Outra xornada máis nos atopamos aquí para falarvos do partido que disputará o Deportes Carlos Miguel este fin de semana. Nesta ocasión a organización da competición Vigo En Xogo (a Agrupación deportiva Vigo, e que por certo estrea nova Web como todo VIDE), decidiu seguir mantendo o parquets como terreo de xogo, pero esta vez en lugar de Bembrive o pavillón elixido foi o Calvario, no que os nosos xogadores e seareiros poden verse afogados debido ó caloroso do mesmo. Polo tanto os nosos xogadores volverán xogar nunha superficie de madeira o que en principio non debería ser negativo xa que se atopan acostumados a adestrar cada xoves nunha superficie similar, coma é a do pavillón de Valadares.
O DCM buscará neste partido os seus primeiros puntos da temporada trala derrota que sufriu ante o Parquets Eloy. Era o primeiro partido da temporada e todo parecía indicar que unha derrota sería ben aceptada polos seareiros, porén, estes saíron moi amolados do partido tras ver como ao seu equipo lle podía a presión e o medo, e regalaba a segunda parte na procura de defender un punto. Recordemos que o partido o comezou gañando o DCM tras adiantarse pronto no marcador, posteriormente e tamén na primeira parte o Parquets Eloy empataría nunha xogada na que o gardamallas local puido facer algo máis. Unha vez chegados ó tempo de lecer as sensacións eran ben positivas xa que o equipo a pesar de ir empatado estaba a crear numerosas ocasións que non entraban por centímetros. Porén no descanso non sabemos se por iniciativa propia ou polas ordes de Ratckovic Varela o equipo botouse totalmente atrás e deixou a impresión de que un punto era totalmente positivo. Esta actitude sorprendeu a propios e a extranos, xa que o adestrador do DCM ven precedido dunha fama de adestrador con tendencia ofensiva e ambiciosa, pero pode ser que esta segunda división se cambie o carácter e lle volva un adestrador conformista, o que de todas formas non lle debería carrear ningún problema xa que o club ten tradición de aguantar ós adestradores e o actual presidente non se caracteriza por tomar demasiadas decisións, e menos decisións importantes. Todo isto fixo que o equipo decepcionase a todo o graderío, que se fixera merecedor da derrota e que seguramente faga que moitos dos seareiros que acudiron ese fin de semana abandonen ó equipo.
A pesar de todo isto, o equipo non chega feble de moral ó partido xa que demostrou ter potencial (se quere sacalo) para gañar os partidos, e ademais ven de lograr unha reconfortante vitoria ante o CTGA Inaute, equipo ó que fai uns anos non lle podía nin inquedar (certo é que o DCM contaba coa cesión de un futbolista de alto prestixio e que o CTGA acudiu con numerosas baixas ó encontro). O rival deste fin de semana será o actual subcampión da terceira división grupo "D", e que o pasado fin de semana caeu derrotado ante un vello coñecido do DCM, o Decoraciones Costas. O Pers United é un equipo bastante descoñecido para os nosos xa que tan só o puideron ver nunha ocasión, fai 15 días (neste sentido agradecer á organización que este ano estean a por os partidos da mesma liga seguidos, quizais poida que ter que ver coas restricións que hai na actualidade para pedir horarios), polo que se pode extractar de diversas notas de prensa o Pers é un equipo que busca combinar e ofrecer un bo xogo dentro do terreo de xogo, pero como xa dicimos todo isto non o puidemos comprobar de maneira persoal, co cal sairemos de dúbidas esta fin de semana.
Para este partido o adestrador DCM'ista poderá contar con tódolos seus homes coa excepción de Xmon, que quedará por motivos persoais e laborais este fin de semana en Santiago de Compostela. Polo tanto o equipo poderá rotar durante o partido xa que ten un cambio para a zona defensiva e 2 para a ofensiva, o que fará que o equipo non se poda acoller en demasía ó argumento do cansanzo para xustificar actitudes rácanas coma a de fai quince días. Con todo isto todo fai indicar que o equipo sairá ó campo co seu gardamallas habitual, é dicir, Jorge, e que en defnesa formarán Pali e Vare (Chap aínda non está de todo recuperado da súa lesión e terá que ir tendo minutos pouco a pouco polo que se descarta para a titularidade). Máis dificultades se presentan á hora de intentar adiviñar quen xogarán de inicio na parte máis ofensiva do equipo. A pasada semana formaron Emi e Quique, xa que Pani chegaba case sen adestramentos ó partido e que Yago viña de realizar uns cursos de formación deportiva que fixeron que chegara algo canso, pero neste partido faise máis difícil de adiviñar quen serán os elixidos. Por iso das rotacións que están moi de moda, vamos apostar por unha completa variación e que sexan Pani e Yago os que formen de inicio.
O partido se disputará ás 11:00 horas do domingo día 18 de Outubro no pavillón do Calvario. En canto a afección que pode estar ó lado do DCM calculamos que roldarán os 4 ou 5 espectadores, xa que as seareiras máis incondicionais do equipo se lle unirán dúas afeccionadas menos habituais. Será un partido no que o DCM debe seguir nesa procura de adaptación a segunda división e na que debe seguir calibrando o seu nivel. Todo fai indicar que a maioría dos partidos serán igualados e o equipo DCM'ista debe comezar a sumar puntos, senón quere pasar apuros, e se quere reforzar a súa moral que vai a ser moi importante para decidir eses partidos igualados e para non caer nunha espiral de desconfianza que faga que o equipo renda moi por debaixo do seu nivel e acabe véndose no pozo da segunda división grupo "B".
Partido: Pers United VS Deportes Carlos Miguel
Lugar: Pavillón Municipal do Calvario
Hora: 11:00h
Posíbel Aliñación
-----------Jorge-----------
---Vare----------Pali------
-----------Pani------------
-----------Yago-----------
Partido: Pers United VS Deportes Carlos Miguel
Lugar: Pavillón Municipal do Calvario
Hora: 11:00h
Posíbel Aliñación
-----------Jorge-----------
---Vare----------Pali------
-----------Pani------------
-----------Yago-----------
1 comentario:
ORLY ----Buena cronica, si quereis algo mas de informacion del pers , en la pagina del galecoi hay unas pequeñas pistas de su juego, espero qu os sea de ayuda
Publicar un comentario