sábado, 31 de octubre de 2009

Proba de Fogo para o DCM

Moi boas tardes queridos lectores. En primeiro lugar dende a nosa redacción temos que pedir desculpas pola tardanza na publicación nesta previa.

O DCM afrontará este sábado un partido moi complicado no máxico pavillón do Monte da Mina, escenario que os nosos aínda non pisaron na presente temporada, será por tanto o primeiro partido que os nosos xogarán nunha superficie diferente ó parqué. O DCM ven de afrontar unha semana de moita calma tralo gran partido que fixo a semana pasada, onde por fin deu mostras da súa calidade e da súa pegada e onde comezou a evidenciar que estalle a coller o pulso á nova categoría.

O partido desta fin de semana non será nada doado para os nosos. A nosa redacción quedouse a presenciar a semana pasada o partido do Ponte a Pintar fronte ó Decoraciones Costas. Neste partido os xogadores don Ponte deixaron clara unha das súas maiores fortalezas, que é unha abafante presión adiantada. Os xogadores do DCM terán que intentar superar esa forte liña de presión se queren ser capaces de obter un resultado positivo no partido deste sábado. Tamén no partido que puidemos observar a semana pasada, quedou claro que o Ponte non aposta pola presión adiantada durante todo o partido por mor do cansazo que isto podería provocar e o conseguinte prexuízo para os minutos finais do partido, neste partido o rival do DCM deixou dúas caras, unha a do maior parte do partido onde deu unha impresión de rival temíbel e outra na que baixou algo o seu nivel por mor dos goles do Decoraciones Costas que sentáronlle mal ó rival DCM'ista.

Para este partido Ractkovic Varela poderá contar con todo o seu plantel a excepción de Chapela que volverá causar baixar por mor dos problemas lumbares. Polo tanto a maior novidade para este partido e a presenza de Xmon no terreo de xogo, que tras dúas xornadas ausente volverá a retomar o ritmo da competición. Por tanto partido complicado o que lle agarda en principio ó DCM que intentará obter unha vitoria que lle permita consolidarse nos postos altos da táboa e o máis importante que lle permita abrir algo de distancia respecto ós postos de descenso que seguen a estar moi preto dos nosos (a tan só un punto).

Veremos por tanto se o DCM é quen de seguir coa súa proxección ascendente. Para isto terán que dar un rendemento moi alto no pavillón da Mina, no que a afluencia de público é toda unha incógnita a estas horas da tarde, aínda que se nos fixamos nos antecedentes desta temporada seguro que será unha entrada positiva.

Aliñación Posíbel

-----Jorge------

--Vare----Pali--

------Emi------

------Yago-----

Banco: Xmon, Pani e Quique

lunes, 26 de octubre de 2009

“Á terceira foi a vencida” DCM 6-2 PizarroFS

Unha derrota, un empate e unha vitoria son a síntese deste inicio de tempada para un DCM recén ascendido e en fase de adaptación a unha nova categoría; a 2ª división.
Tras tres xornadas, é todavía cedo para sacar conclusións, pero comézase a intuír que estamos a falar dunha división igualadísima na que cada partido convértese para tódolos equipos nunha auténtica final, na que se non dan o 100% da súa capacidade, dificilmente poden conseguir algo positivo.
Os resultados dos nosos parecen mostrar unha liña claramente ascendente, pero isto non é así. Un primeiro partido aceptábel no que caeron derrotados, un segundo encontro pésimo no que obtiveron o seu primeiro punto e unha terceira boa xornada que servíu para anotar a primeira vitoria no casilleiro mostran que o equipo está todavía en proceso de adaptación á categoría e son moitas as variables que afectan ó seu xogo e ó seu rendemento, xa que éste non é nin moito menos homoxéneo e nin sequera segue unha tendencia razoábel. É por iso que hai que ser cautos e saber que todavía falta un chanzo importante para saber cál é o verdadeiro nivel “medio” do equipo nesta categoría.
Namentres non se alcanza ese nível, o equipo debe conxurarse para ir rabuñando puntos de tódalas prazas posíbeis ó tempo que vai dando pequenos pasos no seu proceso de adaptación. E polo de agora este obxectivo estase a cumprir. 4 puntos en 3 partidos que sitúan ó equipo na zona media-alta dunha apretadísima clasificación (ningún equipo conseguíu gañar os 3 partidos que disputou e o golaverage está a decidir moitas posicións) e que lle permite polo de agora centrarse na súa propia mellora sen apuros nin presións clasificatorias engadidas.

Esta 3ª xornada deparaba un enfrontamento contra o Pizarro FS no pavillón de Bembrive e baixo a batuta do cuestionábel colexiado González.
Na bancada, novamente unha fantástica entrada de siareiros dcmistas que polo de agora están a superar con creces ata as previsións máis favorábeis.
A convocatoria, contaba coas baixas de Xmon na cidade santiaguesa e de Chap, na bancada polos seus problemas nas costas. O 5 inicial formado por Jorge-Pali e Vare- Emi-Yago.
Así principiaba un partido no que as xa mencionadas “variables externas” estiveron a favor do DCM, e é que dende moi cedo o equipo ía a dominar no marcador o que lle permitiría xogar con máis tranquilidade e menos precipitación que na xornada anterior. E é que o inicio sería fulgurante, liderado pola mellor versión dun Yago desaparecido ata o de agora no campionato pero que marabillou a todos nesta 3ª xornada. En poucos minutos dous golazos seus encarrilaban o encontro para os dcmistas. Porén, tras este 2-0, o Pizarro FS non baixaba os brazos e en dúas accións illadas puña as táboas no marcador. Co 2-2 podería semellar que o DCM ía a verse afectado polos nervos, pero sen tempo para iso, de novo Yago saíu dende o banco para poñer o 3-2 cun novo golazo para dar de novo algo de tranquilidade á parroquia local co seu hat-trick. De ahí ó remate da primeira metade, o DCM con moi bo criterio conseguíu manter o dominio da posesión e non ceder metros ó rival, xogando con tranquilidade e sen precipitación, conseguindo chegar ó descanso sen pasar demasiados apuros.

O 3-2 deixaba o partido moi aberto para unha 2ª parte que prometía de novo igualdade. Pero os homes de Ratckovic, nesta ocasión tiñan aprendida a lección da primeira xornada ante o Parquets, e en lugar de botarse atrás a defender a renda conseguida, saíron de novo a xogar, a querer a posesión e a buscar ampliar a vantaxe. Así, tras uns primeiros minutos de moita desputa, unha gran xogada de combinación con parede e desmarque, facía que Pali transformara o 4º para os locais nun aplaudidísimo tanto. Era o 4-2 e o Pizarro comezaba a ver difícil remontar o partido. E máis todavía porque o DCM seguiría enchufadísimo e sen conceder demasiado ó rival. Así chegaría o quinto tanto obra de Quique dende a frontal e él mesmo rubricaría o 6º tras unha falta indirecta, superando así o seu principio gripal que o non lle permitira rendir ó seu mellor nivel durante o transcorrer do encontro.

Finalizaba así o encontro que significaba a primeira victoria da historia do DCM na segunda división de Vigo en Xogo. Desta vez sí, os afeccionados marchaban contentos do traballo realizado polos seus no parqué.

Moitas cousas positivas que sacar do encontro que agardemos que o equipo vaia interiorizando e asentando e non sexan cuestión baladí, aínda que como diciamos son moitos os factores que determinan o rendemento de cada partido, e neste, sen dúbida foi fundamental ir prácticamente todo o encontro por diante no marcador.

Na vindeira xornada o equipo visitará ó Ponte a Pintar, un equipo que ven de demostrar nesta xornada que é un dos candidatos ós postos altos da clasificación tras facer un partidazo ante o Dec.Costas, ó que tumbou pola súa boa presión en toda a cancha; algo que deberán ter moi presente os nosos. Sen dúbida xornada moi complicada, pero da que de novo haberá que tentar sacar o máximo posíbel.

Grazas a todos e ata a próxima.

viernes, 23 de octubre de 2009

Paseniño

Xa estamos de novo aquí para informarlles do que vai a ser a terceira xornada de Vigo En Xogo nesta temporada 2009/10. Máis en concreto nos centraremos no partido que o DCM disputará na "terra batida" do pavillón de Bembrive, o domingo ás 18:00 h. Neste partido e se o colexiado o estima oportuno, o equipo pode estrear balón, xa que co fin de cumprir por completo a normativa vixente, o clube ven de adquirir hoxe un esférico na tenda do seu patrocinador; esférico que cumpre coas medidas regulamentarias establecidas pola organización. É un modelo similar ó da fotografía. Agardemos que traia sorte ós nosos.

