martes, 22 de marzo de 2016

X12 e X20: "Fin de Semana Épico que Catapulta ó Matiz á Segunda Posición"


X20 - Melocotón Fs 3-4 MatizVigo FS
X12- Carpe Diem 3-4 MatizVigo FS (Xornada adiada).
 
Aínda que non temos o resto de resultados para poder actualizar a clasificación, podemos avanzar que o Matiz Vigo sitúase na segunda posición da táboa clasificatoria tras superar por un dobre 3-4 ós seus rivais esta fin de semana.

SÁBADO: CARPE DIEM VS MATIZVIGO FS
Finalmente esta semana era a escollida pola organización para recuperar o partido que levaba adiado dende a xornada 12 por mor da condensación da pista municipal de Bembrive, naquel fin de semana tropical de principios de ano. 

O Matiz chegaba coa intención de facerse cos tres puntos para poder loitar o domingo polo segundo posto. Porén o partido resultaría moi complicado para os nosos. Dende o primeiro minuto o equipo rival decidiu xogar con porteiro xogador, o que fixo que os nosos non tiveran moita posesión do esférico. Con todo sería o Matiz que se adiantaría no marcador, cun gol obra de Yago. Realmente este era o segundo gol do partido de Yago pero o primeiro que subía ó marcador, xa que o colexiado non foi quen de ver a gol pantasma. Antes do descanso o Carpe Diem era quen de empatar, nun primeiro disparo Jorge conseguiría despexar o balón, pero o rexeite caería en mans dun rival que conseguía poñer a igualada no marcador.

Na segunda parte o Matiz sufriu aínda máis a presión adiantada do rival, porén nunha xogada que parecía non ter excesiva importancia, o Carpe Diem filtraba un balón entre os defensas maticistas, Jorge decidiu despexar o balón en lugar de atrapalo, o esférico envelenouse na súa traxectoria e o gardamallas que estaba un pouco adiantado, aínda que tocou o balón non foi quen de detelo. 1-2 no marcador e o primeiro gol en 10 anos do gardamallas maticista. Con este 1-2 o matiz non foi quen de coller osíxeno a pesares das múltiples ocasións que tivo para marcar sen gardamallas. Yago faría o 1-3, pero na seguinte xogada o Carpe Diem acurtaría distancias e incluso chegaría a empatar 3-3. Porén a falta de 20 segundos Emi foi quen de colar un balón na escadra rival facendo que o equipo obtivese 3 puntos moi importantes.

DOMINGO: MELOCOTÓN FS 3-4 MATIZVIGO FS
Segundo contra terceiro clasificado (se contamos a vitoria do sábado), partido emocionante o que se tiña que xogar na pista vermella. Porén o Matiz chegaba a este partido sen forzas debido ó grande esforzo do día anterior. Ademais os seareiros maticistas espertábanse coa mala nova da lesión de Yago, o máxiimo goleador do equipo, quen por mor dunha lumbalxia causaría baixa. 

Con 6 xogadores, algún deles tocado, presentábase o equipo na pista vermella. Para dificultar máis as cousas o Melocotón adiantaríase no marcador 1-0. Porén o Matiz daba a sensación de ter controlado o partido e xogar ó ritmo que el quería. Froito deste dominio conseguiría darlle a volta ó marcador cos goles de Emi e de Pani.

Na segunda parte o Melocotón saíu apertando un pouco máis e conseguiría darlle a volta ó marcador poñendo o 2-3 no electrónico. O último gol cun exceso de vista por parte do gardamallas, a quen a estraña distribución da pista vermella levouno a engano. Porén cando todo parecía perdido apareceu Emi para empatar o partido, e faltando dous minutos para rematar o partido Davo marcaría un gol valiosísimo que foi celebrado polo xogador negribrancovermello como se merecía.
Pousa asubiaría o final e o matiz lograba 6 puntos nunha fin de semana de moitas dificultades, e onde conseguiu 4 dos 6 puntos nos últimos minutos do partido.

En canto teñamos os resultados, actualizaremos a clasificación. Gocen da semana santa!.

Coma sempre agradecer a presenza de seareiros maticistas na grada, como Lúa (por partida dobre), Sote, Su, Sheila, Ale, familiares e amigos de Emi e Yago que o domingo apoiou ós nosos a pesares da súa lumbalxia.

No hay comentarios: