domingo, 23 de noviembre de 2014

"Na liña do empate" ParquetsCorcoba 2-2 MatizVigoFS

 
O Matiz suma o seu segundo empate en dúas xornadas que ralentiza a consecución do obxectivo da tempada, pero lle permite manter a boa xeira de encontros sen perder. 
De novo, bo esforzo colectivo e traballo defensivo, pero importantes lagunas de xogo e baixón de inspiración individual dalgúns xogadores. Aínda así, moito máis ritmo e ocasións para os olívicos que na xornada anterior.

Nesta octava xornada de campionato, enfrontábase o Matiz a un dos equipos da parte baixa da táboa, que sorprendeu aos nósos cunha boa presión na saída de balón e cun nivel competitivo superior ao que reflicte a súa posición na clasificación.
De feito, foi un rival (15º clasificado) que buscou máis a vitoria que o Explovi (7º) na xornada pasada.
O Matiz sabía que tiña que mellorar o feito na xornada anterior, asumir máis responsabilidades e chegar máis e mellor a portería contraria. 
Non comezou mal o equipo, pero o gol de Corcoba que os puña por diante no electrónico sentou moi mal aos homes de negro. Pouco a pouco víase que non era un bo día dos nósos. Erros clamorosos en pases sinxelos, malos controis de balón, desaxustes defensivos, erros pouco habituais en portería...
Por fortuna, unha vez máis, os nósos contrarrestaban todo iso con traballo e máis traballo. De novo, temos que destacar nesta faceta o esforzo dos homes ofensivos do equipo, nesta ocasión Yago e Pani. 
Avanzada a primeira metade e co balón de osíxeno que supuso a chegada de Davo, o equipo deu un paso ao fronte, suplíu a falta de xogo cunha mellor presión en campo rival, empatou o encontro e marchou ao descanso con mellores sensacións. O gol, obra do cumpleañero Davo tras rematar un bo centro de Yago dende banda esquerda. 

Pero o inicio da segunda metade borrou de novo esas sinais de melloría. De novo, o equipo víuse sen ideas para saír dende atrás e non conseguía superar a presión rival. Pasou uns minutos moi malos, e cando comezaba a desperezarse chegou o 2-1 para os madereiros. 
Seguíu remando o Matiz, tivo de novo ocasións, pero unha vez máis mostrouse moi negado de cara a gol. Encarando xa o tramo final do encontro, sería de novo Davo nunha xogada similar a do primeiro tempo o que empataría de novo o choque, facendo o 2-2.
E aínda tería o propio Davo a oportunidade do 2-3, pero desta vez non puido convertir. 
O Matiz cometía a quinta falta neste tramo final do encontro, e o rival atoparía a sexta, mais o colexiado do encontro Méndez, non a víu e privounos dun dobre penalti. 
Tentouno na derradeira xogada o Matiz pero o electrónico non se movía do 2-2.

O equipo, céntrase xa no último encontro antes do parón pola ponte festiva de Decembro, que agardemos que sirva para recuperar definitivamente aos mancados Emi e Xmon.
Pero antes diso, dificilísimo encontro a vindeira semana, en principio con tan só 5 efectivos. 

Reciban un cordial saúdo! 

sábado, 22 de noviembre de 2014

X8: Parquets Corcoba Vs Matiz Vigo FS. Seguir Sumando

Moi bos días queridos lectores

Hoxe cun pouco menos de tempo do habitual, xa estamos aquí, nestas liñas para analizar o que vai ser un novo encontro do Matiz Vigo FS tralo seu empate da pasada xornada ante o Explovi.

Esta semana o noso equivo vai recibir a un vello coñecido, o Parquets Corcoba, co que o antigo DCM enfrontouse na temporada 2009/10 na 2ªB (naquela temporada na ida o DCM perdeu por 6-4 e na volta, na última xornada, gañou por 8-3) e que este ano non está pasando polos seus millores momentos, pero que non por iso deixa de ser un rival perigoso, analicemos os seus números. Ata o momento o equipo madeirense leva 1 vitoria, 2 empates e 4 derrotas, e dicir, perdeu 4 partidos e non perdeu en 3. Polo tanto vemos que é un equipo que está acostumado a sacar puntos dos seus partidos. Porén a semana pasada tiveron un duro varapau ante un rival directo como o Librería Hollandia ante o que perderon por 5-0. Este duro resultado fixo que o Hollandia lle adiantase na táboa clasificatoria e que o Parquets Corcoba ocupe agora mesmo a penultima posición da táboa clasificatoria, pero a tan só 4 puntos do sétimo clasificado que é o que marca os postos de salvación. Se entramos a analizar os restantes partidos do Corcoba estes foron os seus resultados.


Cafetería Danais F.S.
5
1 Parquests Corcoba



Parquets Corcoba
4
1
Cafetería Zaida


Camping Cangas
2
2
Parquets Corcoba


Parquets Corcoba
3
4
Catacrocker United


Endulco S.L.
5
1
Parquets Corcoba


Parquets Corcoba
4
4
Explanada F.S.


Librería Hollandia
5
0
Parquets Corcoba














Observamos que a única vitoria obtida no campionato foi una vitoria clara e contundente ante un Cafetería Zaida a 11ª posición a tan só dous puntos da salvación. Ademais o equipo da madeira conseguiu obter 2 empates ante rivais complicados como o Camping Cangas e o Explanada FS que lle puxeron as cousas moi difíciles ós nosos durante os partidos disputados esta temporada.

Pola súa banda o Matiz Vigo FS chega a este partido tras conseguir un valioso punto a pasada xornada, nun partido ó que chegou pragado de baixas, con tan só 5 xogadores máis Emi que tan só puido disputar un par de minutos no partido. A pesar de que o equipo puido levarse os 3 puntos ben é certo que na segunda parte o cansanzo físico e psicolóxico de verse con tan só 5 xogadores lle pesou moito ó equipo olívico e o Explovi mostrouse máis dominador, aínda sen facer excesivas ocasións claras. Pola súa banda o Matiz puido sentenciar o partido nalgunha contra ou erro defensivo rival pero finalmente o partido rematou 1-1. Un partido que mostrariase finalmente moi positivo, xa que tan só o líder foi quen de gañar dos 7 primeiros clasificados. Dos restantes 6 equipos tan só o Matiz, o Explovi e o Avispas de la Arena conseguiron sumar un punto nos seus partidos. Isto fai que o Matiz Vigo teña a tiro de dous puntos os postos de ascenso mentres que de momento ten 7 de vantaxe fronte ás posicións de descenso.

Para este partido o equipo negribrancovermelllo volverá a contar con numerosas baixas, se ben se agarda que polo menos o equipo poida contar cun recambio no banco para dar refrixeiro físico e mental ós xogadores. Desta forma a convocatoria será Jorge na porta, Chap e Vare para posicións defensivas, Pani e Yago para os postos de ataque e Davo como ese valioso comodín que sempre rinde a un gran nivel xogue na posición que xogue. Serán baixas Emi e Xmon por lesión e Pablo e Quique por atoparse fora dos dominios da Cidade de Vigo.

Será clave para este partido que o Matiz Vigo siga fiel ó seu estilo, que lle está a levar a ser o equipo menos goleado conxuntamente co todopoderoso Vanesma Peluqueras, o que da mostra do gran nivel defensivo que todo o equipo está a amosar, e a volta a ese espírito sólido que tantas alegrías lle deu na súa historia ó DCM-Matiz Vigo FS. 

O partido será a unha magnífica hora, sábado 22/11/2014, nun pavillón non tan bo como é a pista Vermella do Complexo Polideportivo das Travesas, agardemos que o día chuvioso non perxudique ó estado no que se atope a mencionada pista. Agardemos ter unha boa presenza de seareiros nos graderíos, xa que precisamos do voso apoio!IMOS que nos IMOS! IMOS MATIZ VIGO!

lunes, 17 de noviembre de 2014

"O Matiz non pasa do empate nun frouxo encontro" MATIZ 1-1 EXPLOVI

 
O Matiz suma a cuarta xornada sen perder pero curta a súa xeira de 3 victorias consecutivas, nun encontro no que os nósos non souberon dar a lectura adecuada ao partido, ao asumir un papel de inferioridade e renunciando a dominar o choque. Aínda así, encomiable o esforzo dos xogadores. 

Estreaba segunda equipación nesta sétima xornada o Matiz, trocando o negro polo branquivermello da bandeira viguesa e cores corporativos do nóso patrocinador, MatizVigo -Serigrafía e Estampación- (Calle de Elduayen, 55, - Bajo ( Esquina Paseo Alfonso XII))
E chegaba o equipo con 6 xogadores, Jorge, Davo, Vare, Pani, Yago e un Emi que tan só puido comprobar sobre o campo que a súa lesión da última xornada non lle permitiría desputar este encontro.

Ese feito de quedarse sen o seu referente no xogo e con tan só 5 xogadores, afectou excesivamente ao Matiz, que inconscientemente pasou a pensar só no difícil que sería sobrelevar o cansazo sen trocos. Iso levoulle a renunciar ao dominio do esférico (aínda que na primeira parte, comprobou que cando combinaba, creaba perigo sobre a meta rival), e a xogar con moita precipitación, feito que foi contraproducente para a súa idea de dosificar esforzos. Aínda así, como diciamos, nesta primeira metade, o equipo dispuso de moi boas ocasións para adiantarse no marcador, pero non foi quen de materializalas, en gran parte por falta de confianza, e apenas pasou problemas en defensa. 

Pero tralo descanso, o rival decidíuse a ir polo partido, tras observar que o Matiz era vulnerable. Subíu a súa liña de presión, e os nósos, con ese pensamento inconsciente de incapacidade de dominar o duelo, renunciaron definitivamente ao xogo combinativo. Por fortuna, nun saque de esquina botado por Vare, e con bo movemento de Pani, Yago conectaba un colocado disparo que se convertía en gol tras tocar a madeira.
1-0. Xa por diante no marcador, os nósos centráronse só en conservar esa renda. 
Yago e Pani traballaban arreo para axudar en defensa, e o rival só inquedaba a Jorge con disparos lonxanos. 
Pero xa preto do final, e nun deses lanzamentos dende fóra da área, o balón tras petar na defensa, quedaba morto na área, e o rival con algo de fortuna o convertía no empate 1-1.
Quixo respostar o Matiz, e demostrou que tiña capacidade para ter xogado este partido de forma diferente. Tirando de gran calidade individual, Yago creou tres boas ocasións de gol, recibindo os aplausos do respetable, e finalmente dispuxo dunha clara opción nun grave erro do cancerbeiro rival que deixou a súa porta baleira, pero o disparo lonxano marchou fóra.

Ao final reparto de puntos, nun encontro no que ninguén fixo méritos suficientes para sumar a victoria.
De novo resaltar o gran esforzo dos xogadores, representado na figura dun Pani que traballou cada acción como se fose a última, e dun Davo que rematou o encontro agotado.

Na vindeira semana, o equipo agarda recuperar a Chape, o que dará algo máis de osíxeno aos nósos. E agardemos que, tralo visto neste encontro, saiba encauzar mellor tanto esforzo e poida sobrepoñerse á importante e case segura baixa de Emi. Xaime traerá tódolos datos na previa. Ata entón, reciban un cordial saúdo!

E grazas de novo á patrocinadora por esta segunda equipación e pola súa presenza na bancada!

sábado, 15 de noviembre de 2014

X7: MATIZ VIGO F.S. vs Explovi - Asentarse en Zona Tranquila

Benqueridos lectores nos atopamos unha semana máis neste espazo para analizar o que vai ser unha nova xornada da competición recreativa non federada máis importante da cidade de Vigo.

O Matiz Vigo vai recibir esta semana a un duro rival, que non é outro que o Explovi, e que presenta números de equipo da zona media, isto é, 2 vitorias 2 empates e 2 derrotas, o que lle permiten estar na sétima posición con 8 puntos, xusto un posto por riba do descenso, que como se confirmou a semana pasada, este ano afectará ós 9 últimos clasificados da segunda división. O Matiz Vigo se atopa 7 puntos por enriba do Explovi e 8 por riba do descenso, unha vitoria esta xornada permitiría ó equipo da Oliveira de Vigo asentarse nos escasos postos tranquilos da táboa clasificatoria, e afastar en 10 puntos a un rival da parte alta da zona de descenso. Porén o partido se presenta cunha dificultade elevada para os intereses dos homes de negro, xa que o Explovi chega ó partido en plena xeira de vitorias, xa que conseguiu gañar os seu dous últimos partidos pola mínima, o que lle permite ter algo de respiro na clasificación e poder saír dos postos de descenso. Máis concretamente os resultados do Explovi durante esta temporada foron os seguintes
  1. Caf. Zaida 4-4 Explovi
  2. Explovi 1-3 Camping Cangas
  3. Catacrocker Utd 2-2 Explovi
  4. Explovi 4-6 Endulco SL
  5. Explanada FS 1-2 Explovi
  6.  Explovi 1-0 Librería Hollandia
Pódese observar polo tanto que nos últimos 4 partidos o Explovi tan só perdeu un partido, obtendo 2 vitorias e 1 empate. Non se debe fiar por tanto o Matiz Vigo dun equipo cuns números goleadores medios, xa que marcou 14 goles (2,33 por partido) e encaixou 16 (2,66 por partido). 

O Matiz Vigo pola súa banda chega ó partido cun cambio de pezas respecto á pasada xornada onde goleou ó Veterinaria Ars Canis, tras unha primeira parte igualada no marcador, non así nas ocasións onde a vantaxe dos homes de negro foi manifesta. Respecto a pasada xornada o equipo perde a Pablo que volve a Madrid trala visitada da pasada xornada e a Emi que por mor de compromisos laborais terá que estar no país de Ánxela Merckel. Estas dúas malas novas se compensan coa presenza de Yago que chega a terras viguesas para disputar as dúas vindeiras xornadas de liga, un reforzo de luxo para a dianteira Maticista. Coa súa presenza o equipo negrovermellobranco intentará aumentar a súa eficacia en ataque, e poder desta forma seguir coa boa xeira de resultados. En definitiva a convocatoria será a seguinte: Jorge na porta, Vare e Chap para as posicións defensivas, Pani e Yago para as ofensivas e Davo como ese valioso comodín que está a ser indispensable ante o continuo baile de actores nas convoctatorias do Matiz. Son baixa, por tanto, os xa comentados Emi e Pablo, Quique quen segue ó outro lado do charco e Xmon que se segue recuperando da súa torcedura de nocello.

Ante esta convocatoria tan axustada onde o equipo tan só conta cun cambio para afrontar todo o partido será indispensable que o equipo manteña o gran nivel dos últimos partidos e que saiba xogar coa paciencia que lle está caracterizando este ano. Se noutros anos os derradeiros minutos de cada partido eran un auténtico suplicio para os nosos que non paraban de perder puntos neses intres, agora os finais dos partidos se están transformando nos mellores minutos do noso equipo, onde consegue con paciencia e traballo matar os partidos e incluso facerse con vantaxes cómodas no marcador. O equipo segue a ser dos equipos menos goleados (o segundo menos goleados detrás dun Vanesma que parece estar noutro nivel ó do resto dos equipos da categoría) e está a mellorar os seu números ofensivos onde xa leva 22 goles (sendo o cuarto máis anotador neste apartado). Polo tanto será chave saber manter esa solvencia defensiva e tratar de aproveitar as ocasións de gol que de seguro rematarán por aparecer.

O escenario non podía ser mellor, o moderno pavillón de Navia, un pavillón propicio para facer un bo quecemento e para que os nosos estean dende o primeiro momento conectados ó partido, e que non regalen nin un so minuto ó rival, para que desta forma se poida sumar a sexta vitoria da temporada e a cuarta consecutiva. Tras dous partidos consecutivos como visitante o equipo volve a recuperar o rango de equipo local.

Xa o saben o domingo ás 16:00 horas todos ó pavillón de Navia! un magnífico plan para unha fin de semana sen liga!. Imos que nos Imos! Imos MATIZ VIGO!


martes, 11 de noviembre de 2014

"O Matiz consolida o seu bo momento" MatizVigoFS 4-1 Vet.ArsCanis

Nova victoria dun Matiz que refrenda o seu gran inicio de campionato nunha liga de máxima dificultade, onde se confirma que a final de tempada descenderán 9 equipos, 2 ascenderán e só 5 acadarán a permanencia.

O encontro desta xornada, caracterizouse polo regreso de Pablo S., que vestíu por vez primeira a nova elástica maticista (agardemos que poidan ser moitas máis).
Os nósos atopáronse cun rival moi rocoso, que como xa adiantaba Xaime na previa presenta uns bos números defensivos a pesares de estar colista na división. A intensidade do Vet.ArsCanis (por momentos excesiva e superando os límites do regulamento), víuse acrecentada pola permisividade arbitral, e complicou as cousas a un Matiz que tivo que adaptarse a ese xogo, e acabou sabendo competir.

O partido foi moi desputado. O Matiz non tivo o seu mellor día en canto a posicionamento táctico se refire, pero co bo momento individual dalgúns dos seus xogadores e co plus de potencialidade ofensiva que lle aportou a presenza de Pablo, bastoulle para levarse o choque.

Adiantaríase na primeira metade o Matiz por mediación de Pani tras acompañar fantásticamente unha xogada por banda contraria do propio Pablo.
Un Pablo que anotaría un golazo dende campo propio, ao tentar despexar un balón que remataba envenenándose e petando no longueiro da porta rival antes de botar dentro e saír de novo da portería. Por desgraza, o colexiado unía un erro máis ao seu desafortunado arbitraxe e non daba o gol.
Nas chegadas dos visitantes, Jorge respostaba magníficamente e así chegábase co 1-0 ao tempo de refrixerio.

Tralo descanso empatarían os visitantes nun deses erros que neste encontro cometeu o Matiz. Erro na saída do balón e equipo mal posicionado.
Pero a partires de ahí, o Matiz mellorou, fíxose máis intenso en defensa, contaxiado por un Chap nun gran momento de xogo, e solventou o encontro con goles de bella factura, obra de Emi, Pablo e Pani.

O equipo pensa xa na vindeira xornada, onde terá que superar as baixas de Pablo e Emi, contrarrestadas en parte co regreso de Yago.

Moitas grazas a afición que acudíu en bo número a este choque.

FOTOS NO SEGUINTE ENLACE:
 

sábado, 8 de noviembre de 2014

X6. Matiz Vigo F.S. Vs Vet. Ars Canis. Reforzo de Luxo para un Partido Trampa.


 Benvidos queridos lectores 

Nos atopamos este sábado día 08/11/2014 nestas liñas para analizar o que vai ser a sexta xornada de liga competición recreativa máis importante da cidade Vigo en Xogo. 

O Matiz Vigo FS recibirá nesta xornada a un vello coñecido dos nosos, o Veterinaria Ars Canis F.S., que esta temporada non está comezando con bo pe a competición ligueira, xa que nas 5 primeiras xornadas non foi quen de estrear o seu casilleiro de puntos. Porén esta estatística pode resultar moi enganosa, xa que se analizamos os resultados deste equipo no que vai de campionato, veremos que en moitos partidos estivo cerca de obter a lo menos un punto. Vexamos a súa traxectoria no que vai de campionato.
  • 1ª Xornada: Avispas de la Arena 4-1 Vet. Ars Canis. foi a súa derrota máis contundente no que vai de campionato, ante un dos equipos punteiros do grupo, que ocupa a quinta posición, xusto por debaixo do Matiz Vigo F.S. con 3 vitorias e dúas derrotas.
  • 2ª Xornada: Vet. Ars Canis 1-2 Explanada F.S. aquí vemos que o equipo veterinario estivo moi cerca de sumar os seus primeiros puntos ante un rival que mantivo en alerta ó Matiz Vigo ata os derradeiros minutos de partido onde conseguiu despegar no marcador. Actualmente o Explanada F.S. ocupa a novena posición con 2 vitorias e 3 derrotas. 
  • 3ª Xornada: Bar Lobishome 3-1 Vet. Ars Canis.  Este foi o segundo partido, e último, onde o equipo canino perdeu por máis de 1 gol ante un Bar Lobishome que se atopa a tan só 3 puntos do equipo dos homes da oliveira, ocupando a sexta posición na táboa clasificatoria.
  • 4ª Xornada: Vet. Ars Canis 1-2 Librería Hollandia. Nesta xornada perdeu por tan só un gol ante un dos rivais que nestes intres ocupa a zona baixa da clasificación e que se enfrontou a semana pasada ó equipo do Matiz Vigo F.S.
  • 5ª Xornada: Bar Secundino 3-2 Ver. Ars Canis. Outra vez o equipo que nos visita esta xornada quedouse co mel nos beizos, e caeu por tan só 1 gol ante un Bar Secundino que ocupa a oitava posición con 2 vitorias e 3 derrotas.
Imaxe obtida do Facebook do Ver.Ars Canis
 Polo tanto obsérvase que se trata dun equipo que sempre logra competir en tódolos partidos e, que agás no primeiro, púxolle as cousas moi difíciles ó seus rivais, polo que se o Matiz Vigo F.S. cae no exceso de confianza seguro que sae mal parado deste encontro, máis aínda se temos en conta os enfrontamentos do ano pasado entre ambos equipos, onde se ben na volta o Matiz Vigo F.S conseguiu impoñerse por 6-2 ó equipo veterinario, na ida tan só foi quen de obter unha vitoria por 2-1 nun axustado partido. 

Unha vez analizado ó noso rival, chegou a hora de analizar ó noso equipo. O Matiz Vigo F.S. chega ó partido enchido de moral tras lograr unha importante vitoria por 7-1 ante o Librería Hollandia, nun partido onde tan só contaba con 5 xogadores, por mor das diferentes circunstancias que fixeron que o equipo non puidera contar coa metade do seu cadro de xogadores. Para este partido as previsións son máis positivas, xa que o equipo olívico poderá contar con dous reforzos respecto ó pasado partido, estes serán Pani que volverá ós terreos de xogo tralos seus compromisos empresariais e Pablo quen debutará esta xornada tras poder escaparse da capital española para disputar un partido na cidade máis bela do noroeste español. Pablo volverá a enfundarse a elástica do equipo tras unha temporada e 5 xornadas. A pasada campaña Pablo tiña que abandonar a disciplina do conxunto maticista para emigrar cara Polonia para a finalización dos seus estudos. Este ano a pesar da súa residencia na capital española, a directiva conseguiu pechar un contrato, para que cando o xogador estea por terras galega poida disputar partidos co equipo maticista. Non vamos agora a descubrir o alto nivel competitivo de Pablo, tan só nos espera agardar que tal se adaptará ó xogo do Matiz Vigo FS, un xogo que é moi similar ó que se propoñía fai dous anos cando o equipo militaba na primeira división da competición.

Polo tanto a convocatoria estará formada por Jorge na porta, Davo, Chap e Vare para posicións defensivas e Emi, Pani e Pablo para as posicións en ataque. Serán baixa Quique quen segue ó outro lado do Atlántico, Xmon que aínda estará preto de dúas semanas máis de baixa por mor da súa torcedura de nocello e Yago quen se atopa en Manresa, pero quen se nada se torce estará a disposición do adestrador nas dúas vindeiras xornadas de liga, o que compensará as previsibles baixas de Pablo e de Emi que non poderá estar a vindeira xornada onde o equipo visitará ó Explovi.

O partido xa o saben o vindeiro domingo día 9 de novembro deste 2014 que xa está rematando, no pavillón do Berbés ás 17:00 horas. Unha hora moi futboleira nun céntrico e ben dotado pavillón de deportes onde o Matiz Vigo xa ten feito xestas asombrosas como gañar e empatar a equipos punteiros da primeira división de Vigo en Xogo.

Non se o perdan, o equipo necesita o seu apoio! xa saben! imos que nos imos! Imos Matiz Vigo!.

martes, 4 de noviembre de 2014

"Un deses días para o recordo" LibreríaHollandia 1-7 MatizVigoFs

 
Varias tempadas atrás, o antigo DCM vivíu un fin de semana no que tivo que desputar dous encontros (un en sábado e outro en domingo) baixo mínimos. E o resultado foi excelente. Foron días que sempre quedarán no recordo deste equipo.

Esta 5ª xornada da tempada, tamén será un deses días. O MatizVigoFS, parecía gafado, coa lesión de Xmon no anterior choque e coa baixa de última hora de Pani por motivos laborais. Por se fose pouco, Vare esquecía as botas e tiña que regresar in extremis na súa busca, chegando a tempo grazas á colaboración do presidente das peñas do Matiz, o Sr.David. 

O inicio do encontro tamén pintaba moi negro para os maticistas, e é que a pesares de que os locais non lograban crear perigo, nunha doble cesión a Jorge, obtían un libre indirecto dende a frontal da área que convertían en gol, 1-0.
Todo indicaba que o Matiz, sen trocos, ía a acusar moito ir por detrás no electrónico. Pero por fortuna, pronto lograban empatar, o que devolvía a tranquilidade o equipo.
Sería nunha xogada na que Vare abría cara Davo en banda dereita, e éste sen demasiado ángulo, sacaba un potente disparo que remataba no fondo das maias. 1-1.
De ahí ao descanso, o Matiz foi mellorando. O seu posicionamento táctico non daba opcións de ataque ao rival, que non sabía qué facer coa posesión. E cando o balón era dos olívicos, éstes creaban perigo. A ocasión máis clara un balón á madeira de Emi.

Na segunda metade, chegou a xesta. 
En lugar de acusar o cansazo, o equipo estaba cada vez máis cómodo, pero de novo, erraba boas ocasións de gol. Houbo outro balón á madeira de Vare, antes de que por fin, chegase o 1-2. De novo obra de Davo, de novo dende banda dereita, e de novo sen apenas ángulo, importantísimo gol dun Davo que asumía perfectamente a gran responsabilidade que o equipo dáballe neste encontro.
A partires dese gol, o Hollandia desfíxose. Precipitouse e concedeu moitos espazos ao Matiz. Así chegarían 4 goles de Emi e un máis en propia porta, que levaban o resultado ata o 7-1 final.
Magnífico encontro. Grandísimas sensacións. 

Hoxe toca nomear un por un aos partícipes deste histórico partido.
 Jorge, sen moito traballo pero respostando perfectamente cando o rival chegaba. Ademáis, anotouse un gran asistencia a Emi dende a súa  porta no 1-3 que decantaba o encontro.
Chape, quen completou un encontro de dez. Perfecto posicionamento que lle permitíu roubar moitos balóns e non acusar en exceso o cansazo, de feito, animouse nos últimos minutos a subir ao ataque e incluso dispuso de ocasiónde gol.
Vare, sen esquecer o seu principal labor, a defensa, tentou axudar o máximo posible aos dous homes de ataque, apoiándoos con desmarques e ofrecendo opcións de pase. Estivo preto do gol e aínda que non o conseguíu, disfrutou moito do partido.
Emi, de novo decisivo. 4 goles, pero sobretodo moito traballo a favor do equipo. Defendendo, recibindo balóns, creando xogadas... un dos seus mellores inicios de tempada.
Davo, tras unhas primeiras xornadas algo apagado, comezou a aparecer na 4ª xornada en Bembrive, e saíuse nesta 5ª xornada, facendo dous goles de vital importancia, e deixando ata a última gota de enerxía no campo. Se mantén esta liña, o Matiz notará unha gran melloría.

Iso e todo. A pensar xa na vindeira xornada.
Grazas de novo a David e tamén a María, fieis (e pouco agobiados) seguidores do equipo!! :D

sábado, 1 de noviembre de 2014

Baixo Mínimos. Librería Hollandia Vs MATIZ VIGO F.S.

Benqueridos lectores outra semana máis nos atopamos neste espazo que nos facilita o Matiz Vigo F.S. para plasmar o que vai ser a quinta xornada de competición da temporada 2014/15 de Vigo en Xogo.

Coma sempre comezaremos falando do noso rival o Librería Hollandia, que é un auténtico descoñecido para os nosos. O equipo académico ven de firmar un titubeante comezo de liga o que lle fai ocupar os postos baixos da táboa clasificatoria. Porén na última xornada encontrou por fin o camiño da vitoria e está por ver cómo afectará isto ó seu rendemento nas vindeiras xornadas. Podemos dicir, á vista dos seus números que o equipo libreiro trátase dun equipo cunha moi boa produción ofensiva pero que encaixa moitos goles. Así  o amosan os seus números no que vai de competición. O Librería Hollandia ocupa a décimo terceira posición con 3 puntos (9 o Matiz), 1 vitoria (3 o Matiz), 3 derrotas (1 o Matiz), 10 goles a favor (11 o Matiz) e 19 en contra (9 o Matiz). Polo tanto vemos que os seus números ofensivos son positivos, case similares ós do Matiz cunha media de 2,5 goles a favor por partido (2,75 o Matiz) pero pola contra se trata dun equipo que encaixa moitos goles, 4,5 por partido (2,25 o Matiz). Polo tanto a defensa o equipo da Oliveira de Vigo deberá estar moi atento e manter o nivel defensivo que está a mostrar en case todos os partidos, cun estilo máis definido que o pasado ano e que lle está a dar moi bos resultados. Na faceta ofensiva coma sempre deberá intentar aproveitar as súas oportunidades, das que ata o momento está a gozar de moitas, pero lle falta un chisco para ser un dos equipos con máis pegada do campionato. 

A tarefa de enfrontarse ó Librería Hollandia non será doada, xa que o equipo de negro chegará ó partido moi minguado polas baixas, dos 10 xogadores cos que conta no equipo so poderá contar con 5, é dicir cos xustos para afrontar este partido. Isto se debe a diversos motivos. Pablo e Quique seguen sen participar no que vai de campionato como xa estaba previsto, e tan só se agarda a súa participación en partidos puntuais, que no caso de Pablo podería ser incluso na vindeira xornada. Yago atópase en Manresa e o equipo deberá tratar de soportar a súa ausencia en ataque dúas xornadas máis, xa que dentro de dúas fins de semana o poderemos ver outra vez nos terreos de xogo defendendo as cores maticistas. A estas baixas que foron habituais nas dúas últimas semanas se lle suma a baixa de Xmon que se lesionou a pasada semana cunha escordadura de nocello e que estará aproximadamente tres partidos máis de baixa e a de Pani que por mor de motivos empresariais non poderá acudir ás instalacións de Candeán onde se disputa o partido. Polo tanto 5 baixas que farán que os 5 asistentes teñan que poñer todo da súa parte para formar unha aliñación competitiva e realizar un partido intelixente no que non arrisquen máis do debido e no que saiban dosificar os seus esforzos. Estes 5 xogadores que son os que formarán a convocatoria serán Jorge na porta, Vare e Chap para os posicións defensivas e Emi e Davo para as ofensivas.

Será de moito valor por tanto o apoio dos seareiros dende a bancada, que xa a pasada semana lle deron un plus ó equipo que lle permitiu gozar dun final de partido plácido, cando todo parecía indicar o contrario xa que o equipo chegaba con menos efectivos que o rival e polo tanto podería acusar o cansazo ó final do encontro. Polo tanto a situación de equipo axustado non lle será nova ó Matiz Vigo, quen se sabe manexar ben nestas lides e de seguro que é quen de plantarlle cara a un difícil rival como é o Librería Hollandia.

O partido se disputará no pavillón de Candeán ás 11:00 horas do Domingo, unha boa hora para gozar dun bo partido de fútbol sala e despois gozar dun marabilloso e longo domingo. Imos que nos Imos! Imos Matiz Vigo!.