domingo, 23 de enero de 2011

“15 minutos de ensoño foron suficientes” Frutas Nieves 3-5 DCM


O DCM suma a segunda victoria consecutiva neste 2011 grazas a unha saída en tromba cara a portería rival nos primeiros 15 minutos de encontro, onde amosaron o seu mellor fútbol (cicáis dos mellores minutos do equipo na liga) que se traducíu nunha vantaxe de 4 goles a favor que á postre serían decisivos. Tralo 0-4 o DCM desapareceu da pista, comezaron os patadóns en longo sen sentido e Frutas Nieves chegou a meter o medo no corpo a falta de 8 minutos para o final co 3-5. Por fortuna os 3 puntos quedaron no peto dcmista.

Presión, recuperación e saída con paredes. Tres pilares deste deporte que onte o DCM soubo empregar nun arranque fulgurante de encontro que sorprendeu a propios e extranos. O que en ocasións o equipo é quén de facer nos adestramentos, onte por primeira vez foi quén de levalo á cabo na competición. As ocasións sucedíanse e o rival víase impotente ante tal intensidade dos dcmistas. Ós 15 minutos o marcador reflectía un contundente 0-4. Os anotadores foron Yago por partida dobre, Emi e Vare.
Con ese resultado, Frutas solicitaba un tempo morto para curtar a sangría goleadora, e conseguíronno. O DCM trabucouse por completo nas formas ó voltar á pista. Non pode achacarse á relaxación, xa que o equipo estaba desfrutando co xogo despregado nos primeiros intres e quería máis, pero esquecéronse do que ata o momento fixeran de marabilla para caer nos erros de sempre. Comezaron os pases en longo a ningures que ninguén é quén de comprender, deixouse de presionar encima ós rivais, deixándolles recibir e pensar, deixáronse de ofrecer desmarques e opcións de pase en curto para comezar a pedir o balón moi lonxe do pasador e así o partido pasou dun dominio absoluto, a un encontro no que o Frutas comezaba a ter o balón e un par de boas ocasións (balón ó pau incluido) e o DCM limitábase a algunha contra esporádica.

O descanso só servíu para confirmar eses últimos minutos da primeira metade. Por fortuna chegou un 5º gol de Yago que permitíu non sufrir de máis nos intres finais, nos que Frutas conseguíu recurtar distancias ata o 3-5 e todavía con oito minutos por diante. Por sorte, apenas houbo perigo neses derradeiros minutos e o pitido final do colexiado Eladio confirmaba unha victoria dcmista baseada nuns primeiros minutos para enmarcar e emborronada cos habituais vicios negativos do xogo dcmista no resto do encontro.

Este partido deixa moi claro o que se debe facer e o que non se debe facer. O equipo sabe como ten que xogar e cada xogador ten claro cáles son os seus acertos nese xogo colectivo fantástico dos primeiros minutos e cáles son os erros que comete e que perxudican ese xogo colectivo rápido e de precisión.
Só queda estar sempre ó 100% metido no partido é ó servicio do equipo para facer o correcto.

Dous encontros para rematar a primeira volta contra dous equipos da zona media-baixa da táboa; Lecer, un rival cun xogo ó que os nósos cústalles afrontar e finalmente NK.

Despídome ata a próxima, que cicáis sexa a vindeira Previa e non a Crónica, xa que dende o foro estúdiase unha restructuración dos servizos informativos para mellorar a eficacia e a eficiencia desta web.
Reciban un cordial saúdo!

No hay comentarios: