viernes, 11 de diciembre de 2009

Volta á Competición tras un preocupante parón

Benqueridos lectores, volve xa a competición recreativa máis importante de España, é dicir, Vigo en Xogo. Tras unha xornada de parón é tempo xa de volver a quentar os motores para gozar dunha igualada competición que está a resultar moi divertida tanto para xogadores coma para espectadores, xa que nos está a deparar partidos moi igualados e onde se están a poder ver moitas sorpresas. Equipos que non comezaron ben como o Frutas Nieves están a remontar postos na táboa clasificatoria e xa están a un pequeno paso dos postos sobranceiros da táboa clasificatoria, pola súa banda outros equipos como o ACP Sport que fixo un comezo de liga envexable arroiando a tódolos seus rivais acumula xa 3 partidos sen lograr a vitoria. Todo isto fai que a competición estea moi igualada e que non haxa ningún candidato claro a facerse co campionato de liga nin que os postos baixos estean claramente definidos, xa que na maioría dos casos unha vitoria separa a zona baixa da táboa clasificatoria dos postos mornos-altos.

O DCM ven de facer un comezo de liga moi positivo que o sitúa nunha cuarta posición igualado a puntos co terceiro, se ben é certo que cun partido máis que a maioría dos seus rivais directos. Será dentro de dúas xornadas cando lle toque descansar ó equipo DCM'ista (a primeira xornada de Xaneiro), para entón o DCM quere sumar o maior número de puntos posibles para que o parón aféctelle o menos posible á súa situación clasificatoria, e poda seguir gozando desta igualada segunda división grupo "B" sen ter afogos clasificatorios provocados pola proximidade ó descenso. Polo tanto o DCM debe intentar lograr os máximos puntos posíbeis ante os seus vindeiros rivais que serán o Birraleal esta fin de semana e un vello coñecido, o Decoraciones Costas, dentro de dúas xornadas. Ambos equipos son equipos da zona morna da táboa e que se sitúan un chanzo por debaixo dos nosos na clasificación. O DCM quere que esta situación se manteña dentro de dúas xornadas e a poder ser cun pouco máis de distancia.

Porén, o DCM non presentou neste parón síntomas moi positivos para afrontar estes dous partidos con garantías de éxito. Se analizamos o que aconteceu nestes 15 días todo son sinais negativos que non parecen anunciar nada positivo. En primeiro lugar o adestramento do xoves 3 de decembro foi un sonoro fracaso. Tan só se presentaron 3 membros do equipo DCM'ista e ningún do Galecoi (que tiña partido esa mesma tarde), o que fixo que o equipo perdera unha semana de adestramento e que os 3 xogadores que acudiron ó adestramento (Emi, Pali e Jorge) tan só puideran practicar a súa puntería e facer un pequeno rápido para manter a forma física. Para máis desastre Jorge saíu dese adestramento co nocello inflamado aínda que actualmente xa se atopa en bo estado. Se o adestramento do xoves foi pésimo, non moito mellor foi o amigábel acordado polos nosos para o sábado. O Equipo por mor das complicacións de tráfico propias destas datas chegou moi xusto ó partido co que non puido facer un quecemento decente, e froito desta situación fixo un partido cargado de despropósitos liderado polo seu gardamallas que foi unha auténtica "coladeira". A pesar de este mal rendemento grazas a accións individuais se puido salvar o partido e obter unha vitoria. Por último queda por comentar o adestramento deste xoves (día 10 de decembro) que non foi moito mellor. Se ben é certo que o equipo trenzou en ataque algunha xogada interesante e moi elaborada dende atrás, tivo un comportamento defensivo moi malo. Ademais se diciamos que o gardamallas foi unha auténtica "coladeira" no amigábel da pasada fin de semana, o xoves volveu dar mostras dunha preocupante forma encaixando algúns goles que non se poden permitir a estas alturas. Para rematar a desfeita o adestramento rematou cunha pequena lesión de Emi e coas recaídas de Vare e Jorge (Vare no seu nocello que non remata de curar de todo, e que terá que agardar o parón de decembro para sanear de todo, e Jorge nunha pequena lesión que se fixo no último partido de liga nun dedo da súa man).

A pesar de estas pequenas lesións e recaídas, todo fai indicar que os 3 estarán dispoñibles para o partido desta fin de semana contra o Birraleal. Un partido onde agardemos que o DCM aparte tódalas pantasmas deste baixo rendemento no parón e que grazas á volta a competición logre a concentración necesaria para despregar ese xogo que realmente teñen nas súas botas os xogadores dirixidos por Ractkovic Varela, e que están a facer que nestes primeiros compases de liga, e especialmente nos últimos partidos estean a dar un gran rendemento obtendo uns grandes resultados, que fan que o DCM leve 4 xornadas sen perder, onde sumou 3 vitorias e un empate. Polo tanto queremos que esta previa sirva para concienciar ós nosos xogadores e a nosa afección de que hai que saír a por todas neste partido para desta maneira seguir encadeando vitorias e poder facer pechar un ano inmellorable para os intereses DCM'istas. Un 2009 que será recordado pola consecución do pasado campionato da 3ªC e que pode finalizar cunha brillante clasificación na súa recente estreada andaina pola segunda división grupo "B".

Enfronte o DCM atoparase a un rival do que coñecemos poucos datos. O Birraleal atópase situado na 11ª praza da táboa clasificatoria con 7 puntos logrados grazas as súas 2 vitorias e a un empate. Porén a situación clasificatoria do Birraleal é moi enganosa, xa que detrás desas 4 derrotas agóchanse 3 derrotas pola mínima, co cal cun pouco máis de sorte estaríamos a falar dun rival que situaríase na zona alta da táboa. O Birraleal comezou moi ben a temporada cunha contundente vitoria ante o Pizarro FS (3-0) e sumando un empate na segunda xornada ante o sempre difícil Ponte a Pintar (4-4). Na seguinte xornada chegou a súa primeira derrota que foi por 1-2 ante o Vinoteca a Laxe. Na xornada 4 chegaría a súa derrota máis contundente un 7-1 ante un gran A.C.P Sport que de aquela contaba por goleadas case tódalas xornadas que tiña disputado. Tras esta derrota por goleada o Birraleal reaccionou moi positivamente e recuperou case toda golaveraxe perdida a semana anterior gañando por un contundente 7-2 ó Aceron. No sexto partido da competición o Birraleal caeu pola mínima ante o Bar Kuvi (antigo Grupo Donno) e tras descansar na xornada sétima, volveu caer na oitava pola mínima ante o Decoraciones Costas. Polo tanto un equipo un tanto impredecíbel e que a pesar da súa baixa posición na táboa clasificatoria conta cunha gran goleada a favor e con 3 partidos perdidos pola mínima que poderían ter trocado a súa situación na táboa clasificatoria.

Para este partido o DCM contará con varias baixas. Xmon non acudirá ó partido por atoparse en Santiago de Compostela si ben confirmou que case con total seguridade estará a vindeira xornada a disposición de Ractkovic Varela. Pola súa banda Chap segue na súa particular travesía polo deserto por culpa da súa lesión nas costas e polos problemas que está a ter co seguro da Agrupación Deportiva Vigo. A estas baixas, xa habituais nas últimas xornadas, podería sumárselle a de Yago que podería ter que perderse o partido por mor dos seus compromisos deportivos co mundo do tenis. Polo tanto o DCM poderá reunir unha convocatoria de entre 6 e 7 futbolistas, composta por Jorge na portería, Vare e Pali para as posicións defensivas e Emi, Quique e Pani para as posicións de ataque (aínda que é probábel que nalgún intre do partido o adestrador decida resitualos para que xoguen en postos defensivos). A estes homes como xa comentamos poderíaselle sumar a presenza de Yago.

O partido vaise disputar a unha inmellorable hora para que os seareiros DCM'istas acudan ó pavillón da Mina para arroupar ó equipo e darlle forzas para que retomen con forza a competición ligueira. O partido disputarase como xa dixemos no pavillón do Monte da Mina ás 20:00 h do sábado (12 de Decembro). Un partido no que agardemos que o DCM despregue todo ese potencial que sabe que ten e no que obteña 3 puntos que lle permitan vivir na zona alta da táboa clasificatoria e seguir afastándose dos postos que provocan o descenso a terceira división.

Nada máis, un saúdo ata a semana que ven, e agardemos que Lino nos traia boas novas ó longo da fin de semana. Unha aperta.

5 Inicial Previsto:
------Jorge-----

---Pali----Vare-

------Pani------

-----Quique----

AVISO DE IMPORTANCIA PARA TÓDOLOS EQUIPOS DE VIGO EN XOGO:
O número de teléfono das AMBULANCIAS do seguro de Vigo en Xogo, ten trocado. Agora é o 902 111 061 (ambulancias Rías Baixas)

No hay comentarios: