domingo, 27 de febrero de 2011

“Superando as dificultades” Silvafresh 2-4 DCM



O DCM salva 3 puntos importantísimos nun partido no que o cansazo físico ante a falta de trocos puido custarlle un encontro vital. Tralo bo arranque dcmista que propiciou un 0-2 ó descanso, o Silvafresh volcouse na segunda metade cunha presión a todo o campo. Por fortuna o rival conformouse cando conseguíu o empate a dous goles e os nósos puideron retomar o mando do partido para lograr a victoria nos minutos finais.


Moito traballaron onte Jorge, Vare, Quique, Pani e Emi para sacar adiante un encontro vital. Os 5 elixidos saían de inicio querendo aparentar poderío (a pesares de non ter trocos) e favoritismo. Presión en todo campo, dominio do balón e ocasións. O rival, prudente defendía como podía o arranque dcmista.
Os nósos crearon moitas e boas ocasións nesta primeira metade pero non tiveron a puntería suficiente para sentenciar o encontro.
Por fortuna si obtiveron unha renta de dous goles. Emi abría o marcador cun disparo moi axustado ó pau dende a frontal do área facendo o 0-1. Despois sería Pani quen recibía no punto de penalti a pase de Vare para transformar o 0-2.
Apenas unha xogada de perigo real do Silvafresh nesta primeira metade facía pensar que o DCM ía a desfrutar dunha segunda metade plácida.

Pero o Silvafresh espertou no descanso. Xa non colou a intención dos dcmistas de seguir aparentando poderío a persar do cansazo que xa pesaba nas pernas. O rival deuse conta e saíu a por todas, cunha presión a todo o campo que soprendeu a un DCM que comezaba a acusar ó cansazo físico. Os nósos non eran quen de presionar a saída do rival da mesma maneira que na primeira parte e pouco a pouco o Silvafresh comezaba a crear ocasións de perigo. Os nósos trabucáronse na forma de respostar a esta situación de encontro. En lugar de replegarse de todo, quedaron nunha posición intermedia… metidos no seu campo porque o dominio era do rival pero tentando unha semipresión que deixaba moitos ocos ós dianteiros azulóns. Emi e Pani reservaban forzas para saír en contras nas que puideron sentenciar o encontro pero non tiveron fortuna. O agotamento chegaba ós dcmistas e o partido seguía aberto.
Silvafresh creu nas súas opcións e recurtou distancias cun disparo que se colaba entre Quique, Vare e Jorge 1-2, e apenas uns minutos despois empataba cun disparo no que Jorge non tiña fortuna e non era quen de deter 2-2.
O partido pintaba moi negro para os dcmistas que vían como o rival os superaba por malleira físicamente. Pero por fortuna o Silvafresh cometeu un terrible erro. En lugar de seguir coa presión a todo o campo que tiña afogado ó DCM, volveu ceder a posesión do balón tras conseguir o 2-2. Os xogadores dcmistas podían respirar de novo co balón no seu poder, e tras cargar pilas durante uns segundos botáronse a polo partido. Unha falta na frontal da área era transformada por Quique cun potente mísil terra aire (poden apreciar o gol claramente nas fotos cedidas pola nosa fotógrafa oficial no enlace do final da crónica).
O 2-3 foi un duro varapau para o rival, que non comprendía como deixara revivir ó DCM cando o tiña contra as cordas. Quedaban apenas 4 minutos e o DCM non cometería o mesmo erro do Silvafresh e ía aproveitar que o rival estaba tocado anímicamente para sentenciar o encontro co 2-4. Sería de novo Pani, tras un saque de banda de Emi cara Vare quen marchaba do defensa e servía para que Pani transformase o seu doblete particular.

Incrible traballo dos 5 fantásticos dcmistas quen lograban 3 puntos que estiveron imposibles por momentos e non só superaron as dificultades físicas senón tamén o xogo sucio que pretendeu impor o rival e ó que os nósos souberon non entrar.
En homenaxe ós 5 gladiadores, hoxe a crónica cambia de fotografía.

Analizaremos a clasificación na vindeira previa.

Grazas tamén as dúas afeccionadas presentes e á nosa fotógrafa pola reportaxe gráfica da que todos podedes desfrutar na seguinte dirección:
https://picasaweb.google.com/102545914651497041447/260211SilvafreshDCM?authkey=Gv1sRgCK-gkPqg2qCFUA#


Reciban un cordial saúdo!

No hay comentarios: