jueves, 31 de mayo de 2012

"Un clásico para pechar a tempada" DCM - P.Eloy



Chega a derradeira xornada da liga 2011-2012 e chega cun clásico entre vellos coñecidos, dous equipos recén ascendidos á categoría e que rematan a tempada con boas sensacións tras pechar a súa permanencia xornadas atrás.

O Parquets, realizou unha segunda volta extraordinaria, e non só logrou confirmar a súa permanencia na categoría senón que rematará a tempada nos postos altos da clasificación e apúntase como candidato ó podio na vindeira tempada. Dende a súa propia web, sinalan que gran parte de ese éxito, débese a que o rendemento do seu xogador franquicia, o Vasco, incrementouse nas últimas datas, chegando a ser o das grandes citas. Pero ademáis,un gardamallas consolidado, unha gran defensa e a irrupción no equipo dun xogador desequilibrante como é Jorge, son as claves deste ParquetsEloy capaz de vencer a calqueira nesta categoría.

Na ida, a pesares de chegar moi parellos na clasificación, o Parquets foi superior ós Dcmistas, facendo que os nósos caeron no seu xogo e sufriran unha dolorosa derrota.
Nesta ocasión o Parquets chega moito máis forte, e o DCM moi xusto de efectivos e forzas a esta última xornada.
A participación de Pani é moi improbable por unha mancadura no talón, Emi e Chape son dúbidas e os irmáns Santos chegan tocados físicamente. Aínda así, e a pesares de que por primeira vez nos duelos entre ambos, ningún dos dous equipos xógase demasiado clasificatoriamente falando (o Parquets loitará por rematar entre os 5 primeiros e o DCM entre o 8º e o 11º segundo os resultados), os nósos loitarán como sempre, coa motivación de ter enfronte a un vello coñecido, de ser o derradeiro encontro da tempada, de querer alcanzar a cifra dos 100 goles e de poder estar a vindeira semana na entrega de trofeos, erguendo o título á deportividade. Ademáis, o escenario do encontro, o Pavillón de Coia otorga tamén un tinte especial ó partido, ó ser un pavillón raramente utilizado na VigoEnXogo.

Todo preparado para despedir a tempada. Non o perdan.
SÁBADO ÁS 17H. NO PAVILLÓN DE COIA

martes, 29 de mayo de 2012

"Orgullosos do esforzo” NovoVidal 6-2 DCM



Con tan só 5 xogadores (e dous deles tocados) desputou o DCM a penúltima xornada de liga ante un dos mellores equipos da liga segundo os analistas.

Jorge, David (que remataría mancado), Vare, Pablo e Emi que arrastraba problemas da semana anterior, deixaron na pista todo o que tiñan. Fixeron un encontro correcto en defensa e crearon ocasións de perigo en ataque. Pero a efectividade rival e sobretodo a superioridade física do NovoVidal decantaron o encontro.

A primeira parte foi bastante igualada en número de ocasións, pero os dcmistas erraron as súas (creadas tras moito insistir, e é que a maioría de ataques quedaban en nada ante a superioridade física dos defensas de NovoVidal que tirando de corpo impedían os regates dos dianteiros Dcmistas)  e NovoVidal aproveitou as que creou, todas elas boas xogadas nas que tiraban paredes abrindo o esférico a un lado do campo e servían o pase para empurrar dende o punto de penalti (o cansazo non permitía ós dcmista seguir todos os desmarques). Así, chegábase cun 3-0 ó descanso.

Na segunda metade seguíu a mesma tónica. O DCM non se rendeu e continuou traballando arreo para chegar preto da área rival. Por desgraza, chegaba o 4-0 nunha acción desafortunada, na que un centro dende a banda sen destinatario acababa nas redes de Jorge. Nestes segundos 25 minutos, os defensas de NovoVidal comezaron a chegar tarde ás anticipacións de esférico, e xa non roubaban o esférico limpamente aproveitando o seu físico, senón que existiron múltiples contactos (sempre dentro da deportividade) non asubiados por un Muñiz que permitíu demasiado. Aínda así, Emi fíxose forte neses contactos e Pablo tirou de casta e desatascou algo ó DCM logrando marchar por primeira vez e en máis dunha ocasión do seus defensores, creando superioridades en ataque e boas ocasións.
Pablo faría o 4-1 de falta directa e intres despois o 4-2 que daba algo de emoción ó partido.
David caía entón mancado e limitábase a defender como boamente podía.
Mereceu o DCM algún dobre penaltie pero como diciamos o colexiado deixou xogar demasiado.
O cansazo fixo mella e NovoVidal sentenciou o encontro con dous novos goles.

Gran traballo destes 5 fantásticos e a pensar xa no derradeiro partido ante ParquetsEloy.

jueves, 24 de mayo de 2012

A PREVIA: "Esforzo final baixo mínimos" NovoVidal - DCM

Penúltima xornada a que se desputará este domingo ás 14:00h no pavillón de Lavadores.
O DCM recibe a un dos equipos punteiros da división, pero ó que xa conseguíu arrincar un empate na ida.

Os nósos chegarán moi mermados polas baixas a esta xornada. Pani cun forte hematoma no talón esquerdo, non estará na convocatoria, ó igual que Xmon con permiso do clube. Ademáis, Emi chegará tocado tralo golpe recibido no último encontro. Se agarda que Chape sí poida entrar na convocatoria neste delicado momento.

O partido será fermoso de xogar, ante un bo rival. Trala vitoria na última xornada, agárdase que os nósos recuperaran confianza, e co bo traballo que veñen realizando nos últimos partidos, poderán xogar de ti a ti ó NovoVidal, e incluso optará á victoria.
Jorge loitará unha xornada máis por tentar deixar a porta a cero; Vare, David e agardemos que tamén Chap, tentarán demostrar que as graves lagunas defensivas de xornadas atrás, son xa cousa do pasado; e Pablo e Emi, tentarán dar de novo espectáculo ofensivo ó servizo do equipo, sen esquecer o importante traballo defensivo que semella fundamental ante este rival.
Ademáis segue en xogo a deportividade, o obxectivo de alcanzar a cifra dos 100 goles, mellorar en xogo, desfrutar do partido...
Moitas razóns para estar ó pé do canón por penúltima vez na tempada. Imos!

DOMINGO ÁS 14:00H NO PAVILLÓN DE LAVADORES

domingo, 20 de mayo de 2012

"Reencontro coa vitoria” DCM 5-1 Navia FS




Un DCM correcto no traballo, curta a negativa xeira de tres derrotas consecutivas e amosa que a derrota ante o Gamusinos foi só un esbarón é que o equipo merece a permanencia acadada xa que é algo superior ós que loitan polo descenso.

Sen moito acerto e sen demasiada continuidade no xogo, pero con moito traballo, o DCM reencontrouse coa vitoria nesta antepenúltima xornada dominical de liga.
Triunfo necesario para devolver a confianza ó equipo, necesitado dela como demostra a multitude de ocasións erradas no día de hoxe.
O DCM dominou gran parte do encontro. Custoulle adiantarse no marcador, errando moitas ocasións, pero cando Pani conseguíu o 1-0, o partido foi algo máis sinxelo para o equipo a pesares de seguir errando goles. Antes diso, Jorge xa tivera un par de moi boas intervencións a balóns envelenados.
Por diante no electrónico, o DCM centrouse en defender, confiando que en ataque chegarían máis goles; pero estes non chegaban. Ante este panorama, o equipo multiplicou os esforzos en defensa; esforzo personalizado na figura dun Pani que hoxe realizou un auténtico partidazo.
Cun Jorge centradísimo no partido e cun Pani omnipresente, o equipo rematou de imporse no partido grazas a un Pablo que hoxe asumíu o papel de candidato a mellor asistente da liga, cun Emi tetragoleador e moi participativo, e con David, Vare e Xmon cumplindo con solvencia na parcela defensiva.
Así, antes do descanso Emi faría o 2-0.

E nada máis voltar do tempo de refrigerio chegaría o 3-0 que sentenciaba o partido. Chegaría despois o hattrick de Emi e o seu cuarto gol, aproveitando que Pablo atopara a fórmula de superar ós defensas rivais cada vez que se o propuña, nunha gran demostración de potencia física e intelixencia.
Jorge semellaba pola labor de deixar a porta a cero, e deixou outro par de intervencións de moito mérito. Pero cando o partido encamiñábase xa ó seu fin, Navia Fs conseguía facer o gol da honra.
Ó final tamén forte golpe recibido por Emi, que xunto a uns balonazos sufridos por Jorge, Vare e Pablo, agardemos que enchese o cupo de xogadas desafortunadas para o físico dcmista.

Dous partidos máis para desfrutar e para conseguir estar na entrega de trofeos de final de tempada recibindo o galardón á deportividade.
Imos rapaces!! Bo traballo!!

jueves, 17 de mayo de 2012

"Antepenúltimo fin de semana ligueiro" DCM-Navia FS



A liga encamíñase cara o seu fin. Cos deberes feitos, o DCM afronta os tres partidos restantes coa portunidade de desfrutalos, antes de que cheguen os meses de botar de menos o balón rodando as fins de semana. 

Este domingo, estará enfronte un Navia FS que se xoga a permanencia nestes tres partidos que restan. O rival necesita a vitoria, quere quedar en primeira e loitará ata o último minuto para conseguila.
Na ida, o DCM venceu por 1-6, pero desta vez, o encontro será moito máis complicado; e é que os nósos chegan igualando a peor xeira de resultados do ano (3 derrotas consecutivas, algo que só ocorrera nas primeiras 3 xornadas); agardemos que unha vitoria a curte de raíz.

O DCM sairá a xogar, tentará defender ben e combinar co esférico (no último partido o equipo xa o tentou pero o rival rematou por amosar a súa superioridade). Esta semana, ante un equipo da zona baixa, os nósos agardan logralo.
Se non hai novidades, agárdase a convocatoria ó completo, con Chape e Xmon como novidades respecto a última xornada.
Recordamos unha vez máis que o equipo todavía ten un título en xogo, a deportividade, que sería a guinda perfecta a esta primeira tempada na máxima división.

Vémonos o domingo! A desfrutar rapaces!
DOMINGO ÁS 12H NO PAVILLÓN DE LAVADORES

domingo, 13 de mayo de 2012

"Un DCM traballador pero moi desafortunado, sucumbe ante o Matamá” Matamá 5-0 DCM



Mellores sensacións que en xornadas pasadas, pero de novo unha derrota.
O DCM fixo un partido serio, que tivo controlado durante 22 dos 25 primeiros minutos, pero dúas xogadas desafortunadas xusto antes do descanso, deron moita vantaxe a un Matamá que tivo un segundo tempo máis placentero ante o baixón físico dos dcmistas. Tres encontros para o final, nos que os nósos queren volver a gañar e asegurar a deportividade.

Con probatura de posible novo balón para a tempada que ven en VigoEnXogo, principiou o encontro entre o DCM e un Matamá VelArte que xogábase as súas opcións de campionato.
O DCM saíu moi concentrado para evitar goles tempraneiros como nas últimas xornadas. O equipo estaba ben situado defensivamente e Matamá non conseguía crear perigo. Ademáis nestes primeiros minutos trenzou algunha boa xogada o DCM e tivo opcións de adiantarse no marcador, pero a fortuna non acompañou.
Ademáis, como pediamos na previa, os nósos defensores mostráronse fortes, (David fixo uns 20 primeiros minutos moi destacados), e o traballo dos homes ofensivos era encomiable.
Pero cando o descanso semellaba chegar co resultado de 0-0, nas dúas últimas xogadas desta primeira metade, Matamá ía atoparse con dous golpes de fortuna decisivos. Primeiro cun disparo lonxano que petaba o xusto nas costas dun defensor Dcmista para coarse pola escadra da portería de Jorge, 0-1, e instantes despois intento fallido de despexe de David que coábase chorando na porta Dcmista 0-2.

Excesivo castigo para os nósos polo visto no terreo de xogo.
E por se fose pouco, nada máis principiar a segunda metade, unha falta lanzada sen demasiada intención polo Matamá, convertíase nun golazo cun disparo de unlla á cepa do poste do DCM, 0-3.
A partir de entón o DCM remaría, pero as forzas xa escaseaban nun día tan caluroso. Ademáis, enfronte estaba o 2º clasificado da liga, que defende moi ben e ten un gran cancerbeiro que evitou, xunto co longueiro, que o DCM recurtase distancias.
Co equipo asfixiado, o Matamá aproveitou para facer os restante dous goles e levar o electrónico final a 0-5.

A pesares da derrota e do abultado do resultado, o equipo logrou competir e desfrutar do partido durante moitos minutos, ese é o obxectivo rapaces! Noraboa Jorge, David, Vare, Pablo, Pani e Emi polo esforzo! Ademáis o equipo continúa sen ver cartóns amarelos e a deportividade xa está só a 3 encontros.

A vindeira xornada o equipo visitará a un Navia que se xoga a permanencia na categoría.

jueves, 10 de mayo de 2012

"Regresará a mellor versión Dcmista" DCM-MatamáVelArte



Coa permanencia matemática no peto, o DCM afronta un complicadísimo envite ante un rival que se xoga a vida nesta xornada.
A diferencia da semana pasada, na que o Gamusinos era un equipo que só conseguira 3 vitorias, desta vez, xogamos contra un Matamá que só perdeu 3 partidos. Os nósos contarán coas importatnes baixas de Chape e Xmon.
Pero a pesares de que todo iso soa moi negativo, dende esta redacción pensamos que son os ingredientes adecuados para o rexurdir Dcmista.

E é que este equipo crécese ante rivais da zona alta. Entrégase máis cando as baixas conlevan unha convocatoria escasa. Xoga nun pavillón que gusta, e sobretodo, os nósos queren xa unha alegría tras dúas semanas de decepcións.
Por todo iso, agardamos ver no pavillón de Bembrive a mellor versión Dcmista.

Jorge estará baixo paus, con moitas gañas de desfrutar do encontro, tras dúas semanas nas que xogadas desafortunadas (pelotazo no baixo ventre) e o potencial ofensivo dos rivais, estanlle dificultando gozar do partido. Desta vez o conseguirá.

En defensa, David e Vare, necesitan como auga de maio facer un gran partido. E é que nas últimas datas, o equipo móstrase moi frouxo en tarefas defensivas. Agardamos ver dous mariscais en defensa, que se fagan fortes en cada xogada, que non concedan nin un só erro, e que saian moi satisfeitos co traballo realizado.

E na zona ofensiva, tras non atopar porta con claridade no partido ante Gamusinos e sobretodo tras non poder trenzar xogadas das que desfruta todo o equipo, Pablo, Emi e Pani estarán tamén ansiosos por desfrutar do xogo. Son tres xogadores creativos e imaxinativos, que agardan facer xogar a todo o conxunto. Traballando en defensa e combinando como saben en ataque, voltará o DCM que conseguíu consolidarse como un equipo da primeira división. Veremos a un Pani que deixará todo o que ten no campo, un Emi que desfrutará combinando cos seus compañeiros e facendo xogar ó equipo, e un Pablo resolutivo, capaz de marcar as diferenzas.

O resultado será o de menos se o equipo consegue todo iso. Podemos rapaces! Desfrutemos do partido!

SÁBADO ÁS 17H NO PAVILLÓN DE BEMBRIVE

lunes, 7 de mayo de 2012

"O DCM non pode co colista no día no que acada a permanencia matemática” DCM 2-6 Gamusinos



Incapaz de superar ó colista da división. Así sentíuse o DCM na mañá do domingo ante un Gamusinos que atopouse cun regaliño de tres goles nos instantes iniciais de partido que lle permitiron despois facer un soberbio partido baseado nunha intensísima defensa e en contras letais.
O DCM tentouno, deixou todo no campo, pero hoxe, nesta circunstancia de ir sempre por detrás no marcador, foi inferior a un Gamusinos que deixou moi boa imaxe e que apura as súas case inexisistentes opcións de salvación.
A decepción dcmista contrarréstase cos resultados dados esta xornada, e é que tralas derrotas de Wapichi e UrbaOsCabazos, os nósos estarán matemáticamente na primeira división a tempada que ven. Ambos equipos, que marcan a permanencia, quedan a 12 puntos do DCM, con 12 todavía por desputar, pero co golaveraxe particular a favor dos nósos en ambos casos. Noraboa a parroquia Dcmista por acadar o obxectivo.

Semellaba un encontro ideal para pechar a permanencia con victoria e bo xogo, e con esa idea na mente saíu o DCM ó pavillón de lavadores este primeiro domingo de maio. Enfronte un Gamusinos con pé e medio en 2ª división e que tan só lograra 3 victorias e 3 empates ata este momento.
Pero pronto víuse que a distancia clasificatoria non era tal distancia no campo. Gamusinos non saíu de vítima nin especulou. Defendeu con fortaleza dende o primeiro minuto e buscou o gol en cada acción de ataque. E nas tres primeiras que tiveron anotaron tres goles que encheron de autoestima ós celestes. Continuaba así a sangría de goles que sufren os Dcmistas nesta tempada. Pero os nósos non se afundiron. Confiaban nas súas opcións de remontada. Pero hoxe, ademáis de estar moi febles en defensa, tampocou foi o día do equipo en ataque. Os defensas de Gamusinos superaban en altura e forza ós atacantes dcmistas, que apenas eran quen de entrar en contacto co esférico. Aínda así, co 0-3, o equipo creou algunha que outra ocasión clara, pero o esférico non atopaba porta. Tras varias oportunidades erradas, chegaría preto do descanso o 1-3 por mediación de Emi.

Semellaba o rexurdir Dcmista, e máis cando a volta do descanso e tras insistir durante varios minutos e errar de novo ocasións claras, Pablo facía o 2-3. Incluso tería o equipo a oportunidade de empatar o partido, pero de novo, mostrouse que a pólvora estaba hoxe mollada.
E entón, Gamusinos volveu saír da cova, e ó igual que en defensa, tirou de superioridade física para superar ós defensores locais, que víronse superados no intento de defensa individual. Así chegaba o 2-4.
O encontro seguíu coa mesma tónica. Boa defensa dos visitantes, e esforzo inútil dos Dcmistas. Remaron e remaron pero agora xa nin creaban claras ocasións.
Gamusinos defendía con moita comodidade vendo como pasaban os minutos e como o DCM, desesperado ó verse incapaz de superalos, estaba cada vez máis lonxe de poder achegarse no marcador.
Cando os nósos xa acusaban o desgaste de tentar unha e outra vez superar a boa defensa celeste, sacaron dous novos contragolpes que deixaban o partido no 2-6 definitivo.

Gran partido do colista que ensinaba de novo unha lección que xa todo o mundo coñece por esta liga; calqueira pode gañar a calqueira.

Coa permanencia matemática no peto, o DCM dispón de 4 xornadas para correxir erros e sentar as bases da súa idea de xogo para a vindeira tempada. Mellorar as prestacións defensivas e incrementar a porcentaxe de acerto de cara ó gol, antóxanse fundamentais. 
Ademáis, recordamos que o equipo segue na desputa do trofeo da deportividade, tanto o da liga como o xeral. 
Na vindeira xornada o equipo visita ó Matamá Vel´Arte, o conxunto que máis xornadas estivo no máis alto da clasificación este ano, e que non pode errar para recuperar o 1º posto, agora en mans do Hannover. O DCM tentará poñerlle en moitos apretos. 
Imos rapaces!! A corrixir erros e noraboa pola permanencia!!

jueves, 3 de mayo de 2012

"A acada-la permenancia matemática" DCM - Gamusinos

Nesta 26º xornada e a falta doutras catro para rematar a competición, o DCM pode selar a súa permenancia na máxima categoría do fútbol sala afeccionado vigués se vence ó colista da división, un Gamusinos que, salvo milagre, a vindeira tempada será equipo de 2ª división.

Con tan só 3 vitorias e 3 empates en 25 partidos, Gamusinos, recén ascendido da 2ª división, é a demostración do salto de nivel que existe entre divisións. Gamusinos ten un equipo ordenado tácticamente, pero iso, que é suficiente noutras categorías para estar nos postos altos da táboa, non chega na 1ª división.
Aínda así, os celestes apuran as súas últimas opcións de permanencia (que a teñen a 12 puntos a falta de 15 por desputarse), e non porán as cousas sinxelas a un DCM que buscará neste encontro a súa permanencia matemática, e novamente os dous obxectivos que terá de aquí a final de tempada; non recibir nin un só cartón e poder desfrutar cada encontro, xa que rematada a liga, botarase de menos poder desfrutar da competición. E cunha vitoria será máis probable que se alcancen ambos.

Así pois, en búsqueda desa vitoria, o equipo contará (salvo contratempos por comidas familiares ou de última hora) con Jorge baixo paus, Xmon, Vare, David e Chape en defensa (estes dous últimos arrastran algún problema físico pero non deberían ter problemas para entrar na convocatoria) e Emi, Pani e Pablo en posicións ofensivas.

A PERMANENCIA MATEMÁTICA EN XOGO, ESTE DOMINGO 06 DE MAIO ÁS 12:00H NO PAVILLÓN DE LAVADORES