ás ós nosos que puideron facer o 3-3 obra de Yago nun potente disparo que logrou bater ó porteiro visitante. O Matiz non se conformou con este gol e foi en busca da vitoria ante un rival algo desorientado polos dous goles recibidos. A falta de dous minutos nunha xogada onde o Matiz atacou con todo, Yago rematou e o rexeite caeulle a Emi, quen anotou un golazo por toda a escuadra da portería rival. Quedaban dous minutos que o Matiz xestionou á perfección e na que o rival non tivo ocasión de volver a empatar o partido.

Importantísimos 3 puntos para o Matiz, quen pasou en poucos minutos de estar a 4 puntos dun rival directo a superalo en dous, contando cun partido menos. 9 minutos máxicos os de onte que ben poden valer un ascenso. Volvemos dende aquí a agradecer a presenza de seareiros nas gradas que axudou a que o equipo non se afundira nos momentos máis difíciles do partido.

miércoles, 24 de febrero de 2016

X17 - La Cruz Azul Vs MatizVigo FS: "Partido Crucial no Remodelado Pavillón de Teis"

X17 - La Cruz Azul Vs MatizVigo FS
 Domingo 28/02/2016 - 19:00h
Pavillón de Teis


Sexto e sétimo clasificado disputarán esta fin de semana un emocionante partido nas instalacións municipais de Teis. Este pavillón inaugurado xusto agora fai 30 anos, foi o segundo en crearse despois do Complexo Deportivo Das Travesas. Dende aquelas a nosa cidade foi gañando en instalacións deportivas ata chegar ó punto actual onde case tódalas parroquias viguesas contan cunha instalación desta tipoloxía. Co Galo deste aniversario o Concello de Vigo investiu 17.000 euros na súa reforma, fundamentalmente baseada na cuberta, polo que en principio non debería haber problemas de goteiras na chuviosa fin de semana que se agarda. Ademais remodeláronse portas e outros elementos como obsérvase na fotografía adxunta.

Centrándonos xa no partido o MatizVigo FS quere deixar atrás o mal partido da fin de semana, e seguir mantendo as súas opcións de ascenso de categoría. O rival será La Cruz Azul un equipo que avantaxa ós nosos na clasificación nun punto, polo que o equipo maticista necesita obter a vitoria para superalos na clasificación.

Como referente positivo temos o partido de ida onde o equipo da Oliveira de Vigo foi quen de impoñerse ó de aquelas líder da táboa clasificatoria por un contundente 4-1. Naquel partido os branquinegrovermellos demostraron unha moi boa solvencia ofensiva combinándoa coa serierdade defensiva que lle soe caracterizar.

La Cruz azul chega a este partido tras impoñerse por 2-4 ó Markyweb, rival co que está empatado a puntos. Nesta segunda volta leva 6 puntos de 9, tras perder tan só co FS Bodegón Explovi, colista da categoría e que está a ser o líder desta segunda volta.

Pola súa banda o MatizVigo FS chega a este partido recuperando efectivos, tras dúas xornadas con baixas na convocatoria. Salvo novidade, a convocatoria estará composta por Jorge na porta, Vare, Xmon, Chap e Davo para os postos defensivos, e Emi, Pani e Yago para as posicións de vangarda.
Animamos dende aquí ós seareiros maticistas a que animen ós nosos, nun magnífico horario para un domingo chuvioso e que gocen das remozadas instalacións do pavillón de Teis (situado xusto detrás das famosas "7 torres").

Imos MatizVigo!

lunes, 22 de febrero de 2016

X16 - MatizVigo FS 0-5 FS Bodegón Explovi. O MatizVigo afástase do ascenso cun mal partido, pero depende de si mesmo.

Moi mal partido o xogado polo MatizVigo FS esta fin de semana ante o Bodegón Explovi que cunha presión retrasada pero intensa conseguiu anular a construcción dos nosos e aproveitar as súas ocasións. O colista da categoría continúa coa sua xeira de vitorias na segunda volta (3 de 3) namentres que o Matiz afástase do ascenso, aínda que non de xeito definitivo.

O equipo perde unha posición e volve a sétima posición, a 6 puntos do ascenso pero cun partido menos. A pesar da goleada encaixada segue sendo o menos goleado con 3 goles de vantaxe que terá que defender no partido adiado, que posiblemente recuperarase a vindeira fin de semana

miércoles, 17 de febrero de 2016

X16 - MatizVigo FS Vs FS Bodegón Explovi. En busca de avanzar posicións ante un colista en xeira positiva

X16 - MatizVigo Fs Vs FS Bodegón Explovi
Sábado 20/02/2016 - 20:00h
Pavillón do Berbés


O MatizVigo FS xogará este fin de semana ante o FS Bodegón Explovi, equipo cuxa clasificación pode resultar enganosa, xa que a pesares de ser colista, gañou os dous partidos desputados na segunda volta, o que proba que o equipo Explosivista reforzouse moi ben no mercado invernal solventando os problemas de plantel que tiña na primeira volta e que levoulle a aprazar varios partidos. Polo tanto pouco terá que ver este equipo, ó que caeu goleado por 1-8 ante o MatizVigo na primeira volta, nun partido que acabou antes de tempo.

O MatizVigo FS pola súa banda chegará o partido coa moral enchida tralo bo encontro da semana pasada e coa intención de lograr os tres puntos que lle permitan chegar nunha inmellorable posición ó vindeiro fin de semana, onde posiblemente recuperará o partido adiado e polo tanto terá a opción de obter 6 puntos que lle poderían situar nos postos de ascenso de categoría.

Pero primeiro deberá afrontar este duro partido ante un Explovi que como dixemos ven de gañar os dous partidos da segunda volta, 2-4 á Cruz Azul (coa que perderan 4-0 na ida) e 3-2 ó Markyweb (co que perderan 3-1 na ida). Para este partido o Matiz contará coas baixas de Emi que está de viaxe por terras europeas, Chap que non se atopará en Vigo este sábado, e as xa habituais de Pablo e Quique. Polo tanto 6 serán os homes que teñan que loitar por estes tres puntos importantísimos, Jorge na porta, Xmon e Vare para os postos defensivos, Pani e Yago para o ataque e Davo como ese valioso comodín que ten o equipo e que pode xogar en tódalas posicións.

O partido xa o saben, un perfecto aperitivo para o Celta - Eibar que se xogará dúas horas máis tarde no Estadio Municipal de Balaídos. Agardámosvos no Pavillón Municipal do Berbés ás 20:00 h do Sábado.
 
Séguenos en:  https://www.facebook.com/Matiz-Vigo-FS-424584730979518/

domingo, 14 de febrero de 2016

X15 - Explanada FS 0-8 MatizVigo FS "O Matiz Vigo aférrase á loita polo ascenso tras un solvente partido"


Espectacular partido do MatizVigo FS o desta mañá na Pista Vermella do Complexo Polideportivo das Travesas. Chegaba o equipo coa dúbida de se as condicións meteorolóxicas permitirían desputar o partido na pista Vermella. Porén a instalación municipal soportou o temporal deste fin de semana sen ningunha goteira e sen condensación no terreo de xogo, polo que o partido puido disputarse en perfectas condicións, agás nos últimos minutos da primeira parte onde un apagón parcial fixo que a visibilidade da pista vírase lixeiramente reducida.

O MatizVigo FS gañou o partido porque foi superior no xogo, e porque foi moi superior nas dúas áreas, cun desenvolvemento defensivo óptimo e unha pegada ofensiva inapelable. Na primeira parte pronto se adiantaría o equipo maticista por medio dun gol de Yago, nos seguintes minutos o partido ralentizouse, froito quizais da tempraneira hora do partido. O Explanada tería algunha ocasión de gol que foi desbaratada ou ben pola defensa ou ben polo gardamallas, co avance da primeira parte o Matiz sería quen de anotar o seu segundo gol co que se chegaría ó descanso no marcador.

Na segunda metade, xa cos problemas de iluminación solventados, o equipo fixo gala de toda a súa potencia goleadora e marcaría 6 goles, conseguindo ademais manter a portería a cero. Yago foi o máximo goleador do equipo con 6 goles, co que se afianza como un dos máximos artilleiros da categoría con 26 goles. Os outros dos goles serían obra de Emi e de Vare que se estreaba como goleador nesta temporada.

 O vindeiro luns achegaremosvos a clasificación actualizada cos resultados desta xornada.
Imos Matiz Vigo!.