lunes, 3 de octubre de 2011

"Sen premio o bo debut dcmista na máxima categoría" DCM 4-5 P.Flipper




O DCM queimou unha nova fase na súa historia ó debutar na Primeira División.
O fixo deixando unha boa imaxe, de equipo que poderá competir cos seus rivais, pero acusando nervos e falta de engranaxe, o que impediron que o equipo sumara o seu primeiro punto na clasificación.



Ás 12:00 horas do domingo 02 de outubro de 2011, baixo a batuta do bo colexiado Eladio, principiou a andadura dos nósos na máxima categoría do fútbol sala vigués.
O encontro supoñía tamén o debut de Pablo Santos coa elástica dcmista en partido oficial.
O rival, o Pescadería Flipper, antigo Milucho (que rematou 6º na categoría a tempada pasada), impoñía moito respeto. Xogadores con boa planta, xuventude e experiencia na categoría.

Dende o pitido inicial, Flipper tentou traducir sobre o campo esa superioridade teórica, e o conseguíu. Os seus primeiros minutos foron moi bos, de posesións longas, pases rápidos e sen concesións ós dcmistas. Aínda así non foron minutos de demasiado sufrimento para o noso gardamallas, xa que o rival non conseguía superar a tupida defensa dcmista. Pero ante esta imposibilidade de chegar con claridade ata a nósa área, os visitantes, optaron moi intelixentemente polos disparos lonxanos. A falta de colocación dcmista nos primeiros minutos, provocou que eses disparos foran moi cómodos para os rivais, sen oposición dos nósos xogadores, que chegaban sempre tarde a tapar eses lanzamentos. Así chegaría o primeiro gol; disparo dende a frontal sen que ningún dos vermellos chegue a tapar o lanzamento, e erro de Vare no intento desesperado de despexe que desvía o suficiente o esférico moi preto da liña de gol impedindo que Jorge poida facer nada. 0-1.
A tónica continuaría de xeito similar. O Flipper amosaba a súa superioridade, pero non xogaba ó 100%, algo que aproveitaría o DCM para ir collendo confianza e comezar a chegar ó marco rival. Nunha desas aproximacións, a recente incorporación dcmista, Pablo, faría o seu primeiro gol, tras unha gran xogada de Chape que lle servíu un perfecto balón ó segundo pau. 1-1.
O DCM estaba no partido. Pouco a pouco foi sacudíndose a presión, e comezaba a igualar o choque. A mágoa foi que nun córner a favor, no que Pablo a piques estivo de conectar un disparo moi perigoso, o rival montou unha rápida contra que remataba no 1-2. Duro golpe cando o equipo comezaba a ter opcións.
Pero incomprensiblemente, o rival esqueceu o que estaba a facer ata o momento, dominar o esférico e o partido. Botouse atrás, deixouse dominar polo DCM, e únicamente limitábase a defender con continuas faltas tácticas. Deste xeito, chegaría a 6ª falta e o consecuente dobre penalti, que Quique convertía no 2-2, resarcíndose dunha ocasión errada anteriormente nun dous para un contra o gardamallas rival.
Con este empate no electrónico chegábase ó descanso.

O DCM estaba metido no partido. Cometera moitos erros de colocación, pero a súa boa actitude e o cambio de xogo do rival permitíalle ter opcións de puntuar.

Pero o equipo volveu errar en defensa. Fáltalle moito por facer ós dcmistas para recuperar o nivel defensivo das últimas tempadas. Transcorreran apenas tres minutos do segundo tempo e Flipper xa mandaba de novo no marcador 2-3.
Pero de novo, o rival comezaba a cometer faltas un tanto innecesarias. Nunha delas, Quique sacaba con celeridade para Pani quen errou o seu man a man co gardamallas. Tería máis ocasións o equipo, pero o que chegaría sería o 2-4.
O DCM meteríase unha vez máis no encontro cunha xogada individual de Emi por banda esquerda, quen marchaba cun chisco de fortuna do seu marcador e batía por baixo ó porteiro visitante. 3-4.
Lanzouse o equipo a polo empate e tivo un bo feixe de ocasións para logralo, pero esqueceu as posicións defensivas, e nunha contra, Flipper sentenciaba o partido facendo o 3-5.
De novo Emi recurtaría distancias tras un gran contragolpe, con roubo de Vare, apertura para Quique e pase da morte deste para Emi que facía doblete.
Era o 4-5 pero non había tempo para máis.

Bo debut dcmista, que amosou que pode competir na división, pero que ten que arranxar certas lagunas defensivas con urxencia. A colocación do equipo sobre o campo será clave tamén esta tempada.

O vindeiro rival, o Piedra Joya, 5º clasificado a tempada pasada, chega tras vencer ós actuais subcampións de liga, o Inaute. De novo será un equipo teóricamente superior ós nósos en canto a físico e experiencia refírese, pero se o DCM recupera as súas armas de tempadas pasadas, de seguro que pelexará o encontro.

Grazas pola súa lectura. Reciban un cordial saúdo.

No hay comentarios: