lunes, 17 de octubre de 2016

Panadería Travesía de Vigo 2-4 MatizVigo F.S. "Primeira vitoria do Matiz, nun partido cheo de boas sensacións"


Xa na primeira xornada o Matiz deixou sobre o campo moi boas sensacións sobre o cemento da pista vermella, pero os seareiros e os propios xogadores tiñan a dúbida de si esas boas sensacións poderían converterse en puntos debido ó esixente da primeira división de Vigo en Xogo, categoría á que os nosos volven por segunda vez, tras 3 anos en segunda.

Pois ben nesta segunda xornada chegaron os puntos ante o Panadería Travesía de Vigo, rival xa coñecido polos nosos onde coincidiron na segunda división "A" temporada 2013/14. Daquelas o equipo maticista (daquela Deportes Carlos Miguel) perdeu tanto na ida coma na volta por un rechamante 6-1. Todo facía presaxiar que o partido ía ser moi complicado e así o foi.

A convocatoria estaba formada por Jorge, Fer, Vare, Pani, Yago e Emi, sendo baixa Davo pola lesión da primeira xornada da que evoluciona favorablemente. Na primeira parte o Matiz dominou por completo o partido, cun nivel defensivo excelso e levando perigo de gol á portería contraria, nunha desas ocasións chegaría o gol de Yago cun disparo raso e duro que sería imposible de atallar para o gardamallas panadeiro. Con este resultado chegaríase ó descanso.

Na segunda volta os nosos saíron con total concentración para evitar que o previsible empuxe do Travesía levara ós nosos a encerrarse na súa área. Froito desta concentración chegaron dous novos goles un de Emi e outro de Yago que marcou unha maxistra falta, da factoría da Oliveira de Vigo. 3-0 no marcador e 13 minutos de partido, cando quedaban ó redor de 6 minutos para o final chegarían case seguidos os dous goles do Travesía en dúas xogadas rápidas que desarbolaron a estratexia maticista. O panorama escurecíase e todo facía presaxiar que a dinámica provocaría o empate do equipo da Travesía, porén Fer foi quen de poñer o 4-2 a falta de 3 minutos para o final do partido, o que deu a tranquilidade definitiva ó equipo branquinegrovermello.

Con estes 3 puntos o Matiz colócase na sétima praza da categoría, xusto na metade da táboa, e pon 3 puntos de distancia ante os postos de descenso, colocando deste xeito as bases para o obxectivo desta temporada que non é outro que o de acadar a permanencia na primeira división (sempre por suposto supeditado á consecución do galardón da deportividade).