domingo, 6 de febrero de 2011

Con paso firme. NK 1-6 DCM

Con paso firme camiña un DCM que hoxe acadou a súa 4ª victoria consecutiva, o que lle permite rematar a primeira volta cun notable alto de puntuación. Fai 4 xornadas nada facía presaxiar que o equipo DCM'ista remataría en tan bo estado de forma esta primeira volta. De aquelas o equipo adestrado por Ratkovic Varela viña de perder un partido fronte o Cafetería Zeus que nunca se tivo que ter escapado, e firmaba uns números que so invitaban a pensar na zona media da táboa, xa que tiña 6 vitorias e 4 derrotas. Porén tras estes 4 partidos o equipo atópase instalado na parte alta da táboa clasificatoria, no terceiro ou cuarto posto dependendo do resultado de hoxe entre o Parquets Eloy e o Cafetería Zeus, firmando como diciamos unha notable primeira volta onde o equipo firma 10 puntos máis que o ano pasado a estas alturas (o ano pasado contaban con 6 victorias, 2 empates e 5 derrotas, tan só unha derrota máis pero bastantes menos victorias) (cómpre destacar que se tiña xogado un partido menos xa que o partido contra o Decoraciones Costas ó final non computou).


Xa centrándonos no partido de hoxe, o equipo DCM'ista saltaría ó campo cun quinteto inicial formado por Jorge na porta, Vare e Quique en labores defensivas e Emi e Pani con liberdade arriba. No banco agardaba a súa oportunidade Chapela quen finalmente acudiu a un partido onde segue a mostrar claros síntomas de mellora. Máis tarde chegaría Yago que por culpa de compromisos profesionais chegaría mediada a primeira parte.

O partido non podía comezar mellor para os nosos, xa que nos primeiros minutos Emi aproveitaríase dun erro no saque do gardamallas visitante, a quen lle esvarou o balón das mans e fixo un saque defectuoso que foi interceptado por Emi, que non tivo máis que empurrar o balón para conseguir o primeiro gol do partido. Nembargantes o NK non se descomporía con facilidade e non lle puxo as cosas nada sinxelas ós nosos. Tal foi o punto que o partido chegaría con resultado de 0-1 no marcador. O DCM levaba o peso do partido pero non daba a sensación de perigosidade que si que tivera nos partidos anteriores, e o NK podía facer gol en calquera xogada illada, xa que na primeira parte aínda que moi escasas, tamén tivo a oportunidade de facer gol.

Como dicíamos cun 0-1 chegaríase ó inicio da segunda parte onde o DCM por fin foi quen de desatascar o partido. O primeiro paso para desatascalo o puxo Pani quen nunha xogada dentro do área foi obxecto dun penalti que non deixaba lugar a dúbidas, e no que Arango non pensouno dúas veces antes de asubiar e apuntar ó punto de penal. Quique sería o encargado e executalo disparo e con gran mestría poría o 0-2 no marcador. Tamén sería o 9 DCM'ista o encargado de facer o terceiro gol, sería nunha preciosa xogada individual que remataría cun recorte a un defensa visitante e co balón no fondo da portería local. O DCM xa xogaba con máis tranquilidade e o NK abría as liñas na procura dunha xogada que lle permitise recortar distancias. E a verdade e que o NK logrou atopar o camiño para inquedar un pouco a portería visitante, porén o risco que corrían era que o DCM matase aínda máis o partido nunha contra. Pero non foi así, o DCM si que mataría o partido pero o faría nun córner onde Quique esqueceríase xa definitivamente da súa seca goleadora facendo un particular hat-trick ó marcar cun disparo mordido que entraría entre as pernas do gardamallas, quen a pesar do erro no primeiro gol estaba a firmar un partido notable, e que foi un dos causantes de que o DCM non ampliara distancias con anterioridade. O 0-5 sería obra de Yago quen a pesar de chegar tarde ó partido puido anotar un gol máis na súa conta particular, e ademais dunha bela factura xa que o balón entrou na portería por toda a escadra. Con 0-5 no marcador o DCM relaxaríase máis se cabe e o NK dispuxo de 2-3 ocasións bastante claras, e unha delas rematou en gol. 1-5 no marcador e todo facía presaxiar que o partido remataría así, nembargantes na derradeira xogada do partido, nun córner a prol dos nosos Emi sería quen de anotar polo primeiro pau o 1-6 que finalmente reflectiría no imaxinario electrónico do máxico monte da mina.

Victoria importante para os intereses do cadro vermello-branco, xa que consegue afianzarse nos postos altos da táboa e sacarlle 6 puntos a un duro rival como e o Acerón. Ademais esta serie de vitorias fai que o equipo chegue nunha moi boa dinámica ó comezo da segunda volta, onde terá que enfrontarse ó líder da categoría, a un moi regular Parquets Eloy que a falta do que sucedera hoxe sacáballe unha vantaxe de 6 puntos ó segundo clasificado, e que na primeira volta foi quen de derrotar ós nosos por 5 goles a 0. Agardemos que desta vez o equipo, que chega como dicimos con máis confianza, sexa quen de plantarlle cara e por fin lograr unha victoria ante unha das súas bestas negras, o Parquets Eloy. Lino lles contará todos os pomenores na previa.

Un saúdo e grazas ós seareiros que acudiron ó Monte da Mina, nun horario pouco apetecible para animar ós nosos.

No hay comentarios: