miércoles, 23 de diciembre de 2009

FELICES FESTAS

Dende o DCM queremos desexarvos a todos unhas moi boas festas e que rematedes o 2009 da mellor forma posíbel. Pero en especial queremos dárvolas grazas a todos.
- A tódolos xogadores polo impresionante ano 2009 que veñen de facer e que fixeron que o equipo acadara o campionato da 3ªC e que agora atópese en cómodas posicións na táboa clasificatoria.
- Grazas a todos os que vistades este blog, porque facedes que os minutiños que lle dedicamos a isto teñan sentido.
- Grazas a tódolos rivais porque na súa gran maioría é un gusto poder xogar nesta liga, onde cada fin de semana podes divertirte intentando xogar a algo que se asemelle ó fútbol sala.
- E de maneira concreta e especial, moitísimas grazas a todos e todas ás que perdedes un par de horas do voso fin de semana para apoiarnos dende a grada. Moitas grazas a tódolos seareir@s do DCM porque o voso interese reconfórtanos moito no campo e sen dúbida é unha das pezas clave para que puidésemos acadar tantas vitorias neste ano.

En definitiva, grazas a todos e gozade das festas.

Bo Nadal

domingo, 20 de diciembre de 2009

“Un puntiño e sen danos colaterais” DecCostas 5-5 DCM

O DCM termina o ano sumando un novo punto que lle permitirá manterse na zona tranquila da táboa incluso despois da vindeira xornada na que descansará, nun partido moi difícil no que o Costas explotou á perfección tódalas súas armas.

Décima xornada de liga a desputada onte no pavillón de Manuel Antonio, nunha xélida tarde deste mes de decembro. Os nósos visitaban a un vello coñecido, o Dec.Costas, coa intención de prolongar a xeira de 5 xornadas sen perder, e colocar así o broche que Xaime comentaba na previa a este espectacular 2009.

O resultado é clara referencia do visto sobre o campo. Partido moi aberto, con moitas variacións no marcador, con emoción e tensión, algo que sen dúbida agradecen de cando en vez os seareiros.
A primeira metade foi de claro dominio dcmista, que tivo centos de ocasións para abrir distancia no marcador, algo que houbese afundido a un Costas xusto de efectivos. Pero o DCM foi perdoando en moitos momentos claves desta primeira parte e deixou con vida a un Costas que lle custou entrar no partido.
A falta de puntería na dianteira e un Jorge algo descentrado na tarde de onte, fixeron que ó descanso o encontro chegase cun 2-3 no electrónico a favor dos nósos; Emi, Vare e Quique foron os anotadores.

Aínda que o resultado era moi curto para as moitas ocasións que tiñan creado os dcmistas, a cousa pintaba ben, pero na segunda metade, Costas sacou as súas mellores armas para conseguir dominar o partido e tamén o marcador durante bastantes minutos. Armas pouco deportivas, pero habituais dentro da práctica do fútbol; intimidación ó colexiado, patadiñas para asustar ó rival e unha longa serie de recursos nada relacionados co balón para conseguir sacar ó DCM do partido. Como dicía, pódese calificar de máis ou menos deportivo, pero o certo é que todo iso está dentro da lexitimidade do fútbol, o colexiado é o encargado de facer xustiza, e a única verdade é que o Costas explotou a perfección os seus recursos, superou grazas a iso ó DCM na segunda metade e conseguíu un valioso empate. O partido puido ser para calquera, xa que ambos tiveron ocasións para a victoria, pero o final, unha metade para cada equipo e reparto de puntos. (De novo Emi e Quique marcarían os outros dous goles dcmistas).

Finalizaba así un movido encontro, que permite ó DCM prolongar a súa xeira a 6 xornadas sen coñecer a derrota; algo que case ninguén consideraría asequible antes de principiar esta andaina na 2ª división. 14 dos 18 últimos puntos en xogo, aúpan ós branquiazuis ó vagón de cabeza da liga, o que significa un inicio de campeonato formidable nun ano de adaptación a unha nova categoría. Ademáis nun partido con risco de tarxetas e lesións, o DCM saíu indemne, así que “un puntiño e sen danos colaterais”.

Agora parón por nadal e posteriormente xornada de descanso para os nósos no inicio do 2010. Agardamos ter tempo nas vindeiras datas para analizar estas 10 primeiras xornadas, este magnífico 2009 e o que se agarda do ano venideiro.

Reciban unhas cordiais felicitación das festas e desexámoslles que reciban o novo ano da mellor maneira posible.
Ata o 2010!

Felicidades por un ano inmellorable DCM!!
E moitas grazas a afección que acudíu a papar frío e a animar ós nósos!!

viernes, 18 de diciembre de 2009

A Pechar un Gran Ano

Rúas tinguidas de adornos de Nadal, comercios ateigados de xente facendo as compras de Nadal, casas que se preparan para acoller as copiosas comidas destas datas, frío que aconsella tomarse un bo chocolate quente ou refuxiarse baixo unha boa manta... Si benqueridos lectores atopámonos xa no Nadal e por tanto moi preto de pechar outro ano máis neste caso o ano 2010. O Nadal, unhas datas tan agardadas por uns e menos queridas por outros, sempre son datas de facer balanzo do que foi o ano, e sacar sempre conclusións tanto do bo coma do malo. 365 días conteñen moitas horas nas que sen dúbida houbo lugar para os sen sabores e para as ledicias, experiencias ámbalas dúas das que se pode sacar experiencia.

Para o DCM tamén é tempo de facer balanzo, e aínda que queda un partido por disputarse, o DCM pode presentarse neste partido convencido de que cando Ramón García, coa súa tradicional capa, dea por finalizado o ano 2009 vai a estar orgulloso do gran ano que ven de realizar. Un ano que os nosos comezaron cheos de moral tras unha moi boa primeira volta, pero que sen embargo poría a proba ó equipo cun mes de xaneiro cheo de lesións que faría que o equipo tivera que tirar de espírito competitivo para intentar acadar unha primeira praza que de aquela aínda non lle pertencía. Unha vez que foi quen de acadala, xa non a soltaría máis e lograría tras moitos partidos sufridos onde o equipo fixo gala dunha gran capacidade de remontada, un ascenso que dende a nosa redacción cremos que foi moi merecido, e que ademais o fixo obtendo o campionato de liga, o que lle permitiu xogar o sobranceiro torneo de campión de campións e obter o trofeo ó campión da terceira "C" e ó equipo menos goleado.

Tocaba entón comezar unha nova andaina, dende Vide se nos informaba que 2ª grupo "B" sería a categoría onde os nosos deberían loitar por facerse un oco e loitar por acadar unha salvación que déralle aínda máis valor o acadado a temporada anterior. O Equipo comezaría un tanto temeroso a liga, conseguindo poucos puntos pero deixando boas sensacións no terreo de xogo, a pesar de ser novos na categoría pronto o equipo deuse conta de que estaba a facer as cousas ben e que os resultados tiñan que chegar. E os resultados chegaron, e fan que actualmente o club estea metido de cheo nunha boa xeira de resultados e que poida rematar o ano cun ascenso e cunha terceira posición na segunda división grupo "B" no seu haber.

Porén para lograr este obxectivo e terminar o ano da maneira máis brillante posíbel, o equipo debe superar a un duro rival como é o Decoraciones Costas. O Decoraciones é un vello coñecido dos nosos, xa que fai dúas temporadas coincidiron na terceira división "C" ambos equipos, e aínda que na primeira volta ambos compartirían os postos altos da táboa clasificatoria, tras unha segunda volta irregular por parte do DCM, sería o Decoraciones quen acadaría o obxectivo do ascenso grazas a segunda posición acadada a pesar das múltiples baixas en forma de sanción que tivo nos derradeiros compases daquel campionato. Naquela temporada o DCM perdeu o partido da ida contra o Decoraciones Costas, pero na volta e aproveitando as baixas do equipo vermello logrou unha vitoria por 2-1 co que poría fin a súa temporada (xa que o DCM descansaba na derradeira xornada de aquel campionato).

O Partido é moito máis importante do que podería parecer a primeira vista, xa que se o DCM perde este partido, o Decoraciones Costas poríase a tan so un punto dos nosos e cun partido menos, e xusto na vindeira xornada é cando lle toca descansar ó DCM. Polo tanto se o club quere manterse afastado dos derradeiros postos da táboa clasificatoria e de paso afianzarse na zona nobre, debe gañar este partido para afrontar con certas garantías a xornada de descanso, e que esta non produza unha caída libre do DCM no taboleiro de posicións.

O Decoraciones Costas ven de mostrarse como un rival un tanto irregular neste comezo de campionato. Isto se pode observar nas súas estatísticas que falan dunha bagaxe de 4 partidos gañados, tan so un empatado e 3 perdidos. O Decoraciones comezou o campionato gañando por 4 a 1 a un dos equipos da zona alta da clasificación, o Pers United. Posteriormente non sería quen de lograr a vitoria ante o Pizarro, un equipo que de momento ocupa os postos baixos, e firmaría un 2-2. Posteriormente encadearía 3 derrotas consecutivas fronte ó Ponte a Pintar (2-3), o Vinoteca a Laxe (4-0) e o ACP Sport (1-9). Estas dúas derrotas avultadas pareceron dar un toque de atención ó equipo, xa que dende aquela non volveu coñecer a derrota, e foi quen de superar ó Aceron por 2 goles a 3, ó Bar kuvi (4-3) e fai dúas semanas ó Birraleal (3-4). Polo tanto o equipo vermello ven tamén dunha xeira positiva de resultados e quererá facer ver que a xornada de descanso non foi quen para rachar esa boa dinámica. O Decoraciones acudirá ó partido decidido a demostrar que ás 3 derrotas consecutivas tan so foron un accidente e que están chamados a ser un equipo da zona alta da táboa.

Para tratar de impedilo estará un DCM que como dixemos quere pechar un magnífico ano poñendo a guinda da vitoria nesta fin de semana. Para o partido Ratckovic Varela poderá contar con case todo o seu plante agás con Chapela que segue cos seus problemas burocráticos có seguro de Vide, e que está a espera de que ás instancias autonómicas decidan dar unha resposta definitiva. Polo tanto a convocatoria estará formada por Jorge para a portería, Xmon (que volve de Santiago para pasar as datas de Nadal en terras viguesas), Vare e Pali para os postos defensivos, e Emi, Pani, Quique e Yago como homes de corte ofensivo. Para tratar de gañar este partido o DCM debe intentar seguir a mostrar o espírito competitivo que está a demostrar nestas últimas xornadas e por riba de todo saír moi concentrados dende o principio para que o Decoraciones non sexa quen de sorprender nos instantes iniciais do partido.

O partido disputarase no pavillón de Manuel Antonio ás 17:00 h da tarde do sábado, unha boa hora para que os seareiros acudan ó pavillón para ver o derradeiro partido do ano dos nosos.

Pola miña banda nada máis que dicir, tan só agradecerlles a súa atención e comunicarlles que é unha ledicia poder compartir, tras un ano de apago informativo, a información do DCM con todos vostedes. Dende aquí desexámoslle un bo Nadal e un feliz aninovo. Un saúdo e até o 2010.

domingo, 13 de diciembre de 2009

"O DCM golea nun paupérrimo encontro” DCM 5-2 Birraleal

O equipo branquiazul sentencia un difícil compromiso con tres contras letais nos primeiros dez minutos de partido. Antes do descanso 5-0 e segunda metade de recheo.

A novena xornada da 2ª división grupo B, deparábanos un enfrontamento que como Xaime expresaba na súa previa, tiña moitas máis dificultades engadidas do que a primeira vista podería semellar. E é que o DCM chegaba con moitas baixas ó encontro e con xogadores tocados, e ante rival un rival que polos seus números, deixaba entrever que podería ser unha dura pedra no camiño.

Pero como moitos dixeron no seu momento, o fútbol é moi caprichoso, e para este sábado decidíu que o DCM non ía a ter ningunha desas dificultades mencionadas na previa, e ía a vencer con moita solvencia, sen facer o máis mínimo esforzo e sen sufrir nin gota.
O encontro principiaría con Jorge (que estreaba por fin equipación)- Pali e Vare-Emi-Quique e con Pani no banco. O equipo, prevendo un partido moi difícil e polo tanto cun gran desgaste físico, decidíu saír pechado atrás para gardar forzas e atacar con contras. O rival asumíu encantado o dominio do balón e comezou a tocar sen ningunha prisa e acabando as xogadas con disparos moi lonxanos que non atopaban porta. E con ese panorama, o fútbol, decidíu que nas dúas primeiras contras dos dcmistas, chegaran dous importantes goles; 1-0 e 2-0. O equipo non o cría… sen facer nada do outro mundo, únicamente con dúas carreiras (e non moi esixentes…) estaba a dominar con amplitude o marcador. Estes dous goles foron un mazazo para os visitantes, unha lousa que pesou moito nas súas costas e que non se ían a quitar de enriba durante todo o encontro, consecuencia diso, a pesadumbre comezou a minar a moral do Birraleal, que seguía a ter o dominio do esférico pero o movía a un ritmo moi lento, e ante a acumulación de homes dcmistas en defensa, só podían buscar porta dende moi lonxe ou en saques dende o curruncho. O DCM, pola súa parte, tampouco cría o que vía, pero sabía que lle interesaba o que estaba a acontecer, dominio no marcador e ritmo de partido lentísimo, que non esixía ningún esforzo físico.
A afección comezaba a bocexar ante tan pausado e pobre espectáculo. Pero os locais seguían aliados coa fortuna e de cando en vez os despertaba do tedio regalándolles algún gol máis. Así chegaría o 3-0, 4-0 e o 5-0 antes do descanso. Os goleadores foran Quique e Emi en dúas ocasións cada un, e un rival en propia porta.
Remataba así esta sorprendente primeira metade, na que o DCM goleaba a un Birraleal que estaba a levar un excesivo castigo.

E se a primeira metade, fora tediosa, a segunda directamente sobrou. Houbo un chisco máis de movementos, pero porque o DCM decidíu deixar de gardar as formas, e comezou a perder un chisco as súas posicións, a arriscar un pouquiño máis coa presión e a tentar marcar máis goles. Pero a fortuna xa fora moi xenerosa con eles durante os primeiros 25 minutos, e agora aínda que buscaron o gol con máis gañas que na primeira metade, non o conseguiron, e foi o Birraleal o que aproveitaría estes maiores ocos en defensa para facer dous goles e maquillar o resultado. O primeiro nun contraataque por banda no que sacaban un disparo cruzado que superaba a Jorge, e o segundo, tras un máis que polémico penalti que foi o único instante de mínima tensión no partido. E é que segundo o noso parecer o colexiado Toni malinterpretou o regulamento que recolle o seguinte: http://www.fgfs-galicia.com/index.php
Se concederá asimismo un tiro libre directo al equipo adversario si un jugador comete una de las siguientes cuatro infracciones:
• Deslizarse para tratar de jugar el balón cuando está siendo jugado o va a ser jugado por un adversario. (entrada deslizante con los pies).

E no partido, o que sucedeu foi que un rival lanzou a porta, e o defensor dcmista Pali interceptou dito lanzamento deslizándose polo chan, algo que non está recollido como infracción segundo esa norma que foi a aplicada polo colexiado, xa que únicamente fai referencia a cando o adversario ten o balón en posesión, non en interceptar un lanzamento ou un pase. (se algún lector ten outra interpretación desta xogada, agardamos o seu comentario)
Ademáis errou tamén noutro punto e é que non permitíu os defensores colocarse para o rexeite a un lado do punto de penal, e a norma tamén recolle que isto está permitido:
Los jugadores, excepto el ejecutor del tiro, estarán ubicados:
• En la superficie de juego.
• Fuera del área penal.
• Detrás o a los lados del punto penal.
• A un mínimo de 5 metros del punto penal.

Á marxe da polémica o penalti foi transformado e o partido rematou co 5-2.


Solvente victoria dos nósos que lles permite seguir á altura dos galos da categoría e que pon moita terra de por medio cos postos de descenso.
Aínda así, poucas conclusións pódense sacar do partido de hoxe. O DCM fixo o mínimo esixido, pero non sempre terá a fortuna tan de cara, e deberá xogar moito mellor para seguir obtendo victorias.
O certo é que como ben dicía Xaime o 2009 está a ser un excelente ano para o equipo, e pode poñer a guinda vencendo na última xornada do ano ante o sempre difícil e impredecible Dec.Costas, un vello coñecido da 3ªC. Iso será a vindeira semana.

Agradecer coma sempre a afección a súa asistencia, e compadecelos polo aburrimento sufrido no día de onte.
Destacar ademáis que ó equipo atragantóuselle un pouco a victoria, xa que por un erro de entendemento nos trocos, Figuraty estivo demasiado tempo no banco na segunda metade. O adestrador, responsable último desta situación, xa pedíulle desculpas ó xogador, e agarda que este despiste por parte de todos os seus compañeiros non volva suceder.

Reciban un cordial saúdo, e ata a vindeira semana!

viernes, 11 de diciembre de 2009

Volta á Competición tras un preocupante parón

Benqueridos lectores, volve xa a competición recreativa máis importante de España, é dicir, Vigo en Xogo. Tras unha xornada de parón é tempo xa de volver a quentar os motores para gozar dunha igualada competición que está a resultar moi divertida tanto para xogadores coma para espectadores, xa que nos está a deparar partidos moi igualados e onde se están a poder ver moitas sorpresas. Equipos que non comezaron ben como o Frutas Nieves están a remontar postos na táboa clasificatoria e xa están a un pequeno paso dos postos sobranceiros da táboa clasificatoria, pola súa banda outros equipos como o ACP Sport que fixo un comezo de liga envexable arroiando a tódolos seus rivais acumula xa 3 partidos sen lograr a vitoria. Todo isto fai que a competición estea moi igualada e que non haxa ningún candidato claro a facerse co campionato de liga nin que os postos baixos estean claramente definidos, xa que na maioría dos casos unha vitoria separa a zona baixa da táboa clasificatoria dos postos mornos-altos.

O DCM ven de facer un comezo de liga moi positivo que o sitúa nunha cuarta posición igualado a puntos co terceiro, se ben é certo que cun partido máis que a maioría dos seus rivais directos. Será dentro de dúas xornadas cando lle toque descansar ó equipo DCM'ista (a primeira xornada de Xaneiro), para entón o DCM quere sumar o maior número de puntos posibles para que o parón aféctelle o menos posible á súa situación clasificatoria, e poda seguir gozando desta igualada segunda división grupo "B" sen ter afogos clasificatorios provocados pola proximidade ó descenso. Polo tanto o DCM debe intentar lograr os máximos puntos posíbeis ante os seus vindeiros rivais que serán o Birraleal esta fin de semana e un vello coñecido, o Decoraciones Costas, dentro de dúas xornadas. Ambos equipos son equipos da zona morna da táboa e que se sitúan un chanzo por debaixo dos nosos na clasificación. O DCM quere que esta situación se manteña dentro de dúas xornadas e a poder ser cun pouco máis de distancia.

Porén, o DCM non presentou neste parón síntomas moi positivos para afrontar estes dous partidos con garantías de éxito. Se analizamos o que aconteceu nestes 15 días todo son sinais negativos que non parecen anunciar nada positivo. En primeiro lugar o adestramento do xoves 3 de decembro foi un sonoro fracaso. Tan só se presentaron 3 membros do equipo DCM'ista e ningún do Galecoi (que tiña partido esa mesma tarde), o que fixo que o equipo perdera unha semana de adestramento e que os 3 xogadores que acudiron ó adestramento (Emi, Pali e Jorge) tan só puideran practicar a súa puntería e facer un pequeno rápido para manter a forma física. Para máis desastre Jorge saíu dese adestramento co nocello inflamado aínda que actualmente xa se atopa en bo estado. Se o adestramento do xoves foi pésimo, non moito mellor foi o amigábel acordado polos nosos para o sábado. O Equipo por mor das complicacións de tráfico propias destas datas chegou moi xusto ó partido co que non puido facer un quecemento decente, e froito desta situación fixo un partido cargado de despropósitos liderado polo seu gardamallas que foi unha auténtica "coladeira". A pesar de este mal rendemento grazas a accións individuais se puido salvar o partido e obter unha vitoria. Por último queda por comentar o adestramento deste xoves (día 10 de decembro) que non foi moito mellor. Se ben é certo que o equipo trenzou en ataque algunha xogada interesante e moi elaborada dende atrás, tivo un comportamento defensivo moi malo. Ademais se diciamos que o gardamallas foi unha auténtica "coladeira" no amigábel da pasada fin de semana, o xoves volveu dar mostras dunha preocupante forma encaixando algúns goles que non se poden permitir a estas alturas. Para rematar a desfeita o adestramento rematou cunha pequena lesión de Emi e coas recaídas de Vare e Jorge (Vare no seu nocello que non remata de curar de todo, e que terá que agardar o parón de decembro para sanear de todo, e Jorge nunha pequena lesión que se fixo no último partido de liga nun dedo da súa man).

A pesar de estas pequenas lesións e recaídas, todo fai indicar que os 3 estarán dispoñibles para o partido desta fin de semana contra o Birraleal. Un partido onde agardemos que o DCM aparte tódalas pantasmas deste baixo rendemento no parón e que grazas á volta a competición logre a concentración necesaria para despregar ese xogo que realmente teñen nas súas botas os xogadores dirixidos por Ractkovic Varela, e que están a facer que nestes primeiros compases de liga, e especialmente nos últimos partidos estean a dar un gran rendemento obtendo uns grandes resultados, que fan que o DCM leve 4 xornadas sen perder, onde sumou 3 vitorias e un empate. Polo tanto queremos que esta previa sirva para concienciar ós nosos xogadores e a nosa afección de que hai que saír a por todas neste partido para desta maneira seguir encadeando vitorias e poder facer pechar un ano inmellorable para os intereses DCM'istas. Un 2009 que será recordado pola consecución do pasado campionato da 3ªC e que pode finalizar cunha brillante clasificación na súa recente estreada andaina pola segunda división grupo "B".

Enfronte o DCM atoparase a un rival do que coñecemos poucos datos. O Birraleal atópase situado na 11ª praza da táboa clasificatoria con 7 puntos logrados grazas as súas 2 vitorias e a un empate. Porén a situación clasificatoria do Birraleal é moi enganosa, xa que detrás desas 4 derrotas agóchanse 3 derrotas pola mínima, co cal cun pouco máis de sorte estaríamos a falar dun rival que situaríase na zona alta da táboa. O Birraleal comezou moi ben a temporada cunha contundente vitoria ante o Pizarro FS (3-0) e sumando un empate na segunda xornada ante o sempre difícil Ponte a Pintar (4-4). Na seguinte xornada chegou a súa primeira derrota que foi por 1-2 ante o Vinoteca a Laxe. Na xornada 4 chegaría a súa derrota máis contundente un 7-1 ante un gran A.C.P Sport que de aquela contaba por goleadas case tódalas xornadas que tiña disputado. Tras esta derrota por goleada o Birraleal reaccionou moi positivamente e recuperou case toda golaveraxe perdida a semana anterior gañando por un contundente 7-2 ó Aceron. No sexto partido da competición o Birraleal caeu pola mínima ante o Bar Kuvi (antigo Grupo Donno) e tras descansar na xornada sétima, volveu caer na oitava pola mínima ante o Decoraciones Costas. Polo tanto un equipo un tanto impredecíbel e que a pesar da súa baixa posición na táboa clasificatoria conta cunha gran goleada a favor e con 3 partidos perdidos pola mínima que poderían ter trocado a súa situación na táboa clasificatoria.

Para este partido o DCM contará con varias baixas. Xmon non acudirá ó partido por atoparse en Santiago de Compostela si ben confirmou que case con total seguridade estará a vindeira xornada a disposición de Ractkovic Varela. Pola súa banda Chap segue na súa particular travesía polo deserto por culpa da súa lesión nas costas e polos problemas que está a ter co seguro da Agrupación Deportiva Vigo. A estas baixas, xa habituais nas últimas xornadas, podería sumárselle a de Yago que podería ter que perderse o partido por mor dos seus compromisos deportivos co mundo do tenis. Polo tanto o DCM poderá reunir unha convocatoria de entre 6 e 7 futbolistas, composta por Jorge na portería, Vare e Pali para as posicións defensivas e Emi, Quique e Pani para as posicións de ataque (aínda que é probábel que nalgún intre do partido o adestrador decida resitualos para que xoguen en postos defensivos). A estes homes como xa comentamos poderíaselle sumar a presenza de Yago.

O partido vaise disputar a unha inmellorable hora para que os seareiros DCM'istas acudan ó pavillón da Mina para arroupar ó equipo e darlle forzas para que retomen con forza a competición ligueira. O partido disputarase como xa dixemos no pavillón do Monte da Mina ás 20:00 h do sábado (12 de Decembro). Un partido no que agardemos que o DCM despregue todo ese potencial que sabe que ten e no que obteña 3 puntos que lle permitan vivir na zona alta da táboa clasificatoria e seguir afastándose dos postos que provocan o descenso a terceira división.

Nada máis, un saúdo ata a semana que ven, e agardemos que Lino nos traia boas novas ó longo da fin de semana. Unha aperta.

5 Inicial Previsto:
------Jorge-----

---Pali----Vare-

------Pani------

-----Quique----

AVISO DE IMPORTANCIA PARA TÓDOLOS EQUIPOS DE VIGO EN XOGO:
O número de teléfono das AMBULANCIAS do seguro de Vigo en Xogo, ten trocado. Agora é o 902 111 061 (ambulancias Rías Baixas)