martes, 22 de marzo de 2016

X12 e X20: "Fin de Semana Épico que Catapulta ó Matiz á Segunda Posición"


X20 - Melocotón Fs 3-4 MatizVigo FS
X12- Carpe Diem 3-4 MatizVigo FS (Xornada adiada).
 
Aínda que non temos o resto de resultados para poder actualizar a clasificación, podemos avanzar que o Matiz Vigo sitúase na segunda posición da táboa clasificatoria tras superar por un dobre 3-4 ós seus rivais esta fin de semana.

SÁBADO: CARPE DIEM VS MATIZVIGO FS
Finalmente esta semana era a escollida pola organización para recuperar o partido que levaba adiado dende a xornada 12 por mor da condensación da pista municipal de Bembrive, naquel fin de semana tropical de principios de ano. 

O Matiz chegaba coa intención de facerse cos tres puntos para poder loitar o domingo polo segundo posto. Porén o partido resultaría moi complicado para os nosos. Dende o primeiro minuto o equipo rival decidiu xogar con porteiro xogador, o que fixo que os nosos non tiveran moita posesión do esférico. Con todo sería o Matiz que se adiantaría no marcador, cun gol obra de Yago. Realmente este era o segundo gol do partido de Yago pero o primeiro que subía ó marcador, xa que o colexiado non foi quen de ver a gol pantasma. Antes do descanso o Carpe Diem era quen de empatar, nun primeiro disparo Jorge conseguiría despexar o balón, pero o rexeite caería en mans dun rival que conseguía poñer a igualada no marcador.

Na segunda parte o Matiz sufriu aínda máis a presión adiantada do rival, porén nunha xogada que parecía non ter excesiva importancia, o Carpe Diem filtraba un balón entre os defensas maticistas, Jorge decidiu despexar o balón en lugar de atrapalo, o esférico envelenouse na súa traxectoria e o gardamallas que estaba un pouco adiantado, aínda que tocou o balón non foi quen de detelo. 1-2 no marcador e o primeiro gol en 10 anos do gardamallas maticista. Con este 1-2 o matiz non foi quen de coller osíxeno a pesares das múltiples ocasións que tivo para marcar sen gardamallas. Yago faría o 1-3, pero na seguinte xogada o Carpe Diem acurtaría distancias e incluso chegaría a empatar 3-3. Porén a falta de 20 segundos Emi foi quen de colar un balón na escadra rival facendo que o equipo obtivese 3 puntos moi importantes.

DOMINGO: MELOCOTÓN FS 3-4 MATIZVIGO FS
Segundo contra terceiro clasificado (se contamos a vitoria do sábado), partido emocionante o que se tiña que xogar na pista vermella. Porén o Matiz chegaba a este partido sen forzas debido ó grande esforzo do día anterior. Ademais os seareiros maticistas espertábanse coa mala nova da lesión de Yago, o máxiimo goleador do equipo, quen por mor dunha lumbalxia causaría baixa. 

Con 6 xogadores, algún deles tocado, presentábase o equipo na pista vermella. Para dificultar máis as cousas o Melocotón adiantaríase no marcador 1-0. Porén o Matiz daba a sensación de ter controlado o partido e xogar ó ritmo que el quería. Froito deste dominio conseguiría darlle a volta ó marcador cos goles de Emi e de Pani.

Na segunda parte o Melocotón saíu apertando un pouco máis e conseguiría darlle a volta ó marcador poñendo o 2-3 no electrónico. O último gol cun exceso de vista por parte do gardamallas, a quen a estraña distribución da pista vermella levouno a engano. Porén cando todo parecía perdido apareceu Emi para empatar o partido, e faltando dous minutos para rematar o partido Davo marcaría un gol valiosísimo que foi celebrado polo xogador negribrancovermello como se merecía.
Pousa asubiaría o final e o matiz lograba 6 puntos nunha fin de semana de moitas dificultades, e onde conseguiu 4 dos 6 puntos nos últimos minutos do partido.

En canto teñamos os resultados, actualizaremos a clasificación. Gocen da semana santa!.

Coma sempre agradecer a presenza de seareiros maticistas na grada, como Lúa (por partida dobre), Sote, Su, Sheila, Ale, familiares e amigos de Emi e Yago que o domingo apoiou ós nosos a pesares da súa lumbalxia.

lunes, 14 de marzo de 2016

X19: MatizVigo Fs 5-4 VASF - "Terceira Vitoria Consecutiva e Pegados ó Ascenso"




Vitoria sufrida pero moi valiosa a acadada este fin de semana polo MatizVigo ante un correúdo Vasf que lle puxo as cousas moi complicadas ós nosos, sobre todo no desenvolvemento da segunda parte.
O partido comezaba con dominio absoluto do cadro maticista, quen era o dono do partido ante un Vasf que parecía que aínda non estaba dentro do campo, froito deste control o equipo maticista púxose con relativa solvencia 3-0 no marcador. Con este resultado nada facía presaxiar o sufrimento que viría nos seguintes minutos. Emulando ó acontecido na primeira volta, o Vasf foi collendo o ritmo do partido e a posesión do mesmo, froito disto nos últimos minutos da primeira parte chegaría o 3-1 nun potente remate dende fora do área que se colaría pola escadra maticista. O Vasf acurtaba distancias nun momento clave da primeira parte.

Na segunda o equipo visitante, sería o total e completo dominador do esférico, sendo o Matiz incapaz de calmar o partido e tecer longas xogadas. Como consecuencia deste dominio pronto chegaría o 3-2 nun disparo raso que Jorge rozou pero non foi quen de despexar e o 3-3 nun disparo desviado pola defensa maticista.. Porén este terceiro gol non lle sentou de todo ben ó VASF que despois de ter una contra, na que Jorge acabaría con parte do ollo morado, para facer o 3-4 viuse abaixo grazas a dúas accións rápidas e moi próximas no tempo, que propiciou que o Matiz se puxera 5-3 por diante. Nos últimos minutos o matiz non sufriría demasiado a pesar de que o VASF foi quen de recortar distancias. Os goleadores desta fin de semana foron Davo e Emi por partida dobre e Yago cun gol máis para a súa conta particular e xa van 30.

Con este resultado o equipo da Oliveira de Vigo faise con cuarto posto da táboa clasificatoria e prosegue coa súa remontada, despois de que fai varias xornadas tocase fondo na sétima posición. Agora atópase a tres puntos do terceiro clasificado a 4 do Melocotón FS, segundo, pero cun partido menos que eles. Precisamente o vindeiro rival maticista antes do parón será o Melocotón, partido moi importante para intentar asaltar os tres primeiros postos que dan dereito a xogar a vindeira temporada na máxima categoría.

Coma sempre queremos agradecer a impagable e valiosa presenza dos seareiros maticistas na gradaría. Sempre co seu alento motivan ós nosos e nos axudan acercarnos a vitoria. Neste caso dámoslle as grazas pola súa asistencia ás bancadas de Balaídos, a Lu, Sheila, Fani, Lúa, Ale, Pedro e Sote.

lunes, 7 de marzo de 2016

X18:MatizVigo Fs 4-0 Markyweb. "O Martiz Permítese seguir Soñando"

Importantísima vitoria a acadada polo MatizVigo FS ante un rival directo, a segunda consecutiva tras gañar a semana pasada nos últimos minutos ó La Cruz Azul (que esta semana venceu ó líder Melocotón)

Estos 6 puntos aupan ós nosos á quinta praza a 3 puntos do ascenso, e cun partido menos que o primeiro e cuarto clasificado. Polo tanto as opcións de ascenso siguen vivas, e as vindeiras semanas serán trascendentais para saber se o equipo Branquinegrovermello pode loitar ata o final por este obxectivo.

Centrándonos no partido desta fin de semana o Matiz logrou superar ó Markyweb por un contundente 4-0. A primeira parte foi de dominio maticista, tendo o Markyweb poucas ocasións claras. O Matiz adiantouse no marcador grazas a un gol de Davo mediada a primeira parte e candpo parecía que este sería o resultado co que se chegaría ó descanso, unha contra do Markyweb era desartellada por unha presión espectacular do Matiz, o equipo volvería a perder o balón pero grazas á presión de todo o equipo, e en particular de Yago, o 15 maticista lograría roubar un pase entre defensas e marcar o gol ante o que nada podería facer o gardamallas rival. Sen tempo para sobrepoñerse a este gol, unha contra levada por Xmon e facilitada por Yago acabaría nun gol cheo de fortuna, Xmon intentaría pasarlle o balón a Yago, e o defensa ó intentar cortarlo enviaría o esférico ó fondo da portería. O gol se lle adxudicou á Xmon de xeito oficial no acta do partido.

Con este marcador se chegaría ó decanso. Ó igual que no partido de ida, o Markyweb saíu máis agresivo nesta segunda parte intentando recurtar distancias. Porén o bo rendemento colectivo defensivo do Matiz fixo que o equipo visitante non puidera anotar ningún gol. Algúns dos integrantes do Markyweb confundiron a agresividade positiva coa negativa, e un deles faría unha forte entrada sen balón a Davo. Moratón para o do Matiz Vigo, e cartón vermello pola sucia entrada para o integrante do equipo branco. Avanzando o partido tamén houbo outra lea que finalmente rematou sen consencuencias. O Markyweb algo desorientado por estes feitos decidiu apostalo todo co gardamallas-xogador, e nun mal pase curtado por Emi, o partido remataría cun gol do 8 maticista.

Dende este Facebook/blog coma sempre queremos agradecer a presenza de seareiros nas gradas, neste caso foron, Lúa, Lu, Sheila, Fani e Pedro quenes animaron ós nosos dende as bancadas. Tamén agradecer o comportamento deportivo dalgúns dos integrantes do Markyweb, e en especial de Sote, quen axudou a que as leas non foran a máis.