miércoles, 21 de diciembre de 2011

“A pegada do vixente campión afunde ó DCM” DCM 2-7 Hannover


Entretido partido para despedir o ano, o que nos brindaron Hannover e DCM, dous equipos con aspiracións moi diferentes na táboa pero coa mesma necesidade de puntos.
O DCM tentouno, e chegou a meter o medo no corpo ó rival, pero a letal pegada do Hannover sentenciou o partido e enviou de novo ós Dcmistas a postos de descenso.

A décima xornada de liga, deixábanos un duelo entre vellos coñecidos e o regreso de Emi ás convocatorias tralo seu paso polas illas británicas. Polo que só Yago e Chape eran baixa para este partido.
Hannover comezou mandando co esférico, o movía dun lado a outro con moito criterio e paciencia pero non acababa de superar con claridade á defensa dcmista. Gozou dalgunha tímida oportunidade o DCM con pases en longo ós que a piques estaba de chegar Pablo. Pero pasados os minutos iniciais e ó ver que só coa posesión non era suficiente, os actuais campións optaron por tentar rachar a tela de araña dos rosiñas con disparos lonxanos, e acertaron de cheo na idea. Ós sete minutos de encontro, tras saque dende o curruncho e rexeite da defensa, o balón morto na frontal da área era convertido cun disparo potente polos visitantes facendo o 0-1. Pronto chegaría o 0-2 cun lonxano mísil de Migui que superaba a Jorge.
Duro golpe para os dcmistas en escasos minutos, que lles obrigaba a asumir máis riscos. Consecuencia diso, chegaría o terceiro gol dos visitantes tras boa combinación en ataque ante unha defensa moito menos poboada que no inicio, era o 0-3.
Parecía que sentenciaba xa o choque ó Hannover, pero baixaron entón en intensidade os visitantes e o DCM meteríase de novo no partido. Puido recurtar diferenzas Vare tras bo servizo de Emi en boca de gol, pero non chegou con convicción suficiente e o seu forzado remate petaba no defensa cando o cancerbeiro estaba case batido.
Sí conseguirían achegarse no marcador consecuencia da sexta falta do Hannover, Vare anticipábase nun balón dividido ó que rival chegaba tarde e Pousa indicaba a infracción. Quique, lanzaba o dobre penalti e aínda que o porteiro rexeitaba por dúas veces, á terceira Quique conseguíu transformar facendo o 1-3.
E un minuto despois, fantástica contra dos Dcmistas levada por Emi quen servía de novo a pracer para que esta vez sí, Vare fixese o 2-3 co que se chegaba ó descanso.

O DCM estaba no partido, e ós rivais aparecíanlles as pantasmas de partidos anteriores, onde a pesares de ser moi superiores, un exceso de confianza complicáballes os encontros.

Saíu convencido das súas opcións o DCM na segunda metade e tiveron ata 3 ocasións claras para facer o empate, a mellor nun disparo ó pau de Quique.
Pero a fortuna non estivo de cara neses intres para os dcmistas, non só porque non entrou o gol do empate senón porque o 2-4 chegaría en propia porta tras un intento de despexe de Pani.
Co 2-4, o DCM optou por centrarse no ataque, esquecendo o traballo en defensa, e ante iso, os visitantes atoparíanse coa situación idónea para desplegar o seu xogo, e con boas combinacións e desmarques creaban continuamente superioridades en ataque que se convertían en goles. Un tras outro ata chegar ós sete que reflicte o marcador. Tería tamén algunha contra clarísima o DCM pero hoxe a súa fortuna cara o gol xa tiña marchado facía tempo.

Remataba así un encontro que tivo momentos de igualdade, pero que rematou con victoria moi xusta do Hannover que foi moi superior ós Dcmistas no cómputo global.

Con este resultado e as victorias do P.Eloy, Xestas e de Navia, o DCM cae tres posicións na táboa e remata o ano en postos de descenso. Aínda así, o equipo debe quedar coas cousas boas destes dez primeiros encontros que son moitas, para regresar máis mentalizados cos rivais no ano 2012, xa que haberá moitísimo en xogo.
E é que agora sí, podemos dicir que rematou ese periodo de adaptación do equipo á categoría. Xa saben os nósos como son os partidos na primeira división, e a pesares de acabar en postos de descenso o ano, as sensacións non son de todo malas.
O DCM plantou cara a tódolos rivais e tivo opcións en tódolos encontros.
Ademáis, concluíu tamén a adaptación de Pablo ó equipo, Xmon e Chape retomaron o ritmo da competición e xa están a un alto nivel, superáronse importantes baixas como as de Jorge e Emi e a permanencia está moi preto (a só dous puntos).
Con implicación e esforzo, os resultados deberían chegar no ano 2012.

Ata entón, reciban un cordial saúdo. Felices festas para todos!

No hay comentarios: