domingo, 27 de febrero de 2011

“Superando as dificultades” Silvafresh 2-4 DCM



O DCM salva 3 puntos importantísimos nun partido no que o cansazo físico ante a falta de trocos puido custarlle un encontro vital. Tralo bo arranque dcmista que propiciou un 0-2 ó descanso, o Silvafresh volcouse na segunda metade cunha presión a todo o campo. Por fortuna o rival conformouse cando conseguíu o empate a dous goles e os nósos puideron retomar o mando do partido para lograr a victoria nos minutos finais.


Moito traballaron onte Jorge, Vare, Quique, Pani e Emi para sacar adiante un encontro vital. Os 5 elixidos saían de inicio querendo aparentar poderío (a pesares de non ter trocos) e favoritismo. Presión en todo campo, dominio do balón e ocasións. O rival, prudente defendía como podía o arranque dcmista.
Os nósos crearon moitas e boas ocasións nesta primeira metade pero non tiveron a puntería suficiente para sentenciar o encontro.
Por fortuna si obtiveron unha renta de dous goles. Emi abría o marcador cun disparo moi axustado ó pau dende a frontal do área facendo o 0-1. Despois sería Pani quen recibía no punto de penalti a pase de Vare para transformar o 0-2.
Apenas unha xogada de perigo real do Silvafresh nesta primeira metade facía pensar que o DCM ía a desfrutar dunha segunda metade plácida.

Pero o Silvafresh espertou no descanso. Xa non colou a intención dos dcmistas de seguir aparentando poderío a persar do cansazo que xa pesaba nas pernas. O rival deuse conta e saíu a por todas, cunha presión a todo o campo que soprendeu a un DCM que comezaba a acusar ó cansazo físico. Os nósos non eran quen de presionar a saída do rival da mesma maneira que na primeira parte e pouco a pouco o Silvafresh comezaba a crear ocasións de perigo. Os nósos trabucáronse na forma de respostar a esta situación de encontro. En lugar de replegarse de todo, quedaron nunha posición intermedia… metidos no seu campo porque o dominio era do rival pero tentando unha semipresión que deixaba moitos ocos ós dianteiros azulóns. Emi e Pani reservaban forzas para saír en contras nas que puideron sentenciar o encontro pero non tiveron fortuna. O agotamento chegaba ós dcmistas e o partido seguía aberto.
Silvafresh creu nas súas opcións e recurtou distancias cun disparo que se colaba entre Quique, Vare e Jorge 1-2, e apenas uns minutos despois empataba cun disparo no que Jorge non tiña fortuna e non era quen de deter 2-2.
O partido pintaba moi negro para os dcmistas que vían como o rival os superaba por malleira físicamente. Pero por fortuna o Silvafresh cometeu un terrible erro. En lugar de seguir coa presión a todo o campo que tiña afogado ó DCM, volveu ceder a posesión do balón tras conseguir o 2-2. Os xogadores dcmistas podían respirar de novo co balón no seu poder, e tras cargar pilas durante uns segundos botáronse a polo partido. Unha falta na frontal da área era transformada por Quique cun potente mísil terra aire (poden apreciar o gol claramente nas fotos cedidas pola nosa fotógrafa oficial no enlace do final da crónica).
O 2-3 foi un duro varapau para o rival, que non comprendía como deixara revivir ó DCM cando o tiña contra as cordas. Quedaban apenas 4 minutos e o DCM non cometería o mesmo erro do Silvafresh e ía aproveitar que o rival estaba tocado anímicamente para sentenciar o encontro co 2-4. Sería de novo Pani, tras un saque de banda de Emi cara Vare quen marchaba do defensa e servía para que Pani transformase o seu doblete particular.

Incrible traballo dos 5 fantásticos dcmistas quen lograban 3 puntos que estiveron imposibles por momentos e non só superaron as dificultades físicas senón tamén o xogo sucio que pretendeu impor o rival e ó que os nósos souberon non entrar.
En homenaxe ós 5 gladiadores, hoxe a crónica cambia de fotografía.

Analizaremos a clasificación na vindeira previa.

Grazas tamén as dúas afeccionadas presentes e á nosa fotógrafa pola reportaxe gráfica da que todos podedes desfrutar na seguinte dirección:
https://picasaweb.google.com/102545914651497041447/260211SilvafreshDCM?authkey=Gv1sRgCK-gkPqg2qCFUA#


Reciban un cordial saúdo!

viernes, 25 de febrero de 2011

“Obrigados a gañar” Silvafresh – DCM



A 18º xornada do campionato, presenta unha nova xornada a priori favorable para os equipos que comandan a división.
Zeus visita a Caf.Castelao, Wapichi recibe ó LobisHome e Parquets ó Frutas Nieves, polo que todos agardan, en teoría, sumar 3 novos puntos ó seu casilleiro.
Iso obriga ó DCM a gañar, nun novo enfrontamento ante un equipo con obxectivos inferiores, polo que os nosos deben sacar os tres puntos para non ceder terreo cos aspirantes ó ascenso.

Para logralo os nosos xa coñecen a receita. Cero relaxación, cero confianzas e máximo respeto ó rival.
Un rival ó que venceron na ida por 7-1, un resultado enganoso en relación co visto sobre o campo. E é que no descanso o electrónico sinalaba un escueto 3-1 e o Silvafresh errara un par de claras ocasións para reducir distancias e incluso un dobre penalti para empatar o encontro. Na segunda metade o rival volcouse ó ataque cun porteiro semi-adiantado o que o DCM aproveitou para sentenciar o encontro.
Ademáis, o Silvafresh pode presumir de vencer a equipos do nivel de Wapichi. Na última xornada caeu derrotado ante Zeus por 6-4 un resultado máis que meritorio xa que o Silvafresh non tiña ó seu gardamallas habitual.
É un equipo con boas individualidades ofensivas (en ocasións abusan de ditas individualidades) e que chega na 8ª posición da táboa con 7 victorias, 2 empates e 7 derrotas.

O DCM conta para este encontro coas baixas de Pali e Xmon. Yago e Chape son dúbida. Pero cóntase co bloque habitual do equipo.
Semella probable que Quique sexa a parella defensiva de Vare unha vez máis e Emi adiante a súa posición á dianteira, aínda que se o partido require outras solucións, podería ser Emi quen ocupase a posición máis atrasada e Quique voltar ó seu posto habitual. Así pois a aliñación agardada é:

-------Jorge-------
-Vare-----Quique-
-------Pani---------
-------Emi---------

Mañán sábado ás 20:00 horas no campo da Mina. Non perdan detalle! Hai moito en xogo!
Sigan participando en Vai-á-Porra!

miércoles, 23 de febrero de 2011


Estes son os partidos seleccionados para a decimo sétima xornada de VAI-Á Porra 2010/2011

Silvafresh Vs. Deportes Carlos Miguel
Parquets Eloy Vs. Frutas Nieves
Acerón VS. BarKubi


Recordamos que:
- Para participar en Vai-á Porra débese por un comentario nesta nova.
- A puntuación é a seguinte
+1 punto por acertar o gañador do partido
+2 puntos por acertar o gañador do partido e os goles que marca un dos dous equipos
+5 puntos por acertar o resultado completo


E a continuación a clasificación xeral actualizada. Esta xornada deixounos dous protagonistas; Migui que consolídase un pouco máis como líder e DCM#8 que sube unha posición ó superar a Jorge que semella sufrir unha crise similar á do Betis. Os 3 primeiros continúan lonxe dos perseguidores, mais un acerto completo do resultado metería a máis xente na pomada.




Moitas xornadas por diante, todo pode pasar; sigan participando en Vai-á-Porra!!

lunes, 21 de febrero de 2011

“Coa mentalidade idónea” DCM 13-1 Ponte a Pintar

O DCM conseguíu unha goleada histórica tras superar a un Ponte a Pintar que ata o descanso foi merecedor de alomenos un empate e que tralo intermedio non puido frear o aluvión dcmista.

A 17º xornada enfrontaba ós vermellóns ó colista da división, mais o equipo estaba en sobreaviso da dificultade do encontro, e cicáis iso, a mentalidade foi decisiva nun encontro que houbo que traballalo durante moitos minutos.
E é que se o DCM houbese chegado pensando que tiña todo feito… o partido sería outra historia. Se fosen coa idea de ser moi superiores e chegado o minuto 15 de encontro o marcador reflectise un 0-0 como foi o caso, comezarían os nervos, as presas, a tensión e os erros. Por fortuna na cabeza dos nosos homes estaba xa a idea de que non ía ser fácil, e por iso traballaron ó 100%, igual que se o rival fose o líder da categoría e grazas a iso conseguíuse esta importante victoria.

O inicio do partido non foi demasiado bo. Pode empregarse como símil o inicio de encontro do Celta de Paco Herrera, quince primeiros minutos de nerviosismo, sabedores de que agora hai moito en xogo en cada partido, quince minutos no que os nosos foron un pouco flans. Aínda así, os nosos levaban o peso do encontro e tiñan boas ocasións, pero non atopaban o camiño correcto; algunha decisión errónea no pase, tiros frouxos, pouca puntería… Por fortuna, o rival non aproveitou a ocasión e a penas chegaba ós dominios de Jorge.
Transcorrían os minutos e un dos candidatos ó ascenso non era quen de superar ó colista da división. Pero os nósos non tiñan presa, sabían que o partido había que traballalo e seguiron manténdose serios en defensa para a partires de ahí crear as ocasións.
Por fortuna a lata abríuse mediada esta primeira metade, nunha xogada sen aparente perigo moi escorada a banda dereita, na que Vare tiraba a parede con Pani quen dende liña de fondo servía ó punto de penalti para o desmarque do 5 quen empurraba a pracer; 1-0 e o máis difícil semellaba feito.
Sen embargo o 1-0 e os trocos deron paso a 10 minutos de acoso total do Ponte a Pintar que buscou o empate con toda a artillería. O DCM botouse atrás, eran minutos nos que había que sufrir, aguantar e esperar a que pasase a tempestade. Ó equipo faltoulle saída de balón nestes minutos para buscar unha contra, pero alomenos a pelotiña semellaba non querer entrar na portería dcmista. O Ponte a Pintar era total merecedor do empate, pero o que chegaría sería o 2-0. Na última xogada deste periodo na única saída do equipo cara campo contrario, Quique conseguía cun potente disparo un importante gol psicolóxico.

Tralo descanso o equipo volveu mostrar que tiña a actitude apropiada; a mentalidade idónea. E é que para nada saíron relaxados co 2-0, senón a traballar o partido de cero. E pronto obtiveron os seus froitos; Yago faría o 3-0 a pouco de principiar anotando un gol que unido o varapau do último minuto da primeira metade, afundíu de todo a moral dos Pintores. A partires de ahí o rival concedeu moitas facilidades defensivas, pero seguía buscando o gol na parcela ofensiva, polo que o traballo defensivo dos dcmistas non cesou. E aproveitando a fraxilidade en defensa, os nosos sentenciaron o encontro. Emi tras sacar de esquina e recibir a devolución de Vare atopábase sen marca e sacaba un bo disparo ante o que nada podía facer o gardamallas 4-0. E a partires de aquí emerxeu a figura de Yago, quen tocado como cunha variña máxica converteu 5 goles con 5 disparos en escasos minutos; cada balón que chegaba ós pés do dianteiro dcmista (sen ningunha oposición da defensa rival) acababa no fondo da portería, o 5-0, 6-0, 7-0 e 8-0 con potentes lanzamentos imposibles para o porteiro e o 9-0 xa foi o culmen dos seus minutos máxicos, xa que o gardamallas detía en primeira instancia e cando xa parecía ter controlado o balón escurríaselle e acababa na portería.
Feliz pola súa actuación marchaba do campo e deixaba lugar a Quique, que a pouco de entrar tamén convertía gol facendo o 10-0.
O Ponte a Pintar atoparía o gol da honra nunha indecisión entre Chape e Xmon que non sacaban o balón da área e o dianteiro empurraba batendo a Jorge. 10-1.
Chape uníase á goleada co seu primeiro gol do campionato facendo o 11-1 cun disparo dende banda dereita.
Pali de tacón era o encargado de facer un fermoso 12-1.
E Emi pechaba a conta ó enviar ó fondo das redes un rexeite do gardamallas 13-1.

Ó final o que importan son os 3 puntos que permiten ós nósos seguir o ritmo que impón a cabeza da liga formada por Zeus, Parquets e Wapichi. O Cocedero descólgase de novo trala súa derrota ante Acerón.
3 puntos que debemos agradecer á mentalidade e á actitude. Cada partido é unha final e non hai rival sinxelo.

O vindeiro será o Silvafresh, rival da zona morna da táboa. De novo para vencer será necesaria esta mentalidade, xa que un mínimo de relaxación tiraría todo pola borda. Analizaremos ó rival na previa.

Reciban un cordial saúdo!

viernes, 18 de febrero de 2011

“Alerta máxima” DCM-PonteAPintar


Trala victoria ante o Parquets que situou ó DCM 3º e destronou ós amarelos do liderado, os nósos enfróntanse nesta decimo sétima xornada ó colista da división, no que debería ser un partido de trámite para o equipo.

E así o pensaban todos antes de analizar algún dos datos que xa adiantabamos na crónica do postpartido.
O Ponte a Pintar (equipo que rematou o ano pasado 4º clasificado de 2ªB por riba do DCM e que gañou na 1ª volta do curso pasados ós nósos por 5-4), atópase situado colista da división, sendo unha das sorpresas negativas da tempada.
Pero lonxe do que poida parecer, os resultados demostran que non é para nada un equipo fácil de superar. Tras recibir dúas goleadas nas dúas primeiras xornadas desta tempada (unha delas por 5-0 a mans do DCM), o equipo pintor non perdeu ningún outro partido por goleada (o máis recente unha axustada derrota ante o Zeus por 3-4, pero tamén 3-4 ante Cocedero, 3-5 ante Wapichi, 3-4 ante Silvafresh…) e non so iso, senón que sacou puntos importantes ante equipos punteiros (5-5 ante ParquetsEloy, 5-5 ante Lecer e victoria ante Acerón por 4-1).
Por se algún todavía ten dúbidas de que o DCM enfróntase a un rival moi perigoso esta xornada, daremos algún dato máis:
O Ponte a Pintar leva 52 goles a favor nestas 16 xornadas; número similar ó dos 6 primeiros clasificados e atención! dende a 2ª xornada de liga, o colista marcou 3 ou máis goles en todos e cada un dos seus partidos. Fantásticos números ofensivos por tanto, que non dan os seus frutos ó ser o equipo máis goleado do campionato con 71 goles en contra.
Agardo que xa ninguén dubide das dificultades que conleva este partido, moi lonxe da teórica idea de placidez que da enfrontarse ó último clasificado da liga.

