sábado, 28 de diciembre de 2013

Cabo de Ano. DCM Vs Bar Lobishome

Moi bos días/tardes/noites benqueridos lectores

Tras unha semana de descanso de previas, xa nos atopamos aquí para analizar o que vai ser a derradeira xornada de liga do ano 2013 da liga de Vigo En Xogo. Un ano no que os nosos tiveron que afrontar un doloroso descenso, tras unha temporada na que erraron nos partidos claves, pero na que se refixeron magnificamente na segunda división, onde ocupan a cuarta praza da táboa clasificatoria, e onde teñen a opción de rematar terceiros (ou polo menos empatado a puntos co terceiro) e con tódalas opcións abertas para loitar polo ascenso no ano 2014. A pesares das dúas xornadas fatídicas froito das lesións o DCM depende de si mesmo para superar a tódolos rivais na táboa clasificatoria, o que se converte nunha boa nova.

Para asaltar este terceiro posto, o equipo rosiña terá que enfrontarse ó pechacancelas da clasificación, o Bar LobisHome. Un equipo que o ano pasado rematou 7º na táboa clasificatoria, con 35 puntos tras gañar 11 partidos, empatar 2 e perder 12. Porén este ano están atopar moitas dificultades para competir nesa segunda división A, e contan con 3 puntos no seu taboleiro, froito de 3 empates acadados. Máis o DCM non se debe confiar xa que dos últimos 4 partidos o Bar LobisHome so perdeu 1, contra o Cafeteria Zaida, obtendo 3 empates ante o Bar Secundino (4-4), o Cafetería Danais (3-3) e ante o Camping Cangas a pasada semana tamén por 3-3. Polo tanto parece claro que o Bar LobisHome lle está collendo ó pulso á competición e aínda ten ás opcións abertas da salvación, da que so lle separan 5 puntos. Ademais o DCM xa sabe o que é perder ante un equipo que non gañara ningún partido antes, isto aconteceu o ano pasado na primeira división, cando perdeu contra o pechacancelas, e comezou a súa caída sen remedio á segunda división. En canto ós enfrontamentos ante rivais da zona alta da táboa, o Bar Lobishome perdeu por avultados resultados ante o Panadería Travesía (0-6) e o Tapería Ouxo (6-1) nas dúas primeiras xornadas de liga, o que de seguro, influíu na moral do equipo, pero xa contra o líder da clasificación caeu na xornada 6 por un axustado 2-4. Polo tanto o noso equipo terá que estar alerta durante todo o partido, xa que un exceso de confianza pode levar ós nosos a perder os 3 puntos e deixar escapar unha estupenda oportunidade para achegarse ós postos de ascenso. 

O equipo rosiña chega enchido de moral ó partido, tras rachar a súa xeira de 3 xornadas sen gañar a pasada semana, nun partido contra un rival directo, o Avispas de la Arena, ó que goleou no marcador, tras unha boa segunda parte, despois de chegar ó descanso cun 1-1. Neste partido o equipo recuperou a solidez defensiva que lle caracteriza e que lle levou a ocupar o posto de equipo menos goleado esta temporada, antes de enfrontarse ós equipos sobranceiros da clasificación con moitas baixas. Para este partido ademais o equipo conta cun reforzo de importancia para a súa dianteira. Se a semana pasada Yago xa deixaba a súa pegada e reforzaba o ataque do equipo DCM'ista, esta semana se lle une Quique quen volve do seu exilio con moitas gañas de aportar esta semana e de levarse unha vitoria no peto.

Para este partido o DCM contará por tanto, con Jorge na portería, que agardemos faga esquecer as súas dúas desafortunadas accións no pavillón de Coruxo nas dúas últimas xornadas, Vare, Xmon e Selu para a parcela defensiva, Davo probabelmente tamén retrasado a posicións defensivas e Quique, Yago, Emi e Pani para os lugares máis ofensivos do equipo. Polo tanto a única baixa para este partido será Chap quen xa anunciou que pode estar ausente para os seguintes compromisos, dependendo dos horarios. 

O partido se disputará o vindeiro domingo día 29 de decembro, na Pista Vermella do Pavillón Central de As Travesas, todo isto se as condicións meteorolóxicas o permiten, xa que o firme desta pista está moi condicionado pola humidade, converténdoa nunha auténtica pista de patinaxe nos días de choiva intensa. Ás 13:00 horas comezará o partido, agardemos que con un pouco máis de seareiros que nas dúas xornadas pasadas, onde o equipo tan só tivo un fiel afeccionado que atreveuse co madrugón e ocupou ás 09:00 o seu sitio no gradaría de As Roteas en Coruxo. 

Por último, desexarlle a tódolos lectores desta previa e a toda a parroquia DCM'ista que gocen do que queda de 2013, e que teñan un feliz aninovo. Lino coma sempre lles informará de todo o acontecido no partido.

martes, 24 de diciembre de 2013

“Regresan as vitorias pero non a tranquilidade” AvispasDeLaArena 1-5 DCM

O DCM acadou, tras tres xornadas sen facelo, unha nova vitoria que lle permite abrir oco co quinto clasificado (o propio AvispasDeLaArena), pero non conseguíu recuperar a súa mellor versión de xogo; estivo precipitado, errou moitas ocasións de gol e só venceu porque desta vez o mal endémico das últimas xornadas o sufríu o equipo local, que tan só dispuxo de 5 xogadores que remataron pagando moi caro a falta de recambios dende o banco.

Por todo iso, estes tres puntos serven para tomar o turrón cos obxectivos intactos (ao non desengancharse da loita polos dos dous primeiros postos e mantendo a candidatura á deportividade), pero non permiten facelo con demasiada tranquilidade, xa que, hai moito traballo por facer para recuperar a versión de xogo acorde coas aspiracións do equipo (aquela que por exemplo pasou como un rodillo pola Etea na vitoria por 7-2 contra Endulco).

O partido desputouse por segunda semana consecutiva ás 9:00h da mañá no pavillón de Coruxo; arbitrou Eladio. O DCM contou con todo o seu plantel agás Quique, que como comentaremos despois sí estará na vindeira xornada.
Os nósos confundiron nos primeiros intres intensidade e presión rápida en campo contrario con precipitación, e iso levou a cometer erros durante gran parte do encontro.
O rival, sabedor das súas limitacións físicas consecuencia da súa escasa convocatoria e do temprano da hora limitábase a defender, sen ter demasiada intención de chegar á meta defendida por Jorge; aínda así deu un tempraneiro coletazo cun disparo potente e cruzado ao que Jorge respostou fantásticamente; pero a partires de ahí, desapareceu das inmediacións da porta dcmista durante bastantes minutos, pero incriblemente, non lle faría falta achegarse para acadar o 1-0. Sería nunha xogada desafortunadísima, que poucas veces teñen lugar; Davo, cedeu dende medio campo un balón cara o seu gardamallas para iniciar xogada, pero cando Jorge dispúñase a controlar o esférico, éste coábase por debaixo do seu pé, e aínda que o porteiro tentou reaccionar, o balón acabou entrando na súa porta; 1-0.
Esta situación provocou máis erros e precipitación no xogo Dcmista, que achegábase á porta rival pero sen acabar as xogadas.
Por fortuna, pouco antes do descanso, aparecería Davo -quen completou un gran encontro- para levar as táboas ao electrónico tras un rexeite en área contraria.

Na segunda metade cambiou o guión. O Avispas foi espertando e xa non se conformaba con defender. Xa tentaba ter o balón e crear ocasións de gol. O DCM ante iso, optou polos contragolpes. De feito, gozou dun feixe de ocasión de saques en longo de Jorge, que unha e outra vez superaba ao defensa rival e deixaba ós atacantes Dcmistas sós ante o gardamallas local; pero ningún foi quen de controlar correctamente un esférico e anotar algunha destas situacións.
Mais desta vez o paso dos minutos beneficiou ó DCM; o rival acusou o cansazo e os nósos comezaron a atopar cada vez máis ocos en campo contrario e a xogar con maior criterio. Así chegarían os goles da avultada* (con “v” só en galego, grazas) vitoria, todos eles no tramo final de encontro. Serían obra de Emi, Selu en dúas ocasións e de Yago. 1-5 final.


A liga non para polo Nadal, e na vindeira fin de semana os nósos enfróntanse ao pechacancelas da división, nun partido no que deben vencer, recuperar unha versión máis autoritaria e solvente, non recibir cartóns e desfrutar do regreso de Quique coa elástica rosiña. Previsiblemente a única baixa será Chape, quen tras encadear un bo feixe de xornadas cumprindo a bo nivel, anunciou que será dúbida uns cantos encontros por mor de ocupacións profesionais.
Despedímonos xa (agardemos que ata a previa se Xaime esperta :))
BO NADAL a todos!!!

miércoles, 18 de diciembre de 2013

O DCM Recupera un posto na clasificación

A pesar de non conseguir a vitoria nesta fin de semana, o DCM recuperou un posto na táboa clasificatoria, grazas á sorprendente vitoria do Camping Cangas ante o Avispas de la Arena, vindeiro rival do DCM.

A mala nova, é que os nosos tenen agora a 5 puntos os postos de ascenso e a 8 o liderado, pero aínda queda moito peixe que curtar nesta liga, o DCM segue moi vivo na loita polo ascenso.

A Clasificación máis pormenorizada premendo AQUÍ

lunes, 16 de diciembre de 2013

“O baleirado da enfermería curta a xeira de derrotas” DCM 4-4 APousadaDoCouto

Tras dúas contundentes derrotas consecutivas, a 9ª xornada de liga servíu para curtar dita xeira e sumar un punto nun encontro no que o DCM puxo as ocasións e ApousadaDoCouto o dominio do balón. Foi un encontro cheo de alternativas no electrónico e cargado de emoción ata o derradeiro segundo. Os nósos buscaron a vitoria e a tiveron moi preto, pero ao final deben conformarse cun empate que non é de todo inxusto valorando o cómputo xeral do partido.

A convocatoria por fin tivo máis dun home de refresco. Estivo formada por Jorge, Selu, Xmon, Vare (que regresou tras un proceso gripal que lle obrigou a perderse o último encontro tras máis de dúas tempadas sen perderse un partido), Pani e Emi (a outra novidade da convocatoria tras ter que ausentarse os últimos dous encontros por mor dun doloroso cólico); dos dispoñibles tan só ausentouse Chape, e por fortuna non por problemas físicos, senón con permiso do clube por compromisos persoais.

O encontro significaba outro debut esta tempada, nesta ocasión o DCM pisou por vez primeira o parquet do Pavillón de Coruxo, un complexo idéntico ao de Valladares, onde os nósos adestraron dúas tempadas.

O partido iniciou con boas sensacións para os Dcmistas que pronto crearon as primeiras ocasións de perigo sobre a meta rival. Pero enfronte estaría un gardamallas acertadísimo durante todo o encontro, que desbaratou numerosas e clarísimas ocasións de gol dos rosiñas. Pouco a pouco a PousadaDoCouto foise asentando no partido e comezaba a acumular longas posesións de balón aínda que sen excesivo perigo sobre a meta de Jorge.
O DCM non foi quen de arrebatarlle o dominio do esférico e tivo que conformarse con buscar a porta rival ó contragolpe. Así chegaría o 1-0, xa avanzada a primeira metade, tras un rápido saque de Jorge cara Vare que provocaba unha situación de contragolpe de 3 para 1. Vare abría para Pani en banda esquerda, e éste servía para Emi quen dende banda contraria enviaba o esférico as redes. 1-0.
O encontro apenas cambiou co resultado, as ocasións claras viñan do lado dcmista con balóns á madeira e continuas intervencións do porteiro rival e a posesión seguía a ser dos visitantes.

Tralo descanso, chegaría a primeira xogada desafortunada para Jorge; un centro-chut sen aparente perigo era introducido polo cancerbeiro local na súa propia porta, 1-1.
Con ese gol, o DCM tivo uns minutos de grave descolocación que provocaría o segundo gol rival 1-2.
Por fortuna, o equipo repúxose e voltou a calmarse; asentouse e pronto conseguíu un novo contragolpe no que Vare atopaba a Selu en campo contrario, éste cun gran regate marchaba do seu marcador e devolvía as táboas ao electrónico 2-2.
O 3-2 sería obra de Davo tras recibir en banda e fusilar por debaixo das pernas do gardamallas rival.
E pouco despois chegaría unha das xogadas claves do choque. Emi collía o esférico en medio campo e deixaba sentandos a 3 rivais tras sendos regates para plantarse diante do cancerbeiro e servir para Davo, pero o gardamallas lía perfectamente o pase e cunha intervención de grandísimo nivel desbarataba ese pase da morte que puído significar o 4-2, e acto seguido, tras sacar o cancerbeiro o que chegaría sería o 3-3, de novo con mala fortuna para o DCM tras entrar o balón chorando despois de petar nun xogador rosiña.
Pero unha vez máis, reporíase o equipo e conseguiría (tras outro balón á madeira nunha falta botada por Emi) o 4-3, obra de Pani a pase de Emi con tan só un minuto por desputarse.
O traballo parecía feito, pero entón APousada con porteiro xogador conectaba un último disparo que colábase pegadiño ó segundo pau da meta de Jorge, 4-4.
Aínda quedaban uns segundos para que o DCM gozase dun saque de banda no que Selu buscou o disparo directo para que Emi o tentase tocar. A xogada saíu como se pretendía, pero incomprensiblemente o colexiado asubiara o final no mesmo instante en que Selu contactaba co esférico. Por fortuna o toque de Emi marchou por riba do longueiro, porque de entrar, a decisión do colexiado houbese sido máis que discutida.

Finalizaba así este fermoso encontro que curtou a mala xeira Dcmista pero non servíu para regresar á senda das vitorias.
Agora chegan as dúas últimas xornadas antes de finalizar o ano, xornadas nas que con probabilidade o DCM poderá contar ademáis dos habituais con Yago e Quique. Agardemos que o seu regreso signifique tamén o regreso dos triunfos.
Un cordial saúdo (e desculpas pola falta de crónica a semana pasada, cando os nósos xornalistas habituais non puideron asistir ao encontro de Bembrive).

sábado, 14 de diciembre de 2013

A Levantar o Voo. Deportes Carlos Miguel Vs A Pousada do Couto

Moi boas tardes queridos lectores

Volve a actividade ós campos de Vigo en Xogo tralo parón por mor da ponte da constitución. O DCM vaise enfrontar esta semana ó A Pousada do Couto, un equipo máis da zon morna  da clasificación,  e onde ó DCM chegará tras enfrontarse a equipos punteiros cos cales obtivo  pésimos resultados, froito sobre todo dun plantén que chega a cada partido cargado de baixas e con poucos efectivos para poder afrontar con garantías físicas ós 50 minutos que dura o partido. 

Coma sempre faremos un breve comentario de o que nos agarda por parte do rival. A Pousada do Couto atópase sexto clasificado un posto por debaixo dos nosos pero con 4 puntos menos que os nosos xa que foi quen de obter 4 vitorias por 4 derrotas nestas 8 xornadas. Chega con 22 goles a favor e 25 na contra.

Pola súa banda o DCM chega ó partido tras dous partidos onde perdeu con claridade ante os seus rivais directos polo ascenso da categoría. Porén o equipo sigue a 3 puntos do segundo clasificado polo que depende de si mesmo para acadar o obxectivo da temporada. Asemade para este partido o equipo recupera dous efectivos que son Emi e Vare que lle darán máis variantes ó equipo, pero perde a Chap. Será o útimo partido antes de que cheguen Quique e Yago para afrontar con garantías o esixente partido da semana que ven contra o Avispas de la Arena equipo que vai empatados cos nosos na clasificación, aínda que están por diante xa que a golaveraxe dos nosos que dou moi afectada por estes dous últimos partidos, tendo 21 goles a favor e 20 na contra.

Polo tanto a convocatoria para este partido será: Jorge para ocupar a súa habitual posición baixo os paus, Vare, Xmon e Selu para as posicións defensivas e Emi, Pani e Davo.

O partido se disputará o Domingo día 15/12/2013 no pavillón de As Roteas en Coruxo ás 09:00 horas do domingo. 

Para chegar non hai perda algunha, pola Estrada de Camposancos, tamén coñecida como a estrada vella ou de arriba cara a Baiona, pouco despois da igrexa de Coruxo, a dereita e como poden ver na fotografía atópase lixeiramente afundido o pavillón de As Roteas, estando o aparcamento baixando pola rampa de acceso.
Importante partido dos nosos, para volverse a enganchar ós postos sobranceiros da táboa clasificatoria. Imos DCM!!! Toda a información do que aconteceu no partido da man de Lino.

domingo, 1 de diciembre de 2013

DCM - Tapería Ouxo

Moi bos días queridos lectores

En primeiro lugar pedirvos desculpas polo retraso na publicación da previa, pero esta semana o traballo na redacción foi elevado.

Pasamos xa a describir unha mini previa do que vai a ser un partido moi difícil para os nosos, xa que o equipo xoga con un dos equipos punteiros da liga ó igual que a semana pasada. A boa nova para os nosos é que Pani volve estar dispoñíble, co que o equipo gañará moita potencialidade no eido ofensivo, e terá máis opcións de gañar un choque importante de cara a manter as opcións de ascenso intactas. A mala nova chega da man de Emi que non superou todavía os seus problemas no ril e terá que guardar repouso unha semana máis. Á baixa de Emi se lle suman a de Quique e Yago xa coñecidas con anterioridade.

Pola súa banda o Tapería Ouxo chega cuarto clasificado, despois de deixar pasar a oportundiade de empatar a puntos co DCM a semana pasada, xa que non foi quen de superar ó Camping Cangas co que empatou 3-3 no Estadio Municipal de Balaídos.

O partido será este serán ás 18:00 h, agardamos que os seareiros sumen as súas forzar para poder superar este difícil partido pero que pode facer que o DCM deixe a un rival directo a 5 puntos na táboa clasificatoria.

O desenlace será no Pavillón de Bembrive, que os nosos aínda non tiñan visitado este ano,