martes, 3 de marzo de 2015

“Tropezo nun igualado choque” Explanada 2-1 MatizVigoFs

 
O Matiz segue instalado nunha montaña rusa de resultados que dura xa 6 xornadas, nas que alterna  magníficos resultados con derrotas inagardadas na semana seguinte. Neste inicio de segunda volta, o equipo suma só 4 puntos en 4 encontros (polos 9 puntos que sumou na primeira volta), o que faille perder a súa tranquila estancia na terceira praza da táboa clasificatoria, que agora desputan xa 4 equipos máis (ao remate da xornada ese terceiro caixón do podio é para CampingCangas). De momento a marxe coa 8ª posición que marca o descenso segue a ser considerable, pero os nósos non deben despistarse.

Mais, tras ese primer parágrafo algo pesimista, debemos resaltar que a diferenza de derrotas pasadas, no encontro de onte o Matiz non deu unha mala imaxe. Competíu ben, e semellaba ter controlado o encontro, pero desperdiciou boas oportunidades para abrir distancias no marcador, e cun electrónico tan axustado, calqueira cousa pode pasar, e así en dúas ocasións aproveitadas polo rival, os tres puntos voaron.
Ademáis, debemos resaltar tamén que o Explanada, a pesares de ocupar a 10ª posición, foi un moi difícil rival, que puxo moitísima intensidade ao xogo dende o primeiro ao último minuto, propoñendo un encontro sen pausa e impedindo xogar ao Matiz co ritmo que lle beneficia.

Así pois, esta 19ª xornada ligueira, desputouse no pavillón do Berbés, baixo a arbitraxe de Méndez. Como diciamos, dende o pitido inicial o Explanada impuxo unha continua presión a todo o campo que incomodou moito ao Matiz.
Aínda así, os nósos fixeron unha correcta lectura do encontro. Sabían que debían sufrir, pero non perder as formas e agardar as súas oportunidades.
Así chegaría o 0-1, tirando de estratexia nun saque dende o curruncho, Pani facía un bo bloqueo para que Vare sacase o esférico e Emi golpease a pracer dende a frontal da área. Gran disparo e gol.
Desperdiciaron os nósos boas ocasións no resto da primeira metade para rachar o encontro. Varias delas a balón parado, en faltas nas que deberían ter levado moito máis perigo.

O encontro ralentizouse nos intres finais da primeira metade e no inicio da segunda, con 3 homes mancados. Dous por parte do Explanada e Yago por parte do Matiz, que marchaba cunha escordadura tras realizar unha incrible acción individual que a piques estivo de rematar en gol.
Chegou entón o empate, nunha acción na que un atacante rival sacaba un potente disparo dende banda esquerda, que Jorge rexeitaba, pero dito rexeite collía a contra pé a Xmon e caía de novo ao dianteiro rival para que fusilase novamente atopando desta vez as maias da porta maticista. 1-1.
E pouco despois chegaba o 2-1. Nunha xogada na que un xogador do Explanada molestaba o suficiente ao nóso cancerbeiro para impedirlle tapar o primeiro pau da súa porta pola que se coaba un disparo dende banda. A infracción non foi detectada polo colexiado e o gol subíu ao electrónico.

Non baixou os brazos o Matiz e dispuxo de oportunidades para empatar de novo o choque. A máis clara nunha fermosa xogada de todo o equipo, que moveu o balón ata atopar o bo desmarque de Xmon en boca de gol, a quen lle marchaba o disparo por pouco, cando todos cantaban xa o empate.

Non puido ser, os tres puntos voaron e toca xa pensar xa nos vindeiros enfrontamentos, onde as vitorias serán moi necesarias. O vindeiro envite será ante LibreríaHollandia, un equipo que a pesares de estar nos últimos postos da clasificación, chega nunha boa xeira de resultados. Para ese partido e se horario o permite, Pablo S. será a gran novidade na convocatoria, na que Yago é dúbida pola súa escordadura. Xaime dará todos os detalles. Reciban un cordial saúdo.

No hay comentarios: