domingo, 25 de noviembre de 2012

“Segue a boa xeira” DCM 5-3 Bar O Cruce



O DCM vence por terceiro encontro consecutivo grazas a ter cada xogador moi ben interiorizado o seu labor no xogo e o seu posicionamento no campo, grazas tamén a un gran traballo de desgaste físico e confiando na facilidade para desequilibrar un partido do seu pichichi; Pablo Santos.

Era un encontro sinalado como moi importante na axenda dcmista, xa que nas vindeiras tres semanas o equipo enfrontarase a tres dos mellores equipos da división. Pero trala vitoria de hoxe, chega a este duro tramo da competición moi ben situado na táboa, para loitar de ti a ti e sen presión ante os aspirantes ó título.
Debuta así o equipo no magnífico pavillón de Navia con vitoria e boas sensacións.

O partido púxose moi de cara para os Dcmistas, quenes saíron concentrados en defensa e aproveitaron o despiste inicial do rival que deu moitas facilidades defensivas. O 0-1 o anotaría Pablo a pracer tras un contragolpe perfectamente executado por Pani.
Empataría Bar O Cruce, nunha xogada chea de polémica, tras asubiar Moreno un tiro libre indirecto por cesión de Vare cara o seu porteiro Jorge que recollía coas mans. Decisión moi protestada polos Dcmistas xa que foi un mero rebote do esférico no xeonllo de Vare. O regulamento da Federación galega de fútbol sala di o seguinte:

Se concederá un tiro libre indirecto al equipo adversario si un guardameta toca el balón con las manos en su propia área penal después de que un jugador de su equipo se lo haya cedido con el pie.

Polo que lemos, semella que o colexiado non coñece ben este punto da normativa ou aplicou algunha outra.

O tiro libre indirecto foi transformado polo rival facendo o 1-1.
Por fortuna, Pablo respondía moi pronto a ese mazazo co 2-1 tras xogada individual. E pouco despois o 3-1, anotando o seu particular hattrick.
Tería entón o DCM outra ristra de moi boas oportunidades en sendos contragolpes para marchar no marcador, pero o propio Pablo nun par de ocasións, David e Chape non foron quen de transformalas.

Habería outra acción protestada a Moreno, ó asubiar outra cesión do DCM, esta vez cara os pes de Jorge, despois de que o equipo pasase a campo rival tras un saque de porta, e devolvese o balón ó seu cancerbeiro. Neste punto, semella que foron os Dcmistas os descoñecedores da normativa, xa que esta di:
• Se concederá un tiro libre indirecto al equipo adversario si un guardameta tras jugar el balón, lo vuelve a tocar en su propia mitad de la superficie de juego tras el pase voluntario de un compañero, sin que el balón haya sido jugado o tocado por un adversario
Polo tanto, como ben explicou Juanjo (árbitro asistente no encontro), para que o porteiro poida xogar outra vez o esférico no seu campo, ten que ter sido tocado éste por un adversario.

Antes do descanso, os irmáns Santos sí se entendían á perfección e Davo empurraba unha gran asistencia de Pablo. 4-1.

Tralo descanso tocoulle ó DCM traballar e moito defensivamente. Pani (tocado por unha gripe) fixo unha laboura encomiable nos repliegues, Davo e Pablo tampouco perderon a posición, Vare recuperou a súa mellor versión e xunto con Chape e Xmon estiveron bastante acertados en defensa, ata un erro en cadea no 4-2.
Pero de novo, Pablo devolvía a tranquilidade co 5-2 noutra acción individual sen aparente perigo para a meta rival. Era o cuarto gol para o xogador dcmista que remataba extenuado.
Desta vez, pouco durou a vantaxe, xa que Bar O Cruce anotaba o 5-3 tras un disparo lonxano e sinxelo que Jorge, nun exceso de confianza e medición, deixou pasar ó considerar que marchaba fóra. 
E tería máis emoción o encontro ó chegar o DCM ás 5 faltas acumulativas (ó noso entender nun exceso de rigurosidade do trencilla ó longo de todo o partido).
Por fortuna, Jorge refíxose do erro e detivo entón tres boas ocasións rivais para que o BarOCruce non se achegase máis no marcador. A última delas coa súa faciana.

Gran vitoria do equipo. Grandísimo traballo individual de cada un.

Agora a desfrutar os tres puntos, a recuperar a Emi e a pensar xa no vindeiro encontro, ante un Decoraciones Jesús Cao que marcha como líder en solitario e ten esta tempada, ó nóso entender, o mellor plantel da división, ó que o DCM tentará pór en moitísimos apretos. Imos DCM!!!

As fotos cortesía de Lúa:

E a páxina da normativa:

sábado, 24 de noviembre de 2012

Deportes Carlos Miguel Vs Bar o Cruce

Moi boas itardes queridos lectores. 

Partido moi interesante o que nos agarda esta fin de semana entre o Deportes Carlos Miguel e o Bar o Cruce. Antes de comezar a analizar o partido, debemos destacar o escenario do encontro. Parece que por fin a organización de Vigo En Xogo conseguíu que o Concello lle cedese o novo e flamante pavillón de Navia, o segundo de maior capacidade da cidade olívica tras o emblemático pavillón central de As Travesas. 

Foto obtida en: http://www.celtabaloncesto.com/cebif2011/images/pavillon_navia.jpg

Neste pavillón de tan só 2 anos de antigüedade, xogaránse tódolos partidos da primeira división de Vigo en Xogo de fútbol sala. Dentro de esta división a hora reservada para o Deportes Carlos Miguel, é as 12 do mediodía unha moi boa hora para que a obsequiada afección do Deportes Carlos Miguel que cheou as gradas do pavillón do calvario a semana pasada, volva acompañar ós nosos na procura dunha nova vitoria.

O DCM chega a este partido tras encadenar dúas vitorias consecutivas, o que lle permitiu escalar dous postos na táboa clasificatoria até alcanzar a sexta posición na táboa. Esta posición de postos europeos se a equiparamos á Primeira División da Liga de Fútbol Provisional, fai que o DCM atópese na mellor clasificación da súa historia. Tras mellorar ostensiblemente os rexistros do comezo da temporada pasada o DCM quere gañar a un Bar o Cruce que cun partido menos tan só ten un punto menos que ós nosos, polo que será unha pedra de moi difíil no camiño, un camiño que se lle complicará moito sobre o papel ó equipo rosiña, xa que nas vindeiras xornadas terá que medirse ós primieros clasificados da táboa clasificatoria.

Esta e as vindeiras xornadas serán clave para saber que papel vai desenvolver o equipo neste campionato. O equipo ten que definir se como a temporada pasada o seu obxectivo será o de loitar pola salvación, ou se ben este ano quere intentar afianzarse na zona media-alta da táboa clasificatoria. 

Para este partido o DCM conta con dúas baixas, a baixa habitual de Yago, que non poderá acudir ó partido ó atoparse en terras catalanas por mor dos seus estudos, unirase a baixa de Emi, quen por mor dun cólico terá que ver o partido dende as bancadas. Dúas baixas sensibles na parcela ofensiva do equipo, á que hai que sumarlle unha dúbida até os derradeiros momentos, que é a de Pani aqueixado dun resfriado os servicios médicos son optimistas de cara a súa participación no partido, e agárdase que teña unha boa evolución na xornada do sábado. Unha baixa de Pani deixaría ó equipo cun so home habitual da parcela ofensiva, Pablo, co cal algún dos xogadores de posicións máis atrasadas tería que xogar adiante, é máis, aínda que Pani finalmente poida xogar o partido é próbabel que David, quen xa adiantou a súa posición na pasada xornada nalgúns intres, teña que axudar nas rotacións de ataque, o outro candidato sería Chapela. 

Polo tanto o DCM recibe ó Bar o Cruce cunha lista de convocados de 6 ou 7 xogadores, que serían, Jorge para a portería, Vare, Xmon, Chap e David para a defensa (aínda que estes dous últimos poderían alternar con posicións de ataque), Pablo e Pani (se este último logra recuperarse). Polo tanto vai ser moi importante a evolución de Pani para saber se o equipo pode contar cun maior respiro físico nas rotacións, e para saber se o equipo terá que facer un equipo moi centrado en contención intentando aproveitar as contras ou se ben poderá seguir unha tónica de xogo similar ó das últimas xornadas.

A resolución será mañá domingo, no pavillón de Navia ás 12:00 agardamos a todos e tódalas seareiras no pavillón alentando ós nosos.

martes, 20 de noviembre de 2012

A Crónica: BAR CLAVEL 1-4 DCM



Segunda vitoria consecutiva da tempada para un DCM que solventou o encontro nos primeiros vinte minutos e deixouse levar o resto de partido. De novo gran rendemento individual de todos os xogadores. Na segunda metade, a presión rival na saída do balón, sacou a relucir un problema que os nósos deberán solventar.

A cuarta xornada levaba ó DCM ó pavillón de Lavadores. Enfronte un equipo recén ascendido á categoría como 2º clasificado da 2ª División “B”, o Bar Clavel, antigo Birraleal.
Os nósos saíron moi metidos no partido. Neste principio de tempada, e a diferenza do pasado ano, o equipo está a mostrar bos automatismos en defensa, en gran parte dos homes máis adiantados do equipo; Emi, Pablo e onte Davo (nunha posición pouco habitual nel para cubrir a baixa de Pani), recuperan a posición moi rápido cando o esférico está en posesión do rival, e iso provoca que o rival teña grandes dificultades para levar perigo á meta de Jorge.
E cunha defensa sólida e ben plantada, as ocasións en ataque acaban chegando xa que o equipo ten xogadores con calidade e desequilibrantes.
E todo isto, resúltalle moito máis sinxelo ó DCM cando ten o marcador a favor, e iso producíuse onte, xa que pronto chegaba o 0-1 para os nósos. Sería tras unha parede de Vare con Pablo e gol do defensor Dcmista que abría a lata e a súa conta esta tempada.
Jorge estivo moi expeditivo e valente nun par de accións de moito perigo para desabaratar as mellores ocasións rivais desta primeira metade.
Chegaron despois os mellores minutos dos nósos, de novo baixo a batuta de Emi e Pablo. O propio Pablo lanzaría ó longueiro, Emi anotaría con clase o 0-2 tras un gran contragolpe de Davo, de novo Pablo dispuña dunha gran ocasión tras regatear ó porteiro e errar a portería baleiro. Tamén Xmon gozaría da súa ocasión tras incorporarse con moita intención ó segundo pau, e finalmente o 0-3 chegaría tras xogada individual de Pablo.
Nese momento o equipo relaxouse e cos deberes feitos dedicouse únicamente a manter a renda acadada.

O conseguíu e sen pasar demasiados apuros, xa que o equipo estivo ben defensivamente. Ademáis do xa comentado traballo dos homes ofensivos, Xmon estivo moi contundente e completou un gran encontro e Vare e Chape mostraron novamente unha gran regularidade. Jorge pola súa banda, estivo serenísimo e moi seguro baixo paus, transmitindo ó rival sensación de imbatibilidade.
Só sería avanzada xa a segunda metade cando o Bar Clavel poría o 1-3 no marcador tras un remate no segundo pau dende fóra da área tras un saque de esquina.
A pesares de non sufrir, o equipo mostrouse impotente para superar a presión rival nos saques de porta, e unha e outra vez regalaba o esférico ó contrario con longos saques de porta. Necesita mellorar e moito nesta faceta o equipo.
Aínda así, o DCM gozou dun dobre penalti errado por Emi, e finalmente nun contragolpe, Pablo entregaba para que Davo empurrara a pracer e anotase por segundo encontro consecutivo. 1-4.

Moi importante encontro o da vindeira semana ante Bar O Cruce, xa que despois chega a parte máis difícil do calendario. Dec. Jesús Cao (que ten un dos mellores planteis esta tempada), Hannover e Rincón de Poucho (antigo Novo Vidal 3º clasificado a tempada pasada). 
Imos!!!!!! 
As fotos do encontro: 
https://picasaweb.google.com/102545914651497041447/04BarClavelDCM?authuser=0&authkey=Gv1sRgCMfPxfXAxoy--wE&feat=directlink

domingo, 11 de noviembre de 2012

“Primeira vitoria da tempada” DCM 5-3 UrbaOsCabazos



Unha versión Dcmista que achegouse moito ó nivel pretendido nesta tempada, venceu e convenceu nun encontro ante un rival con exceso de agresividade.

Tralo varapau da semana pasada, o DCM foi moito máis incisivo en atque nesta 3ª xornada de liga, e creou as suficientes ocasións de gol como para levarse os tres puntos.

Moi bo rendemento individual de cada xogador. Emi levou o peso do partido, Pablo desequilibrou nos momentos claves, David completou un gran encontro con gol incluido, e Pani, Chape, Xmon, Vare e Jorge completaron con boa nota as súas tarefas.

O único “pero” para os nósos estivo nos dous primeiros goles encaixados, xa que foron evitables. O primeiro nun disparo lonxano e o segundo cun remate sen oposición no segundo pau tras un despiste defensivo. O terceiro gol do rival, chegou con moita fortuna tras marchar o atacante de tres xogadores dcmistas con sendos rebotes e rexeitamentos.

Todo o demáis, aspectos a destacar dos nósos. Especialmente o comportamento do equipo, que conseguíu manter a calma e a cabeza moi fría ante un rival que buscaba o confrontamento en cada acción, con duras entradas e continuas protestas ó colexiado; un Benavides que estivo bastante acertado nas súas decisións pero permitíulles demasiado ós rivais, que só remataron con dous cartóns amarelos, o último tras unha durísima entrada a Emi que sufríu un forte golpe con visibles consecuencias nas súas costas.

Polo DCM marcaron, Emi tras un saque dende o curruncho, Davo tras acompañar fantásticamente un contraataque de Pablo, outros dous obra do propio Pablo (todos os goles de moi bella factura) e un máis en propia porta. 3-2 ó descanso e 5-3 final.

Toca pensar xa no vindeiro partido. Gran traballo equipo!


viernes, 9 de noviembre de 2012

DCM - Urba La Galia. Domingo 14:00 en Bembrive

Moi bo día queridos lectores.

Este domingo terá lugar o encontro que disputarán o Deportes Carlos Miguel FS e o Urba La Galia. Ambos equipos chegan ó partido sen ser quen de obter a vitoria nas dúas primeiras xornadas do campionato. Poren o punto obtido na primeira xornada permite que o DCM chegue por diante na táboa clasificatoria, onde ocupa o oitavo posto.

O DCM terá neste partido que demostrar que este ano non ten a intención de pasar as penurias clasificatorias que pasou a primeira temporada na máxima categoría do fútbol sala da competición. Se ben no primeiro partido o equipo deu unha boa imaxe ante un equipo que lle tiña superado na temporada anterior, no segundo partido ó equipo se lle botou en falta, como ben mencionou Lino, un pouco máis de mordente, xa que se é certo que o nivel defensivo do equipo foi bo durante boa parte do partido e que o equipo gozou do balón, tamén o é que o equipo xerou demasiadas poucas ocasións de gol claras para a cantidade de minutos que tivo o balón. A pesares deste tropezo o equipo segue a mostrarse como un bloque sólido que quere millorar a clasificación obtida o ano pasado, onde tras una mala primeira volta o equipo creceuse na segunda.

Para este partido o DCM non poderá contar con todo o seu equipo ó completo, xa que terá unha sensíbel baixa na dianteira, onde Yago non poderá estar xa que se atopa en terras catalanas, onde estase a formar como fisoterapeuta. Con todo isto o equipo contará con Jorge para a portería, con Vare, Xmon, David e Chap na defensa, e Emi, Pani e Pablo para os postos máis adiantados.

O partido xogarase no pavillón de Bembrive, ás 14:00, unha hora perfecta para gozar dun ameno aperitivo previo a comida dominical, xa o saben non o poden perder, e máis se son unha das seareiras que están a espera do seu agasallo.

Reciban un agarimoso saudo.

Xaime Estévez.

domingo, 4 de noviembre de 2012

Un DCM sen mordente sufre a primeira derrota da tempada DCM 1-2 T.Cahersa

Un DCM superior en número de xogadores, xuventude, gañas e afección, mostrouse impotente ante un rival que con tan só un troco e que rematou por debaixo dos nósos na clasificación da pasada tempada deu un duro varapau ó equipo rosiña.
Os nósos deben repoñerse e saír reforzados deste duro golpe.

O encontro pertencente á 2ªxornada do campionato desputado no pavillón de Bembrive, e coa arbitraxe de Juanjo, conseguíu reunir ó plantel Dcmista ó completo.
O DCM tivo o control do esférico durante todos os minutos, pero non o control do partido. Talleres Caherse deixaba xogar ó DCM e cunha defensa ben plantada, convertíu ós nósos nun equipo inoperante en ataque. Apenas tres ocasións rosiñas na primeira metade. Unha boa contra de Emi que servía cara Pani e a piques estaba este de conectar o remate, e unha falta de Yago que repelía o cancerbeiro rival o máis destacado. Jorge tampouco tivo moito traballo, pero nos intres finais do primeiro periodo, un erro na saída do balón Dcmista, daba unha ocasión ó Cahersa que non a desaproveitaba cun disparo á rede superior da portería. 0-1.

Na segunda metade máis do mesmo. Pronto chegaba o 0-2 nunha xogada na que os nósos puideron facer algo máis defensivamente. E a partires de ahí, a tentar penetrar na defensa rival, pero sen conseguilo. De feito o rival puido ampliar diferenzas tras gozar de varios mans a mans con Jorge. 
Só nos instantes finais, nunha presión, Vare recuperaba e servía para que Pablo fixese o 1-2. 

O equipo traballou dende o primeiro ó último instante, pero faltoulle mordente. Debe corrixir iso e pensar xa no seguinte encontro.

AS FOTOS DO PARTIDO:
 https://picasaweb.google.com/102545914651497041447/02TalleresCahersaDCM02?authuser=0&authkey=Gv1sRgCOfu44TOyrDX5gE&feat=directlink#