Como é costume, antes imos facer un breve repaso ó que foi o partido do pasado fin de semana e que rematou con empate entre o Pers United e o DCM a 3 goles. Un partido no que sería sinxelo dicir que o DCM mostrou dúas caras unha na primeira metade e outra na segunda, cando en realidade non foi así mostrou a mesma cara durante case todo o partido a excepción do principio da primeira parte e o final da segunda. O DCM mostrouse como un equipo inoperante e con moitas dificultades á hora de mover o balón, porén a sorte que foille esquiva na primeira xornada aliouse cos nosos nesta segunda, e acadou un punto tras facer unha remontada inverosímil nos derradeiros minutos da segunda parte. Por tanto primeiro punto para o DCM que sírvelle para ocultar o mal partido realizado e para evitar caer nunha fenda de desmoralización que podería dar cos nosos no fondo da táboa clasificatoria. E é que dende esta redacción estamos convencidos de que o DCM ten equipo suficiente para lograr a salvación e sen ter que ser dunha maneira agónica, pero o primeiro que teñen que facer os xogadores do conxunto DCM'ista e crer neles mesmos (como veñen facendo nas dúas últimas temporadas) e saír moito máis soltos ó terreo de xogo.

Por tanto paseniño pero o DCM quere ir crecendo nesta segunda división "B", tras unha derrota e un empate, que danlle ó aprobado nestas dúas primeiras xornadas de liga, o club DCM'ista busca lograr a súa primeira vitoria para dar un salto na clasificación e afastarse das posicións de descenso, coas que leva empatado as dúas xornadas. En fronte terá un rival do que pouco podemos dicir, xa que como a maioría é un equipo novo para os nosos nesta categoría. Polo que podemos ver na táboa clasificatoria é un rival que fai poucos goles pero que tamén encaixa poucos o que fai prever un equipo xeneroso no esforzo colectivo e ó cal vai ser moi difícil de bater (tamén os nosos lectores eloxian a calidade do seu gardamallas). Para intentar abrir unha fenda na defensa do Pizarro, o DCM non sabe aínda se contará con toda a súa dianteira. Son seguros, salvo nova de última hora, Emi, Pani e Quique, mentres que Yago aínda non ten garantida a súa presenza. Máis problemas se lle presentan a Ratckovic Varela para formar ós seus homes na zona defensiva xa que tan só contará para eses postos con Pali e Vare (Chap é baixa por lesión, debido ós seus problemas lumbares, e Xmon non poderá acudir a cidade olivica este fin de semana, aínda que xa confirmou a súa presenza para a vindeira xornada). Polo tanto o máis probable e que o señor Varela teña que reconverter a algún xogador de ataque para estas posicións, ou ben Emi ou ben Quique son os candidatos que contan con máis opcións para formar nalgunha fase do encontro.

Partido duro por tanto o que lle agarda ó DCM, que como a maioría nesta 2ª división grupo "B", presúmese moi igualado, e no que ambos equipos buscarán a vitoria, aínda que dependendo do transcorrer do partido non sería descartable que terminasen en táboas, como fixeron 8 dos 14 equipos que disputaron un partido a pasada xornada, e que deixa unha táboa moi igualada e bonita, na que sumar 3 puntos transpórtache do inferno até as zonas máis doces da competición.
Non se perdan este partido que prevese igualado o vindeiro domingo día 25, no Pavillón Municipal de Bembrive, onde a hora invita a que haxa una entrada aceptábel por parte da afección DCM'ista que de momento merece un 10, xa que nos dous partidos que disputaron os nosos estiveron sempre moi ben arroupados.

O Domingo sairemos de dúbidas respecto ó devir do encontro, e aquí estará Lino (ó que non vou cualificar como populista) para contárvolo. Un saúdo.

5 Inicial Probábel:

------------Jorge-------------

-----Vare----------Pali-------

------------Pani--------------

-----------Quique------------





RECORDAMOS A TODOS OS XOGADORES E SEAREIROS DO DCM QUE ÁS 3:00 AM DO DOMINGO RETRASARÁNSE OS RELOXOS UNHA HORA, E POLO TANTO VOLTARÁN A SER ÁS 2:00 AM.

lunes, 19 de octubre de 2009

O DCM Manténse na zona morna da táboa clasificatoria

Tras que se teñan xogado dúas xornadas de liga, tan só dous equipos teñen logrado dúas victorias, estes non son outros que o Parquets Eloy e o Hannover, e ambos equipos gañaron a lo menos un dos seus dous partidos por tan so un gol de diferenza.

Ademais nesta xornada cabe destacar que en catro dos 7 partidos disputados remataron en táboas. Estes datos non fan máis que confirmar a igualdade que está a reinar na división nestas primeiras xornadas de liga. Con todo isto o DCM grazas ó seu empate no derradeiro intre do pasado domingo, consigue manterse na zona morna da táboa clasificatoria, isto é na novena posición, cunha bagaxe de 4 goles a favor e 5 en contra.


Noutra orde de cousas o DCM conseguíu esta tarde solventar o malentendido da acta da primeira xornada, polo tanto tan so conta cun cartón amarelo, o recibido este fin e semana. Ademais comunicámoslle ó Parquets Eloy que tampouco lle anotaron o cartón a ningún dos seus xogadores.

Tedes a ligazón para a clasificación que levamos de maneira conxuta co Aceron, no menú da dereita, ou ben premendo de seguido --> Clasificación

domingo, 18 de octubre de 2009

"Mal partido, Bo punto"; PersUnited 3-3 DCM

Inaugurou o seu casilleiro de puntos da 2ª División o DCM nesta 2ª xornada de liga na que visitaban no pavillón de Lavadores ó tamén recén ascendido Pers United.

Trala derrota ante Parquets Eloy por un axustado 1-2 e tralas críticas vertidas por parte dalgúns medios de comunicación populistas, o equipo chegaba a esta segunda xornada con algo de presión engadida. Na bancada a afección volveu respostar en gran número e sen dúbida este primeiro punto conseguido é máis mérito dos siareiros que dos xogadores Dcmistas. Enfronte, un rival que defínese na súa tarxeta de presentación como un equipo de toque e de bo gusto futbolísticamente falando que chegaba tras unha abultada derrota na primeira xornada e necesitaba tamén estrearse na 2ª división para coller confianza. O colexiado do encontro, o Señor Paulo dirixiría sen demasiados problemas este primeiro derbi da rede que entraba como pleno ó 15 na prestixiosa quiniela de http://www.galecoimotorclub.tk/

O 5 inicial sería o formado por Jorge-Pali,Vare-Emi-Quique, agardando no banco Pani, Yago e o mancado Chape. Todos agardabamos que o DCM puidera sacudirse a presión, facer un serio partido en defensa como na 1ª xornada e completalo con algunha pequena inspiración baseada no gran partido amigábel realizado durante a xornada de descanso. Porén, nin unha cousa nin a outra, pernas agarrotadas, erros defensivos, mala circulación de balón e ineficacia de cara ó gol.
Aínda así, pensando no que estaría por ver na segunda metade, podemos dicir que a primeira parte dcmista foi incluso “aceptable” en intencións, e é que o equipo por medio de arreóns e sobretodo de moitos saques de esquina e de falta estivo algo preto da área rival, de feito comezaría o partido cunha xogada anulada por Paulo ó non aplicar unha lei da vantaxe que podería ter acabado en gol. Mais un espléndido gardamallas local fixo que os esforzos dcmistas quedasen en nada nestes primeiros 25 minutos. Pola contra, na parcela defensiva o equipo mostrou moitos máis erros que na primeira xornada. O equipo estivo máis roto, máis pesado, as axudas chegaban tarde, os rivais tiñan un metriño de máis para pensar… e consecuencia de todo iso sería que tivesen máis posesión e xogasen moito máis cómodos que os nósos. E ademáis foron máis efectivos, catro ou cinco chegadas claras e 3 goles, 3 mazazos para un tocado DCM. O primeiro nun erro de concentración de Vare que confiábase nun balón en logo que caíalle ó dianteiro rival nun man a man co porteiro que nada podía facer; 1-0. No segundo un mal saque de portería deixaba un dous para dous dos defensas cos dianteiros, as axudas non chegaban e o atacante rival era quen de desfacerse de Pali para marcar; 2-0. E o terceiro erro colectivo en especial de Yago que actuando de medio non saíu a tapar un gran disparo dende a frontal que superaba a un Jorge que puido facer un chisco máis neste terceiro golpe para os visitantes; 3-0.
O partido semellaba sentenciado, non só polo abultado do resultado senón porque as ocasións que o DCM creara nesta primeira metade non tiveron premio e as sensacións eran de que pouco perigo máis podíase crear coa velocidade tan lenta á que estaban a xogar os nosos. Así chegábase ó descanso e eran poucos os que crían que algo podíase facer.

E os que o pensaban, de seguro que ratificarían os seus presaxios tralo descanso. O DCM saíu apático, lento, trabado, sen capacidade para saír co balón xogado; moito peor que na primeira metade na que polo menos conseguía saques dende o curruncho e faltas perigosas a base de empuxe. Neste inicio de segunda metade, nada de nada, de feito estaba moito máis preto de chegar o 4-0 que de que os laranxas puidesen achegarse no marcador. E é que cando as cousas non van ben, cando as pernas non responde, as ideas non chegan á cabeza, o mínimo que hai que facer é poñer gañas e sobretodo pillería, e o DCM tamén pecou diso. Puido coller o rival descolocado sacando faltas rápidas en varias ocasións, e sen embargo o equipo deixábase levar mentres o tempo corría. Nese instante o partido estaba perdido, pero no fútbol nunca se pode dar algo por perdido ata que remata. Jorge mantiña os seus con algunha oportunidade tras facer meritorias paradas neste pésimo inicio de segunda parte dos seus, e Emi saíu do banco con forza e tentou botarse o equipo as costas. Nunha xogada individual súa pola banda esquerda, tras marchar dun contrario, vía que Vare acompañaba a xogada polo centro e sacou un preciso pase ó punto de penalti para que o seu compañeiro empurrara as redes facendo o 1-3. Todavía o partido pintaba moi a favor do Pers United. Cicáis foi esa sensación de que tiñan todo feito o que provocou que o Pers non apretase un pouco máis o acelerador buscando algún gol máis que sentenciaran a contenda. E como non o fixeron, o DCM foi gañando terreo pouco a pouco co paso dos minutos. As xogadas non era claras e os pases non eran precisos… pero o marcador invitaba a uns a ir cara arriba e ós outros a defender a súa renda. Un deses achegamentos a área rival remataba nunha falta próxima á portería rival, que por ser indirecta, Yago tocaba para que Emi atopase o oco con algo de fortuna enviase ó fondo das redes facendo o 2-3 e espertando ós nosos do seu letargo e comezando a ver que o empate era posible. De ahí ó final, con máis corazón que cabeza os nósos empurraron, creando algunha ocasión que unha e outra vez solventaba con moito acerto o cancerbeiro do Pers.
Pero no derradeiro minuto, Emi e Quique ían trenzar unha fermosa xogada para plantarse en área rival, o porteiro barría a Emi pero o balón chegaba a Quique que tiraba a porta e un rival o sacaba coa man. Penalti e final do encontro. Tan só quedaba tempo para o lanzamento. Quique celebraba a ocasión xa antes de lanzar, seica estaba seguro das súas opcións. Os equipos dábanse deportivamente a man, e na grada todos pendentes deste último lanzamento. O nove dcmista golpeaba co interior ó lado esquerdo do porteiro, este adiviñaba a intención, pero o balón escapábaselle e acababa entrando na portería. Era o 3-3 final, o DCM remontara un partido que tiña completamente perdido no descanso e conseguía un importante punto para non espertar tódalas alarmas no seno do clube.

Cicáis o equipo mereceu máis o empate na primeira xornada que hoxe contra o Pers pero o fútbol é caprichoso e hoxe ensinaba a uns e a outros que ata o final non hai nada definitivo. E en realidade podemos dicir que o empate non é de todo ilóxico xa que o Pers non fixo demasiado para gañar, pero ben é certo que sí que o DCM fixo moito para perder. Un puntiño para cada un e a pensar xa na próxima xornada.
Os dcmistas deben recordar que están en 2ª división e que tódolos partidos van a ser complicados. Non imos gañar ningún con facilidade e hai que saber afacerse a iso. Haberá que sufrir, haberá que perder partidos, cicáis levar alguna derrota abultada, pero haberá que saber superalo e saber que hai traballar moito e con moitas gañas para facelo o mellor posible en cada encontro e saber que así haberá opcións de puntuar en todas e cada unha das xornadas.

Sen máis e agradecendo de novo a presencia dos afeccionados na bancada despedímonos ata a próxima. Un cordial saúdo.



“Porque la vida puede ser maravillosa” A.Montes

viernes, 16 de octubre de 2009

Na Procura da Primeria Victoria


Outra xornada máis nos atopamos aquí para falarvos do partido que disputará o Deportes Carlos Miguel este fin de semana. Nesta ocasión a organización da competición Vigo En Xogo (a Agrupación deportiva Vigo, e que por certo estrea nova Web como todo VIDE), decidiu seguir mantendo o parquets como terreo de xogo, pero esta vez en lugar de Bembrive o pavillón elixido foi o Calvario, no que os nosos xogadores e seareiros poden verse afogados debido ó caloroso do mesmo. Polo tanto os nosos xogadores volverán xogar nunha superficie de madeira o que en principio non debería ser negativo xa que se atopan acostumados a adestrar cada xoves nunha superficie similar, coma é a do pavillón de Valadares.


O DCM buscará neste partido os seus primeiros puntos da temporada trala derrota que sufriu ante o Parquets Eloy. Era o primeiro partido da temporada e todo parecía indicar que unha derrota sería ben aceptada polos seareiros, porén, estes saíron moi amolados do partido tras ver como ao seu equipo lle podía a presión e o medo, e regalaba a segunda parte na procura de defender un punto. Recordemos que o partido o comezou gañando o DCM tras adiantarse pronto no marcador, posteriormente e tamén na primeira parte o Parquets Eloy empataría nunha xogada na que o gardamallas local puido facer algo máis. Unha vez chegados ó tempo de lecer as sensacións eran ben positivas xa que o equipo a pesar de ir empatado estaba a crear numerosas ocasións que non entraban por centímetros. Porén no descanso non sabemos se por iniciativa propia ou polas ordes de Ratckovic Varela o equipo botouse totalmente atrás e deixou a impresión de que un punto era totalmente positivo. Esta actitude sorprendeu a propios e a extranos, xa que o adestrador do DCM ven precedido dunha fama de adestrador con tendencia ofensiva e ambiciosa, pero pode ser que esta segunda división se cambie o carácter e lle volva un adestrador conformista, o que de todas formas non lle debería carrear ningún problema xa que o club ten tradición de aguantar ós adestradores e o actual presidente non se caracteriza por tomar demasiadas decisións, e menos decisións importantes. Todo isto fixo que o equipo decepcionase a todo o graderío, que se fixera merecedor da derrota e que seguramente faga que moitos dos seareiros que acudiron ese fin de semana abandonen ó equipo.


A pesar de todo isto, o equipo non chega feble de moral ó partido xa que demostrou ter potencial (se quere sacalo) para gañar os partidos, e ademais ven de lograr unha reconfortante vitoria ante o CTGA Inaute, equipo ó que fai uns anos non lle podía nin inquedar (certo é que o DCM contaba coa cesión de un futbolista de alto prestixio e que o CTGA acudiu con numerosas baixas ó encontro). O rival deste fin de semana será o actual subcampión da terceira división grupo "D", e que o pasado fin de semana caeu derrotado ante un vello coñecido do DCM, o Decoraciones Costas. O Pers United é un equipo bastante descoñecido para os nosos xa que tan só o puideron ver nunha ocasión, fai 15 días (neste sentido agradecer á organización que este ano estean a por os partidos da mesma liga seguidos, quizais poida que ter que ver coas restricións que hai na actualidade para pedir horarios), polo que se pode extractar de diversas notas de prensa o Pers é un equipo que busca combinar e ofrecer un bo xogo dentro do terreo de xogo, pero como xa dicimos todo isto non o puidemos comprobar de maneira persoal, co cal sairemos de dúbidas esta fin de semana.


Para este partido o adestrador DCM'ista poderá contar con tódolos seus homes coa excepción de Xmon, que quedará por motivos persoais e laborais este fin de semana en Santiago de Compostela. Polo tanto o equipo poderá rotar durante o partido xa que ten un cambio para a zona defensiva e 2 para a ofensiva, o que fará que o equipo non se poda acoller en demasía ó argumento do cansanzo para xustificar actitudes rácanas coma a de fai quince días. Con todo isto todo fai indicar que o equipo sairá ó campo co seu gardamallas habitual, é dicir, Jorge, e que en defnesa formarán Pali e Vare (Chap aínda non está de todo recuperado da súa lesión e terá que ir tendo minutos pouco a pouco polo que se descarta para a titularidade). Máis dificultades se presentan á hora de intentar adiviñar quen xogarán de inicio na parte máis ofensiva do equipo. A pasada semana formaron Emi e Quique, xa que Pani chegaba case sen adestramentos ó partido e que Yago viña de realizar uns cursos de formación deportiva que fixeron que chegara algo canso, pero neste partido faise máis difícil de adiviñar quen serán os elixidos. Por iso das rotacións que están moi de moda, vamos apostar por unha completa variación e que sexan Pani e Yago os que formen de inicio.


O partido se disputará ás 11:00 horas do domingo día 18 de Outubro no pavillón do Calvario. En canto a afección que pode estar ó lado do DCM calculamos que roldarán os 4 ou 5 espectadores, xa que as seareiras máis incondicionais do equipo se lle unirán dúas afeccionadas menos habituais. Será un partido no que o DCM debe seguir nesa procura de adaptación a segunda división e na que debe seguir calibrando o seu nivel. Todo fai indicar que a maioría dos partidos serán igualados e o equipo DCM'ista debe comezar a sumar puntos, senón quere pasar apuros, e se quere reforzar a súa moral que vai a ser moi importante para decidir eses partidos igualados e para non caer nunha espiral de desconfianza que faga que o equipo renda moi por debaixo do seu nivel e acabe véndose no pozo da segunda división grupo "B".


Partido: Pers United VS Deportes Carlos Miguel

Lugar: Pavillón Municipal do Calvario

Hora: 11:00h

Posíbel Aliñación

-----------Jorge-----------

---Vare----------Pali------

-----------Pani------------

-----------Yago-----------

domingo, 4 de octubre de 2009

O DCM DEIXA ESCAPAR O PRIMEIRO PUNTO

DESPERDÍCIASE A PRIMEIRA BOA OPORTUNIDADE DE ESTREAR O CASILLEIRO

Comezou a 4ª tempada de vida do DCM, principiou o seu soño de xogar na 2ª división e chegou o primeiro golpe da tempada.

Esta primeira xornada deparaba un interesante enfrontamento entre o campión da 3ªC e o campión da 3ªD do pasado ano, que xa enfrontáranse no torneo de campións con vitoria para o Parquets Eloy.

Hoxe, ambos conxuntos amosaron todo o seu respecto e as súas cualidades defensivas, ofrecendo un partido trabado e moi desputado a unha grada a rebosar de afeccionados desexosos de ver fútbol sala. Sen dúbida unha das mellores entradas da afección dcmista en toda a historia, seica esta división vende moito máis, e agardemos que a afección sega respondendo a pesares deste primeiro varapau.

Como diciamos o partido foi moi táctico… con xogo lento, poucas ocasións, poucos movementos, e polo tanto propio de rematar en empate; iso houbese sido o xusto, un reparto de puntos que estivo moi preto de chegar pero a falta de escasos 4 minutos, o Parquets encontraría petróleo e levaría a primeira victoria para o seu casilleiro.

Todo comezaba co pitido inicial do colexiado Rabadán. O DCM superou os nervos do regreso a competición e de xogar nunha división que impón moito respeto e levou o peso do partido nos primeiros compases. O Parquets Eloy semellaba saír algo frío ó parqué de bembrive e non daba mostras da súa calidade. Consecuencia deste bo arranque para os intereses dcmistas foi un saque de banda botado por Vare que Quique enviaría cun bo remate ó fondo das redes do porteiro visitante, mais a acción estaba invalidada incomprensiblemente porque o veterán colexiado quixo impor a súa “propia interpretación” da nova normativa de saque de banda, e é que convertíu a teórica norma de “ter alomenos un pé fóra do terreo de xogo para efectuar o saque co balón situado sobre a liña de banda” que foi ben explicada na reunión, nun “Hai que ter un pé enriba da liña de banda”; mala interpretación do regulamento, pero os colexiados mandan e hai que adaptarse a cada quen. O gol anulado non quitou folgos ó DCM que seguiu mandando neste arranque de encontro, no que disporía tamén de varios saques dende o curruncho que conseguiron rematar pero sen atopar porta. Pouco a pouco o equipo rival sacudíase a presión e comezaba a tentar sacar o seu xogo, porén, os de Ratckovic sabían cal era a súa principal baza, o seu xogador “Vasco” e con unha boa defensa sobre él, unido a que non debeu ter o seu mellor día, fixo que apenas amosara nada de toda a calidade que posúe que xa comprobamos no torneo de campións que é moita.
Así pois transcorría a primeira metade con poucas ocasións claras que limitábanse a saques dende os currunchos ou faltas sen perigo para os gardamallas. Nunha desas faltas que ía a botar Parquets, petaba na barreira, e o rexeite caía de novo nos pés dun xogador visitante, pero de novo o seu disparo petaba en Vare, e Emi moi atento recollía o esférico para emprender unha rápida contra que remataba en gol tras un fermoso regate ó porteiro rival. Era o 1-0 e as cousas pintaban moi ben para os locais. Pintaban ben, porque agora estaba por diante no electrónico e porque as sensacións defensivas eran moi boas, o equipo pechouse un chisco atrás, pero isto non foi algo negativo, xa que a boa intensidade defensiva facía que os rivais apenas inquedaran a Jorge, e ademáis o equipo seguía a saír con boas contras que creaban algo de perigo, nunha delas, un xogador visitante tocaba o balón claramente coa man no borde da área pero de novo Rabadán non acertaba coa acción e non asubiaba nada. Nembargantes, nunha acción illada e sen aparente perigo na que o rápido dianteiro visitante (Nº5) escorábase moito cara unha banda, sacou un potente disparo que colábase polo pau defendido por Jorge e significaba o empate no marcador. Pesadumbre no gardamallas local, pero pronto reporíase facendo unha gran segunda metade. Co 1-1 no marcador chegábase ó descanso.

Na segunda metade, o equipo presidido polo señor Chapela ía a pecar de conservadurismo. A intensidade e o traballo defensivo de todo o equipo sería novamente impecable, pero perdeuse dominio do balón e o equipo conformábase co empate ou cicáis tíñase medo a perder, e iso traducíuse en que non tivesen case ningunha ocasión clara ante o portal visitante, algo que non gustou a unha entregada afección. O rival, sen facer moito máis que na primeira metade, ante este deixar facer do DCM, foise apoderando do mando do partido e convertíuse no dono da segunda metade, facendo intervir a Jorge nun par de boas ocasións e facendo traballar moito a tódolos xogadores en defensa. Porén, o Parquets Eloy por algo foi subcampión do torneo de campións o ano pasado, e é ademáis de pola súa seriedade pola calidade que atesouran principalmente un par dos seus xogadores, e o Nº5 volveuna a sacar nunha boa xogada a falta de 4 minutos na que cun potente disparo cruzado facía o 1-2.

O DCM tentouno nos intres finais, pero de forma moi precipitada e non puido achegarse con demasiado perigo.

Así remataba esta primeira xornada da 2ªDivisión Grupo B, para un DCM que demostrou que con máis traballo, máis intención e con algunhas correccións pode estar ó nivel que esta categoría esixe.

Ata a próxima!

viernes, 2 de octubre de 2009

Comeza o Premio

Un afectuoso saúdo meus benqueridos lectores, tras un ano de ausencia na información previa ós partidos do DCM, volvo con vostedes para ofrecerlles toda a información de interese sobre o vindeiro partido do Deportes Carlos Miguel.

Un DCM que mañá dará comezo a unha temporada na que vai recoller os froitos de tódalas sementes plantadas a tempada que ven de rematar. Xogadores e seareiros poderán gozar dunha nova categoría á que se lle presupón un nivel maior, grazas ó seu esforzo, uns dende o campo e outros dende a bancada da pasada campaña. Este vai ser un ano doce para o equipo DCM'ista a quen en principio non se lle vai a esixir máis que saír ó campo e competir con tódalas súas forzas, pero que dende logo parece que salvo en partidos puntuais, vaise librar da presión de ter que obter un resultado, presión que si que tivo nas dúas campañas anteriores (non así na primeira que tamén se consideraba de asentamento). Se cadra a única esixencia real que existe sobre o equipo é o de manter a categoría para o vindeiro ano, e iso tradúcese en quedar como mínimo na 11ª praza que outorga a salvación de maneira oficial. Porén todos sabemos que esta falta de presión existente na actualidade pode trocar dependendo do porvir do equipo nos vindeiros meses.

Para este primeiro partido, o adestrador do DCM, Ratkovic Varela, non poderá contar con algún dos seus xogadores. É baixa segura para o partido Chap, que onte tralo adestramento volveu recaer dos problemas que lle veñen acompañando nos últimos meses no lombo. Unha baixa que deixará tocada a liña defensiva a espera de saber se finalmente Xmon acudirá ou non ó partido xa que hai fontes que afirman os dous extremos. En canto ó ataque DCM'ista o equipo contará con tódolos seus membros agás Yago que será dúbida até última hora, aínda que en principio o máis probable é que non acuda ó partido. Polo tanto o adestrador vai contar cun abano de xogadores que oscilará entre os 6 e 8 xogadores, é dicir que a un día do partido o adestrador non sabe se contará co plantel case ó completo ou se terá que contentar con ter tan só un troco, de ser así será toda unha proba para o estado físico do equipo, nembargante a temporada pasada o DCM demostrou que con poucos xogadores pode dar moi bo rendemento.

Enfronte o DCM vaise atopar con outro equipo recen ascendido da terceira división (do grupo "D"), o Parquets Eloy. Ambos equipos xa se viron as caras no primeiro partido do torneo de campión de campións de Vigo En Xogo, e o partido terminou con derrota dos DCM'istas nun partido no que a pesar do resultado estivo aberto en moitas fases do mesmo. Finalmente o Parquets remataría subcampión do torneo tras caer na final por penaltis. Polo tanto un rival duro ó que se vai ter que enfrontar o DCM, no que se presume que pode ser un bonito partido entre o mellor equipo da 3ªC o ano pasado e o equipo máis sobranceiro da 3ªD na campaña que ven de rematar.

O partido vaise disputar nun dos pavillóns máis bonitos nos que se xoga a competición local, que é o pavillón de Bembrive. Neste pavillón agárdase unha boa representación dos sempre fieis seareiros DCM'istas aínda que neste senso hai que sinalar que é moi difícil prever a entrada final xa que os seareiros soen deixar a decisión de acudir ou non para o derradeiro intre. Pola súa banda o Parquets Eloy soe ter tamén unha boa representación nas bancadas e ademais xa demostraron en algunha ocasión que son unha afección bastante activa animando ós seus.

Polo tanto a cita xa o saben, será o vindeiro sábado día 3 ás 18:00 no pavillón de Bembrive, coma sempre con entrada libre. O luns os meus compañeiros daranlle boa conta do acontecido durante o encontro.

Posíbel Aliñación do DCM:

--------- Jorge------------
----Vare-------Pali-------
----------Emi------------
---------Quique----------