sábado, 18 de abril de 2015

X24 Transportes Transdami Vs MatizVigo FS. Oportunidade de Ouro


Moi bos días querdos lectores 

En primeiro lugar pedirvos desculpas pola ausencia de previa nas últimas xornadas. En todo caso xa estamos de volta para comentar o que vai ser un interesante partido entre o Transportes Transdami e o MatizVigo FS. Partido que se disputará este sábado 18/04/2015 na Pista Vermella do Complexo Deportivo máis importante da nosa cidade que nos recorda o pasado tranviario da urbe olívica, en As Travesas. 

O rival desta fin de semana chega coa necesidade imperiosa de sumar os 3 puntos xa que se atopa con 17 empatado con 4 equipos máis na táboa clasificatoria, polo que calquera punto pode ser vital para conseguir a salvación, xa que aínda que nas normas está establecido que descendan 8 equipos é posible que finalmente algún poida salvarse da queima se hai algunha baixa na competición. O Transportes Transdami, por tanto, conta con  4 vitorias, 5 empates e 14 derrotas, 43 goles a favor (1,86 g/p) e 79 na contra (3,43 g/p).  Sitúase na undécima praza empatado a puntos co décimo e decimoquinto clasificado, tendo a salvación oficial a uns inalcanzables 17 puntos, cando quedan en xogo 21. No último partido o equipo transportista foi quen de sumar un punto ante un dos seus rivais directos, o Librería Hollandia, quen recordemos foi quen de bater ós nosos no partido de volta, nun sucio e feo partido.  En canto ós precedentes co equipo da Oliveira de Vigo, se limitan ó partido da primeira volta onde o equipo Maticista non foi quen de pasar do empate a dous, nunha parte da liga onde os nosos chegaban con moitas baixas e acumularon, con convocatorias de 5 e 6 xogadores, 3 empates consecutivos. Por tanto partido que pode entrañar moitas dificultades para os nosos, que deberán estar moi atentos para seguir coa xeira positiva de resultados.

O MatizVigo pola súa banda chega a este partido cunha convocatoria máis folgada que na primeira volta e cunha xeira de resultados máis positiva, tras encadear 3 vitorias consecutivas (3-1 ante o Vet. Ars Canis, 2-1 ante o Explovi e 6-1 ante o Parquets Corcoba). Ademais das vitorias consecutivas chega nun intre doce de xogo, facendo bos partidos como o da semana pasada, que a pesar de que comezou con derrota, fixo as delicias da numerosa afección que se acercou a animar ós nosos ó Pavillón de Coia. Para manter esta boa dinámica o equipo do Matiz contará cunha convocatoria de 7 xogadores, que serán Jorge na porta, Xmon, Vare e Chap para os postos defensivos e Emi, Quique e Pani para as posicións máis ofensivas. A principal novidade deste partido será a presenza de Quique, quen xogará o seu segundo partido da temporada defendendo as cores maticistas, trala súa chegada este pasado venres de terras peruanas. Importante reforzo o de Quique para suplir a baixa de Yago, quen tralo seu magnífico rendemento nos últimos partidos tivo que abandonar a cidade olívica para completar os seus estudos en terras catalás, que por fin remataran este ano e permitirán a Yago xogar con maior frecuencia. Tamén será baixa Davo quen por segunda xornada consecutiva xenerosamente cede un horario que non lle convén para que poida xogar un dos seus compañeiros. Ó igual que a de Yago serán dúas baixas de consideración, que agardamos que non repercutan neste bo xogo que está despregando o equipo. Por último é baixa Pablo, por mor da súa estancia en terras madrileñas, e que agardemos poida disputar algún partido máis no que resta de temporada. 

Con esta convocatoria o MatizVigo tratará de asentarse na cuarta praza da clasificación en vésperas de recibir ó intratable líder do campionato. Grazas ós resultados da última xornada o Matiz foi quen de abrir unha fenda de 4  puntos con respecto ó Cafetería Danais (5º clasificado) e de 5 puntos respecto ó Explovi (6º clasificado). Ademais ten a terceira posición a 1 punto, e hai que ter en conta que esta fin de semana hai enfrontamento directo entre quinto e terceiro clasificado (Cafetería Danais Vs Camping Cangas) polo que o Matiz, se é quen de acadar a vitoria poderá ou ben facerse coa terceira praza ou ben ampliar a súa distancia con respecto ó quinto clasificado (ou ambas situacións se empatan os mencionados equipo). Polo tanto oportunidade de ouro a que ten o MatizVigo FS e que non debe desaproveitar para poder na seguinte xornada recibir ó líder coas máximas garantías e intentar plantarlle cara. 

O partido como xa dixemos será este serán na Pista Vermella, o equipo necesita o voso apoio e xa o saben IMOS QUE NOS IMOS!!! IMOS MATIZVIGO!!!!

No hay comentarios: