sábado, 25 de abril de 2015

X25 - MatizVigo FS Vs Vanesma Peluqueras. Misión Posible.


Benqueridos lectores, nos atopamos unha semana máis nestas liñas para analizar o que vai a ser a 25ª xornada de liga da segunda división A de Vigo en Xogo.

Esta semana o MatizVigo deberá enfrontarse ó todopoderoso líder, o Vanesma Peluqueras. Partido entre terceiro e primeiro clasificado da liga, que non podía ter outro escenario que non fora o pavillón referencia da cidade máis grande de Galicia, a Pista Central do Complexo Polideportivo das Travesas. E é que parece ser que a organización foi consciente da importancia deste partido que medirá a un terceiro clasificado que chega nun impresionante nivel de forma, con 13 goles nos dous últimos partidos (e so dous na contra) contra un líder que marcou 13 goles, pero só no último parido. O MatizVigo FS é o único equipo, xunto co líder, que pode presumir de quitarlle puntos ó segundo clasificado e agora quere ser o primeiro equipo en ser capaz de facerlle dano ó Vanesma Peluqueras. Máis non só pola importancia do rival o MatizVigo ten moitas ganas de gañar este partido,e é que a xeira de 4 vitorias consecutivas coas que conta o equipo da Oliveira de Vigo, lle permitiu pasar do sexto posto a asentarse na terceira posición, con tan só 1 punto de diferenza con respecto ó cuarto clasificado pero con 6 puntos respecto ó quinto clasificado. O Matiz intentará por tanto conseguir unha vitoria que lle permita confirmase como candidato á cobizada terceira praza.

Como xa todos saben o rival que visitará ós nosos esta fin de semana, non lle porá nada fácil as cousas ó Matiz, e que tanto o ano pasado en terceira división, como este ano en segunda, esta sendo un equipo intratable que non só lidera a clasificación, senón que o fai dun xeito abraiante. Os seus números son os seguintes: o Vanesma Peluqueras conta con 24 vitorias en 24 partidos, 185 goles a favor (7,7 g/p) e 41 na contra (1,71 por partido), uns números envexables que dan conta do poderío ofensivo do rival que nos visitará esta fin de semana. En canto ó partido da primeira volta, foi un encontro no que os nosos se atoparon con moitas dificultades, e no que plantou cara ata que a gasolina lle aguantou. Naquel partido o Vanesma Peluqueras adiantouse na primeira parte nunha polémica xogada na que os nosos reclamaron falta previa  e con ese 1-0 chegouse ó descanso. Porén nos últimos minutos desta primeira quenda Vare caeu lesionado, deixando ós nosos sen recambios no banco, algo que o equipo negribranquivermello pagaría no segundo tempo encaixando un parcial de 9-0, para facer un total de 10-0 ó remate do mesmo.

Pero o MatizVigo FS chega nun momento de forma moi diferente ó da primeira volta, e se de aquelas o equipo foi quen de plantarlle cara durante toda unha parte, nesta ocasión o equipo procurará non só poñerlle as cousas difíciles ó líder senón que buscará obter a vitoria. Dende aquel partido o equipo do Paseo de Alfonso XII, non deixou de crecer, e xa sabe o que é eliminar a rivais superiores con moito máis banco que os nosos, como por exemplo no Torneo de Nadal de Baiona ou no empate ante o Endulco. Os nosos cunha convocatoria moito máis xustiña ca os dos rivais fixo auténticos milagres que poden repetirse neste partido.

Para isto todos os compoñentes da convocatoria deben saír ó campo a gozar sabendo que a vitoria é posible, e coñecendo as ferramentas que de sempre fixeron poderoso ó noso equipo: unha sobriedade defensiva aderezada con doses de calidade na parte ofensiva do equipo. Cunha actitude seria e concentrada os nosos poden optar a conseguir os tres puntos. A convocatoria deste partido estará formada por Jorge na porta, Vare, Chap e Davo para as posicións defensivas, e Pani, Quique e Emi para os postos máis adiantados. Deste xeito o equipo contará con dous cambios para poder refrixerar as dúas zonas do campo. Serán baixa Xmon por mor de molestias físicas, así como Pablo que segue en Madrid e Yago quen volverá á competición a vindeira xornada ante o Avispas de la Arena.

 O partido se disputará este domingo ás 12:00 no Pavillón Central das Travesas, un magnífico horario para animar ós nosos e comezar o que agardamos que sexa un domingo cheo de vitorias. "Anímate a animarnos", te agardamos nas cómodas gradas do pavillón central para que nos deas o pulo necesario para acadar o que parece imposible pero que non o é, obter os tres puntos ante o líder da categoría. Imos que nos Imos! IMOS MATIZVIGO!!!

No hay comentarios: