lunes, 26 de enero de 2015

“Duro tropezo dun irrecoñecible Matiz” Caf.Danais 6-1 MATIZVIGOFS.

 
O MatizVigoFS víu truncada a súa xeira de 3 vitorias consecutivas de xeito abrupto. Tivo un mal día, unha páxara considerable, ante un rival nun gran momento que non deixou pasar a ocasión e venceu con contundencia aproveitando as facilidades dadas polos nósos.

Esta penúltima xornada da primeira volta, desputouse no pavillón do Calvario. Cicáis a hora e cicáis a temperatura influíron na empanada que os nósos amosaron durante moitos minutos, pero en ningún caso son xustificación ao visto onte.
O Danais pronto atopaba o primeiro grave erro do Matiz, e facía o 1-0. Os nósos, sen ritmo, sen forza, chegando tarde a tódalas xogadas e moi descolocados, tentaron ir cara a porta rival, pero prácticamente cada xogada dos locais, convertíase en gol. 4-0 nesta primeira metade. Non foi o día dos nósos, cun Jorge desafortunado, ao igual que Chape, que volvía a anotar pero desta vez en propia porta, e o mesmo que Xmon, quen regresaba aos terreos de xogo, pero un susto, no outro nocellon facíalle retirarse mediada a primeira metade. Máis do mesmo con Vare e Davo, sen ritmo, sen frescura, moi lonxe do seu rendemento agardado. Tan só Pani e Emi semellaban manter un bo ritmo competitivo, pero tampouco estaban atinados nos pases e nos disparos.

Tentouno na segunda metade o Matiz, pero o Danais soubo xogar, mantívose firme en defensa, e xogou con calma en ataque. Buscando as contras cando era preciso e xogando sen ningunha presa noutras accións, cansando máis ao descolocado Matiz.
Así chegaron dous goles máis. O da honra dcmista logrouse na única xogada na que aos nósos saíulles o que pretendían. Boa triangulación, con apertura de Vare cara banda dereita, onde Emi recibía e servía un preciso pase da morte para a chegada dende atrás do propio Vare. 6-1 final.

Así foi como chegou a terceira derrota da tempada.
Agora o equipo pensa xa no derradeiro encontro da primeira volta. Necesita un bo resultado para non empañar nestes dous últimos encontros, a notable primeira volta realizada.

domingo, 25 de enero de 2015

X14: Cafetería Danais Vs Matiz Vigo FS. Pedra de toque.

Moi bos días queridos lectores.

Nos atopamos unha semana máis nestas liñas para analizar o que vai a ser a décimocuarta xornada de liga para o Matiz Vigo, quen tratará de prolongar a súa xeira de tres vitorias consecutivas, o que lle permitiu asentarse no terceiro posto da táboa clasificatoria.

Para sumar a cuarta vitoria, terá que superar ó Cafetería Danais, un dos rivais fortes da competición e que ven de superar ó Librería Hollandia, penúltimo clasificado, por 10-1. Unha vitoria que seguro enche de moral a un equipo que xa o ano pasado lle puxo as cousas difíciles ós nosos e que este ano está a levar unha traxectoria un tanto irregular na competición, o que lle está impedindo asentarse nos postos sobranceiros da clasificación. 

Comezando pola análise dos enfrontamentos históricos, o Cafetería Danais se cruzou por primeira vez no camiño do Matiz Vigo na primeira xornada da temporada 2013/14, naquel partido onde os nosos tiveron que xogar coa camiseta dada a volta, xa que o Danais tiña exactamente a mesma equipaxe rosiña que o daquela DCM, o equipo da Oliveira de Vigo conseguiu facerse coa vitoria nun partido moi igualado por 2-3. Os nosos comezaron gañando 0-3 e aguantaron o tipo na segunda parte rendibilizando cada un dos goles que marcara con anterioridade. Na segunda volta os tres puntos se foron para o Danais, nun partido con 11 goles e onde o Matiz caeu por 4-7. 

En canto ós datos desta temporada o Cafetería Danais é sexto clasificado con 21 puntos, tres por riba do descenso e con 6 puntos menos que os nosos, polo que o partido se presenta como unha gran oportunidade para distanciar en 9 puntos a un rival directo. O Danais é un equipo que non sabe de medias tintas, xa que non coñece o empate no que vai de competición. O equipo rosiña gañou 7 partidos (por 8 do Matiz), non empatou ningún (por 3 dos nosos) e perdeu 6 partidos (por 2 do equipo branquinegrivermello). En canto a súa golaveraxe apunta a equipo alegre e ofensivo, con 52 goles a favor (por 36 do Matiz) e 33 na contra (por 30 dos nosos). Nos últimos 2 partidos marcaron 17 goles a favor, o que da mostra de que superaron a grave crise de resultados que atravesaron dende a xornada 7 e 11, onde encadearon 5 derrotas consecutivas ante  Vet. Ars Canis (4-5), Cafetería Zaida (1-2), Camping Cangas (5-1), Catacrocker United (3-5) e Endulco (3-0). A outra derrota coa que contan no seu casilleiro foi contra o Vanesma peluqueras por 2-6.

Polo tanto será unha incógnita ata que comece o partido, que Cafetería Danais nos imos atopar, se o das grandes vitorias ou o das derrotas. 

Para intentar contrarrestar a este equipo, unha semana máis, o Matiz Vigo conta con moitas baixas no seu cadro de xogadores. Esta semana o cadro da Oliveira poderá contar con Jorge na portería, Vare e Xmon na defensa, Pani e Emi para a dianteira e Davo como comodín para todo o campo. É dúbida Chap, quen tras marcar o seu primeiro gol da temporada a pasada semana, poderíase perder o partido se o mal tempo non acompaña. Son baixa segura Quique, Pablo e Yago por atoparse fora da nosa cidade. Se agarda que Yago chegue para reforzar ó equipo dentro de dúas xornadas. 

Polo tanto máxima concentración será a que debe manter o  Matiz Vigo para superar o duro partido de hoxe. Son moitas as dificultades que se lle están presentando nos últimos encontros ó cadro maticista, pero está demostrando que é quen de superar todas e cada unha delas. Será clave hoxe ante o potencial ofensivo do equipo rival manter a seriedade defensiva que caracteriza ó equipo e construír a vitoria dende tranquilidade e serenidade, sabendo que os nosos son un equipo experto en xestionar partidos con poucos xogadores, encontros onde se atopan os mellores recordos na retina dos seareiros, onde o equipo é quen, dende o máximo rendemento individual de crear un rendemento colectivo que supera ás individualidades, creando un efecto sinérxico que sen dúbida supera ó do resto de equipos da competición.

O partido se xogará á mesma hora e localización que a semana pasada, isto é, ás 17:00 do domingo 25/01/2015 no pavillón municipal de Lavadores (Calvario - Santa Cristina). Agardamos que os seareiros dende a bancada lle dean o pulo necesario ós xogadores para que sexan quen de sumar a súa cuarta vitoria consecutiva e deixar a un rival directo a 9 puntos. A crónica do acontecido no partido, coma sempre da man de Lino neste blogue nas vindeiras datas. 

 Xa o saben!! Imos que nos Imos!! IMOS MATIZ VIGO!!!!

lunes, 19 de enero de 2015

“Moi boas novas” MATIZVIGOFS 3-1 BarSecundino

Tralo susto co que finalizou a primeira xornada do ano 2015 en forma de molestias de varios xogadores que levaron ao clube a temer non poder presentarse a este encontro por falta de efectivos, esta segunda xornada do ano (13º da competición) víu cargada de novas boas.
Ademáis da vitoria, novamente con bo xogo e merecemento, o encontro deixounos outras fantásticas noticias; puidemos ver de novo unha das mellores versións de Emi, quen tras varias semanas tentando recuperar ritmo trala súa lesión, onte desfrutou e fixo desfrutar ao equipo e a bancada.
Tamén asistimos a unha nova demostración da gran tempada de Davo, quen segue crecendo e cada vez asume máis responsabilidades e é máis imprescindible para o equipo. Onte non perdeu un só balón, sendo quen de recibir, aguantar o esférico, e crear xogo, ben buscando un pase entre liñas ou ben descargando o xogo. Gran actuación.
Outra boa nova foi a de Pani, que puido desputar o encontro, cun esforzo extraordinario como é habitual nel, e non sufríu molestias no seu xeonllo. Grandísimo alivio para o plantel!
Para os siareiros, a mellor nova foi a do gol de Chape, quen non soe prodigarse na materia, pero cada vez que o fai, o seu gol e celebrado con moito máis énfase. Ademáis o de onte foi un gol fundamental, cando o equipo comezaba a desesperarse pola súa mala fortuna de cara a porta.
E por último, a presenza de Xmon no banco, tras moito tempo alonxado dos terreos de xogo, onte deu un pasiño máis na súa recuperación. Fixo o quecemento co equipo, deixando boas sensacións. Non debe correr riscos e seguir medindo moito os tempos no seu progresivo regreso, pero a luz xa se ve ao final do túnel.

No referido ao partido, desputado no pavillón de lavadores baixo a batuta de Eladio, dicir que as cousas comezaron algo torcidas para os nósos, xa que nun dos escasísimos achegamentos do BarSecundino en todo o encontro, ían a atopar un gol con moita fortuna e case sen querer. Foi un disparo lonxano e non demasiado potente, que fixo que Jorge se confiara e non atinara a atrapalo, coándose o esférico na porta tras petar no gardamallas. Por fortuna o noso cancerbeiro soubo repoñerse do varapau e estivo moi atinado o resto do encontro. 0-1.
A partires de ahí, o partido foi un monólogo do Matiz, quen nesta primeira metade, estivo a un nivel altísimo de xogo, creando ocasións de tódolos tipos e cores. Mais incriblemente o balón non quería entrar. O gardamallas rival crecíase en cada acción, amosaba uns reflexos encomiables, sacaba balóns das escadras e semellaba imbatible nos mans a mans.
Pero nesas, apareceu Chape, quen desmarcouse cara campo contrario con velocidade tras un roubo de balón do equipo, recibíu en carreira e sacou un bo remate, despexado en primeira instancia pero que acababa no fondo das mais no segundo intento. Moi bo gol e de gran importancia, 1-1.
Antes do descanso chegaría o segundo. Corner botado con velocidade por Vare cara Davo quen convertía o seu intento de disparo nun centro-chut que Emi cun toque sutil enviaba pegadiño á madeira, imposible para o porteiro. 2-1.

Máis do mesmo no segundo tempo. O Matiz xa medía algo máis os tempos, pero as ocasións seguían sendo monopolio dos nósos. Boas combinacións que merecían o gol, pero este chegaría na xogada con menos perigo. Nun saque errado polo porteiro, quen entregaba o balón a Emi, para que este cruzase o disparo e fixese o 3-1. Borrón na gran actuación do cancerbeiro rival, ben aproveitada polos nósos, levando a tranquilidade xa total ao equipo e a bancada.
Non sufríu o equipo olívico de ahí ao final.

Os nósos suman así a súa terceira vitoria consecutiva e afrontan este tramo final da primeira volta nun gran momento de xogo e resultados. Que siga así!
Pronto terán actualizada a clasificación cortesía da Presidencia, nunha xornada na que houbo resultados sorprendentes, con dous 10-1 e un 10-2 (un deles asinado polo noso seguinte rival, Caf.Danais).
Reciban un cordial saúdo.

Clasificación xa actualizada premendo nesta ligazón

domingo, 18 de enero de 2015

X13: Matiz Vigo FS Vs Bar Secundino."En Cadro"

Moi bos días queridos lectores

Nos atopamos unha semana máis, e xa van 13 esta temporada, neste espazo para analizar o que vai ser outra importante xornada nas aspiracións do Matiz Vigo FS. 

Esta semana o equipo Branquinegrivermello recibirá ó Bar Secundino, un rival que este ano transita na zona medio baixa da táboa clasificatoria. O Bar Secundino é o décimoterceiro clasificado con 10 puntos (por 24 dos nosos) grazas ás súas 3 vitorias (por 7 do Matiz), 1 empate (por 3 do equipo da Oliveira de Vigo) e 8 derrotas (por 2 do equipo do Paseo de Alfonso XII). En canto a súa golaveraxe amosa que é un equipo que recibe bastantes goles, 43 na contra (o que fai unha media de   3,58 por partido), pero que ten o seu talón de Aquiles nos goles a favor, pasando por ser o equipo menos goleador do campionato con 18 tantos a favor (1,5 por partido). O Matiz Vigo FS pola súa banda mantén unha golaveraxe de 33 goles a favor (2,75 por partido) e 29 na contra (2,41 por encontro). Polo tanto será importante manter a seriedade defensiva que está amosando o equipo nestas últimas xornadas, onde case non concede ocasións ós equipos rivais. En canto ós enfrontamentos históricos destes dous equipos, tan só temos como precedentes os dous partidos da temporada pasada que se saldaron con dúas vitorias por parte dos nosos, 5-0 na última xornada da primeira volta e 0-2 na derradeira xornada de liga. 

O Matiz Vigo, terá que poñer toda a súa concentración neste partido, para salvar unha semana máis de xeito heroico as dificultades en forma de lesión e ausencias que está a sufrir dun xeito alarmante esta temporada. A boa nova é que a pesar das ausencias e dos cambios nas aliñacións semana tras semana o equipo está sendo quen de manter a súa identidade e de amosar unha boa liña de xogo. Nos últimos partidos, incluído o torneo de Nadal, o equipo está amosándose como unha escadra rochosa en defensa e creativa en ataque, sendo quen de facer gozar ós seareiros como a semana pasada onde pechou un bo partido ante o Bar Lobishome. 

Esta semana o equipo contará cunha convocatoria non curta en número, pero si escasa en xogadores ó 100% no seu estado físico. A convocatoria estará formada por 7 xogadores, que son Jorge na portería, Vare (que acaba de recuperarse da súa escordadura de nocello pero que está en perfectas condicións tal e como amosou a semana pasada no campo), Chap (quen volve tras varios partidos de ausencia, nos que puido descansar as súas molestias nun pé) e Xmon (que estará na convocatoria pero non se agarda que dispute ningún minuto neste partido, pero xa é unha boa nova que volva a vestirse de curto, isto quere dicir que a súa reaparición volve a estar cerca trala súa dobre lesión de nocello) para a defensa. Na zona ofensiva o equipo contará con Emi, quen a semana pasada rematou con molestias no xeonllo o partido, pero que parece que chegará a un bo nivel, e con Pani, quen poderá disputar o partido até que a súa inflamación no xeonllo lle dea problemas. Ademais o equipo contará co comodín de Davo, quen a semana pasada rematou o partido con molestias pero que chega 100% recuperado. Polo tanto en resumo podemos dicir que o equipo chega ó partido con 4 xogadores sans (Jorge, Vare, Davo e Chap) e 3 con molestias (Emi, Pani e Xmon). Aínda así estamos convencidos que esta convocatoria é máis que suficiente para afrontar con tódalas garantías o partido, e é que ante as adversidades este equipo sempre sacou o seu mellor rendemento e o seu mellor fútbol. Son ausencias nesta convocatoria os 3 integrantes do equipo que non se atopan na nosa cidade, isto é Yago que volveu a Manresa e se perderá este partido e os dous seguinte, Quique quen aínda non ten data de regreso exacta e Pablo que si o volveremos poder ver vestido de curto dentro de pouco.

O coñecemento da súa identidade está facendo que este equipo estea dando un nivel que quizais non se agardaba ó principio de temporada polo axustado do cadro de xogadores, pero este estilo de seriedade defensiva e rapidez ofensiva, que tantos anos leva perfeccionando o noso equipo, lle está levando a ocupar a terceira posición na táboa clasificatoria, con tan só dúas derrotas a pesares das grandes dificultades numéricas polas que está a atravesar. Polo tanto estamos convencidos, que esta tarde de domingo ás 17:00 no pavillón municipal de Lavadores (Santa Cristina - O Calvario) o equipo será quen de manter o nivel e poñer as súas mellores armas para intentar lograr unha terceira vitoria consecutiva que lle siga afastando dos postos de descenso que agora están a 6 puntos que marca o Avispas de la Arena. 

Xa o saben amigos gocen deste espectáculo a unha inmellorable hora, porque Imos que nos Imos, IMOS MATIZ VIGO!!!.

lunes, 12 de enero de 2015

"Agridoce inicio do ano" X12: Bar LobisHome 2-4 MATIZ VIGO F.S


O que sobre o papel debería ser un magnífico inicio de ano; vitoria, bo xogo, goles e regreso con boas sensacións de Vare trala súa lesión, quedou nun inquedante e moi preocupante inicio de 2015. Todo debido as molestias coas que remataron o encontro Emi e Pani, molestias indeterminadas nos seus xeonllos e que unidas a lesión de Xmon e as baixas por motivos laborais/curriculares de Quique, Yago (ata febreiro) e Pablo poñen en risco a participación do equipo nas vindeiras semanas.

Por tanto a evolución de Pani e Emi, e as súas sensacións ao longo desta semana serán fundamentais. Se finalmente ambos causan baixa, o equipo quedaría con tan só 4 homes dispoñibles, polo que terá que buscar solucións de emerxencia coa organización ante esta drástica situación.

No estritamente referido ao encontro, como diciamos, todo foi positivo. O equipo marchou cun 0-2 ao descanso con goles de Emi e Vare, e sen apenas sufrir ocasións en contra.
Tralo descanso chegou o 0-3 por mediación de Yago tras unha boa xogada na que Vare arrastrou a defensa e Emi asistíu con precisión. Recurtaría distancias o rival (1-3) tras un penalti asubiado por Eladio (precedido doutra acción na que os nósos reclamaron penalti cometido sobre Davo). Pero o partido en ningún momento correu perigo e pronto chegaría o 1-4 obra de Davo tras gran saque en longo de Jorge e deixada de Emi.
Para entón Pani xa tivera que abandonar o partido, e Davo sufriría un forte golpe que o limitaba moito para este tramo final de encontro, o que aproveitou o rival para facer o 2-4 na última xogada do partido. Nestes instantes finais tamén chegou a xogada na que o xeonllo de Emi resentíase tras impactarlle un disparo rival.

Verdadeira mágoa esas dúas malas noticias xa que o regreso a competición deixaba tintes moi esperanzadores, cun equipo desfrutando do xogo e obtendo un bo resultado.

Toquemos madeira e agardemos que antes do xoves cheguen boas novas por parte de ámbolos dous xeonllos afectados.

sábado, 10 de enero de 2015

X12: Bar LobisHome Vs MATIZ VIGO F.S. Volve a competición

Benvidos queridos lectores neste 2015 á volta a competición. Estamos aquí unha semana máis para facer unha análise do que lle espera ó equipo nesta xornada. Por mor dun cambio de equipos de información esta semana non podemos ilustrar a previa co cartel correspondente, agardamos ter solucionado este feito a vindeira semana para ofrecerlles a previa co mesmo nivel ó que nos ten acostumados.

Será, por tanto, esta unha previa algo maís breve do habitual. Comezamos como non podía ser de outra manera coa análise do rival ó que se vai ter que enfrontar o Matiz Vigo FS esta xornada. O Bar Lobishome que ocupa a décima posición na táboa clasificatoria con 15 puntos, 5 vitorias e 6 derrotas, 28 goles a favor (2,54 por partido) e 33 na contra (3 por partido). Recordemos que o Matiz Vigo se atopa na terceira posición da táboa clasificatoria con 21 puntos, grazas ás súas 6 vitorias, 3 empates e 2 derrotas (ante os dous primeiros clasificados). Recordemos agora os enfrontamentos históricos entre o Matiz Vigo e o Bar Lobishome
  • Temporada 2010/11 (2ªB)
    • Ida: Deportes Carlos Miguel (actual Matiz) 2-1 Bar Lobishome 
    • Volta: Non se disputou por ser o Bar Lobishome expulsado da competición aquel ano
  • Temporada 2013/14
    •  Ida: Deportes Carlos Miguel 7-0 Bar Lobishome
    • Volta: Bar Lobishome 2-1 Deportes Carlos Miguel
Polo tanto os precedentes nos indican que o Matiz Vigo gañou dous partidos e perdeu un, cunha bagaxe de 10 goles a favor e 3 en contra. O partido que perdeu o equipo a pasada temporada chegaba nunha crise de identidade e xogo do conxunto carlista e nunha boa xeira de resutlados do Bar Lobishome que tras facer unha primeira volta bastante mala na segunda parte da competición deu un rendemento moito máis elevado, pero aínda así tivo que conformarse con penúltimo posto. Este ano estase a consolidar como un equipo da zona media da competición e querrá saír dos amplos postos de descenso existentes este ano, postos de salvación que tan só ten a dous puntos. Un equipo semella máis forte que o do ano pasado e que polo tanto esixirá o máximo ós nosos xogadores.

Pola súa banda o Matiz Vigo FS chega á competición tras plocarmarse na última fin de semana de 2014, como o terceiro clasificado do Torneo Benéfico de Baiona, onde pechou unha magnífica actuación eliminando a rivais moi poderosos a pesares da súa escasa convocatoria. O partido de cuartos de final debe ser unha guía onde mirarse, con tan só 5 xogadores, un dos cales Pablo estaba lesionado, o equipo foi quen de vencer por 3-4 a quizáis o rival máis forte da competición. Nese partido foron claves o posicionamento e a actitude defensiva do equipo, armas que sempre lle dan un resultado espectácular ó Matiz Vigo, que nestas artes amósase como un dos equipos máis potentes do campionato, cando é consciente da súa utilidade.

Para este partido e como está sendo a tónica habitual esta temporada. O Matiz Vigo Fs presentará unha convocatoria moi axustadiña e pragada de incógnitas. A convocatoria formada por 7 xogadores será a seguinte:
  • Jorge baixo paús
  • Davo para a zona defensiva, máis Vare e Chap que son dúbida
  • Pani, Yago e Emi para as posicións ofensivas
Como dicimos o equipo conta coa dúbida de si Chap chegará a tempo para poder xogar o madrugador encontro desta xornada e de se Vare estará totalmente recuperado da súa escordadura de nocello. Coñecendo o zagueiro Maticista, de seguro que a pouco que o nocello llo permita estará a disposición do entrenador para xogar un partido, do que está ansioso por participar tras ver un partido dende a bancada e ter que perderse o torneo de Nadal.

Partido moi importante para o conxunto Maticista, que terá que saber xestionar ben a súa convocatoria, que estará formada por 5,6 ou 7 xogadores. De seguro que ante esta situación a súa colocación táctica, o seu compromiso e actitude serán claves para derrotar a un rival que pode deixar a 9 puntos de distancia, o que suporía un salto importante nas nosas aspiracións na liga. O Matiz está a demostrar esta temporada ser un equipo moi serio, tan só cedendo dúas derrotas ante os dous primeiros clasificados, e conseguindo importantísimos empates, en partidos épicos con 5 ou 6 xogadores ante importantes equipos que están ocupando posicións nobles na táboa como o Explovi que é quinto clasificado. 

Agardemos que mañá os xogadores saían 100% concentrados, e que Lino lles poida contar unha nova vitoria do equipo negribranquivermello.

O partido será o Domingo ás 10:00 no Pavillón Municipal de Bembrive, unha magnífica hora para poder disfrutar do soleado día que se prevé neste 11 de Xaneiro de 2015.

Feliz Aninovo a todos e xa saben Imos que nos Imos! Imos Matiz Vigo!!!