Pero por se aínda non fose suficiente para pensar que o encontro debe por ó DCM en alerta máxima, dicir que o equipo chega de gañarlle ó líder da competición, e enfrontarse agora ó colista pode provocar un exceso de confianza nos nósos.
Ademáis, o equipo alzouse á 3ª posición da táboa clasificatoria, e nas 3 ocasións anteriores que o equipo logrou este mesmo posto, saíu derrotado na xornada seguinte.
E xa por último e para deixar de asustar ó persoal, só dicir que o encontro dispútase no Pavillón de Moledo, un lugar onde os nósos non están cómodos (así o demostra os 10 goles que lles meteu BarCocedero esta tempada en dito pavillón).

Queda pois todo dito, encontro de alerta máxima.
Os nósos traballaron moito para voltar a esta 3ª praza; pero un novo tropezo podería ser xa irremediable. É momento de afianzarse. É momento de agarrarse a esta 3ª praza para agardar logo a ocasión para seguir escalando, un esbarón contra o Ponte a Pintar podería ser moi grave.

Para este encontro o equipo poderá contar co seu bloque principal e non agárdanse baixas significativas, así que a aliñación probable sería:
----------Jorge---------
---Vare--------Pali----
----------Pani----------
---------Yago----------
Recorden, sábado ás 16:00 horas no Pavillón de Moledo. Todo apunta a que será un encontro con moitos goles!

miércoles, 16 de febrero de 2011


Estes son os partidos seleccionados para a decimo sexta xornada de VAI-Á Porra 2010/2011

Deportes Carlos Miguel Vs. Ponte a Pintar
BarCocedero Vs. Acerón
Caf. Zeus VS. Silvafresh


Recordamos que:
- Para participar en Vai-á Porra débese por un comentario nesta nova.
- A puntuación é a seguinte
+1 punto por acertar o gañador do partido
+2 puntos por acertar o gañador do partido e os goles que marca un dos dous equipos
+5 puntos por acertar o resultado completo


E a continuación a clasificación xeral actualizada. A decimo quinta xornada deixounos uns resultados moi sorprendentes segundo os nosos participantes. Ninguén foi quén de prever a derrota do Wapichi e só Migui foi quen de acertar o signo do Parquets-DCM (e os goles do Parquets), o que o levan de volta ó liderado da clasificación. Orly, DCM#5 (que chega á 4ª posición) e DCM#8 arañaron un punto da victoria do FrutasNieves, namentres Quique e Karr non estiveron acertados esta xornada.




Moitas xornadas por diante, todo pode pasar; sigan participando en Vai-á-Porra!!

lunes, 14 de febrero de 2011

“Unha victoria para non esquecer” ParquetsEloy 2-3 DCM


Dúas dianas dcmistas nas dúas primeiras ocasións do partido foron determinantes para un encontro no que os nósos basearon a victoria nunha sobresaínte defensa que Parquets non foi quen de saber atacar. O equipo aúpase de novo ó 3º posto da clasificación.

Cinco partidos fixéronlle falta ó DCM para poder saber o que é gañarlle ó ParquetsEloy e non só iso, senón facelo cando os amarelos son os líderes da división.
Por iso e porque son 3 puntos que colocan ó equipo 3º na táboa, falamos dunha victoria que perdurará moito tempo na memoria dos dcmistas, dunha victoria para non esquecer.
Ademáis, eran poucos os que confiaban nas posibilidades dos nósos no encontro ante o líder, non só porque o DCM nunca fora capaz de plantarlle cara ó Parquets senón porque ademáis prevíase a baixa do gardamallas Jorge, o que complicaba moito máis o partido. Pero finalmente Jorge entraba na convocatoria in-extremis tras aplazarse a súa viaxe laboral.

Aínda así, o claro favorito do encontro era un Parquets Eloy que está a realizar unha fantástica tempada. Pero os amarelos saíron relaxados co pitido inicial e o DCM soubo aproveitalo moi ben, como xa ven sendo habitual nas últimas datas, o equipo vermello saía a polo partido, cunha presión defensiva a todo campo e un alto ritmo de xogo nos primeiros compases do encontro, o que deu lugar ós dous goles que trocarían radicalmente o encontro. Primeiro Emi tras un roubo e tirar unha parede con Quique e practicamente na seguinte xogada, sería o propio Quique o que acadaría o segundo tras apoiarse en Emi. Apenas transcorreran 5 minutos de xogo e saltaba a sorpresa, 0-2, namentres o Parquets todavía non pasara do mediocampo.
Ese marcador trocou completamente o prantexamento dambolos dous conxuntos o resto do encontro, dando lugar como é lóxico a unha posesión total do esférico para o Parquets e a un DCM atrincherado no seu campo, defendendo a renda obtida.
A pesares da vantaxe, os nósos todavía non estaban convencidos das súas opcións, e é que Parquets comezaba a entrar no partido, o Vasco comezaba a entrar en contacto co esférico, e vellas pantasmas das 4 derrotas precedentes aparecían nas cabezas dos dcmistas. E máis cando o Parquets ía romper o muro defensivo dos branquivermellos para facer o 1-2. Sería con algo de fortuna, nunha xogada volcada pola banda esquerda da nosa defensa, que acababa chegando ó lado oposto a un xogador con tempo para cargar o disparo, un tiro que colábase por debaixo das pernas dun dos nósos e que Jorge chegaba a tocar pero sen poder evitar o gol.
Todo facía indicar que o líder ía poder dar a volta ó marcador inicial.
Pero sen apenas tempo para que o Parquets volvese á carga, o DCM acadaba un novo gol, moi similar ós dous previos, presión na saída do esférico rival, o balón caíalle moi franco a Yago que facía o terceiro e aumentaba de novo a vantaxe a dous goles, así pois mediada a primeira parte chegaba o 1-3.
Ese gol cuadriplicou as opcións dos nósos no encontro e cuadriplicou tamén as gañas, o compromiso e o esforzo de cada un dos nosos xogadores. Ademáis, agora sí que quedaba claro o que había que facer, defender con unllas e dentes a renda optida.
O líder estaba tocado pero quedaba moito encontro por diante. Retomaron a posesión do balón e tentaron recurtar de novo distancias. Pero os minutos comezaron a transcorrer sen que nada ocorrese. Parquets seguía acumulando posesión pero era incapaz de crear ocasións claras de gol, e o DCM cada ataque rival que conseguía frear facíase máis forte. Cada xogada era defendida como se fose a última do encontro por parte do noso equipo e iso complicoulle totalmente a vida ó rival que non atopaba a fórmula para penetrar en tal maraña defensiva e así chegouse ó descanso.

Tralo tempo de refrixerio, as posicións volvéronse máis extremas.
O DCM xa non quería saber nada do esférico, vivía única e exclusivamente para defender. Parquets asumía todo o peso do partido, e tentaba de tódolos xeitos crear ocasións de gol, pero unha e outra vez atopábanse coa defensa dcmista. 5, 10, 15 minutos da segunda metade e sen ocasións claras para os amarelos. Tentouno o Parquets introducindo un dianteiro máis fixo, retrasou a posición do Vasco, volveu buscar a movilidade do seu número 6, probou con disparos lonxanos… pero nada deulles resultado. E non só iso, senón que o DCM comezaba a gozar de contragolpes perigosos aínda que fosen a contagotas.
Os nervos apareceron en ambos conxuntos. Cada acción era unha auténtica final. Cada xogada era protestada ó colexiado, quen tentou non acelerarse ante tanta tensión de ambos equipos.
Quedaban apenas 5 minutos e no único despiste defensivo dos nósos, o balón chegaba a un atacante desmarcado en banda e o seu centrochut petaba en Xmon e introducíase en propia porta. O segundo gol deulles folgos aos homes do Parquets, xa que cando xa vían o partido moi costa arriba encontraban un tanto que os metía de cheo no encontro. Os minutos finais foron de locura, o asedio local incrementouse e a piques estivo de atopar o empate. Chegaba a ocasión máis clara do Parquets nas postrerías do partido, nun balón bombeado que Jorge deixaba pasar e petaba no seu longueiro provocando un principio de infarto a máis de un, por fortuna ninguén esperaba que o balón quedase morto dentro do área e a defensa puido completar a acción defensiva. Chegabase así ao final do encontro, tres puntos no peto Dcmista, que festexou o asubío final coma se dun título se tratase.

Unha victoria para non esquecer.
O equipo principia a segunda volta mellorando o feito na primeira, algo que como xa diciamos na previa é esencial para conseguir o obxectivo.
Ademáis a derrota do Wapichi leva ós nósos ata a 3ª posición, pero coidado! ata o momento as 3 veces que o equipo situouse 3º na clasificación, colleitou unha derrota na xornada seguinte. É o momento de afianzarse. Para iso o equipo debe vencer ó PonteAPintar, colista da división pero que dende que perdeu na 2ª xornada da primeira volta co noso equipo por 0-5 non volveu saír goleado de ningún encontro, perdendo só por dous ou menos goles de diferenza, sendo quen de vencer a Acerón, de empatar a equipos como o ParquetsEloy e o Lecer e de só perder por un tanto nesta xornada ante o potente Caf.Zeus. Polo tanto, para nada partido sinxelo!

Queda todo dito.
Boa semana para todos e ata a previa!

viernes, 11 de febrero de 2011

“Principia a 2ª volta. Obxectivo: superar o acadado na 1ª” Parquets-DCM


Rematou a primeira volta da liga. 15 xornadas que deron para moito; alegrías, ilusión, sorpresas, decepcións…
15 xornadas que deixan a división da seguinte maneira:
§ 4 equipos loitando man a man polas dúas prazas de ascenso a primeira división. ParquetsEloy(34), Caf.Zeus(31), Wapichi(30) e DCM(30).
§ 2 equipos na retagarda por se algún dos 4 favoritos entran en barrena. BarCocedero(24) e Acerón(24)
§ 4 equipos na zona morna da táboa. Silvafresh, Frutas Nieves, Castelao e Lecer
§ 5 equipos loitando por evitar os postos de descenso. DobleCordero, NK, LobisHome, BarKubi e PonteAPintar.

Os nósos rematan a primeira volta cumprindo os seus obxectivos; están na pelexa polo ascenso (a 1 só punto do ascenso directo e a 4 do liderado) e manteñen intactas as súas opcións de refrendar o seu título de campión da deportividade.
30 puntos en 14 partidos, con 10 victorias e 61 goles a favor son números fantásticos (a tempada pasada o equipo tan só conseguíu 8 puntos máis dos que ten agora ó final do campionato (38) e só unha victoria máis tras 26 xornadas (11). Ademáis o equipo está a tan só 27 goles do total marcado a tempada pasada (88) e todavía con 14 encontros por diante).
Pero existen outros números que fan que a euforia non se desate e que reducen bastante o optimismo. As 4 derrotas igualan o número de derrotas na 1ª volta da tempada pasada, e ademáis 3 delas foron ante os 3 primeiros clasificados e con sendas goleadas, polo que o DCM semella ser o rival máis débil dos candidatos ó ascenso. E os 41 goles en contra que superan ós recibidos na tempada pasada a estas alturas son un cifra bastante elevada para un equipo que aspira ó ascenso.

Con todo iso, a situación é clara. O equipo debe mellorar un chisco o conseguido na 1ª volta do campionato se quere alcanzar o seu obxectivo clasificatorio.
Moi difícil pero non imposible.

Para empezar o prato máis forte, o líder da categoría e besta negra do DCM; 4 enfrontamentos directos e 4 derrotas para os nósos. Un Parquets Eloy que comezaba a campaña con dúas baixas importantes (que ficharon polo Galecoi) pero os reforzos levaron ó equipo a ser o máis temido da división, con tan só dúas derrotas (ante Zeus e Lecer) e un empate (ante Ponte a Pintar). Ademáis é o 2º equipo máis goleador e o 2º menos goleado.
Neste 5º enfrontamento entre ambos conxuntos o DCM agarda atopar coa tecla adecuada para gañar ó Parquets, xa que ata o de agora e por máis que estudou os puntos fortes do rival, nunca foi quen de frealo. O Vasco é o seu principal referente, e agardemos que os nósos non volten ter pesadelos unha vez máis con él.
Porén, a situación na que o DCM visitará ó Parquets é a peor posible. A baixa de Jorge marcará claramente o encontro. Todavía non se desvelou se o DCM empregará ós homes que mellor desenvólvense baixo paus ou decidirá non sacrificar a ninguén a dedo, botando a sortes un par de gardamallas que farán o que poidan na porta.
Así que o equipo xa non poderá centrar os seus esforzos en pensar no rival senón que terá que centralos en defender a súa porta con unllas e dentes.
No deporte sempre hai opcións de victoria e os nósos as apurarán con tódalas súas forzas.

O desenlace o domingo ás 19:00 horas en Lavadores.

Reciban un cordial saúdo.
Sigan participando en Vai-á-Porra na entrada de abaixo.

miércoles, 9 de febrero de 2011

Xornada 15 e Clasificación "Vai-á-Porra"


Estes son os partidos seleccionados para a decimo quinta xornada de VAI-Á Porra 2010/2011

Parquets Eloy VS. Deportes Carlos Miguel
Wapichi VS. BarCocedero
Lecer VS. Frutas Nieves
Recordamos que:
- Para participar en Vai-á Porra débese por un comentario nesta nova.
- A puntuación é a seguinte
+1 punto por acertar o gañador do partido
+2 puntos por acertar o gañador do partido e os goles que marca un dos dous equipos
+5 puntos por acertar o resultado completo


E a continuación a clasificación xeral actualizada. Aclaramos que o encontro entre Wapichi e Acerón o contabilizamos tal e como o publicou a organización de VigoEnXogo (4-2).
Con todo Orly colócase como novo líder tras acertar o resultado do NK-DCM. Quique baixa á 2ª posición e Migui sitúase 3º.


Moitas xornadas por diante, todo pode pasar; sigan participando en Vai-á-Porra!!

domingo, 6 de febrero de 2011

Con paso firme. NK 1-6 DCM

Con paso firme camiña un DCM que hoxe acadou a súa 4ª victoria consecutiva, o que lle permite rematar a primeira volta cun notable alto de puntuación. Fai 4 xornadas nada facía presaxiar que o equipo DCM'ista remataría en tan bo estado de forma esta primeira volta. De aquelas o equipo adestrado por Ratkovic Varela viña de perder un partido fronte o Cafetería Zeus que nunca se tivo que ter escapado, e firmaba uns números que so invitaban a pensar na zona media da táboa, xa que tiña 6 vitorias e 4 derrotas. Porén tras estes 4 partidos o equipo atópase instalado na parte alta da táboa clasificatoria, no terceiro ou cuarto posto dependendo do resultado de hoxe entre o Parquets Eloy e o Cafetería Zeus, firmando como diciamos unha notable primeira volta onde o equipo firma 10 puntos máis que o ano pasado a estas alturas (o ano pasado contaban con 6 victorias, 2 empates e 5 derrotas, tan só unha derrota máis pero bastantes menos victorias) (cómpre destacar que se tiña xogado un partido menos xa que o partido contra o Decoraciones Costas ó final non computou).


Xa centrándonos no partido de hoxe, o equipo DCM'ista saltaría ó campo cun quinteto inicial formado por Jorge na porta, Vare e Quique en labores defensivas e Emi e Pani con liberdade arriba. No banco agardaba a súa oportunidade Chapela quen finalmente acudiu a un partido onde segue a mostrar claros síntomas de mellora. Máis tarde chegaría Yago que por culpa de compromisos profesionais chegaría mediada a primeira parte.

O partido non podía comezar mellor para os nosos, xa que nos primeiros minutos Emi aproveitaríase dun erro no saque do gardamallas visitante, a quen lle esvarou o balón das mans e fixo un saque defectuoso que foi interceptado por Emi, que non tivo máis que empurrar o balón para conseguir o primeiro gol do partido. Nembargantes o NK non se descomporía con facilidade e non lle puxo as cosas nada sinxelas ós nosos. Tal foi o punto que o partido chegaría con resultado de 0-1 no marcador. O DCM levaba o peso do partido pero non daba a sensación de perigosidade que si que tivera nos partidos anteriores, e o NK podía facer gol en calquera xogada illada, xa que na primeira parte aínda que moi escasas, tamén tivo a oportunidade de facer gol.

Como dicíamos cun 0-1 chegaríase ó inicio da segunda parte onde o DCM por fin foi quen de desatascar o partido. O primeiro paso para desatascalo o puxo Pani quen nunha xogada dentro do área foi obxecto dun penalti que non deixaba lugar a dúbidas, e no que Arango non pensouno dúas veces antes de asubiar e apuntar ó punto de penal. Quique sería o encargado e executalo disparo e con gran mestría poría o 0-2 no marcador. Tamén sería o 9 DCM'ista o encargado de facer o terceiro gol, sería nunha preciosa xogada individual que remataría cun recorte a un defensa visitante e co balón no fondo da portería local. O DCM xa xogaba con máis tranquilidade e o NK abría as liñas na procura dunha xogada que lle permitise recortar distancias. E a verdade e que o NK logrou atopar o camiño para inquedar un pouco a portería visitante, porén o risco que corrían era que o DCM matase aínda máis o partido nunha contra. Pero non foi así, o DCM si que mataría o partido pero o faría nun córner onde Quique esqueceríase xa definitivamente da súa seca goleadora facendo un particular hat-trick ó marcar cun disparo mordido que entraría entre as pernas do gardamallas, quen a pesar do erro no primeiro gol estaba a firmar un partido notable, e que foi un dos causantes de que o DCM non ampliara distancias con anterioridade. O 0-5 sería obra de Yago quen a pesar de chegar tarde ó partido puido anotar un gol máis na súa conta particular, e ademais dunha bela factura xa que o balón entrou na portería por toda a escadra. Con 0-5 no marcador o DCM relaxaríase máis se cabe e o NK dispuxo de 2-3 ocasións bastante claras, e unha delas rematou en gol. 1-5 no marcador e todo facía presaxiar que o partido remataría así, nembargantes na derradeira xogada do partido, nun córner a prol dos nosos Emi sería quen de anotar polo primeiro pau o 1-6 que finalmente reflectiría no imaxinario electrónico do máxico monte da mina.

Victoria importante para os intereses do cadro vermello-branco, xa que consegue afianzarse nos postos altos da táboa e sacarlle 6 puntos a un duro rival como e o Acerón. Ademais esta serie de vitorias fai que o equipo chegue nunha moi boa dinámica ó comezo da segunda volta, onde terá que enfrontarse ó líder da categoría, a un moi regular Parquets Eloy que a falta do que sucedera hoxe sacáballe unha vantaxe de 6 puntos ó segundo clasificado, e que na primeira volta foi quen de derrotar ós nosos por 5 goles a 0. Agardemos que desta vez o equipo, que chega como dicimos con máis confianza, sexa quen de plantarlle cara e por fin lograr unha victoria ante unha das súas bestas negras, o Parquets Eloy. Lino lles contará todos os pomenores na previa.

Un saúdo e grazas ós seareiros que acudiron ó Monte da Mina, nun horario pouco apetecible para animar ós nosos.

viernes, 4 de febrero de 2011

“Unha oportunidade de ouro” NK - DCM


A derradeira xornada da 1ª volta da liga, presenta ó DCM unha ocasión inmellorable para situarse como un dos candidatos a loitar polo ascenso esta tempada, ou alomenos pelexar por unha terceira praza que se ben non otorga o ascenso directo, soe vir acompañada tamén coa mesma recompensa.
E é que esta décimo quinta xornada déixanos dous enfrontamentos directos entre os primeiros clasificados; o líder, o Parquets enfróntase co 2º clasificado, o Caf.Zeus e o Wapichi (3º) terá enfronte ó Acerón (5º), namentres que os nósos, terán en teoría un partido máis asequible ó visitar o 12º clasificado da división, o NK.

A clasificación nestes intres é a seguinte:
1º. Parquets Eloy  34 puntos
2º. Caf. Zeus  28 puntos
3º. Wapichi  27 puntos
4º. DCM  27 puntos
5º. Acerón  24 puntos

Prever o que pasará nesta xornada é moi difícil, e puidera darse o caso de que nin vencendo o seu encontro, os nósos subiran postos na clasificación (se gañasen Zeus e Wapichi), pero recurtarían distancias co Parquets e ampliarían a diferenza co Acerón.
Pero pase o que pase, semella claro que o equipo ten diante unha gran oportunidade para agarrarse ó vagón dos mellores, pero tamén hai que ter presente que é unha xornada na que se corre o risco de no caso de sufrir unha derrota quedar descolgado do grupo dos mellores e tal e como están as cousas terían moi difícil achegarse de novo ós postos de ascenso.

Estamos por tanto ante unha xornada decisiva onde os 3 puntos serán unha obrigación para o equipo se é que pretende ter o ascenso como obxectivo real.

Para conseguilo haberá que gañar a un rival descoñecido ata o momento para os nósos.
O “NK”, procede da 3ªDivisión Grupo A, onde conseguíu o ascenso tras quedar no 3º posto da clasificación.
A súa posición na táboa é a duodécima. Suma 4 victorias, 1 empate e 8 derrotas con 33 goles a favor e 60 en contra (o 2º equipo máis goleado).
Porén, os nosos non deben confiarse, xa que o NK foi quen de empatar co Wapichi e ven de pórlle as cousas difíciles ó Caf.Zeus co que caeu derrotado por 7-4.

Polo tanto o DCM deberá mostrar o seu mellor nivel para que non haxa sorpresas e os 3 puntos queden no peto dcmista.
A convocatoria para o encontro será en parte unha incógnita ata o último intre, aínda que non é algo que preocupe en demasía, xa que manterase o bloque que conformou o quintento inicial na anterior xornada (Jorge, Vare, Pani, Emi, Quique) e como quedou latente nese último encontro ante Lecer, o equipo dá un gran nivel con convocatorias escasas de efectivos. Ademáis regresa Yago trala súa estancia en Londres, aínda que é probable que non poda chegar para os primeiros minutos do encontro, sendo a súa participación máis probable na 2ª metade.

Máis importancia terá a mentalidade e o compromiso dos xogadores. Se o equipo xoga ó seu mellor nivel non debería ter problemas en conseguir a victoria, mais como alguén saia relaxado, a derrota os estará agardando.


En definitiva, a aliñación probabel será:

--------Jorge---------

---Vare------Quique--

---------Pani---------

---------Emi---------

O domingo ás 14:00 horas comprobaremos se o equipo da un golpe sobre a mesa amosando unha boa imaxe e colocándose no grupo dos candidatos ó ascenso, ou pola contra se regala 3 puntos de ouro e esquécese de tan difícil obxectivo.

Agardámosvos!
Un cordial saúdo! E non deixen de participar en Vai-Á-Porra na entrada de abaixo!

miércoles, 2 de febrero de 2011

Xornada 14 e Clasificación "Vai-á-Porra"


Estes son os partidos seleccionados para a decimo cuarta xornada de VAI-Á Porra 2010/2011

NK VS. Deportes Carlos Miguel
Wapichi VS. Acerón
Parquets Eloy VS. Caf. Zeus

Recordamos que:
- Para participar en Vai-á Porra débese por un comentario nesta nova.
- A puntuación é a seguinte
+1 punto por acertar o gañador do partido
+2 puntos por acertar o gañador do partido e os goles que marca un dos dous equipos
+5 puntos por acertar o resultado completo


E a continuación a clasificación xeral actualizada!
Quique logrou acadar a 1ª posición nestas 4 xornadas, pasando da 4ª posición a ser o líder da competición. Migui baixou ó 2º caixón onde tamén atópase Orly que conserva a súa posición. Jorge cae do podium e os demáis continúan a súa persecución pero necesitarán acertar alomenos un resultado completo para achegarse ós postos de medallas.