sábado, 25 de abril de 2015

X25 - MatizVigo FS Vs Vanesma Peluqueras. Misión Posible.


Benqueridos lectores, nos atopamos unha semana máis nestas liñas para analizar o que vai a ser a 25ª xornada de liga da segunda división A de Vigo en Xogo.

Esta semana o MatizVigo deberá enfrontarse ó todopoderoso líder, o Vanesma Peluqueras. Partido entre terceiro e primeiro clasificado da liga, que non podía ter outro escenario que non fora o pavillón referencia da cidade máis grande de Galicia, a Pista Central do Complexo Polideportivo das Travesas. E é que parece ser que a organización foi consciente da importancia deste partido que medirá a un terceiro clasificado que chega nun impresionante nivel de forma, con 13 goles nos dous últimos partidos (e so dous na contra) contra un líder que marcou 13 goles, pero só no último parido. O MatizVigo FS é o único equipo, xunto co líder, que pode presumir de quitarlle puntos ó segundo clasificado e agora quere ser o primeiro equipo en ser capaz de facerlle dano ó Vanesma Peluqueras. Máis non só pola importancia do rival o MatizVigo ten moitas ganas de gañar este partido,e é que a xeira de 4 vitorias consecutivas coas que conta o equipo da Oliveira de Vigo, lle permitiu pasar do sexto posto a asentarse na terceira posición, con tan só 1 punto de diferenza con respecto ó cuarto clasificado pero con 6 puntos respecto ó quinto clasificado. O Matiz intentará por tanto conseguir unha vitoria que lle permita confirmase como candidato á cobizada terceira praza.

Como xa todos saben o rival que visitará ós nosos esta fin de semana, non lle porá nada fácil as cousas ó Matiz, e que tanto o ano pasado en terceira división, como este ano en segunda, esta sendo un equipo intratable que non só lidera a clasificación, senón que o fai dun xeito abraiante. Os seus números son os seguintes: o Vanesma Peluqueras conta con 24 vitorias en 24 partidos, 185 goles a favor (7,7 g/p) e 41 na contra (1,71 por partido), uns números envexables que dan conta do poderío ofensivo do rival que nos visitará esta fin de semana. En canto ó partido da primeira volta, foi un encontro no que os nosos se atoparon con moitas dificultades, e no que plantou cara ata que a gasolina lle aguantou. Naquel partido o Vanesma Peluqueras adiantouse na primeira parte nunha polémica xogada na que os nosos reclamaron falta previa  e con ese 1-0 chegouse ó descanso. Porén nos últimos minutos desta primeira quenda Vare caeu lesionado, deixando ós nosos sen recambios no banco, algo que o equipo negribranquivermello pagaría no segundo tempo encaixando un parcial de 9-0, para facer un total de 10-0 ó remate do mesmo.

Pero o MatizVigo FS chega nun momento de forma moi diferente ó da primeira volta, e se de aquelas o equipo foi quen de plantarlle cara durante toda unha parte, nesta ocasión o equipo procurará non só poñerlle as cousas difíciles ó líder senón que buscará obter a vitoria. Dende aquel partido o equipo do Paseo de Alfonso XII, non deixou de crecer, e xa sabe o que é eliminar a rivais superiores con moito máis banco que os nosos, como por exemplo no Torneo de Nadal de Baiona ou no empate ante o Endulco. Os nosos cunha convocatoria moito máis xustiña ca os dos rivais fixo auténticos milagres que poden repetirse neste partido.

Para isto todos os compoñentes da convocatoria deben saír ó campo a gozar sabendo que a vitoria é posible, e coñecendo as ferramentas que de sempre fixeron poderoso ó noso equipo: unha sobriedade defensiva aderezada con doses de calidade na parte ofensiva do equipo. Cunha actitude seria e concentrada os nosos poden optar a conseguir os tres puntos. A convocatoria deste partido estará formada por Jorge na porta, Vare, Chap e Davo para as posicións defensivas, e Pani, Quique e Emi para os postos máis adiantados. Deste xeito o equipo contará con dous cambios para poder refrixerar as dúas zonas do campo. Serán baixa Xmon por mor de molestias físicas, así como Pablo que segue en Madrid e Yago quen volverá á competición a vindeira xornada ante o Avispas de la Arena.

 O partido se disputará este domingo ás 12:00 no Pavillón Central das Travesas, un magnífico horario para animar ós nosos e comezar o que agardamos que sexa un domingo cheo de vitorias. "Anímate a animarnos", te agardamos nas cómodas gradas do pavillón central para que nos deas o pulo necesario para acadar o que parece imposible pero que non o é, obter os tres puntos ante o líder da categoría. Imos que nos Imos! IMOS MATIZVIGO!!!

lunes, 20 de abril de 2015

X.24 "Un Matiz en racha abusa dun competitivo rival" Transdami 1-7 MatizVigoFS

 
Magnífico triunfo dun Matiz, que a pesares do avultado resultado, tivo que traballar o partido ante o derradeiro minuto de xogo, realizar un gran esforzo físico e contar co acerto e o punto de fortuna necesario para rematar disfrutando desta fermosa goleada, ante un rival, que a pesares de ir moi lonxe no marcador, non deixou de atacar en ningún instante.
O encontro desta 24ª xornada de liga, desputado na pista vermella das Travesas, estivo marcado polo regreso de Quique, quen firmou unha boa actuación, anotou un gol e poderá vestir de novo a equipación maticista na vindeira xornada ante o líder.

Dende o minuto inicial o encontro foi dunha gran esixencia física. O rival é un equipo que ataca con moitos homes e en consecuencia deixa moitos espazos ás costas. O Matiz, que vive nunha moi boa dinámica de xogo e resultados, quixo aproveitar esta situación, e aceptou xogar con moita intensidade e velocidade a pesares de contar con só 6 xogadores na convocatoria.
Todo saíulle ben ao Matiz. Emi anotaba os dous primeiros con asistencias de Quique e Vare. O propio Quique facía o terceiro. Emi anotaría dous goles máis, e Pani tamén uníase á festa na segunda metade con dous tantos.
O rival estivo preto do gol en varios momentos do partido. Cos saques dende o curruncho, deixou ao Matiz en evidencia en varias ocasións, e tamén atopou boas ocasións consecuencia do cansanzo dos locais, mais a falta de acerto en ocasións e a magnífica actuación de Jorge noutras fixo que só anotase un gol nos instantes finais do encontro tras un rebote nun saque de esquina.

Fantástica a actuación dos 6 convocados hoxe. Cun Jorge como comentabamos crecéndose en cada acción (tivo que intervir máis que noutros encontros), cun Xmon perfecto en labores defensivas, cun Vare que non só traballou en defensa senón que conseguíu asistir e ofrecer saídas ao equipo, cun Quique que a pesares de notar a falta de actividade, marcou, asistíu e cumpríu en defensa, e con Pani e Emi na súa liña das últimas xornadas, excelentes e imprescindibles.

O equipo pensa xa no duelo ante o líder. Se nada se torce, Davo regresará á convocatoria tras dúas xornadas ausentes. Jorge, Vare, Quique, Pani e Emi repetirán. Xmon e Chape son dúbida.
Se o Matiz dá a súa mellor versión, pode plantar cara a este "intratable" líder da categoría. Na ida, os nósos (estando nun nivel moito máis baixo que agora), aguantaron 25 minutos. Desta vez, agardan chegar con opcións ata o final do partido. De novo o encontro serán moi esixente, non só no físico, senón no aspecto táctico. A concentración será fundamental ante un equipo que sabe xogar co esférico.

Cos resultados desta xornada o Matiz recupera a 3ª posición da táboa clasificatoria cun punto de vantaxe sobre CampinCangas e 6 sobre o 5º clasificado.


sábado, 18 de abril de 2015

X24 Transportes Transdami Vs MatizVigo FS. Oportunidade de Ouro


Moi bos días querdos lectores 

En primeiro lugar pedirvos desculpas pola ausencia de previa nas últimas xornadas. En todo caso xa estamos de volta para comentar o que vai ser un interesante partido entre o Transportes Transdami e o MatizVigo FS. Partido que se disputará este sábado 18/04/2015 na Pista Vermella do Complexo Deportivo máis importante da nosa cidade que nos recorda o pasado tranviario da urbe olívica, en As Travesas. 

O rival desta fin de semana chega coa necesidade imperiosa de sumar os 3 puntos xa que se atopa con 17 empatado con 4 equipos máis na táboa clasificatoria, polo que calquera punto pode ser vital para conseguir a salvación, xa que aínda que nas normas está establecido que descendan 8 equipos é posible que finalmente algún poida salvarse da queima se hai algunha baixa na competición. O Transportes Transdami, por tanto, conta con  4 vitorias, 5 empates e 14 derrotas, 43 goles a favor (1,86 g/p) e 79 na contra (3,43 g/p).  Sitúase na undécima praza empatado a puntos co décimo e decimoquinto clasificado, tendo a salvación oficial a uns inalcanzables 17 puntos, cando quedan en xogo 21. No último partido o equipo transportista foi quen de sumar un punto ante un dos seus rivais directos, o Librería Hollandia, quen recordemos foi quen de bater ós nosos no partido de volta, nun sucio e feo partido.  En canto ós precedentes co equipo da Oliveira de Vigo, se limitan ó partido da primeira volta onde o equipo Maticista non foi quen de pasar do empate a dous, nunha parte da liga onde os nosos chegaban con moitas baixas e acumularon, con convocatorias de 5 e 6 xogadores, 3 empates consecutivos. Por tanto partido que pode entrañar moitas dificultades para os nosos, que deberán estar moi atentos para seguir coa xeira positiva de resultados.

O MatizVigo pola súa banda chega a este partido cunha convocatoria máis folgada que na primeira volta e cunha xeira de resultados máis positiva, tras encadear 3 vitorias consecutivas (3-1 ante o Vet. Ars Canis, 2-1 ante o Explovi e 6-1 ante o Parquets Corcoba). Ademais das vitorias consecutivas chega nun intre doce de xogo, facendo bos partidos como o da semana pasada, que a pesar de que comezou con derrota, fixo as delicias da numerosa afección que se acercou a animar ós nosos ó Pavillón de Coia. Para manter esta boa dinámica o equipo do Matiz contará cunha convocatoria de 7 xogadores, que serán Jorge na porta, Xmon, Vare e Chap para os postos defensivos e Emi, Quique e Pani para as posicións máis ofensivas. A principal novidade deste partido será a presenza de Quique, quen xogará o seu segundo partido da temporada defendendo as cores maticistas, trala súa chegada este pasado venres de terras peruanas. Importante reforzo o de Quique para suplir a baixa de Yago, quen tralo seu magnífico rendemento nos últimos partidos tivo que abandonar a cidade olívica para completar os seus estudos en terras catalás, que por fin remataran este ano e permitirán a Yago xogar con maior frecuencia. Tamén será baixa Davo quen por segunda xornada consecutiva xenerosamente cede un horario que non lle convén para que poida xogar un dos seus compañeiros. Ó igual que a de Yago serán dúas baixas de consideración, que agardamos que non repercutan neste bo xogo que está despregando o equipo. Por último é baixa Pablo, por mor da súa estancia en terras madrileñas, e que agardemos poida disputar algún partido máis no que resta de temporada. 

Con esta convocatoria o MatizVigo tratará de asentarse na cuarta praza da clasificación en vésperas de recibir ó intratable líder do campionato. Grazas ós resultados da última xornada o Matiz foi quen de abrir unha fenda de 4  puntos con respecto ó Cafetería Danais (5º clasificado) e de 5 puntos respecto ó Explovi (6º clasificado). Ademais ten a terceira posición a 1 punto, e hai que ter en conta que esta fin de semana hai enfrontamento directo entre quinto e terceiro clasificado (Cafetería Danais Vs Camping Cangas) polo que o Matiz, se é quen de acadar a vitoria poderá ou ben facerse coa terceira praza ou ben ampliar a súa distancia con respecto ó quinto clasificado (ou ambas situacións se empatan os mencionados equipo). Polo tanto oportunidade de ouro a que ten o MatizVigo FS e que non debe desaproveitar para poder na seguinte xornada recibir ó líder coas máximas garantías e intentar plantarlle cara. 

O partido como xa dixemos será este serán na Pista Vermella, o equipo necesita o voso apoio e xa o saben IMOS QUE NOS IMOS!!! IMOS MATIZVIGO!!!!

martes, 14 de abril de 2015

X.23 “Set e partido” MatizVigoFS 6-1 P.Corcoba

O Matiz igualou a súa mellor xeira de victorias consecutivas da tempada (3) nun completísimo encontro que agradou á numerosísima afición presente no pavillón de Coia (a mellor entrada no que vai de ano) e que serve para recuperar o colchón de puntos perdido meses atrás.

Ademáis, o resultado, 6-1, parece ser un aceno de agradecemento ao nóso dianteiro-tenista Yago, que de novo tivo que regresar a terras catalás e (aínda que todos agardamos que non sexa así) puido ser o seu último encontro da tempada coa elástica maticista. Despedíuse con dous goles e un moi bo partido.
Sendos dobletes fixeron tamén Pani (un deles un gol para o recordo, dende campo propio e co efecto xusto e necesario para superar ao adiantado cancerbeiro rival; gol con dedicatoria especial, xa que o nóso xogador estreouse no seu papel de Tío) e Emi (quen recén chegado dunha longa viaxe, puido desputar a segunda metade do encontro, anotando estes dous importantes goles que puideron ser tres, tralo un lanzamento de penalti que marchou alto).

Pero non todo foi tan sixelo. O Matiz xogou con lume esta xornada, e completou a convocatoria de 5 xogadores case de casualidade. E é que como xa dixemos, Emi non chegaría ata o descanso, e só a presenza de Xmon (que era dúbida) permitíu completar a convocatoria de 5, formada ademáis de polos xa nomeados Pani e Yago, por Vare e Jorge.

E tampouco foi sinxelo o inicio de partido, xa que os nósos a pesares de dominar e crear boas ocasións, erraron moito e encaixaron un gol nunha das escasas ocasións rivais na primeira metade. Por fortuna o equipo repúxose pronto, empatou e marchou ao descanso coa sensación de ter realizado un magnífico traballo ao que só lle faltaban máis goles.
E estes chegaron na segunda metade.

Unha segunda metade que ademáis de goles tivo tamén balóns á madeira, dous penaltis errados (o xa citado sobre Emi) e outro a favor dos rivais detido magníficamente por Jorge, que sumábase a festa e pechaba a súa gran actuación detendo tamén un dobre penalti.

Tras estas semanas de partido-descanso-partido-descanso, regresa momentáneamente a normalidade á competición, que celebrará dúas novas xornadas antes dun novo parón pola ponte do 1º de maio.
Dúas xornadas nas que os nósos tentarán deixar prácticamente pechada a súa permanencia na categoría. A baixa de Yago contrarréstase co regreso de Davo que ausentouse por primeira vez na tempada. Ademáis agárdase que pronto poidamos ver a Quique de novo sobre os terreos de xogo.
Grazas pola súa atención. Reciban un cordial saúdo.

miércoles, 1 de abril de 2015

X.22 “Reconquistando posicións” Explovi 1-2 MatizVigoFS

Importante victoria do Matiz ante un rival directo que chegaba empatado a puntos cos nósos na 5ª e 6ª posición da táboa.

O encontro, desputado trala xornada de parón por SanXosé e previo á xornada de parón por SemanaSanta, asubiado por Pousa, transcorreu ao igual que na ida no pavillón de Navia, e tamén igual que na primeira volta (1-1) foi un partido moi parco en goles, con dous equipos nos que priman as defensas (o Explovi é o 3º menos goleado do campionato) e que difícilmente abandonan as súas posicións no campo asumindo riscos. Así pois, foi un partido pouco vistoso para os siareiros, que acudiron en bo número a apoiar ao equipo e que dende a alegría pola vitoria, fixeron chegar as súas críticas polo xogo.

Aínda así, e dende a óptica dun análise meramente obxectivo do encontro, debemos destacar que o Matiz controlou o choque, levou o peso do partido, creou ocasións e apenas fixo concesións defensivas. Iso sí, errou moito en ataque, e errou tamén estrepitosamente no gol do rival.
Ademáis o equipo tivo que superar nos últimos minutos a dificultade engadida de defender sen posibilidade de facer falta ante o aviso de dobre penalti polo colexiado.

Anotaron Pani mediada a primeira metade e Yago na segunda, xusto despois do gol do empate do Explovi.

Tres novos puntos que permiten ao equipo afrontar o novo parón con moita tranquilidade.
Regresará o equipo a fin de semana do 11 e 12 de abril ante o colista ParquetsCorcoba (perxudicado por unha sanción de 6 puntos por non presentación).
Agárdase que Yago poida desputar ese encontro, no que é probable a baixa de Xmon (se o clube accede a súa solicitude de ausencia por motivos persoais) e polo momento é dúbida Emi (pendente de conexións aéreas).